Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 27 de xuño de 2000

Prepara-se a arremetida final contra o sistema público de pensións
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Un ex sindicalista, ministro do superdereitoso governo socialdemócrata de Schröder en Alemaña, converteu o sistema de pensións dese país nun laboratório neoliberal: quer que os fondos privados complementen as pensións do sistema público e amaga con aquela melodia que reza que, ao ritmo actual, en 40 anos só cotizará un traballador por xubilado.


Esta iniciativa está a ser observada con atención polos governos da UE e o sector financeiro europeo esfrega-se as maos. Pola sua banda, xa Aznar arrecia a presión no estado español coa instalación das comisions de seguimento ao Pacto de Toledo. A reforma do sistema de pensións é un dos obxectivos do governo do PP.

Nesa matéria todos son iguais. Neoliberais, socialdemócratas, centristas, partidários de terceiras vias e demais herbas do abanico político europeo, todos actualmente no poder, levan anos predicando que o sistema público de pensións europeu é insostíbel a meio prazo. Ao seu favor contan cunha maioria de sindicatos estatais praticamente entregados e unha apabullante desmobilización dos traballadores europeos. Os grandes logros do estado de benestar que se manteñen se reducen basicamente ao sistema público de pensións. Ese é o novo Muro de Berlín que o neoliberalismo e a vella direita socialdemócrata europea dispoñen-se a derribar.

Alemaña rompeu o himen do proceso: un ministro de Traballo dun Governo rojiverde, procedente do sindicato IG Metall, foi o artífice da proposta. Walter Riester ameazou aos alemáns con cifras escalofriantes: dada a evolución demográfica do país, o sistema de retribución actual será insostíbel cara ó 2030. Ese semella ser o ano máxico. Con iguais ameazas e idénticos cálculos ameazan tamén aqui e en todas partes.

Co fin de compensar a perda de nível adquisetivo, Riester propugna que os asalariados contribuan tamén a un fondo privado. A partir do ano próximo aportarían un 0,5% dos seus ingresos, cantidade que aumentaria progresivamente en meio ponto até chegar a un 4% no 2008.

Na sua primeira formulación, o ministro instaba a que esta aportación se realizase de forma obrigatória, ainda que está a suavizar a sua proposta. Para dar o seu apoio á reforma do sistema de pensións, a oposición democristiana exixe vantaxes fiscais.

Para levar a cabo a reforma o governo alemán oferece cousas surprendentes. Dacordo coa última formulación do proxecto, o Estado subvencionará parcialmente este fondo privado aos que gañen menos de 35.000 marcos brutos anuais, asi como ás parellas con dous ou mais nenos. Hai que ter moita cara, xa que ese mesmo estado que se mostra disposto a subsidiar directamente os fondos privados de pensións di que non pode sufragar o sistema público.

Na actualidade, os pensionistas alemáns chegan a cobrar até un 70,09% do seu salário. Segundo as manipuladas cifras do governo alemán, dentro de 30 anos o máximo será de un 63% e no 2050 rondará o 54% do meio dos seus últimos sueldos. Nen sequer os democristianos chegaran tan lonxe nas suas previsións: segundo os planos do anterior ministro de Traballo, Norbert Blüm, as pensións ficarian reducidas, no pior dos casos, a un 64% do último salário.

Para meter-lle medo no corpo aos traballadores, o Ministério de Traballo di que un traballador con 45 anos de cotización, perderia uns 10 marcos no 2005, no 2030 veria os seus ingresos reducidos en 422 marcos, e no 2050 en 1.642 marcos. Unhas 20 millóns de persoas teñen mais de 60 anos en Alemania, un país que no ano 2020 terá ao ritmo actual mais de seis millóns de octoxenários.


O verdadeiro terceiro segredo de Fátima

Agora que comeza outra volta de torca da contrarreforma laboral é convinte espallar certas cousas que pasan nesa Europa na que queren entrar os novos liberalizadores e centristas recén chegados. Xa que nos queremos parecer a Europa, ai van algunhas suxeréncias. Na Franza o salário mínimo interprofisional dobra con creces ao español, aparte de que os salários meios están tamén moi por riba. Nese país europeu existe desde hai dous anos a lexislación das 35 horas de xornada, cunha interesante derivación en criación de emprego (500 mil novos postos de traballo no último ano). O gasto en protección social, medido en términos de PIB, e moito máis alto que o español. Tamén os impostos son maiores, tanto os impostos xerais como as cotizacións sociais. Franza goza hoxe de superávit fiscal e a sua inflación está a menos da metade da española. Ningunha das cousas que se fan en Franza "convence" aos liberalizadores deste lado dos Pirineos. Rato e a CEOE xa "demonstraron" que con altos impostos e cotizacións sociais, xornada de 35 horas, altos salários mínimos e elevado gasto social non se pode criar emprego. Logo o que pasa en Franza é unha milagre. O verdadeiro tercer segredo de Fátima.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/06/2000