Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 30 de decembro de 2000

A globalización e a nova división internacional do traballo
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Actualmente o capital transnacional desplega unha nova estratéxia para afirmar o seu poder e neutralizar a resisténcia popular. O seu nome é globalización económica e consiste en desmantelar as limitacións nacionais ao comércio e á libre circulación de capitais, executar un novo reparto do mundo e reorganizar a esfera da produción de bens e servizos.

Os efeitos da globalización expanden-se polo tecido de sociedades e comunidades do mundo, absorbendo aos seus povos nun xigantesco sistema único, co obxectivo de extrair ganáncias e controlar aos povos e á natureza. Palabras como "globalización", "liberalización" e "desregulación" non son mais que o disfarce das crecentes disparidades nas condicións de vida das élites e as masas, tanto nos países privilexiados como nos "periféricos".

As transformacións económicas do sistema internacional neste novo contexto remiten a tres procesos básicos:

  • a globalización financeira (coa transnacionalización do investimento e o fluxo transnacional de capitais);

  • a revolución tecnolóxica da informática que a posibilita e acompaña; e

  • a reestructuración produtiva a nível mundial ilustrada pola transición desde o modelo fordista/taylorista ao mais flexibel e transnacionalizábel modelo toyotista ou postfordista, articulados á medra do comércio internacional.

A globalización, asimesmo, asume dimensions sociopolíticas (co redimensionamento do estado que impón a priorización da dinámica do mercado, co impulso global á homoxeneización política a través da promoción da democrácia capitalista ocidental asociada a ela e co desenvolvimento da sociedade civil e da sua crecente transnacionalización); comunicacionais (coa trasnacionalización comunicativa a través dos diversos medios tecnolóxicos que abre a revolución informática e a difusión global de valores e mensaxes) e culturais (coa promoción homoxeneizadora dos valores do consumismo ocidental a costa das expresions de identidade e os valores locais).

Neste traballo refereremos-nos principalmente á reestructuración produtiva a nível mundial e á nova división internacional do traballo que impón a globalización.

Baixo a presión das transformacións estructurais do sistema económico internacional, o estado-nación tradicional ve-se forzado a adecuarse a novidosas condicións para promover unha inserción competitiva no marco dunha nova división internacional do traballo, a partir das transformacións produtivas en curso, impulsando programas de axuste estructural, particularmente nos países periféricos que non están involucrados na dinámica central destas transformacións. Á sua vez, o axuste estrutural e a reestruturación produtiva xeran tensións e conflitos entre diversos sectores domésticos e rexionais.


A nova organización da produción

En virtude das inovacións tecnolóxicas que teñen lugar na organización da produción, o proceso de traballo sofre significativas modificacións no interior das empresas capitalistas, dos ciclos de produción e, mesmo, da rotación global do capital. Está-se a producir un forte impacto na división internacional do traballo e diminui a importáncia de ramas e países inteiros (particular importáncia ten a chamada miniaturización, que reduce cuantiosamente o consumo material por unidade de produto). A introdución a grande escala da automatización revoluciona a produtividade do traballo social. O home vai sendo desprazado da execución e dirección dos procesos produtivos.

De tal maneira que, nos países capitalistas avanzados, en Europa do Leste, Latinoamérica, a antigua URSS, Africa e Asia, os traballadores salariados estábeis son espécies en perigo de extinción. A forza de traballo postindustrial foi obxecto de profundos trocos. Medra o número de traballadores "contratados" temporalmente e con baixos salários. Lexións de traballadores de servizos mal pagos encarregan-se de xestionar meios de produción e de distribución de alta tecnoloxia, dirixidos por un fino estrato de traballadores e executivos moi ben pagos. No Terceiro Mundo existe unha masa crecente de traballadores de servizos "autoempregados" que operan como axentes distribuidores de mercancías baratas, ao tempo que constituen unha reserva de mao de obra temporal e mal paga. A proletarización do traballo avanzou até o extremo de criar unha forza de traballo excedentária e "desproletarizada".

Pero tamén a globalización desenvolveu unha cadea de produción mundial na que o capital ten diferentes estratéxias de investimento, de tal maneira que a explotación de traballadores desprazados e imigrantes dentro e fóra das raias nacionais fixo renascer formas de produción precapitalistas, baseadas na explotación intensiva do traballo.

O declive xeral dos salários producido pola presión destes factores desatou unha entrada masiva da muller no mundo laboral non doméstico, para poder facer fronte ao empobrecemento global das famílias traballadoras. A expansión da produción de alimentos, vestidos e bens electrónicos cara áreas do Terceiro Mundo onde os salários son ínfimos, abastece aos consumidores do Primeiro Mundo de bens baratos cos que se "compensa" a baixada dos salários. Os ocidentais do Primeiro Mundo que gañan pequenos salários seguen tendo acceso a bens de consumo, a pesar das perdas de ingresos, grazas ás importacións baratas e ao crédito relativamente fácil. Sen embargo, as importacións de baixo custo están desprazando progresivamente aos traballadores do Primeiro Mundo mal pagos, limitando asi o seu acceso a bens e servizos.

O declive xeral da clase meia no Primeiro Mundo fai-se patente na degradación paulatina do emprego estábel, ben pago e acompañado de cobertura sanitária e pensións, asi como na emerxéncia de contratos temporais entre os profisionais, executivos e demais. A proletarización obxectiva da clase meia non ven, sen embargo, acompañada dun recoñecemento subxectivo das causas e condicións comuns que a producen: a auséncia da mais mínima solidariedade de clase. O resentimento que produce a caída é moito mais forte que a identificación cos novos compañeiros que se atopan na mesma posición de clase.

A reorganización do proceso laboral transformou en grande medida a relación entre capital e traballo. O capital, para reducir gastos, está a eliminar multitude de capas de xestión e administración entre os altos executivos e os traballadores de produción. Os enxeñeiros e xestores que permanecen son parte, cada vez en maior medida, da forza de traballo produtiva. As diferenzas en ingresos, poder e prerrogativas permanecen pero transformou-se a hierarquia de produción e os xestores directos están cada vez mais integrados na planta de produción. Baixo o capitalismo isto significa menor custo e mais benefício. Asi mesmo, o proceso laboral abandona a supervisión directa do traballo e encamiña-se cara unha maior autonomia do traballador no deseño e produción do producto final. Pero esta nova autonomia está subordinada aos obxectivos estratéxicos que marcan os conselleiros delegados.

A esta conceición do proceso de traballo coñece-se-lle co nome de toyotismo, a forma mais avanzada de organización do traballo atinxida polo capitalismo. Pero hai que dicer que o toyotismo, ao igual que o taylorismo e o fordismo (formas prévias de organización social do traballo baixo o capitalismo) continuan promovendo a criación de especialistas virtuosos na execución de funcións parciais e, ao mesmo tempo, profundamente incapaces e ignorantes en relación cos restantes aspeitos da cultura humana e material. O toyotismo, de todas formas, segue sendo unha rara avis dentro da cadea de produción capitalista, xa que abrumadoramente seguen predominando os traballadores que apenas coñecen o lugar que ocupan as funcións parciais que executan na cadea laboral das empresas, asi como se estende a maquinización mais plena das faculdades intelectuais nas empresas maquiladoras do Terceiro Mundo, nas que se reproduce e acentúa a desumanización do traballo.


A nova división económica do mundo

Xa nun marco planetário, a tendéncia fundamental do imperialismo transnacional é a destrucción, modificación e reforma de todas aquelas regulacións institucionais que entorpecen a sua reprodución a grande escala. Actualmente, novas unidades xeoeconómicas en xestación procuran forxar vastos mercados para o capital transnacional, en cuxo espazo os competidores débis, que vivian á sombra do proteccionismo nacional, van ficando desprazados da competéncia, mentres que uns poucos monopólios se fan con crecentes mercados.

Actualmente desenvolven-se dous procesos de parcelamento xeoeconómico simultáneos e interconectados. O primeiro conduce á criación de tres blocos económicos e políticos dominantes no mundo: América do Norte, a Unión Europea e o que forman Xapón e os tigres e dragóns asiáticos. A emerxéncia de China, no último dos casos, afecta a posibilidade de consolidación deste bloco baixo a éxida xaponesa. O segundo proceso de parcelamento desenvolve-se nos cenários do capitalismo dependente e subdesenvolvido.

A restructuración vertical da economia-mundo produce-se o redor dos tres polos da triada antes mencionada. Reaparecen zonas de influéncia que son tamén, sobre todo en Asia, de división internacional do traballo, tendinte cara unha grande coeréncia por estratificacións sucesivas en torno á economia dominante da zona. Esta tendéncia, reforza a xestión de relacións que poderian calificarse de neoimperialistas.

No novo reparto do mundo, a competéncia interimperialista desenvolve-se fundamentalmente polo control das zonas do mundo subdesenvolvido que forman parte do ciclo do capital transnacional, tais como os chamados "paraísos fiscais" e "plataformas exportadoras", os territórios con importantes reservas de matérias primas e con recursos naturais estratéxicos, e os mercados rexionais relativamente grandes.

Os paraísos fiscais adquiriron particular releváncia nesta etapa e o seu número aumenta. Actualmente son: Bahamas, as illas Caimán, as illas Cook, a Dominica, Israel, Líbano, Liechtenstein, as illas Marshall, Nauru, Niue, Panamá, Filipinas, Rusia, San Christopher e Nevis, San Vicente e Granadinas e o Principado de Mónaco.

En canto ao control das chamadas "plataformas exportadoras", o modelo de desenvolvimento impulsado polo Banco Mundial e o FMI tanto no Sul como no Leste consiste en reorientar cara a exportación á parte mais competitiva do aparello produtivo; dito de outra maneira, a conecta-la á economia-mundo, atrair capitais, conter o mercado interno e bloquear a medra dos salários e as vantaxes sociais, baixo ameaza de que os investimentos estranxeiros se despracen cara outro lado.

O xogo consiste en voltar atractivo o território nacional para o investimento transnacional. Atractivo significa nuns casos baixos salários, baixo gasto social, incentivos fiscais, etc. Noutros casos as condicións de competitividade remiten á existéncia dunha demanda solvente e sofisticada, dun tecido industrial denso (firmas de grande talla suxeitas a competéncia e PYMES de altas calidades técnicas), dunha oferta de factores eficientes (mao de obra cualificada, infra-estruturas, comunicacións).

Ao mesmo tempo, o capital monopolista transnacional reserva-se para a sua especial explotación os sectores ponta da economia, a especulación bursátil e financeira, a microelectrónica, a computación, as telecomunicacións, a bioinxeniería e a indústria militar e desprazan cara a periféria as indústrias contaminantes e certas empresas industriais de tipo meio.

Este proceso está igoalmente a ton coas privatizacións. En teoria, son as ramas de servizos (distribución de auga e electricidade, transportes e telecomunicacións, bancos e seguros) as que deberian atrair os movimentos de capitais, posto que os produtos correspondintes non se desprazan. Pero estas eran en xeral monopólios de Estado na maioria dos países ou estaban reservadas ás empresas locais. Todo iso mudou nos anos oitenta e noventa, grazas á privatización e á desregulación que aparecen como os meios para eliminar os obstáculos á mundialización.


Control do comércio mundial

Dentro do novo reparto do mundo, o control do comércio e a imposición de regras globalizadoras converten-se en pedras angulares da expansión dos monopólios transnacionais. Os instrumentos mais novidosos para executar este proceso son os acordos comerciais, ferramentas chave para a acumulación, o control e o reparto de zonas económicas. A Organización Mundial de Comércio é, con grande diferenza, a instituición mais importante para o desenvolvimento e a implementación destes acordos comerciais. Transformou-se no veículo preferido polo capital transnacional para levar á prática o seu goberno económico mundial. A Rolda Uruguay expandiu amplamente o espectro do sistema multilateral de comércio (os acordos baixo a égida da OMC) de modo que xa non somente constitui comércio en bens manufacturados. Os acordos da OMC abranxen agora tamén o comércio agrícola, o comércio de servizos, os direitos de propriedade intelectual e as medidas de investimento. Esta expansión ten efeitos moi significativos tanto en asuntos económicos como non económicos. Por exemplo, o Acordo Xeral de Comércio de Servizos terá efeitos de longo alcance nas culturas do mundo. Igoalmente, os Acordos sobre Propriedade Intelectual relacionada ao Comércio e as presións unilaterais, especialmente sobre os países ricos en biodiversidade, están a forzar a estes países a adoutar novas lexislacións que estabelecen a aplicación de sistemas de propriedade intelectual sobre formas de vida, con consecuéncias desastrosas para a biodiversidade e a seguranza alimentária. O sistema multilateral de comércio, a través da OMC, ten un tremendo impacto na conformación das políticas nacionais, tanto sociais como económicas, e polo tanto define e restrinxe as opcións de desenvolvimento.

Os acordos comerciais tamén están a proliferar a nível rexional. O TLC (Tratado de Libre Comércio de América do Norte) é o prototipo de acordos rexionais legalmente vencellantes, que abranxe países privilexiados e do terceiro mundo, e cuxo modelo trata-se de expandir a todas as Américas. APEC (Cooperación Económico Asia-Pacífico) é outro modelo que inclue os dous tipos de países, e está a ser usado para forzar novos acordos no marco da OMC. O Tratado de Maastricht é, por suposto, o exemplo mais importante de acordos legalmente vencellantes entre países privilexiados. Tamén xurdiron acordos rexionais entre países do terceiro mundo, como ASEAN (Asociación das Nacións do Suleste Asiático), SADC (Cooperación para o Desenvolvimento de Africa do Sul), SAFTA (Acordo de Libre Comércio dos países do Suleste Asiático) e MERCOSUR (Mercado Comun do Sul). Todos estes acordos rexionais implican a transferéncia do poder de decisión desde o nível nacional a instituicións supranacionais, que están ainda mais arredados da xente e son ainda menos democráticas que os estados-nación.

Como se isto non fose suficiente, os países privilexiados están a promover un novo acordo: o Acordo Multilateral sobre Investimentos (AMI) para ampliar os direitos dos investidores estranxeiros moito mais alá das suas posicións actuais na maioria dos países, e para restrinxir severamente os direitos e poderes dos gobernos para regular a entrada, estabelecemento e operacións das empresas e investidores estranxeiros. Actualmente éste é o tento mais importante de estender a globalización económica e a "liberalización económica". O AMI aboliria o poder e o direito lexítimo e soberano dos povos a determinar as suas próprias políticas económicas, sociais e culturais.

Todas estas instituicións e acordos comparten os mesmos obxectivos: prover movilidade para os bens, servizos e capitais, aumentar o control do capital transnacional sobre os povos e a natureza, trasferir o poder a instituicións arredadas e non democráticas, eliminar as posibilidades dun desenvolvimento baseado nas comunidades e en economias autosuficientes e limitar a liberdade dos povos para construir sociedades baseadas nos seus próprios valores humanos.

A globalización económica enxendrou novas formas de acumulación de riqueza e poder. A acumulación de riqueza ten lugar a escala global, a unha velocidade crecente, controlada por empresas e investidores transnacionais. Mentres que o capital se voltou global, as políticas de redistribución seguen sendo responsabilidade dos gobernos nacionais, que non teñen posibilidades, e na maioria dos casos tampouco non a vontade, de actuar contra os intereses do capital transnacional.

Esta asimetría está a provocar unha redistribución acelerada de poder a nível global, fortalecendo o que usualmente se denomina como "poder corporativo". Neste peculiar sistema político, o capital global determina a orde do dia económico e social a escala global coa axuda de grupos "informais" de cabildeo extremadmente influintes, como o Foro Económico Mundial. Estes grupos corporativos de cabildeo dan as suas instruccions aos gobernos en forma de recomendacións, que os gobernos seguen, xa que os poucos que refugan obedecer os "consellos" dos grupos de cabildeo das corporacións ven as suas divisas atacadas polos especuladores e as suas economias debilitadas polo éxodo dos investidores. Os acordos comerciais rexionais e multilaterais fortaleceron a influéncia dos grupos corporativos de cabildeo. Coa sua axuda, están-se a impor políticas neoliberais en todo o mundo.


Globalización do desemprego e a miséria

Estas políticas neoliberais están a criar tensións sociais globais, semellantes ás que se deron a escala nacional durante as primeiras etapas da industrialización: mentres que medra o número de billonari@s, mais e mais xente en todo o mundo atopa-se nun sistema que non lles oferece lugar na produción nen acceso ao consumo. Esta desesperación, combinada coa libre movilidade do capital, oferece aos investidores transnacionais o mellor ambiente imaxinábel para enfrontar tanto a traballador@s como a gobernos entre si. O resuldado é un "descenso en espiral" das condicións sociais e ambientais, e o desmantelamento das políticas de redistribución (impostos progresivos, sistemas de seguranza social, redución de horas de traballo, etc.). Cria-se un círculo vicioso, onde se acrescenta a concentración da "demanda efectiva" nas maos das élites transnacionais, mentres mais e mais xente non pode satisfacer as suas necesidades básicas.

Estes procesos de exclusión e acumulación mundial levan a un ataque global contra os direitos humanos mais elementais, con consecuéncias moi visíbeis: miséria, fame, falla de vivenda, desemprego, deterioro das condicións de saúde, non acceso á terra, analfabetismo, agudización das desigoaldades de xénero, medra explosiva do sector "informal" e as economias mergulladas (particularmente a produción e tráfico de drogas), destrucción da vida comunitária, recurtes nos servizos sociais e direitos laborais, aumento da violéncia en todos os níveis da sociedade, aceleración da destrucción ambiental, crecente intoleráncia racial, étnica e relixiosa, migracións masivas (por razóns económicas, políticas e ambientais), aumento da represión e o control militar, etc.

A globalización do capital arrebatou nun grau altamente significativo aos traballador@s da sua posibilidade de confrontarse ou negociar co capital nun contexto nacional. A maioria dos sindicatos convencionais (particularmente nos países privilexiados) aceitaron a sua derrota a maos da economia global e renuncian volutarimente ás conquistas logradas coas bágoas e o sangue de xeracións de traballadores. Dacordo coas exixéncias do capital transnacional, trocaron a solidariedade pola "competitividade internacional", e os direitos laborais pola "flexibilidade do mercado laboral". Agora están a fomentar activamente a introdución dunha cláusula "social" no sistema multilateral de comércio, que dará aos países privilexiados unha ferramenta para o proteccionismo selectivo, unilateral e neocolonialista, co efeito de aumentar a pobreza en lugar de ataca-la na sua raiz.


Respostas

Fronte a estas xigantescas transformacións, a loita de clases mudou de contexto e de contido. As respostas antiglobalizadoras van aparecendo pouco a pouco e as liñas básicas de enfrontamento que se perfilan poden resumir-se asi:

  • O problema fundamental mora, de novo, na clase de Estado á que aspiran os movimentos sociais. O Estado pode ser agora mais que nunca unha ferramenta para o cámbio na medida en que coloque barreiras reais aos monopólios transnacionais, reduza a burocrácia e maximice a redistribución dos recursos na sociedade.

  • Hai que considerar a economia nacional como o ponto de partida de calqueira oposición á internacionalización do capital, dentro dunha estratéxia que impida a exportación de capitais nacionais e poña controles ao capital transnacional.

  • Ao mesmo tempo a solidariedade internacional dos traballadores debe tender a homoxeneizar por enriba as condicións de traballo e facer fronte á internacionalización do capital.

  • Os cámbios tecnolóxicos deben ser utilizados para impulsar políticas de redución de tempo de traballo e aumento do emprego.

  • A feminización do traballo requere políticas concretas de transvase presupuestário cara as famílias traballadoras e o paso dunha representatividade simbólica a outra substantiva no caso da muller.


Bibliografía

Aldo Ferrer. História da Globalización. Fondo de Cultura Económica. México. 1996.

Orlando Caputo. A globalización da Economia Mundial desde a crise Asiática. Aportes. Revista da Faculdade de Economia. Benemeriña Universidade Autónoma de Puebla. Xaneiro-abril de 2000.

SELA. Asia despois da Crise. Vínculos con América Latina e o Caribe. Maio 2000. SP/Dei Non 6-2000.

Lester C.Thurow. Building Wealth. Harper Collins Publishers. 1999.

FMI: Boletín. Suplemento Especial. Febreiro. 2000.

James Petras e Steve Vieux. Sobre democrácia, mercado e revolución. Txalaparta, 1994.

Rafael Cervantes e outros. A metamorfose do capitalismo monopolista. América Libre nº 12. Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/12/2000