|
Actualidade / Biografía Caramurú: Un galego que se namorou
da bela Paraguasu Lois Pérez Leira-
Enciclopedia da Emigración (cig.migracion@galizacig.com)
A "batalla" entre as distintas potencias por comercializar coas Indias levou ao Rei don Manuel de Portugal a organizar unha flota de 10 carabelas e tres grandes navíos tripulados por 1.500 homes. O mando foi confiado a Pedro Álvarez Cabral con encargo de obter dos raxás da India a liberdade de comercio para os portugueses e a predicación do evanxeo nas súas terras. O 8 de marzo de 1500 partiu a expedición. A flota debía costear África e dobrar polo Cabo de Boa Esperanza. Nembargantes, Cabral, en virtude de instruccións recibidas de Vasco de Gama, ao chegar á altura do Golfo de Guinea internouse cara ao Atlántico co fin de evitar as calmas chichas que reinan nesa parte do océano. As correntes mariñas fóronos internando máis ao occidente ata que corenta días despois atoparon terra. O 22 de abril de 1500 a expedición desembarcou en terras brasileiras, no que hoxe é a vila de Porto Seguro dentro, do Estado de Bahia. Os portugueses descubrían deste xeito Brasil sen ter consciencia naquel momento da importancia do propio descuberta. Naqueles anos outros navegantes portugueses, franceses, galegos e españois percorreron as costas brasileiras. O famoso navegante italiano Americo Vespuccio, que traballaba ás ordes do rei de Portugal, participou en 1504 nunha expedición polas costas brasileiras. Nunha carta enviada a Portugal falaba das marabillas do Brasil comparándoo cun edén: "e se no mundo, di, é algún paraíso terrestre sen dúbida de existir non estará moi lonxe deste lugar". Os mariños galegos expertos en mares enfurecidos malia non contaren coa autorización dos reis de Castela intentaron comercializar co novo continente. Diego Álvarez Correa embarcouse en 1510 camiño ao novo mundo co obxectivo de comercializar con madeiras e cunha en especial chamada "pao-brasil". A denominación desta madeira posteriormente daríalle o nome a este país. Ao chegar ás costas brasileiras unha forte tempestade na Baia de Salvador, fronte á illa de Itaparica, fixo naufragar a súa nao, chegando a nado xunto con oito tripulantes ata a costa onde vivían os indios Tupinambá. Diego Álvarez foi o único sobrevivente, os demais mariños morreron ou foron comidos polos indíxenas. As características físicas do noso paisano, alto, fraco e de pel moi branca, foi un elemento determinante para que os indíxenas o bautizaran co nome de Caramurú. Segundo José Veríssimo a palabra Caramurú en idioma tupí é empregada para denominar ás lampreas ou moreas.
Diego Álvarez conseguiu a través da súa arma e o seu aspecto físico impactar aos tupinambás. Foi tan así que o cacique Taparica ofreceulle como esposa a súa filla Paraguasu (en tupí "o grande mar") ao recén chegado náufrago. A bela Paraguasu e o noso paisano Caramurú comezaron un matrimonio que deu para contar infinitas lendas de amor. A parella tivo varios fillos: Ana casada con Vicente Dias de Veja. Apolónia casada con Juan Figueirido Mascarenhas e Grácia casada con Antón Gil. Con outras mulleres da tribo tivo distintos fillos, os máis coñecidos foron: Gaspar, Marcos, Manuel, Diego, Gabriel e Jorge. Do seu fillo Diego Álvarez e da súa muller descenden as principais familias bahianas como os Moniz e os Torre, famosos pola súa riqueza. Caramurú vivía nun edén coa súa namorada Paraguasu nunha aldea de 300 casas. Coa súa experiencia e formación europea lograría avances importantísimos na vida dos indíxenas. Co paso do tempo distintos navegantes, moitos deles franceses e portugueses, pasaron polos seus dominios. A súa vivenda quedaba nunha aldea na entrada de Barra na Punta do Padrâo desde onde podía ver ás flotas visitantes e acudir a eventuais naufraxios. Entre os distintos navegantes púidose ver a: Rodrigo de Acuña en 1526. Este pertencía á flota de Loaysa. En 1535 Juan de Mori da flota de Alcazaba. En 1531-32 recibiu a Pedro Lopes e a Martín Afonso de Sousa que en 1534 de paso cara á Asia bautizou a todos os fillos de Caramurú e casou a dúas fillas súas. Diego Álvarez nun comezo viviu do abastecemento ocasional de navíos, despois do comercio de froitos da terra con bretóns e normandos, para comercializar posteriormente cando se consolidou a cidade de Salvador vendendo fariña de mandioca. Algúns investigadores relacionárono no seu comezo como axente dos franceses que comercializaban o pao-brasil.
Os Caramurú despois dunha longa tempada na corte francesa volveron aos seus dominios bahianos. Os reis de Portugal preocupados polas constantes visitas ao Brasil de expedicións estranxeiras decidiron fundar un primeiro asentamento poboacional estable. Tomé de Souza foi o encargado de organizar unha expedición de 400 soldados e 600 voluntarios, entre eles algúns presos. O 29 de marzo de 1549 desembarcou na Bahia de Todos os Santos. O primeiro mes instalouse xunto ás ruínas da Capela da Victoria. Nese mesmo sitio instalárase en 1545 o navegante Francisco Pereira Coutinho, e fora asasinado e posteriormente comido polos indíxenas. Tomé de Souza fundou definitivamente a cidade de Salvador. O galego "Caramurú" serviulle de intérprete contribuíndo a fundar as prósperas colonias do Brasil. Os portugueses ao atoparse cun branco que lideraba aos Tupinambas confundírono cun portugués xa que este lles falaba no seu propio idioma. Non temos que esquecernos que por aquel entón o idioma galego e o portugués en pouco ou nada se diferenciaban. Coa expedición de Tomé de Souza viñeron varios integrantes da Compañía de Xesús, sendo o superior da orde para os territorios do Brasil, Manuel Nóbrega. O xesuíta mencionado, aínda que era portugués tiña fortes vínculos con Galiza e Salamanca. Coa primeira estivo mercé á súa devoción por Santiago Apóstolo, que o levou a percorrer o camiño portugués de peregrinación á capital de Galiza. Con Salamanca estivo ligado a través da Universidade onde estudiou catro anos. Nóbrega, igual que Bartolomé de las Casas en Centro América, sobresaíu por defender os dereitos dos indíxenas, promovendo o ensino primario e secundario, a música, etc. Durante a súa permanencia como superior provincial da orde contou coa axuda de Álvarez Correa e con Catarina Paraguasu, quen asumira o cristianismo con fonda devoción. Entre as axudas realizadas por Caramurú a Nóbrega estivo a construcción da primeira igrexa. Para eles Caramurú contou coa axuda dos seus fillos, xenros e os Tupinambas que estaban baixo a súa xefatura. Tomé de Souza en agradecemento polos servicios prestados pola familia Caramurú distinguiu como cabaleiros aos seus fillos e aos seus xenros cando a fundación da primeira cidade brasileira. A cidade de Salvador por aqueles anos foise construíndo no outeiro da Sé, parte plana do alto da escarpa a 60 metros sobre o nivel do mar. É a zona que hoxe comprende o Pelourinho e a Plaza Castro Alves. Salvador converteuse na capital da colonia ata 1763. O pai Nóbrega nas cartas escritas desde o Brasil dixo que: "casou cunha fermosa india chamada Paraguasu converténdose no cacique daquelas terras... O máis nomeado home desta terra...". Álvarez Correa faleceu o 5 de abril de 1557 na poboación de Pereira ou Vila Velha deixando a metade da súa herdanza á Compañía de Xesús, sendo soterrado na súa igrexa.
O escritor lugués Manuel Castro López escribiu en "El Amanaque Gallego" : "...Pai numerosas veces e enlazado por parentesco con grande número de indíxenas, padecendo inxentes contratempos e calamidades desde o seu arribo a aquel país no ano 1510...". A aventura de Caramurú foi idealizada no século XVIII nun poema de dez cantos en oitavas titulado "Caramurú" da pluma do relixioso frei José de Santa Rita Durao, profesor de Teoloxía na Universidade de Coimbra. A dita obra foi editada en Lisboa en 1781 e traducida ao francés en 1829. No libro "Historia da Literatura Portuguesa", nunha análise que se fai da poesía brasileira, destacan do poema Caramurú: "O Caramurú contén belas pinturas da natureza brasileira. O episodio máis hábil e o máis dramático lese no suicidio de Moema, mozo india apaixonada por Diego Correia que se afogan no sulco do navío que o transportaba a Europa". A mencionada parte do poema épico Caramurú relatou desa forma o suicidio da India Moema:
Catarina do Brasil, "A Bella Paraguasu", sobreviviu ao seu marido rodeada do afecto da súa familia, dos indíxenas e dos poboadores portugueses. Paraguasu faleceu en Salvador o 26 de xaneiro de 1583. Despois da morte do matrimonio Caramurú os escolares bahianos foron coñecendo de xeración en xeración a historia deste cacique galego que se namorou da bela Paraguasu. Unha historia de amor, unha historia que marca o encontro de dúas culturas que fixeron posible a fundación de Salvador.
Lois Pérez Leira. |
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2001
|
|||||||||||||||||||
|