Actualidade / InformaciónVolver


Santiago, 16 de febreiro de 2001

Amianto, ¡perigo!
A saúde non se vende ni se delega
 

CIG-Saúde Laboral-

cig.saude-laboral@galizacig.com



 Clic para aumentar
 
Hai máis de corenta anos que se coñecen os efectos nocivos do amianto e nembargantes os traballadores estiveron contaminándose ano tras ano, día tras día, sen que as distintas Administracións fixeran nada por evitalo.

Este producto, milagre polos beneficios económicos que comporta, provoca milleiros de mortos no mundo. Malia que en Europa está xa prohibido na súa totalidade e que varios gobernos están xa desmontando o amianto instalado, o Estado español ten que escoitar a voz do conxunto da poboación exposta e que ten que facer o que outros gobernos: PROHIBILO e SUBSTITUÍLO.

Mentres, os traballadores/as e os pequenos empresarios, temos, teñen, que coñecer en que condicións se pode traballar, e que dereitos sobre a vixiancia da saúde se teñen que cumprir.

A SAÚDE non se vende ni se delega, polo que faise imprescindible a participación de todos os traballadores/as, e os seus representantes, desde o mesmo posto de traballo.


Coñecer o AMIANTO é a mellor maneira de vencelo


¿Que é o AMIANTO?

O amianto ou asbesto e o nome que se dá a un grupo de minerais que existen na natureza e que consisten en fibras pequenas que se inhalan facilmente, e na actualidade é o principal contaminante ambiental canceríxeno que se coñece.


¿Como afecta o amianto á saúde?

A inhalación de partículas do amianto representa un grave risco para a saúde pública. A exposición ao amianto e un factor determinante no desenvolvemento de enfermidades respiratorias graves e esencialmente de cancros.

E a substancia responsable da maior parte dos tumores malignos. A contaminación con asbesto chámase asbestose e provoca cancro nos pulmóns, no revestimento do peito ou da cavidade abdominal (mesotelioma) e o cicatrizado do tecido pulmonar, fibrose pulmonar (asbestose), e está asociado tamén con outros males: carcinomas gastrointestinais e de larinxe, exixtindo sospeita, non confirmada, de que o amianto pode producir outros cancros nos riles, ovarios e mamas.


¿Onde se atopa?

A maioría do amianto atópase en productos de amianto-cemento para a fabricación de losetas, taboleiros e tubos a presión. Como isolante térmico en caldeiras e tubos, como protección contra incendios de tabiques e vigas de edificios e para a mellora da resistencia ao lume da celulosa e outros materiais.

  • Na albañilería, cando se usa o amianto.

  • Nos asteleiros e no desguace de barcos.

  • Na fabricación de filtros.

  • Nas industrias de isolamentos de amianto.

  • Nas industrias de cartonaxe amiántica.

  • Industrias textís de amianto. Tintorería industrial.

  • Industrias de amianto-cemento.

  • Nas operacións de demolición de construccións.

  • Na fabricación e reparación de zapatas de freo e embragues.

  • Recubrimentos con amianto de tuberías e caldeiras

  • Transporte, tratamento e destrucción de residuos.


Deberes do empresario



1. Antes de comezar calquera traballo con amianto débese INFORMAR aos traballadores/as das cuestións seguintes:

  • Do risco e o perigo para a saúde debido á exposición ao amianto.

  • Como limpar a área de traballo para reducir ao mínimo a producción de pó.

  • Como realizar o traballo para que se minimice o espallamento do amianto.

2. Só deben realizar traballos con amianto as persoas especificamente formadas.


Medidas preventivas e de protección


  • Deben usarse métodos e ferramentas que produzcan o mínimo nivel de pó.

  • Se se utiliza un sistema de ventilación, a saída debe estar situada de maneira que o aire interior se canalice fóra do edificio.

  • A área de traballo debe sinalizarse coa información: “Atención traballo con amianto”.

  • Durante os traballos deben utilizarse equipos de protección individual (máscaras a presión positiva e con filtros de retención mecánica), e roupas protectoras (manoplas, protectores de zapatos, e monos que sexan dun material que repela as fibras e de material de refugallo).

  • A empresa debe proporcionar aos traballadores/as unhas dependencias especiais e adecuadas para lavarse e mudarse.

  • A empresa debe asegurarse de que a área de traballo se manteña limpa para previr a diseminación do amianto e para limitar a exposición dos traballadores a niveis inferiores aos niveis de control.


A Saúde é o primeiro



Establece a Lei Xeral de Sanidade: “...vixiar a saúde dos traballadores para detectar precozmente e individualizar os factores de risco e deterioro que poidan afectar á saúde dos mesmos.”

Ademais desta Lei Xeral de Sanidade distinta lexislación complementa a vixianza sanitaria específica para os casos de amianto. Resumidamente, os traballadores/as expostos e os empresarios responsables, teñen a obriga de coñecer os contidos máis elementais para a vixiancia sanitaria específica.

A historia laboral para unha historia clínica é imprescindible para o seguimento da saúde dos traballadores/as expostos. Historia clínica que se baseará no recollido no Regulamento sobre Traballos con risco de amianto segundo a Orde do Ministerio de Traballo correspondente.

Exame de saúde inicial: Todo traballador/a antes de ocupar un posto de traballo onde exista amianto deberá ser obxecto dun exame previo para determinar, desde un punto de vista sanitario, a súa capacidade específica para traballos con risco de amianto.

Constará de:
  • Historia laboral interior.

  • Historia clínica.

  • Exploración clínica que consta de: inspección, auscultación, estudio radiolóxico, estudio respiratorio, consello sanitario antitabaco.

Exames da saúde periódicos: En canto se desenvolven actividades en ambiente de traballo con amianto os exames de saúde serán periódicos, con periodicidade anual sobre os traballadores e traballadoras:

  • Potencialmente expostos ou que o estiveran con anterioridade.

  • E tamén para os que en ningún momento o estiveran anteriormente.

Ademais, cada tres anos: estudio radiográfico e estudio funcional respiratorio.

Exames de saúde postocupacionais: A vixiancia periódica da saúde é un dereito que temos os traballadores e traballadoras, incluso prolongándoa máis alá da finalización da relación laboral, polo tanto todos os traballadores que conten con antecedentes de exposición a amianto se someterán a recoñecementos médicos, os cales serán dunha periodicidade, contido e criterios de aplicación similares aos recoñecementos médicos periódicos das persoas en activo.

Tes que saber que os teus dereitos non prescriben e a responsabilidade dos empresarios e da Administración tampouco. Se xa non traballas e tes os síntomas da abestose: fatiga, dificultade ao respirar, tos, dor ou opresión no peito, adelgazamento, perda do apetito, acode ao teu médico e informa de que traballaches con amianto.

Cando a enfermidade se manifesta, XA ESTÁ INSTALADA.


A cuestión medioambiental



Os residuos de amianto ou que conteñan amianto, incluídos os resultantes de operacións de limpeza e mantemento, deben recollerse en recipientes herméticos e adecuadamente identificados (etiquetados).

Os contedores con residuos de amianto se transportarán o máis rápidamente posible fora da zona de traballo a un almacén axeitado para a súa recollida polo transportista/xestor de residuos autorizado.

A xestión de residuos de amianto deberá realizarse segundo as disposicións locais, autonómicas e estatais existentes sobre residuos perigosos en cumplimento do R.D. 952/97 BOE 5-7-97 que os califica como residuos perigosos.


Se traballaches con amianto



Se traballas con amianto, infórmate dos teus dereitos.

Acode ou chama

  • Aos gabinetes de Seguridade e Hixiene das catro provincias:
    • A Coruña: 981 28 98 00.
    • Lugo: 982 29 43 10.
    • Ourense: 988 38 63 91.
    • Pontevedra: 986 40 04 00.

  • Aos gabinetes de Saúde Laboral dos sindicatos.


Información permanente


  • CIG-Saúde Laboral: 981 35 94 49.

  • En todos os locais da CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2001