Actualidade / Artigo Vigo, 6 de marzo de 2001 Decreto do governo: a isto levan os pactos sociais
Analisa-se neste artigo como a estratéxia baseada no diálogo e o pacto social, ademais de ser no imediato negativa pra os traballadores, termina instalando a pasividade na estrutura sindical e incapacitando (de continuar) aos sindicatos que a pratican pra enfrontar, mesmo no futuro imediato, calquer ofensiva patronal ou governamental contra a clase obreira.
Praticamente todos os analistas coinciden en valorar a Reforma Laboral, que impón o Governo de Aznar via Decreto, como feita a medida da CEOE. Non poden dicer outra cousa, porque case se axusta nun 90% ás propostas que a patronal leva anos realizando. Ninguén pode ter polo tanto dúbidas sobre a quen vai favorecer, máxime tendo en conta que os intereses de empresários e dos asalariados son contrapostos. Non é casual que no período de 1995 a 1998, mentres medraban os benefícios patronais minguaban os que recebian os asalariados nas empresas. En dados (Central de Balanzos do Banco de España): os benefícios empresariais foron do 8,19% en 1995 e do 16,27% en 1998; os salários pasaron de representar nas empresas o 57,57% en 1995 ao 51,3% en 1998. Os anos posteriores consolidaron esta tendéncia xa que en 1999 e no ano 2000 as empresas aumentaron as suas ganáncias en máis dun 30% no referido ao último ano respectivamente. Despedimentos máis baratos
O Decreto consolida os despedimentos máis baratos, alongando praticamente a todos os colectivos os novos contratos cunha indemnizacion de 33 dias por ano traballado, en caso de despedimento improcedente. Hoxe a indemnizacion é de 45 dias por ano traballado. O Executivo pode argumentar, demagoxicamente pero sen razón nengunha, que este contrato xa fora aceptado pra certos colectivos por CCOO e UGT no pacto do 97. Agora ben, alén das posturas erradas que manteñan estes sindicatos, que terá que ver a indemnizacion por despedimento improcedente coa xeración de emprego? Quen pense en contratar un traballador fixo non está a pensar no seu despedimento. Quen está pensando no despedimento é aquel que quer contratar a alguén fixo, aproveitando as subvencións á contratación, ou aqueloutro que quer despedir un operário que leva moitos anos e contratá-lo outra volta pero en condicións máis ruins. Estas situacións foron moeda corrente durante a vixéncia do acordo de 1997 e volverán-se a dar con este Decreto que é de vixéncia ilimitada. A única medida “positiva” é unha indemnización de oito dias por ano traballado pra os contratos eventuais. Pero non deixa de ser cativa, por non dicer sen nengun valor económico real. Trata-se dunha golosina que pretende contrarrestar perante a opinión publica o carácter negativo do resto das medidas aprobadas polo Governo. Fracasa a liña sindical de pacto
Pero, ademais de ser este un Decreto negativo pra os traballadores, tamén é un pau pra aquelas centrais sindicais que apostaron polo diálogo e o pacto. O governo decidiu o Decreto sen realizar reunións prévias coas centrais sindicais (cando menos que se fixesen públicas), recollendo a maioria das propostas patronais, e demostrando que iso do marco autónomo de relacións laborais (patronal, sindicatos) non existe máis que cando interesa que os sindicatos fagan de colchón social. O governo, as institucións, non poden estar á marxe das relacións laborais, sinxelamente porque estas teñen un papel fundamental no tipo de economia e sociedade que se defende. Con este decreto non só fai auga o marco autónomo de relacións laborais, senón ademais a estratéxia de pacto social. O Partido Popular non necesitou o aval sindical pra efectivizar un novo paso na desregulación laboral, e nen sequer contestou a ameaza de Fidalgo no senso de que isto lle podia traer custos eleitorais (despois de recoñecer o líder de CCOO que o pacto do 97 lle servira ao PP pra acadar a maioria parlamentar). Por riba de hipotéticos custos eleitorais o partido conservador colocou o seu proxecto económico e social. Se cadra porque pense tamén que a ameaza sindical non pasará disto, cando menos dos grandes sindicatos estatais. Coa oposición do sindicalismo nacionalista e as pequenas centrais sindicais xa conta. Por outra parte, a aposta que desde hai anos fan CCOO e UGT ao basearen unicamente no diálogo a “defensa dos intereses dos traballadores”, mantén coa garda baixa a sua base sindical, o que os impede reaxir con rapidez e forza ante este Decreto. Primeiro pasividade e agora incapacidade! Este é outro dos aspectos do fracaso da liña de diálogo e pacto, a incapacidade pra se mobilizar ante decisións inesperadas da patronal ou do governo. Ainda existindo as mesas de negociación, se están fóra precedidas e acompañadas por mobilizacións, a situación seria moi outra. A mobilización é a única saída
Hai quen pensa que por parte de CCOO e UGT non haberá unha resposta contundente, que non pasarán de declaracións “duras” e algunhas mobilizacións pra lavar a cara. Argumentan que mesmo pode existir un pacto pra que o governo sexa quen asuma os custos da reforma na contratación, xa que non hai nengunha das medida que se poida vender como unha compensación aos traballadores. Máxime tendo en conta que a reforma do 97 foi un fracaso, e só serviu pra transferir cartos públicos á patronal e flexibilizar máis o mercado laboral. O movimento obreiro ten capacidade pra forzar políticas progresistas, solidárias e democráticas dentro do Estado. Compre pra isto rachar definitivamente coa estratéxia do pacto social, do derrotismo sindical por parte das centrais sindicais de ámbito estatal. Cumpre facer posíbel a unidade sindical, pular pola mobilización da clase obreira e fixar obxectivos que eliminen a precariedade e permitan un reparto do traballo e da riqueza máis xusto e solidário. Desde o sindicalismo nacionalista galego levamos moitos anos abrindo sós este camiño, con constáncia, convencidos de que é a única saída real, que as demais son falsas portas que, ademais de implicar un recuar dos direitos dos traballadores, terminan por desfacer o mesmo suxeito que as pratica. Manuel Mera, presidente da CIG.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2001 |