Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 24 de xuño de 2000

A CIG levou ao Porto unha nutrida e combativa representación de Galiza
 

Manuel Mera-

cig.presidente@galizacig.com



 Clic para aumentar
Un aspecto do grupo de representantes da CIG na euromanifestación de Porto.
 
Clic para aumentar
Na primeira liña ia unha pancarta da Executiva Confederal da CIG.
 
Clic para aumentar
Tras a pancarta da Executiva ia outra do Secretariado Confederal da CIG.
 
Clic para aumentar
Aspeito da nutrida representación da CGTP, anfitrións da euromanifestación.
 
O sindicalismo nacionalista mobilizou case 2.000 delegados e activistas á Euromanifestación do pasado 19 de xuño na cidade portuguesa de Porto.

A representación galega foi importante, a máis grande despois da portuguesa (especialmente da CGTP-IN que salientou en todo intre), ainda que lamentabelmente unha parte non ía baixo as bandeiras nacionais, senón esvaídos tras unha pancarta do Estado español. Mesmo chamou a atención que non levaran ningunha bandeira galega, ¿habería consigna?...

Unha gran bandeira da pátria galega, gaiteiros, duas pancartas facendo referéncia ao traballo digno e á precariedade laboral e a unha Europa dos povos e dos traballadores, servían de cabeceira aos perto de 2.000 delegados sindicais e activistas que a CIG mobilizou para asistir á euromanifestación de Porto.

Perante o percorrido berráron-se consignas como: "traballo temporal, terrorismo patronal"... "Galiza ceibe, poder popular"... "fóra ETTS da Galiza"... "Que queiran que non, Galiza é unha nación"...

Foron moitas horas de viaxe para os que viñan da Mariña de Lugo (por exemplo) e algo duro esperar máis de duas horas a que comezase a manifestación, mais fixéron-se con gosto por estar representando a Galiza nun evento que era un berro de protesta contra a construción da Europa do gran capital, da desregulación laboral e a precariedade social.

A do 19 de xuño foi unha grande manifestación (sobre 50.000 persoas) que amosa a capacidade de erguer alternativas próprias que ten a clase obreira. Unha mobilización positiva, mesmo para os que temos diferéncias de matiz coa Confederación Europea de Sindicatos, porque afortala a concéncia social, a solidariedade e futuras protestas dos traballadores en todos os países europeus.

¡Esperemos que aqueles sindicatos que pasivamente aceitan medidas que implican un recuar nas condicións laborais, tomen nota!


Manuel Mera,
presidente da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/06/2000