Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 23 de marzo de 2001

Bancos españois aproprian-se de América Latina
O BBVA mercou empresas en catorce países latinoamericanos
 

Equipa Nizkor-

Rebelión

A multinacional hispana entrou na rexión en 1995 e desde esa data a sua expansión foi obsesiva e vertixinosa: mercou empresas en 14 países latinoamericanos, que hoxe representan o 30% dos seus activos totais, e reproduciu en todos elas o seu próprio modelo de xestión.

Quince executivos do Banco Bhif e a AFP Provida viaxaron a semana pasada a España. Os profisionais uniron-se en Bilbo a delegacións doutros 13 países latinoamericanos, igual como o fixeron nos últimos anos. O seu factor comun denomina-se BBVA, un dos maiores bancos do Estado español, controlador de entidades bancárias e previsionais nos principais países da rexión e dono en Chile do Bhif e Provida.

Perto dun milleiro de funcionários da entidade se reuniron o venres para unificaren critérios e homoxeneizar estratéxias. Un dia despois, o BBVA realizou a sua xunta anual de accionistas, copresidida por quen encabezaba o BBV e o Argentaria antes da fusión de ambos os bancos: Emilio Ybarra e Francisco González.

A presenza do continxente latinoamericano non é casual. O BBVA, que conta con 1,3 millón de accionistas, é hoxe o segundo operador bancário e o primeiro xestor de fundos de pensións de Latinoamérica, manexa activos na rexión por 109 mil millóns de euros, case un terzo do total, e conta cunha rede de máis de 4.300 oficinas bancárias.

"O modelo de negócios que estamos a implantar en América Latina está cada vez máis consolidado e permite mellorar a eficácia comercial e a produtividade", explicou durante a xunta Emilio Ybarra. A estratéxia do BBVA pasou por mercar bancos ou administradoras de fundos previsionais en operación e transformar a xestión deses activos sobre a base do modelo de negócios do BBVA, unificando-os á sua imaxe e reproducindo os seus patróns. O grupo desenvolve un programa estratéxico que busca, entre outras cousas, aumentar ingresos e reducir custos, reforzar a sua presenza en mercados con alta potencial de crecimento e expandir-se con forza a negócios vinculados á nova economia. A fins do 2002, o obxectivo é obter ganáncias mínimas de 550.000 millóns de pesetas. Nesa meta, Latinoamérica –onde investiu US$ 8.200 millóns– achegará unha parte substancial.

Expansión na rexión desde 1995, cando o BBVA ingresou á rexión mercando bancos en Peru e México, o grupo somou novos activos cada ano. En 1996 adquiriu o Banco Francés en Arxentina e un ano máis tarde penetrou en Venezuela.

En 1998, mercou unha entidade en Brasil, outra en Porto Rico e asociou-se ao Bhif co grupo Said, até esa data controlador exclusivo da institución chilena.

Un ano despois adquiriu a AFP Provida e no 2000 engadiu á sua carteira Bancomer, a sua maior unidade na rexión. A comezos deste ano, anunciou Ofertas Públicas de Adquisición de Accións (OPA) sobre as suas filiais en Colómbia e Arxentina e vaticinan-se novos pasos en Chile e Brasil, países onde o BBVA non se sente completamente cómoda coa sua actual presenza, baixa en comparación coas suas outras operacións, onde ten participacións de mercado relevantes.

O director xeral do BBVA América, José Ignacio Goirigolzarri, explicitou o interese da entidade por subir a sua presenza neses dous e precisou os camiños para iso: crecimento orgánico ou compra de novos bancos.

A mesma idea reiteraron os máximos executivos da multinacional ante os seus funcionários en todo o mundo. Carlos Senent, xerente xeral do BBVA Bhif, comentou os dous critérios xerais que foron advertidos nesa xuntanza: o grupo seguirá investindo en Latinoamérica, pero non realizará nengunha operación irracional.

Con iso, alude-se directamente á atitude da sua principal competidor na rexión, o Banco español BSCH, que pagou un prezo fóra de toda lóxica por unha importante posición en Brasil.

"Estamos á procura de todas as opcións que podan xurdir", indicou Senent.

Esas oportunidades, engadiu, poden ser a compra de carteiras, sucursais ou compañias. Ese mecanismo é o máis fácil para medrar rápido, pero a elevada competéncia por novas posicións e a estreita disputa entre os actuais actores elevou os prezos dos activos en Chile, o que dificulta unha operación dese tipo. A iso suman-se as poucas opcións existentes: o mercado especula e as apostas apontan ao Edwards, controlado polo grupo Luksic, e o Security, sobre o que andaban rumores de venda.

Os executivos do BBVA negan conversas concretas para elevar a sua presenza no país, pero non seria raro que a firma española surprenda axiña cunha nova adquisición que poda fusionar ao Bhif. O empresário chileno José Said –que tamén asistiu a semana pasada á xunta do BBVA– é sabedor desas intencións, pero gardou hermético siléncio e esbozou un suxerente sorriso ao ser consultada polas accións que planifican os seus sócios para ampliar o seu negócio en Chile.


As compras de BSCH

O Banco Santander Central Hispano (BSCH), o maior banco de España en activos, dixo o sábado que o seu exercício do 2001 marcha ben até o momento e que confiaba en superar os obxectivos deste ano e aumentar os seus benefícios un 27 por cento.

"Os resultados nos dous primeiros meses do ano foron moi satisfactórios, e teño moita confianza na nosa xa probada capacidade para superar os obxectivos do grupo'', dixo aos accionistas o presidente Emilio Botin. O BSCH propuxo un dividendo de 45.5 pesetas por acción, un 20 por cento máis que o pasado ano.

Os accionistas aprobaron as contas do banco do ano 2000, un ano no que o benefício atribuído aumentou un 43 por cento, a 376 billóns de pesetas ($2.11 billóns), en parte debido ás novas adquisicións en Latinoamérica.

No último ano, BSCH fortaleceu a sua xa enorme presenza en América Latina coa compra de Banespa, o terceiro grupo financeiro privado de Brasil; Serfin, o cuarto maior banco minorista de México por activos e Banco Caracas, o cuarto banco de Venezuela. Esas adquisicións custaron-lle ao banco 1.5 billóns de pesetas ($8,420 millóns).

Botin dixo que a compra de Banespa, que no seu momento foi controvertida polo alto prezo que o mercado considerou que pagaba o grupo español polo banco brasileiro, estaba a deixar benefícios.

"Nos primeiros 100 dias en que Banespa formou parte do noso grupo, o número de contas triplicou-se e o volume de pólizas de seguros multiplicou-se por sete ... Isto é só o princípio'', dixo Botín.

"Queremos continuar fortalecendo as nosas alianzas, mantendo a nosa privilexiada posición nos mercados financeiros de Europa'', dixo pola sua parte o presidente executivo do grupo, Ángel Corcostegui.

Doutra banda, o Grupo BBVA considera ainda aberto o mapa bancário europeo, onde prevé operacións de concentración, apesar da resisténcia dos reguladores e onde espera desempeñar un papel activo cando se produzan.

"O proceso de consolidación europea acabará producindo-se máis cedo que tarde'', dixo o sábado o copresidente Francisco González, na Xunta de Accionistas.

"Neste entorno mudante, no que todo está por decidir, estamos nunha magnífica posición para xogarmos un papel protagónico no deseño do mapa bancário europeo'', engadiu.

Na sua xunto xeral de accionistas, o BBVA festexa o seu matrimónio con América Latina. Unha aposta ao potencial da rexión, que tamén garda riscos se a economia non consolida o seu crecimento.

Unha terceira parte. Esta é a cantidade dos seus activos que o Banco Bilbao Vizcaya Argentaria (BBVA) confiou a Latinoamérica. Tres cuartas partes dos empregados e máis da oficina das secretarias do BBVA achan-se na rexión.

A estratéxia é clara: globalización con axuda do trampolin latinoamericano, ao cal aposta tamén o outro grande grupo financeiro español na rexión, o Banco Santander Central Hispano (BSCH).


[Artigo tirado da publicación electrónica 'Rebelión', 15 de marzo de 2001]

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/03/2001