Actualidade / Artigo Santiago, 22 de decembro de 2000 A caída da demanda frea o crecimento
| | Ramón Maceiras- | CIG-Comunicación |
A caída da demanda interna, sobre todo do consumo privado, provocou no terceiro trimestre do ano 2000 unha desacelaración do crecimento da economia do Estado español até o 4,1%, unha décima menos que o priodo anterior. É o segundo trimestre consecutivo de desaceleración do crecimento do PIB, tendéncia que continuará o ano que vén de cumprir-se os prognósticos do governo de Aznar que ubican o crecimento promédio para o ano 2001 en 3,6%. A economia do estado español mostra xa claramente os sinos da desaceleración. Ainda que os dados do INE mostran que a caída é só dunha décima, a redución do crecimento é moito maior se en vez de analisar os dados en termos de ciclo tendéncia -o que elimina as variacións bruscas nun periodo curto- se teñen en conta as cifras en termos brutos. Neste caso, o PIB sofrería unha desacelaración no terceiro trimestre desde 4,5% até o 3,7%, en taxas interanuais. Salienta no proceso estudado a caída da demanda interna, cuxa contribución ao crecimento engadido pasou de 4,5 pontos a 4,2 pontos, e de todos os seus compoñentes. Entre eles, salienta a sensíbel redución do crecimento do gasto en consumo final (3,6% fronte ao 4% do segundo trimestre), e en menor medida a desaceleración da formación bruta de capital fixo. O Institituto Nacional de Estatística salienta tamén a "perda de impulso" do consumo familiar, que pasou de medrar un 4,6% ao 4%. Segundo o INE a explicación desta moderación encontrase no aumento dos pagamentos por intereses hipotecários e na diminución do "efecto riqueza" das famílias como consecuéncia das menores gañáncias obtidas polos investimentos realizados en valores mobiliários como na compra de accións na bolsa. Por contra, no terceiro trimestre salienta a forza do investimento en construcción, que repontou até o 6,3%, mentres o investimento en bens de equipa caíu dúas décimas, até o 5,3%. EEUU: recesión e cámbio de governo
En 1992, Alan Greenspan non relaxou a política monetária e os EEUU entraron nunha recesión, o que o enfrontou a George Bush pai e abreu as portas da Casa Blanca a Bill Clinton. Coa decisión de non baixar os tipos de interés esta semana, Greenspan volve a repetir a história. Tivo que falar de novo Greenspan esta semana para que os meios de comunicación europeus consideraran abertamente a posibilidade de que o feble crecimento da UE pode ir ao tacho se os EEUU entran en recesión. Greenspan certificaba hai dúas semanas que a economia norteamericana perdía forza e completaba un cadro que poñía de manifesto un PIB que sofría unha forte desacelarción, un grande número de empresas que, empuxadas pola caída brusca da demanda privada, anuncian para os próximos trimestres recurtes de vendas, benefícios e carteira de pedidos, e unha confianza dos consumidores, as empresas e los investidores no seu nível máis baixo desde a crise financeira de 1988. Estos xa foran comentados ampliamente nesta sección en semanas anteriores. A todo eso sumouse esta semana o dado do descenso de déficit comercial en outubro. A diminución das importacións de automóbiles, bens de capital e subministros industriais son outra sinal de que a desaceleración é máis brusca do esperado. É esta unha pésima notícia para Europa, xa que EEUU estaba suportando co seu desaforado crecimento das importacións ao setor externo europeu. Esto empeza agora a cambiar. A Reserva federal mantivo os tipos no 6,5%. Pero cambio o recital. Ainda de que fala de que persisten riscos de inflación, recoñece que se moderaron pola dimunución da atividade e, ademais de salientar as tensións nalguns setores dos mercados financeiros, advirte que a economia se está a enfriar con tanta rapidez que agora o principal risco é o dunha recesión. Os ricos do aterraxe forzoso superan agora aos da inflación. Greenspan prefire esperar e ver para estudar o recurte na reunión do 31 de xaneiro co novo presidente Bush. O tema é que tipos mais baixos de interés dan menos posibilidades á super baixada de tipos que prometeu Bush. Taxa récord da inflación na zona euro
A taxa de inflación anual armonizada dos 11 países que compoñen a Unión Monetária chegou ao 2,9% en novembro, taxa nunca vista desde a criación da zona euro, en xaneiro do 1999. O diferencial do estado español coa zona é de 1,2 pontos. O IPC armonizado do estado español chegou ao 4,1% mentres que o da zona euro aumentou tres décimas, até o 2,9%. No conxunto da UE, a inflación tamén subiu tres décimas en novembro respecto do mes anterior, e sitou a taxa interanual no 2,6%, 1,5 pontos porcentuais por debaixo do estado español. O país mais inflacionista da zona euro en novemnro for Irlanda, que rexistrou unha taxa interanual do 6%, seguida de Luxemburgo (4,5%), España (4,1%). Por debaixo están Bélxica (3,7%), Portugal (3,6%) e Finlándia (3,4%). Na média do 2,9% están Holanda e Itália. Por debaixo están Alemaña (2,6%), Austria (2,3%) e Franza (2,2%). Fóra da zona euro, Grécia foi o país máis inflacionaista, co 4%, seguido de Dinamarca (2,7%), Suécia (1,8%) e o Reino Unido (1%). Marketing e vacas tolas
Certos políticos afeitos ao marketing deberían asimilar a moralexa británica. En 1990, John Gummer, daquela ministro de Agricultura do Reino Unido, apareceu na televisión dándo-lle unha hamburguesa á sua filla de catro anos, como unha maneira de demostrar que a carne estaba totalmente san. Algo que, como se comprobou posteriormente, non se axustaba á realidade. Afirmacións despreocupadas e con boa intención, con tufillo eleitoral, outras, ou con peores intencións, noutros casos, abondan en Galiza desde que se descubriron os primeiros casos do mal das vacas tolas. Desde xa hai que dicer que ese recurso xa non funciona. Ainda que doa, é demasiado pronto para espallar a idea de que a carne non está contaminada. Eso deberían facelo a Conselleria de Agricultua e o ministério respeitivo en Madrid despois de que se introduzan medidas drásticas para garantir a calidade da carne. A confianza dos consumidores se restaurará con medidas práticas e actuando con responsabilidade política. Por moitas churrascadas que se monten, o mal xa está feito.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/12/2000 |