Actualidade / Artigo O zapatismo, un movimento organizado para a loita: Rafa Villar- Na 1ª Declaración da Selva Lacandona o EZLN lembraba: “Somos produto de 500 anos de loitas: primeiro contra a escravitude, na guerra da Independéncia contra España encabezada polos insurxentes, despois por evitar sermos absorbidos polo expansionismo norteamericano, logo por promulgar a nosa Constitución e expulsar o Império francés do noso chan, despois a ditadura porfirista negou-nos a aplicación xusta de leis de Reforma e o povo revoltou-se formando os seus próprios líderes, xurdiron Villa e Zapata, homes pobres coma nós ao sque se nos negou a preparación máis elemental para asi poder utilizar-nos como carne de canón e saquear as riquezas da nosa pátria sen lles importar que esteamos a morrer de fame e doenzas curábeis, sen lles importar que non teñamos ren, absolutamente nada, nen un teito digno, nen terra, nen traballo, nen saúde, nen alimentación, nen educación, sen ter direito a elexer libre e democraticamente as nosas autoridades, sen independéncias dos estranxeiros, sen paz nen xustiza para nós e os nosos fillos [...]”. Pasados sete anos, e logo de diversos avatares para o movimento zapatista e da recente derrota eleitoral do PRI –partido que se mantiña no poder desde habia máis de setenta anos–, o EZLN decidiu o início dunha marcha sobre a capital de México, como proba da determinación zapatista por conseguir unha série de conquistas sociais e políticas irrenunciábeis para os povos indíxenas que o EZLN representa. Co gallo da marcha zapatista, desde o sítio web da CIG queremos abrir un espazo de información sobre o movimento zapatista, através de diferentes artigos de opinión e outros máis de fundo que analisan a realidade chiapaneca e a do próprio EZLN. A seguir, oferecemos unha série de artigos que coidamos de interese para mellor comprendermos a situación dos povos indíxenas de Chiapas, que non cesan no seu combate de denúncia do neoliberalismo e de reivindicación dos seus direitos. O primeiro dos artigos, titulado "Notas para comprender a orixe da rebelión zapatista", fai un extenso e documentado percorrido pola história dos indíxenas de Chiapas até desembocar no momento actual e na aparición do EZLN. O segundo e o terceiro, "O EZLN e a exclusión" e "A marcha cara a unha nova nación", centran-se xa nas reivindicacións actuais do zapatismo, ao fio da marcha zapatista sobre México DF. Tamén queremos divulgar as reflexións que sobre o zapatismo se fan desde Galiza e incluímos senllos artigos de Xulio Rios e Lino Pellitero, do Igadi, titulados "A longa marcha zapatista" e "Chiapas, ¡diálogo xa!".
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2001 |