|
Actualidade / Biografía Xosé María Cao: “Pai da caricatura
arxentina” Lois Pérez Leira-
Enciclopedia da Emigración (cig.migracion@galizacig.com)
O fracaso da Primeira República, as persecucións posteriores e a falta de futuro fixeron que Cao tomase a decisión de emigrar como o estaba facendo unha parte importante da súa xeración. Chegou a Bos Aires en 1886 con tan só o posto e a ilusión de triunfar. A falta de traballo levouno a realizar caricaturas aos transeúntes que pasaban pola Rúa Paseo Colón. Un ano despois asociábase a un obradoiro de gravados, daba clases nun colexio particular e comezaba a colaborar en distintos xornais. A primeira revista importante onde colaborou Cao foi en "Sudamericano", na que tiña ao seu cargo a sección de retratos. Unha desas primeiras caricaturas custoulle oito días de detención xa que Bos Aires por aqueles anos tiña declarado o estado de sitio. A finais de século triunfaba na Arxentina a revista satírica "Don Quijote". O director da mesma Eduardo Sojo, coñecedor das dotes artísticas de Cao, contratouno como caricaturista da súa publicación. A unión artística de Sojo e Cao abriu unha etapa histórica da caricatura e do xornalismo latinoamericano. O xornalista arxentino Soiza Reilly dixo de ambos os artistas nun artigo xornalístico: "Cando a policía pechaba a Sojo na cadea polas súas sátiras dos homes do goberno, Cao substutuíao. O pseudónimo de Sojo na cadea era Demócrito, e o de Cao Demócrito II. Era a época bravía de Juárez Celman. O doutor Alén adoitaba dicir que a revolución do 90 fixérana as armas e as caricaturas de Cao e Sojo. Un día despois dunha caricatura violenta contra o Xeneral Capdevila (caricatura de Cao), un matón policíaco dirixiuse ao enderezo de Don Quijote e preguntou: “¿Está o señor Cao?” Era unha casa de altos. Cao asomouse ao vestíbulo e esta circunstancia aproveitouna para dispararlle un tiro. Ao ver fracasado o seu intento o asasino botou a correr berrando: “¡Mátanme! ¡Asasínanme!”. A policía detivo ao caricaturista pechándoo na cadea. E sabe deus ata cando estaría alí se o xeneral Roca non intervén. "Don Quijote" foi pechado polo goberno, quedando Cao sen traballo e con poucas posibilidades de incorporarse a outra publicación. Esta nova situación foi determinante para que Cao tomase a decisión de fundar un xornal galego. O 7 de febreiro de 1892 saíu á rúa o primeiro exemplar de "El Eco de Galicia", homónimo ao editado na Habana.
José María Cao utilizaba as páxinas de "El Eco de Galicia" para alentar a refundación do Centro Galego de Bos Aires. Nun artigo denominado "En Familia" propón que mentres non se constituíse o Centro Galego a redacción do xornal se converta nunha especie de Ateneo Artístico e Literario. Noutro artigo titulado "Del país" referíndose ao idioma galego dixo: "Estámolos mirando nos nosos coprovincianos: hai algún que se lle falades en galego, como haxa xente diante, sóbenlle as cores ao rostro. E é moi capaz de contestar en guaraní para que vos apartedes do mal camiño". O primeiro Centro Galego de Bos Aires fundouse en 1879 e disolveuse en 1892. Para Cao era necesario facer todos os esforzos necesarios para a súa refundación. Foi así que o 14 de agosto de 1893 José María Cao redactou unha circular, acompañada con outras sinaturas destacadas da colectividade, co fin de volver poñer en funcionamento o Centro. Xunto a súa sinatura estaban Castro López, Victorino de la Riega, Federico López Portocarrero, Luis Williman, Antonio Botana, Joaquín Vaamonde, Vicente Rey e Antonio Portela. Na circular dicía entre outras cousas: "queremos unha asociación eminentemente rexional composta de elementos afíns, libremente organizada polo que esixe ou reclama imperativamente o numeroso, o importante da nosa colonia...". O día 20 de agosto realizouse unha asemblea despois de discutir os regulamentos. Nomeose a José María Cao Presidente da Xunta Directiva Provisional e a Castro López de Secretario. Esta comisión directiva durou pouco tempo xa que nunha asemblea celebrada o 26 de novembro renunciaron os directivos, quedando frustado o intento unha vez máis. Os debuxos e os artigos de Cao estarán sempre cheos dunha ironía punzante. Pouco tempo durou a frente de "El Eco de Galicia"; aos poucos meses vendeu o xornal ao destacado xornalista lucense Castro López, quen compartía con Cao os ideais do Partido Republicano Federal e da masonería. Tamén participaba activamente do "Orfeón Gallego", do cal foi organizador e director. Como dixera Cao o Orfeón estaba destinado ao "amor os nosos costumes, ao noso idioma, á nosa Galiza e ás súas lexendarias tradicións". O 1 de xaneiro de 1894 tirou a revista "El Cid Campeador", refundíndose en 1895 na revista "La Bomba". Nesta últimas publicacións realizou caricaturas moi críticas contra os EEUU pola súa intervención en Cuba.
Xosé María Cao, parellamente a "Caras y Caretas", desenvolveu unha intensa actividade xornalística nos máis prestixiosos xornais arxentinos. Así dirixiu a parte artística do suplemento do grande rotativo "La Nación". As súas caricaturas foron factor determinante para o éxito xornalístico da revista "Fray Mocho". Tamén colaborou na "Revista Popular". Antes da súa morte retirouse da actividade xornalística fundando no Municipio de Lanus unha sociedade cultural chamada "Madre Fraternidad". O destacado pintor Luís Seoane dixo nunha pequena biografía realizada a Cao: "A figura que el debuxaba estaba perfectamente modelada, atíñase ás leis do claroscuro, ao retoque miúdo mais comezaba coa súa obra para o debuxo deste país unha concisión esquemática da que poderíamos citar numerosos exemplos. Cando o designaron "o pai da caricatura Arxentina" afirmaban unha verdade e estamos seguros que non se referían tanto ao seu traballo fecundo, canto a súa calidade dese traballo...". O 27 de xaneiro de 1918 faleceu na súa casa de Lanus. A revista "Caras y Caretas" da que fora o seu director dixo: "Foi este nobre mestro do lapis e da pluma un revolucionario, un transformador do humorismo arxentino. A caricatura non seguía o desenvolvemento acelerado da nosa cultura; a ironía burda debuxaba sobre as pranchas litográficas valéndose de todos os medios sen lei. Cao atopou o xeito de facer humorismo san e a caricatura gañou en profundidade e intención en formas. Adaptándose ao ambiente con todo o poder dúctil da súa mestría, Cao soubo facer labor netamente arxentino; era europeo e non quixo nembargantes europeizar...".
Xosé María Cao, o "pai da caricatura Arxentina", pasaría inadvertido para a maioría dos galegos e dos seus historiadores. Foi Alberto Vilanova e o polifacético Luís Seoane os que reivindicaron o seu destacado papel na plástica galega. Seoane na súa biografía sobre Cao dixo que foi o primeiro do seu estilo xa que algúns críticos soamente fan referencia a Tabarra e a Castelao. No seu folleto biográfico Seoane dixo: "... primeiro foi Cao aínda que a súa arte se desenvolvera nesta nación. Castelao, o noso máis grande humorista, así o pensaba e moitas veces en conversas contaba con que pracer miraba de neno primeiro na Arxentina e logo en Galiza os debuxos de Cao. Seguramente Castelao coñeceu a Cao moito máis que os debuxos, quizáis tamén moitos dos seus artigos, ensaios e o pensamento que sobre Galiza Cao sostivo dera batalla no seo da colectividade galega da súa época e que tan próximo foi no seu espírito ao pensamento do mesmo Castelao".
Lois Pérez Leira. |
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2001
|
|||||||||||||||||||
|