Actualidade / Biografía Volver


Vigo, 28 de outubro de 2000

José María Alonso y Trelles “El Viejo Pancho”
 

Lois Pérez Leira-

Enciclopedia da Emigración



  Clic para aumentar
Debuxo da cara de José María Alonso y Trelles.
 
José María Alonso y Trelles naceu o 7 de maio de 1857 en Santa María do Campo, Ribadeo (Lugo). A súa nai Vicenta Jarén era galega, mentres que o seu pai, o mestre Francisco Alonso y Trelles era de orixe asturiana. O fogar de José María estaba enmarcado nun profundo sentimento cristián. O neno recén nado sería bautizado na parroquia de Santa María do Campo. Durante a súa nenez José María ingresa nun seminario da asturiana cidade de Navia, onde se traslada a súa familia. O propio Alonso y Trelles conta como comezou o que sería anos despois a súa vocación de escritor: "Aos sete anos era xornalista...tiraba tres exemplares (para tres únicos suscriptores, que non pagaban e que posiblemente non sabían ler)". Durante a súa adolescencia, José María estudiou perito mercantil, sendo esta a profesión que anos máis tarde lle permitiu vivir economicamente.

Alonso y Trelles parte para o Río da Prata despois de rematar os seus estudios mercantís. O seu primeiro porto de chegada foi Montevideo, onde estivo moi pouco tempo, para logo trasladarse a Bos Aires onde se radicou na cidade de Chivilcoy, a varios centos de quilómetros da Capital Federal. Entre 1875 e 1877 viviu neste curruncho da Pampa Arxentina. Trelles viu po primeira vez ao gaucho crioulo, familiarizouse co folclore riopratense, cunha nova forma de ser, dun ambiente mixtura do indio e do colono. A Arxentina naqueles anos estaba gobernada polo xeneral Roca, quen se caracterizou por arrasar cos indÌxenas e colonizar ata a Patagonia. Para iso íase necesitar continxentes de inmigrantes que puideran poboar aquel extenso país. Entre 1860 a 1880 chegan 160.000 estranxeiros a maioría deles galegos e italianos. Coa conquista do deserto a oligarquía crioula imporá un novo modelo de país onde o indio e o gaucho non terán cabida.

Por aqueles anos un gaucho "Gallego" de nome Juan Moreira convertíase en mito e en lenda. A súa vocación xornalística levouno a realizar as súas primeiras colaboracións na prensa de Chivilcoy. Ao pouco tempo o seu espírito inquedo levouno a se trasladar ao Uruguai onde pasou unha tempada en El Tala, Canelones. Durante un breve tempo desprazouse a vivir á zona Brasileira de Sarandí Garupá (1881), case límite con Uruguai, para retornar novamente a El Tala. En 1882 casou con Dolores Ricetto, con quen terá catro fillos. Trelles asociouse co seu sogro poñendo unha casa de comercio. A súa vocación xornalística foi máis forte que o seu sentido comercial, levando á quebra esta sociedade mercantil. Seguindo os consellos do xuíz de paz da localidade - Pedro Sozo- realizou a carreira de Notariado, adicándose posteriormente á procuración.

En El Tala, Trelles captou rapidamente o carácter do lugar e da xente. Aprende as lendas. Incorporouse a linguaxe lugareña converténsose nun crioulo máis.

  Clic para aumentar
Monumento a José María Alonso y Trelles (El Viejo Pancho), en Uruguai, a homenaxe do Patroado da Cultura Galega, inaugurado o 29 de xullo de 1979.
 
José María Alonso y Trelles, que anos máis tarde sería chamado popularmente "El Viejo Pancho", converteuse no escritor gauchesco máis importante da literatura Uruguaia, algo así como o José Hernández dos arxentinos.

En 1881 editou a súa primeira obra "Juan el loco" da cal o mesmo Trelles di que "era algo con notables pretensións de parecerse a un poema". Esta dividida en dúas partes: "Sueños y Realidades", trátase dunha lamentación romántica, con moita influencia de Espronceda.

Entre 1894 ao 1900 destacouse escribindo en "El Tala Cómico" e "Momentáneas", órganos de prensa sen antecedentes neste país. Estas revistas tiñan a grande virtude de ser realizadas integramente por Trelles desde a súa impresión rudimentaria, ata as ilustracións e artigos cheos de ironía punzante. A modalidade xornalística de Trelles estaba moi influenciada polo periodismo que realizaba no estado español a revista "El Madrid Cómico", coa grande diferencia que esta publicación contaba cun equipo extraordinario de xornalistas, mentres que Trelles en solitario nun recuncho illado do Uruguai cara "El Tala Cómico".

En 1892, con motivo do cuarto centenario do descubrimento de América, Trelles escribiu a obra teatral "Colón", escrita especialmente para ser interpretada por un conxunto de nenas dun colexio. Outras das obras teatrais son: "Crimen de Amor", "Un drama en Palacio", "Los dos veteranos", "Spion Kook", "Caida y Redención", "Gaucha", etc.

Entre os anos 1896 e 1897 colaborou coas revistas nativistas "El Ombú" e "El Fogón", nas cales publicou varios dos seus poemas máis destacados.

  Clic para aumentar
“El Viejo Pancho”, libro de Pedro Barreiro, editado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo no ano 1979.
 
O escritor uruguaio Pedro R. Barreiro autor do libro "El Viejo Pancho, un gallego en la poesía nativista oriental" editado polo Padroado da Cultura Galega, dixo de Trelles: "Entendió el hombre de Ribadeo, en poco tiempo, la gran tragedia, el drama intenso y final de un tipo humano y un modo de pensar, de vivir y de sentir condenados a la desaparición, a la extinción, perseguidos, execrados, anatematizados como factor de atraso, anarquía, barbarie y miseria después de haber ocupado el pedestal de artífices de la épica gesta de la independencia..."

"El Viejo Pancho" foi un dos tantos galegos que se afincaron no Uruguai e que despois de provir dunha formación estrictamente relixiosa evolucionan cara o rexeitamento de dogmas. Isto era moi común que os emigrantes logo de soportar o caciquismo da igrexa (que frecuentemente a dona das terras que traballaban) e as presións dunha moral dubidosa. Ao llegar ao novo continente síntense liberados daquelas ataduras. Este foi o caso de destacadas persoalidades galegas que foron contemporáneas de Trelles no Uruguai, quen se incorporaron ás correntes do libre pensamento e na masonería. Entre os máis coñecidos están o Xeneral Antonio Díaz, Joaquín de la Sagra (irmán do famoso intelectual Ramón de la Sagra), Adolfo Vázquez Gómez, e o propio Trelles entre outros.

En 1902 nacionalizouse uruguaio e incorporouse á vida política deste país. Nas posteriores eleccións presentouse polo Partido Nacional, resultando electo deputado suplente polo departamento de Canelones na XXIII lexislatura, entre 1908 e 1911, ingresando no Parlamento ao finar o titular do escano.

O destacado historiador uruguaio Carlos Zubillaga dixo do seu pensamento político: "... En esa búsqueda de las mejores esencias humanas en el ámbito reducido de la comunidad loca, que Alonso y Trelles protagoniza en su pago del Tala y que lo lleva a la acción polÌtica -ya en la Asamblea Representativa Departamental de Canelones, ya en la Cámara de Diputados-, reside otra expresión inocultable de su ser gallego. Alonso y Trelles defensor de las autonomías locales en su patria de adopción no hace más que traducir a la realidad social y política de sus nuevos horizontes vitales, el sentimiento de respeto y la adhesión militante del gallego a su parroquia, a esa unidad local que está inserta en las raíces más legítimas del accionar social en la Galicia rural...".

  Clic para aumentar
Monumento a José María Alonso y Trelles na súa vila natal, Ribadeo.
 
Cando Trelles estaba na súa mediana idade logrou cumprir cun dos seus soños de toda a vida, volver a Ribadeo e abrazar a súa nai xa moi maior. Desde a súa vila mariñeira ata Navia, percorreu con nostalxia a cornisa cantábrica. As súas lembranzas da nenez, os seus primeiros artigos xornalísticos, os anos no seminario, mesturánbanse coas altas montañas desde onde cando era pequeno pensaba que podía mirar ao mundo.

A obra literaria de Trelles destacou fundamentalmente na expresión poética. A súa primeira obra de carácter nativista foi "Resolución". Con esta obra pasou a ser coñecido en Montevideo a través das páxinas de "El Fogón". Posteriormente Trelles reuniu a súa producción poética nun único libro chamado "Paja Braba" co que acadou a súa máxima proxección literaria. Nunha das súas famosas poesías gauchescas dirá con ritmo de vidalita:

Cielo y sol unidos
Vidalita,
Van en mi bandera;
Que ella me amortaje,
Vidalita,
Cuando yo me muera.
Mi patria y la gloria,
Vidalita,
Se hicieron amigas:
Porque fue esta tierra,
Vidalita,
La cuna de Artigas.

Trelles tamén incursionou no teatro, dirixindo un grupo teatral, mais foi na poesía e no xornalismo onde pasou a se converter no gran escritor costumista de fins de século.

Pedro Barreiro no mencionado libro volveu dicir: "...Su fama -y más que, la de "El Viejo Pancho", si es lícito desglosarlas- se fue extendiendo hasta ganar por entero el corazón de los dos pueblos de ambas márgenes del estuario. Esa notoriedad justiciera se materializó el 18 de enero de 1922, cuando en la Asociación Rural de San José se le tributó un gran homenaje, del que se hizo eco la prensa montevideana...".

Os derradeiros anos da súa vida viviu en Montevideo, onde faleceu logo dunha longa enfermidade o 28 de febreiro de 1924. Segundo a súa vontade expresada en vida, os seus restos foron repousar xunto aos do seu fillo, no camposanto de El Tala. O 1 de setembro de 1957 os galegos residentes no Uruguay inauguraron en Ribadeo, un monumento co busto do célebre escritor Galego-uruguaio que para todos será o "Viejo Pancho".

Lois Pérez Leira

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/10/2000


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta