ActualidadeVolver


Santiago, 17 de xuño de 2000

O alcalde do PP en Dozón pisotea sistematicamente os direitos fundamentais de cinco dos sete funcionários da alcaldia
 

Henrique Garcia Outeiral-

CIG-Administración Pública



A loita dos funcionários e da CIG é xa porque se restabelezan as liberdades democráticas no concello de Dozón, pisoteadas sistematicamente polo alcalde Adolfo Campos, porque se respeiten os direitos fundamentais das persoas a sindicarse libremente, á libre opción ideolóxica, á liberdade de expresión. A CIG denúncia tamén a hipocresía do Partido Popular, que presume de centrista e mantén na alcadia de Dozón a un fascista consumado.

Desde hai mais dun ano cinco dos sete funcionários do Concello de Dozón, na província de Pontevedra, están a sofrer unha persecución implacábel por parte do alcalde Adolfo Campos, do Partido Popular, por motivos abertamente políticos e ideolóxicos.

Todo comezou cando nas últimas eleicións municipais unha funcionária, Ana Lois, decide formar parte da candidatura do BNG para posibilitar-lle a esta formación política o poder presentar-se ás eleicións. O PSOE consegue tamén presentar candidatura, o que fai que o alcalde se sinta molesto pois presumia de governar como partido único e de que non había quen de facer-lle fronte nos procesos eleitorais. O alcalde decide castigar aos funcionários "díscolos" e comeza unha campaña de represión contra eles que dura até o de hoxe.

Continuos cámbios de horário e de xornada de traballo, retrasos considerábeis no pago das nóminas, cámbios de lugar de traballo, impedimento de que os funcionários cumpran co seu cometido, contratación dunha concelleira do PP a tempo total e doutra persoa a tempo parcial para realizar as funcións que lle corresponde aos funcionários, retirada das retribucións do Complemento Específico, bandos insultantes, ameazas, destino en lugares de traballo fóra do concello e que non reúnen as mínimas normas de saúde e hixiene laboral, e un enorme etcétera de agresións, fixeron do concello un lugar inhospiño para os cinco funcionários, todos eles afiliados á CIG.

O alcalde tentou tamén impedir a celebración da eleicións sindicais, tendo que "tomar" praticamente o concello un grupo de delegados da CIG para poder celebra-las e que os traballadores elexiran maioritariamente a Ana Lois como Delegada de Persoal.

O alcalde do PP negou-se sempre a buscar calquer via de diálogo para arranxar a problemática. A cada acción da CIG e dos traballadores respondia o alcalde con novas medidas represivas até chegar a abrir-lle un expediente disciplinário á nosa delegada sindical e sanciona-la con ano e medio de suspensión de emprego e soldo, castigo que está a sofrer neste intre. A CIG presentou un recurso de suspensión cautelar da sanción mentres non se pronuncie o xulgado do contencioso administrativo.


Henrique Garcia Outeiral,
secretário comarcal da CIG-Administración de Pontevedra
.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2000