Actualidade / Conferéncia Santiago, 9 de marzo de 2001 A loita contra a globalización é local, nacional e internacional Texto íntegro da conferéncia pronunciada por Ramón Maceiras López, en Fene, o 2 de marzo, dentro do ciclo promocionado polo Concello de Fene titulado “O sindicalismo na era da globalización”
Cumpren-se 29 anos desde que aquel 10 de marzo de 1972 a clase obreira galega ergueu-se colectivamente e colocou-se no mesmo nível histórico en que os mártires de Chicago colocaron ao proletariado norteamericano, ou a revolución de outubro ao proletariado ruso. O asasinato de Amador Rei e Daniel Niebla espertou en todos os traballadores deste país a dignidade colectiva e a rebeldia da que fixeron gala nas xornadas do 72. Vintenove anos despois, estamos aqui para homenaxear a Amador e a Daniel e a todos aqueles militantes sindicais e políticos que foron perseguidos, torturados, despedidos, exiliados ou condenados en xuízos sumarísimos por defender a causa dos traballadores e da liberación nacional de Galiza. Temos que recoñecer que os avanzos que tivemos os traballadores en liberdades, en condicións de vida e de traballo, debemos-llos ao sacrifício de moitos loitadores. Os que aqui estamos sabemos que os traballadores nunca consegueron nada regalado. Todas as conquistas exixiron de organización e de loita fronte ao capital e o Estado. Pero vintenove anos despois, aqui, en Fene, imos a facer o diagnóstico de que a situación xeral dos traballadores galegos e dos traballadores de todo o mundo sofreu un sério retroceso. Todo o conquistado está en perigo. Hoxe, un tercio da forza de traballo mundial – algo en torno a mil millóns de persoas – está sen emprego, e non vive nas “cabanas eletrónicas” que pregona Bill Gates, non está no “setor de servizos” nen se dedica, aparentemente, ao ócio criativo. Polo contrário, o que as estatísticas mostran é que eses milleiros de desempregados seguen ligados ao mesmo “paradigma do traballo”, só que agora como traballadores precarizados, terceirizados ou subcontratados, con direitos cada vez mais limitados e cada vez mais alleos ao mundo das organizacións sindicais. Unha transformación social xigantesca, pero que non foi o resuldado natural, nen moito menos benéfico, das novas tecnoloxias informacionais. Foi, en grande medida, o resuldado dunha reestruturación política e conservadora do capital, en resposta á perda de rendabilidade e governabilidade que enfrentou durante a década de 1970. Nese sentido, cando os teóricos do "pos-industrialismo" decretan o "fin do traballo", están ollando apenas para os números que indican a redución do peso relativo do emprego industrial na estrutura ocupacional. Mais mesmo aí, as evidéncias son de que a mudanza ven-se dando de forma extremamente desigual entre os diferentes países. Se é posíbel dicer que o emprego ven crescendo mais rapidamente no setor de servizos, nos Estados Unidos, Inglaterra e Canadá, o mesmo non se pode dicer con relación ao Xapón, Alemaña, Franza ou mesmo na Itália. Para non falar do caso da periféria latinoamericana, onde a destrucción dos empregos industriais foi obra dunha política económica ultraliberal que promoveu de forma explícita e estratéxica a desindustrialización e o aumento do desemprego estrutural, independente de calquer tipo de revolución informacional. Todo indica, portanto, que o traballo non perdeu a sua centralidade e que a clase operária non acabou. O que ocorreu nas últimas duas décadas do século 20 foi, de fato, unha complexización do mundo do traballo e do desemprego. E, como consecuéncia, unha inevitábel dispersión dos intereses e da linguaxe dos traballadores, o que ven dificuldando a soldaxe política dos seus diversos segmentos. Non é nova, ainda que sexa paradoxal, a dificuldade da esquerda e do movimento obreiro para compreender e se axustar a esas mudanzas periódicas do sistema capitalista. O que fica ainda pior, cando se impón dentro destes ámbitos a opinión economicista ou produtivista de moitos dos seus intelectuais, que se esganan toda vez que diagnostican mudanzas tecnolóxicas no campo da produción capitalista. Neses casos, acaban sempre provocando a reabertura do debate sobre as bases materiais e sociais do seu proxecto histórico. Foi isto o que ocorreu, pola primeira vez, no final do século 19, coa revisión proposta polo social-demócrata alemán Eduard Bernstein. Encantado coas transformacións producidas polo que se chamou "segunda revolución industrial", el xa falaba, na década de 1890, da necesidade de revisar os conceitos básicos e as estratéxias socialistas como resposta ás "mudanzas tecnolóxicas e organizacionais do capitalismo" que ocorren a partir de 1870. E agora de novo, nos anos 1990, sobretodo despois do fin do mundo soviético, os mais atordoados polo "progreso tecnolóxico" voltan a ser os partidos de esquerda. En canto os liberais anuncian o fin da história, unha boa parte dos intelectuais progresistas que idealizaran ao proletariado, agora, decepcionados, queren dicer adeus e enterrá-lo antes que morrese. Pero hoxe sabemos que a fulana "revolución" tecnolóxica que cacarexan abusivamente nos meios de comunicación non é tal, porque a taxa de crecimento da produtividade era moito maior entre os anos 50 e 75 que desde esta data en adiante. Os ordenadores producen ordenadores mais complexos, pero iso non significa que o traballo rinda mais. Internet non implica unha maior produción de bens. Hai demasiada mitoloxia sobre que a expansión do capital no mundo está en función da tecnoloxia. Isto non é asi. Retomando a vella cantinela, debemos dicer que o capital está-se a expandir porque política e militarmente consegueu derrotar aos países e sociedades anticapitalistas. En moitos lugares entraron governantes pro ocidente (ao estilo Ieltsin). En case todos, os sindicatos se debilitaron...E o resuldado deso son os contratos lixo e o despedimento libre. Pero por sorte, ese período de cegueira e atolondramento que chegou tras a caída do "socialismo real" está a piques de rematar. O novo milénio trai-nos novas esperanzas e o renacemento da resisténcia. Vemo-lo na própria barriga do monstro: mobilizacións en Seattle, Washington, Xenebra, na mesma e própria festa do gran capital en Davos, grupos revolucionários en Colombia, alzamentos en Ecuador, caída do vello réxime en Venezuela, manifestacións dos sen terra en Brasil, dos campesiños en Franza, renascer do sindicalismo de clase en todo o mundo. O poder do capital é moi vulnerábel porque os resuldados da sua expansión son terríbeis para moitos sectores da sociedade mundial. Ocorre-se-nos que haberia que perguntar-lle á xente se está a favor da concentración e a centralización do poder económico en monopólios. Estamos seguros de que poucos dirian que si. O problema é que se está a presentar a globalización como algo inevitábel, natural e universal. Desde o ano 45, a partir de organizacións de clase nacionalistas e progresistas, conseguiron-se moitas cousas no mundo. Sanidade pública, educación, pensións, vacacións, direitos sociais e políticos en xeral. Pero a partir do debilitamento organizativo dos sindicatos e das organizacións progresistas desde o ano 75, o capital logrou recuperar moito terreo e dar marcha atrás en moitas conquistas. Os capitalistas din-nos agora que este é o único e mellor mundo no que podemos viver. Pero sabemos que non é verdade. Os traballadores conseguiron no pasado un estado de benestar e poden volver a loitar para recuperar o perdido e obter ainda mais. A alternativa á globalización e ao neoliberalismo xurde nos países pobres en forma intensa e extensa, pero en Europa e Estados Unidos hai tamén moito descontento. Moita xente non vota, hai xóvenes que escolleron a loita extraparlamentária, as manifestacións e a desobediéncia civil. Cada vez mais persoas en mais países cuestionan a socialdemocrácia da nova dereita, á chamada "terceira via", que non é outra cousa mais que a dereita anterior, como dixera o ano pasado en Pontevedra o profesor James Petras. Pero hai que mudar certos costumes que se fixeron carne no pasado recente. Non se lle pode pedir a persoas que non teñen prática de loita reivindicativa que chegue o dia das eleicións e voten pola esquerda. Para que a xente vote polo progreso ten que compartir a loita, ten que viver a experiéncia de que xuntos, como colectivo, é posíbel cambiar e mellorar a sociedade. Se non é asi, sempre gañará a propaganda oficial. Cando hai auséncia de atividade política e social, a xente sempre votará polo partido que gasta mais diñeiro. A esquerda que se quede no parlamento con grandes discursos pero sen inserción nas loitas e reivindicacións populares, nunca vai gañar nada. Os sindicatos que reduzan a sua atividade ás mesas de negociación coa patronal e o governo están condenados ao basureiro da história. As pequenas loitas cotidianas crian grandes movimentos e oxalá saian desta xeneración. Culturas como a nosa teñen espazo dentro dun mundo cada vez mais globalizado. Se os galegos defenden o seu proxecto cultural e o seu proxecto de país, se hai resisténcia e reivindicación, hai sítio para que se manteñan culturas como a nosa. O que está claro é que non hai que someterse, baixarse os pantalóns e aceitar o que impoñen o imperialismo e a globalización. Os que din que só hai unha opción, a do pensamento único, ou lles falla imaxinación e práticas de loita, ou xa se entregaron ao império. O importante é non sentirse acomplexado. Non desexar sair de Galiza para chegar a Madrid. Fene non é inferior a Manhattan. Ferrol non é distinto a Chicago, como demostraron Amador e Daniel. Nos catro sítios hai os mesmos dramas da vida diária, iguais amores e desamores. Nos catro sítios o capital esmaga aos traballadores. Nos catro sítios podemos empezar a construir a resisténcia contra a praga neoliberal. A loita non ten fronteiras
É inebitábel aqui unha referéncia ao Manifesto Comunista de Marx e Engels, obra que contén un incisivo e penetrante diagnóstico do mundo contemporáneo. O capitalismo -insistian os dous autores- está levando a cabo un proceso de unificación do mundo, submetendo todo o planeta á sua dominación. A burguesia "obriga, baixo pena de morte, a todas as nacións a adoutar o modo burgués de produción; as obriga a introducir a chamada civilización no seu seo, isto é, a se tornaren tamén burguesas. Nunha palabra, ela modela o mundo á sua imaxe". Isto era, en grande medida, en 1848, unha anticipación de tendéncias futuras. Se trata dunha análise que é moito mais verdadeira hoxe do que hai 150 anos atrás. Nunca antes conseguiu o capital, como agora, no início do século 21, exercer un poder tan completo, absoluto, integral, universal e ilimitado sobre o mundo inteiro. Nunca antes pudo impor, como atualmente, as suas regras, suas políticas, seus dogmas e seus intereses a todas as nacións do globo. Nunca antes existiu unha tan densa rede de institucións internacionais -como o Fundo Monetário Internacional, o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comércio- destinada a controlar, governar e administrar a vida da humanidade segundo as regras estritas do libre mercado capitalista e do libre lucro capitalista. A ditadura internacional que exercen as multinacionais e o capital financeiro mundial é sen precedente na história. A previsión de Marx e Engels se realizou, nun grau surprendente. Pero encontramos tamén no Manifesto Comunista previsións que non se realizaron. Marx e Engels previran que "as demarcacións e os antagonismos nacionais dos povos desaparecen cada vez mais co desenvolvimento da burguesia, coa liberdade do comércio e o mercado mundial, coa uniformidade da produción industrial e as condicións de existéncia que corresponden a esas demarcacións e a eses antagonismos". A história do século 20 -duas guerras mundiais, e inumerábeis conflitos brutais entre nacións- non confirmou de maneira algunha esta previsión. Na realidade, o que esta experiéncia histórica demonstra é que o reino da burguesia e a dominación do mercado capitalista non suprimen senón que intensifican -a un grau sen precedente- os conflitos nacionais. Que consecuéncias tivo a intensificación do proceso de globalización capitalista nos últimos anos? Se examinamos o que pasou nesta década, fica evidente que, contrariamente ao que pretenden os ideólogos do mercado global, este non contribuiu de nengunha maneira a criar unha «nova orden mundial» pacífica e harmoniosa. Moi polo contrário, a globalización alimentou as loitas identitárias e os nacionalismos. A falsa universalidade do mercado mundial estimula os particularismos: o cosmopolitismo mercantil do capital e as pulsións identitárias se nutren reciprocamente. Son a tese e a antitese dunha das grandes contradiccións do imperialismo na era da globalización. Pero na discusión sobre o futuro dos estados-nacións ous das nacións sen estado hai que evitar conclusións precipitadas: a primeira, é a de considerar aos estados-nacións ou ás nacións sen estado como institucións en declinación, desaparecimento ou perda de calquer poder político e/ou económico como resuldado do proceso de globalización neoliberal; e a segunda é acreditar que a defensa da nación e da soberania nacional é a única ou a principal liña de defensa contra os estragos do mercado globalizado. Contrariamente ao que se afirma con frecuéncia, os estados-nación continuan a xogar un papel decisivo no campo político e económico. Para comezar, son os Estados dos países capitalistas dominantes, através de seus representantes, os que determinan as políticas neoliberais do G-7, do FMI, do BM, da OMC. Son estes mesmos Estados, os que utilizando os seus instrumentos militares e en particular a OTAN, impoñen a sua orde en escala mundial, como o demonstran as guerras de intervención imperial no Golfo e na Iugoslavia. Enfin, o estado-nación norteamericano, única superpoténcia no mundo atual, exerce unha hexemonia económica, política e militar indiscutíbel. No caso dos países do Sul, os estados-nacións non deixan de xogar un papel importante: salvo poucas excepcións, funcionan como correias de transmisión para o sistema de dominación imperial, se submetem sen dúbida aos imperativos do capital financeiro e aos ditados do FMI, colocan o pagamento da débeda externa como primeira prioridade do orzamento e poñen en pratica, co maior celo, as políticas neoliberais de “axuste estrutural”. Como resistir á globalización capitalista, ás políticas neoliberais produtoras de brutal desigualdade social, de desastres ecolóxicos, de regresión social, de «horror económico» e de agravamento da débeda e da dependéncia dos paises do Terceiro Mundoou das nacións periféricas sen estado? É óbvio que o estado-nación ten un papel a xogar nesta resisténcia, e a primeira exixéncia dos movimentos anti-sistémicos – para utilisar a pertinente terminoloxia posta de moda no recente Foro Social Mundial de Porto Alegre– é de que seus governos rompan coas orientacións do FMI, decreten unha moratória da débeda externa, e reorienten a produción para as necesidades do mercado interno. Pero, nunha última análise, unha loita eficaz contra o Império do Capital multinacional non se pode limitar ao nível do estado-nación. Por várias razóns: - As vitórias obtidas ao nível nacional son limitadas, precárias e constantemente ameazadas pola poténcia do mercado capitalista mundial e das suas institucións.
- Unha perspeitiva estreitamente nacional non permite a formación de alianzas e a constitución dun polo mundial alternativo. Só unha coalición de forzas internacional é capaz de enfrentar e obrigar a recuar ao capital global e seus instrumentos: FMI, OMC.
- O estado-nación non é un espazo social homoxéneo. As contradicións de clase, os conflitos sociais e a fratura entre a oligarquia e a masa dos traballadores, a elite previlexiada e a multitude dos pobres e dos excluídos atravesa cada nación.
- Asumindo a lexitimidade das formas progresistas e emancipadoras do nacionalismo hai que evitar no mundo de hoxe formas illacionistas, intolerantes, agresivas, expansionistas, opresoras.
- Os problemas mais urxentes da época son internacionais. A débeda do Terceiro Mundo, a ameaza de catástrofe ecolóxica iminente, o control da especulación financeira e a supresión dos paraísos fiscais, o cancro da precarización do mercado de traballo, o desmantelamento do estado de benestar, a explotación infantil, o incremento da prostitución, a medra imparábel do desemprego, son cuestións globais que esixen solucións planetárias.
Estamos convencidos de que para loitar de maneira eficaz contra o sistema é preciso traballar simultaneamente en tres niveis: o local, o nacional e o mundial. O movimento zapatista é un bon exemplo desta dialética: profundamente enraizado nas comunidades indíxenas de Chiapas e a sua exixéncia de autonomia, loita ao mesmo tempo contra a dominación imperialista sobre a nación mexicana e contra a hexemonia mundial do neoliberalismo (Conferência Intercontinental pela Humanidade e contra o Neoliberalismo em Chiapas, 1994). É o caso tamén do MST brasileiro, que ten a sua base social nas mobilizacións e ocupacións locais, que apresenta un proxecto nacional para un novo modelo de desenvolvimento económico e social no Brasil, sen deixar, ao mesmo tempo, de participar da rede camponesa internacional «Via Campesina» e de todas as mobilizacións internacionais contra a globalización capitalista. Ou a prefeitura de Porto Alegre e o governo do Estado do Rio Grande do Sul, dirixidos por administracións petistas (PT), tratan de enfrentar as urxentes cuestións locais a partir das necesidades sociais da povoación pobre e traballadora, ao mesmo tempo que participan do combate da oposición popular brasileira contra a política neoliberal do governo de Cardoso, e que co-organizaron agora en xaneiro o Fórum Social Mundial de reflexión sobre un novo mundo posíbel. O estado-nación é un dos terreos esenciais da loita: en cada pais e co seu governo é que o movimento antiliberal ten que axustar contas en primeiro lugar. Pero cada vez aparece mais a necesidade urxente de unir forzas, intercambiar experiéncias, artellar iniciativas, en vistas de constitur un pólo alternativo, un contra-poder, unha Internacional da Resisténcia á globalización capitalista. O encontro internacional de Chiapas en 1994, as batallas de Seattle, Praga e Niza no ano passado, e o Forum Social Mundial que inaugurou o século XXI, son algunhas das principais etapas da constitución deste novo internacionalismo, orientado polos intereses comuns dos traballadores de todos os países e pola defensa da Humanidade. O que está en xogo, nesta confrontación planetária decisiva, non é só o destino dunha ou outra nación, senón tamén o do conxunto da espécie humana, ameazada na sua própria sobrevivéncia polas catástrofes ecolóxicas que resultarán, inevitabelmente, do curso atual, desenfreado e irracional, de destrucción capitalista do meio ambiente. O capital global é o inimigo comun da grande maioria da humanidade. Seus adversários son traballadores de Paris e de Sao Paulo, sindicalistas de Detroit e de Seoul, de Fene, Ferrol, ou Vigo, camponeses da Confédération Paysanne e do MST brasileiro, ecoloxistas do Sul e do Norte, feministas da Marcha Mundial das Mulleres, xóvenes das redes de acción direta contra a mercantilización do mundo, e militantes de todas as cores do arco da vella da esquerda socialista, comunista e libertária. Esta loita contra o capital global non coñece fronteiras: ela é, por necesidade imperativa, mundial e planetária. En conclusión
1: As décadas dos setenta, os oitenta e os noventa foron un periodo de contrarrevolución neoliberal a todo o longo e ancho do planeta. Nese tempo puxo-se en marcha unha política de concentración da renda nas capas altas e marxinalización crecente das capas baixas da povoación mundial. Nestes anos xurdiron unha série de estruturas económicas novas que se basean no poderío financeiro e a operación através de redes informáticas internacionais privadas. Estes novos axentes danaron gravemente os mercados nacionais e fixeron que os subsídios do Estado deixen de empregarse en programas de benestar social para pasar a socializar as perdas do capital privado. 2: O gran capital foi abandonando as atividades produtivas para centrarse na especulación e nos chamados servizos, saqueando ao Estado e devaluando progresivamente a renda do traballo. 3: Produciu-se unha carreira entre os tres principais poderes capitalistas por conseguer unha superioridade competitiva, por delimitar blocos imperialistas e por penetrar e expandir-se nos mercados dos competidores. A rivalidade imperialista entre EEUU, Alemaña e Xapón desprazou ao conflito bipolar entre EEUU e a URSS. 4: Desaparece o socialismo real e arrincona-se á oposición socialista e de esquerda. 5: Implantan-se os réximes eleitorais en amplias áreas do terceiro mundo e no sur e o leste de Europa. Ise proceso, chamado "transición democrática", está constreñido por estruturas autoritárias do Estado e sistemas económicos neoliberais. 6: Dá-se unha trasnformación cultural baseada na prática e na ideoloxía do neoliberalismo. Por unha banda, o convencemento de que a ambición é boa e que a ascensión individual na sociedade é o hino do progreso. 7: Produce-se a integración política e ideolóxica da socialdemocrácia, de moitos partidos comunistas e de moitos esquerdistas dos anos sesenta. Antigos esquerdistas unen-se á sacralización do mercado como o máis eficiente mecanismo para organizar a economia. 8: Na área das relacións e valores persoais toma-se como princípio constituinte a guerra de todos contra todos. O poder persoal convirte-se en valor das elites e dos seus supostos adversários. Desacredita-se e ridiculiza-se a solidariedade social. Privatiza-se a vida. As relacións personais e de amizade abandonan-se por intercámbios impersonais e relacións instrumentais. A desconfianza universal considera-se como a máxima sabiduría. O cálculo e a manipulación desplazan á espontaneidade e á solidariedade. Neste anos a realidade cultural máis extendida corresponde-se coa imaxe duns indivíduos pasivos no traballo, descerebrados na política e expectadores dos meios de comunicación (deportes, sexo e crime) no seu tempo de ócio. A siquiatría adica-se ao control do stress en vez de controlar aos provocadores do stress. A depresión convirte-se nun estilo de vida: unha vida aillada, impotente, rutinária, privada de relacións espontáneas e de verdadeiro afecto. 9: Estas políticas neoliberais están a criar tensións sociais globais, semellantes ás que se deron a escala nacional durante as primeiras etapas da industrialización: mentres que medra o número de billonarios, mais e mais xente en todo o mundo atopa-se nun sistema que non lles oferece lugar na produción nen acceso ao consumo. Esta desesperación, combinada coa libre mobilidade do capital, oferece aos investidores transnacionais o mellor ambiente imaxinábel para enfrontar tanto a traballadores como a governos entre si. O resuldado é un "descenso en espiral" das condicións sociais e ambientais, e o desmantelamento das políticas de redistribución (impostos progresivos, sistemas de seguranza social, redución de horas de traballo, etc.). Cria-se un círculo vicioso, onde se acrescenta a concentración da "demanda efectiva" nas maos das élites transnacionais, mentres mais e mais xente non pode satisfacer as suas necesidades básicas. 10: Estes procesos de exclusión e acumulación mundial levan a un ataque global contra os direitos humanos mais elementais, con consecuéncias moi visíbeis: miséria, fame, falla de vivenda, desemprego, deterioramento das condicións de saúde, non acceso á terra, analfabetismo, agudización das desigualdades de xénero, medra explosiva do sector "informal" e das economias mergulladas (particularmente a produción e tráfico de drogas), destrucción da vida comunitária, recurtes nos servizos sociais e direitos laborais, aumento da violéncia en todos os níveis da sociedade, aceleración da destrucción ambiental, crecente intoleráncia racial, étnica e relixiosa, migracións masivas (por razóns económicas, políticas e ambientais), aumento da represión e o control militar, etc. 11: A globalización do capital arrebatou nun grau altamente significativo aos traballadores da sua posibilidade de confrontarse ou negociar co capital nun contexto nacional. A maioria dos sindicatos convencionais (particularmente nos países privilexiados) aceitaron a sua derrota a maos da economia global e renuncian volutariamente ás conquistas logradas coas bágoas e o sangue de xeracións de traballadores. Dacordo coas exixéncias do capital transnacional, trocaron a solidariedade pola "competitividade internacional", e os direitos laborais pola "flexibilidade do mercado laboral". Agora están a fomentar activamente a introdución dunha cláusula "social" no sistema multilateral de comércio, que dará aos países privilexiados unha ferramenta para o proteccionismo selectivo, unilateral e neocolonialista, co efeito de aumentar a pobreza en lugar de ataca-la na sua raiz. Respostas
Fronte a estas xigantescas transformacións, a loita de clases mudou de contexto e de contido. As respostas antiglobalizadoras van aparecendo pouco a pouco e as liñas básicas de enfrontamento que se perfilan poden resumir-se asi: O problema fundamental mora, de novo, na clase de Estado á que aspiran os movimentos sociais. O Estado pode ser agora mais que nunca unha ferramenta para o cámbio na medida en que coloque barreiras reais aos monopólios transnacionais, reduza a burocrácia e maximice a redistribución dos recursos na sociedade. Hai que considerar a economia nacional como o ponto de partida de calqueira oposición á internacionalización do capital, dentro dunha estratéxia que impida a exportación de capitais nacionais e poña controles ao capital transnacional. Ao mesmo tempo a solidariedade internacional dos traballadores debe tender a homoxeneizar por enriba as condicións de traballo e facer fronte á internacionalización do capital. Os cámbios tecnolóxicos deben ser utilizados para impulsar políticas de redución de tempo de traballo e aumento do emprego. A feminización do traballo requere políticas concretas de transvase presupuestário cara as famílias traballadoras e o paso dunha representatividade simbólica a outra substantiva no caso da muller. É tempo, pois, de novo, para o combate. O que está claro é que non hai que someterse, baixarse os pantalóns e aceitar o que impoñen o imperialismo e a globalización. Aos que din que só hai unha opción, a do pensamento único, ou faltan-lles imaxinación e práticas de loita, ou xa se entregaron ao império.
Moitas gracias.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2001 |