Actualidade / CartaVolver


Vigo, 27 de marzo de 2001

Postura da CIG sobre o Plano de Acción para o Emprego 2001
 

CIG-

cig@galizacig.com



Carta da CIG ao secretario xeral de Emprego, Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, sobre o "Plano de Acción para o Emprego do ano 2001".

Pola presente, en nome da Confederación Intersindical Galega, fágolle chegar por escrito as nosas consideracións sobre o "Plan de Acción para o Emprego do Reino de España 2001" que nos foi remitido, e sobre o que mantivemos posteriormente unha conversación en Santiago de Compostela, na que xa adelantamos unha valoración crítica.

Según a nosa opinión o borrador do "Plan de Acción para o Emprego" adoece das mesmas debilidades e faltas que observamos no de 1999 e o do ano 2000, tal e como o indicamos no seu día a esa Secretaría Xeral de Emprego. Por exemplo, non ten en conta as diferencias existentes entre as autonomías e as nacionalidades do Estado español, tanto en materia de crecemento económico, como nas taxas de precariedade e desemprego, ou no referente á formación dos traballadores (aínda está pendente a transferencia a Galicia da formación continua.

Temos que destacar unha serie de datos negativos en relación á criación e ó tipo de emprego existente en Galicia, que nos alonxan con rapidez da media do Estado:

A taxa de eventualidade foi no ano 2000 do 34,3% (226.700 persoas), e dun 63% nos menores de 30 anos.

O número de desempregados era, no 4º trimestre do ano 2000, de 164.000 persoas, ou sexa do 13,6% (fronte ó 14,2% no Estado español).

O paro femenino dobla ó masculino. No último trimestre do ano 2000 era do 10,4% para os homes e do 20,7% das mulleres, sendo ademais unha parte importante destos contratos a tempo parcial.

Continúa a emigración, agora cara outras autonomías e nacionalidades do Estado español. No ano 1998 as cifras oficiais fixan en 15.000 os emigrantes, que se dirixiron especialmente a Canarias, Baleares, Madrid e Barcelona.

O colectivo inmigrante está formado fundamentalmente por retornados (galegos residentes no exterior ou descendentes nacionalizados). Entre os retornados e os inmigrantes, por falta da información necesaria e control administrativo, danse os traballos máis precarios e a inexistencia de contratos como algo normal.

Estos datos negativos son consecuencia, entre outros motivos, das políticas implantadas en materia de emprego e formación nos últimos anos, e que agora repítense en gran medida neste novo Plan. Polo que non podemos pensar que teñan ó final un resultado distinto, e permitan superar as altas taxas de paro e precariedade que existen hoxe no noso país.

Desde a CIG valoramos moi negativamente, especialmente, a última "reforma laboral" por Decreto, as modificacións introducidas á "Lei de Estranxería" que no seu día se aprobara cun amplo consenso parlamentario; así como, a constante transferencia ós empresarios de diñeiro público e reducción das cotizacións sociais patronais. Estanse empregando para dar estas subvencións ós empresarios motivos socialmente moi sentidos (xeración de emprego, reducir a precariedade, inserción da muller no mercado laboral, etc.) pero obxetivamente só serviron para aumentar as gañancias dos patróns.

Entendemos desde o noso sindicato que se deben implantar medidas que permitan a distribución do traballo (tendo en conta o aumento da productividade), a dignificación das relacións laborais dentro da empresa, un reparto equitativo da riqueza producida por medio do traballo. Con estas premisas desde a CIG propomos as seguintes medidas a curto e medio prazo:

Potenciar os sectores productivos; eliminar todas as limitacións á producción impostas pola UE. Rematar coas privatizacións de empresas do sector público. Consideramos fundamental para o conxunto da sociedade consolidar os servicios públicos básicos (ensino, saúde, etc.), hoxe sometidos a un proceso de privatización e a políticas de deterioración.

É necesario cos Presupostos contemplen un investimento público que como mínimo acade ó 5% do PIB.

Un programa específico de formación para os parados sen prestacións económicas, que leva parello un salario social.

Redefinición das actuais políticas activas de emprego creando novos programas que realmente sexan unha aposta decidida contra a precariedade e favorable á reducción da xornada laboral a 35 horas sen perda de salario, no camiño de afianzar postos de traballo dignos.

Aumentar a cobertura das prestacións económicas por desemprego, máxime tendo en conta o actual superávit do sistema.

Eliminar as horas extras e as ETTs. Regulación restrictiva das subcontratas e empresas de servicios, a fin de evitar a cesión ilegal de traballadores.

Garantir cos postos de traballo estabeis sexan cubertos con contratos indefinidos, para reducir os contratos temporais a causas estructurais e cun maior custe na cotización empresarial da Seguridade Social.

Programar os investimenos necesarios para potenciar os servicios socio-sanitarios: residencias asistidas, hospitais de día…

Criación dunha rede pública de garderías e escolas infantís con horarios amplos e comedores, fórmula necesaria para compatibilizar familia e traballo.


Galicia, a 26 de marzo do 2001.


Manuel Mera,
presidente da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/03/2001