Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 9 de febreiro de 2001

Baixo a éxida dos supermonopólios
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Unha vez dentro do novo milénio podemos albiscar o que nos espera botando unha ollada ao resuldado do proceso de concentración de capital que se desenvolveu durante a década dos noventa.

Segundo diversos estudos da London School of Economics e outros autores, o capital transnacional coñeceu nos últimos 20 anos unha expansión crecente: representaba o 17% do PIB mundial en 1982, pasaba xa do 30% en 1995 e andaba perto do 50% no ano 2000. O proceso crecente de mundialización da economia (globalización, para outros) veu da mau da concentración de capital a traves das coñecidas fusións. Ao mesmo tempo, os Estados viviron un proceso de descapitalización, principalmente pola via das privatizacións. As estimacións falan de privatizacións por 513 millardos de dólares a escala mundial entre 1990 e 1997, dos cais 215 millardos corresponden á UE.

Este crecente proceso de privatización da economia mundial, sen precedentes históricos, fai que maís ou menos 200 megaempresas acumulen hoxe máis poder que moitos Estados. A orixe maioritária destes supermonopólios se reparte entre Estados Unidos, Xapón, Alemaña, Franza, Gran Bretaña, Suiza, Corea do Sul, Itália a Holanda. As 100 empresas líderes posuen 2 billóns de propriedades fóra dos seus países de orixe, segundo John Stopford, da London School of Economics.

A primeira consecuéncia nefasta deste proceso de superconcentración afecta directamente ao emprego. O reagrupamento de mercados que implica a superconcentración permite economias de escala. Os devanditos estudos mostran que as 37 mil transnacionais operan con menos de 250 empregados e frecoentemente con menos de 100 empregados traballan até en 15 países. Por exemplo, unha vez producida a fusión entre Exxon e Mobil reduciron a nómina en 7,5%, é dicer, cesaron a 9.000 traballadores. Coa concentración das empresas aeronaúticas en Estados Unidos se perderon un millón de postos de traballo desde 1992, segundo a revista The Economist.

Na Unión Europea, segundo variados estudos, se estima que se perderán até 312 mil postos de traballo antes do 2005. A UE carga xa con 18 millóns de parados, pero todo o continente ten xa 50 millóns de persoas sen emprego. O máis recente informe da OIT fala de máis de mil millóns de parados en todo o mundo.

O proceso de superconcentración do capital está xa contabilizado. Só durante os oito anos da administración Clinton en Estados Unidos se rexistraron 166.310 fusións ou alianzas de empresas por un monto de 9.8 billóns de dólares. Tal alud de fusións se reproduce en Europa e Xapón ao longo dos anos noventa, ainda que non dispoñemos de cifras totais. En todo caso, o proceso continuará nesta década.

Os exemplos máis recentes falan por si nos últimos dous anos. Chrysler foi mercado por Daimler-Benz. Mitsubishi e Volvo selaron unha alianza estratéxica. Renault mercou parte de Nissan. General Motors compra Daewoo e alia-se con Toyota, Isuzu e Suzuki; Ford con Mazda e Peugeot con Citroen.

Exxon e Mobil fusionaronse hai dous ano. Totalfina uniu-se con ELF en setembro do 99. British Petroleum e Amoco fixeron o mesmo. Repsol mercou YPF. Areospatiale Matra e Daimler-Chrysler fundiron-se nunha nova firma en outubro do 99 (Eads) baixo o auspício de Jospin e Schroeder.

Pero os sectores de telecomunicacións e financeiro levan a batuta das fusións. Vodafone, uniuse con Airtouch e tentou mercar en a Mannesmann. Hai maís: ATT con Mediaone; Bell Atlantic con GTE; CBS con Viacom; MCI con Sprint. Citicorp mercou Travelers; Nationsbank con BankAmerica; Mitsubishi Bank y Bank of Tokio; Unión de Bancos Suizos merca a Sociedade de Bancos; Banco de Escocia e Natwest. Santander e Central Hispano e BBV e Argentaria. Todos estos exemplos son dos anos 98 e 99.


Contratos basura e baixos salários

O tipo de contrato que une aos traballadores ás suas empresas se converteu en España no principal determinante do salário, moi por encima doutros conceitos como a formación, a idade ou a experiéncia do traballador, segundo un informe realizado polos profesores Santiago Pérez Camarero e Álvaro Fidalgo Vega para a Fundación Argentaria. Os autores de dito informe consideran que en España as características persoais do traballador, como son a idade, a titulación ou a experiéncia prévia, teñen moito menos peso na determinación das suas remuneracións que as características da relación laboral (antigüidade, ocupación, xornada realizada e tipo de contrato) ou as da empresa (tipo de propriedade, actividade económica, tamaño, tipo de mercado ou clase de convénio que regula as relacións laborais). Esta estrutura cria distorsións no mercado laboral e alonxa aos salários dos elementos mais ligados á produtividade, o que introduce moitas rixideces no sistema. Como os salários dos contratos temporais nacen xa un 35% mais baixos que os indefinidos e a própria temporalidade impede acumular antigüidade, a relación contractual actua como freo á medra dos salários e converte-se nun dos motivos mais claros de discriminación salarial, superior, mesmo, á discriminación observada por sexo. Asi, segundo os autores do citado informe con dados obtidos da enquisa de salários, as mulheres cobran até un 25% menos que os homes, pero un traballador temporal pode chegar a cobrar case a metade do que cobraria un fixo en igualdade de condicións. E é que as diferénciasas entre salários segundo o tipo de contrato se incrementan a medida que aumenta a idade. Chega ao máximo nos 50 e 53 anos, cando os salários temporais meios chegan a cair por embaixo do 50% dos salários indefinidos.


Annus horribilis

Este que comeza ten toda a pinta de ser un ano catastrófico para o emprego en Galiza. Oscuros nubarróns se cernen sobre a economia galega e os dados que se van coñecendo apontan a un empioramento dramático da situación do paro e do sector gandeiro e a pesca.

Quedan poucas dúbidas de que o ciclo alcista da economia deu todo o que tiña que dar en Galiza, deixando ao seu paso terra arrasada no agro e no mar e no tecido industrial público. Podese concluir xa que en Galiza non foi aproveitado o ciclo alcista, nen pola Xunta como motor do sector público, nen por un empresariado de visión estreita e larga mao para receber subsídios e traficar coas influéncias.
O ciclo alcista da economia rematou en Galiza coas seguintes cifras en matéria de emprego: 34,6% de traballo eventual, 15% de traballadores sen contrato, 30% de economia submerxida e unha situación de precariedade laboral que abrangue case ao 55% dos asalariados galegos.

Visto en perspectiva de longo prazo, en dez anos o paro non fixo senón medrar, mália calquer tipo de maquillaxe ou interpretación enrevesada que se quera facer da situación. Durante os governos de Fraga perderonse no país 129 mil empregos. A manchea de subvencións públicas ao empresariado, á criación de emprego, á formación, á promoción empresarial, os fulanos pactos polo emprego, serviron de pouco para cambiar unha situación que semella ser estructural e que ten que ver en definitiva co modelo de país que está na mente de Don Manuel e os seus rapaces.

O que se barrunta para este ano no noso país é para estremecerse. A aposta é moi forte e o mundo sindical e a sociedade galega teñen moito que decir sobre esta situación.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2001