Actualidade / Artigo Santiago, 9 de febreiro de 2001 ¿Caixas galegas?
| | Clodomiro Montero Martínez- | Portavoz da Executiva Nacional de CIG-Banca, Aforro e Seguros |
O proceso de fusións e absorcións que deu lugar ao nacemento da Caixa Galicia, ou máis recentemente a Caixanova, contou cun apoio case que unánime no seo da sociedade galega. Este apoio ás fusións reflectía unha idea xeneralizada: era necesário que as Caixas Galegas fosen máis competitivas para poder contribuír ao desenvolvimento do país á par que se garantía a súa pervivéncia nun marco europeu cada vez máis competitivo. Hoxe, máis que nunca, son necesárias entidades que permitan incidir sobre o sistema financeiro do país. Asi, fronte á globalización, os distintos governos europeos teñen apostado polas fusións das entidades financeiras próprias. A nível do Estado español as fusións que deron lugar ao BSCH e ao BBVA, constituíron un auténtico duopólio no sector financeiro, roto tan só pola existéncia das Caixas de Aforros. Estes días estamos asistindo a unha tormenta no seo dos organismos unitários das Caixas de Aforros a nível estatal. O sistema de tarxetas RED 6000, líder até este momento no mercado dos caixeiros automáticos, perdeu o seu liderato co pase das grandes caixas de aforros do Estado ao sistema SERVIRED do BBVA. Como resposta, a propia RED 6000 estuda neste intre un convénio de colaboración (¿integración?) co sistema 4B do BSCH. O mercado de tarxetas xa está hoxe en mans da gran banca española. O perigo de privatización, entendido como a entrada de capital privado nas Caixas, é evidente; aí están as cotas participativas (accións sen dereito a voto) aprobadas pola Asemblea Xeral de Caixa Galicia pese á falla de autorización, até o momento, por parte da Xunta de Galiza. E dende logo, tamén sabemos quen serian probabelmente os máximos beneficiados a longo prazo dun proceso de privatizacións. Teñen nome e apelido: BBVA e BSCH. Apostar pola competitividade das nosas Caixas, polo seu fortalecemento e polo seu medre non é incompatíbel con opór-se á tendencia desterritorializadora. Unha expansión fóra da nosa Comunidade Autónoma cuestionábel, a emisión das próprias cotas participativas, ou a anunciada fusión virtual de Caixa Galicia, Bancaje e Ibercaja (que podería rematar coa exteriorización dos Servizos Centrais hoxe existentes na Coruña e o seu traslado a Madrid), inciden sobre a perda do carácter galego da entidade. Na nosa história recente as entidades financeiras galegas teñen contribuído á deslocalización do aforro do país, especialmente por medio das cesións de tesourería a través do Interbancário. Deslocalización do aforro que contribuíu á restricción do financiamento ás empresas galegas, actuando como un freo á iniciativa empresarial, cecais unha das causas do escaso medre do emprego en Galiza en comparanza con outras economías do noso entorno. A globalización non pode ser unha escusa para que non defendamos que o aforro dos galegos se rentabilice no país, criando valor engadido alí onde ten a súa orixe e potenciando o desenvolvemento pleno da nosa economía. E para iso, é necesario que as Caixas Galegas non deixen de ser iso: Caixas e Galegas.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2001 |