ActualidadeVolver


Santiago, 13 de abril de 2001

O novo acordo sobre pensións: avanza a contrarreforma laboral
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística



O luns dia 9, CCOO, a CEOE e mais o Governo escenificaron o asinamento dun acordo sobre pensións, sobre o cal os traballadores e traballadoras galegos -e os do resto do Estado- non foron consultados. Desta volta a UGT decidiu non se sumar ao Acordo (que leva o rechamante título de “Acordo sobre o desenvolvimento do sistema de Seguridade Social”).

Segundo se declara na introdución do próprio Acordo, este segue as directrices emanadas do Pacto de Toledo e do chamado Acordo Social de outubro de 1996 e significa abrir "un vieiro de reformas que permitan a sua modernización [da Seguridade Social] en función da evolución das necesidades sociais".

A seguir damos a coñecer a totalidade do texto do dito Acordo, que afonda no camiño iniciado coa Reforma Laboral pactada entre o Governo e os dous sindicatos de dirección española máis representativos.



Acordo sobre o desenvolvimento do
sistema de Seguridade Social

Introdución

As partes asinantes deste Acordo, no marco das Recomendacións do Pacto de Toledo e do Acordo Social de outubro de 1996, e dentro do obxectivo de consolidación do sistema da Seguridade Social, consideraron a necesidade de que os modelos de Seguridade Social se embarquen nun vieiro de reformas que permitan a sua modernización en función da evolución das necesidades sociais. Reformas que deben incidir de maneira positiva sobre os dous apoios esenciais do Sistema: o crecimento económico e a criación de emprego.

Estas iniciativas deben levar-se a cabo dentro dun marco de diálogo social, xa que este é un instrumento substancial na definición e posta en marcha das adaptacións necesárias no noso Sistema de Protección Social. Por todo iso, en prol da pervivéncia dun Sistema estábel, saneado e equilibrado, as partes consideran que, dada a natureza non contributiva dos complementos a mínimos, é o momento oportuno de estabelecer a localización definitiva destes en canto ao seu financiamento, asi como o prazo máximo no cal deberán ser financiados através de contributos consignados nos Orzamentos Xerais do Estado. Do mesmo modo, é preciso estabelecer cal é a contia idónea que debe alcanzar o Fundo de Reserva da Seguridade Social, elemento central que nos permite garantir o seu futuro.

Tamén é preciso determinar o destino dos excedentes que o Sistema contributivo poda apresentar, coa finalidade de atender aos distintos intereses que confluen no Sistema. Por iso, considera-se que á vez que se dota o Fundo de Reserva, os excedentes, se os houber, destinarán-se á mellora das prestacións e a redución das cotizacións sociais, respeitando o necesário equilíbrio e todo iso de acordo coas Recomendacións do Pacto de Toledo. Asi mesmo, as partes entenden chegado o momento de abordar iniciativas que permita ao Sistema de Seguridade Social enfrentar-se aos reptos futuros. Por iso, considera-se necesário introducir a xubilación flexíbel, seguir avanzando na contributividade e equidade do sistema, asi como na mellora das prestacións, prestando atención ás situacións de dependéncia.

Á sua vez, e desenvolvendo igualmente do desenvolvimento das Recomendacións do Pacto de Toledo, segue-se avanzando na converxéncia dos Réximes Especiais, nas medidas de loita contra a fraude, con especial incidéncia na responsabilidade no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social. De igual forma, considera-se necesário avanzar na temática relativa á previsión social complementária. Finalmente, o Acordo aborda a estrutura organizativa do Sistema ao estabelecer o compromiso da remisión ás Cortes Xerais dun Proxecto de Lei de criación da Axéncia da Seguridade Social no prazo dun ano. En consonáncia co exposto, as Partes asinantes acordan a adopción das medidas que se conteñen nos apartados seguintes.


I. Separación das fontes de financiamento do sistema de protección social.

Culminará-se o proceso de separación dos recursos para o financiamento da acción protectora da Seguridade Social, na liña marcada pola Recomendación 1ª do Pacto de Toledo e as previsións da Lei 24/1997, do 15 de xullo, de consolidación e racionalización do sistema da Seguridade Social.

En tal sentido, estabelecerá-se a localización definitiva dos complementos a mínimos das pensións da Seguridade Social, procedendo ás modificacións normativas precisas na lexislación de Seguridade Social (artigo 86.2 e Disposición Transitória 14ª da Lei Xeral da Seguridade Social, Texto Refundido aprobado por Real Decreto-Lexislativo 1/1994, do 20 de xuño).

Asi mesmo, fixarán-se nas Leis de Orzamentos sucesivas achegas do Estado deica o financiamento total de tais complementos con cargo aos contributos do Estado, nun prazo que non superará os 12 anos.


II. Aplicación de excedentes.

As partes asinantes consideran que seria un elemento útil de garantia para a consolidación do sistema da Seguridade Social que o Governo, prévia consulta coas Organizacións sociais, de acordo ás posibilidades económicas de cada momento e á situación económica prevista, dedicase prioritarimente a dotación do Fundo de Reserva os excedentes en cotizacións sociais provenientes das liquidacións orzamentárias.

En todo caso, o Governo, á vez que se dota o devandito fundo e prévia consulta coa Comisión de Seguimento que se constitue no apartado XIII deste Acordo, estabelecerá o destino dos excedentes se os houber, gardando o necesário equilíbrio entre a mellora das prestacións e a redución das cotizacións sociais, e todo iso de acordo coas Recomendacións do Pacto de Toledo.


III. Fundo de reserva.

Partindo da importáncia que a constitución do Fundo de Reserva tivo para o sistema de Seguridade Social, as partes asinantes fixan a contia que debe alcanzar o dito Fundo nunha mensualidade ordinária do total de pagamento de prestacións periódicas que realiza a Tesouraria Xeral da Seguridade Social, máis o correspondente prorrateo das pagas extraordinárias de xullo e decembro, mensualidade que se estima que se situará no ano 2004 por volta dos 800.000 millóns de pesetas.

Seria desexábel, de acordo coas orientacións contidas no Plano de Estabilidade, incrementar a contia do Fundo até un importe de 1.000.000 de millóns de pesetas. As partes asinantes consideran que a contia indicada deberá dotar-se na medida en que o permitan as posibilidades financeiras, de forma que quede ingresada na conta aberta pola Tesouraria Xeral da Seguridade Social no Banco de España a finais do ano 2004.

O Governo, no prazo máximo dun ano e prévia consulta coa Comisión de Seguimento a que se fai referéncia no apartado anterior, ditará as normas precisas que regulen os mecanismos de investimento do Fundo de Reserva, instrumentos de control e rendición de resultados, asi como os supostos de realización do devandito Fundo de Reserva, que deberán limitar-se a situacións estruturais de déficit financeiro do sistema da Seguridade Social no nível contributivo das prestacións deste.


IV. Xubilación flexíbel.

Nos países do noso entorno político-xeográfico e, concretamente, no ámbito da Unión Europea están-se a estabelecer medidas para que a xubilación estea dotada de caracteres de flexibilidade e gradualidade, coordenando tais medidas coa repercusión que, cada vez con maior incidéncia, ten a demografia na evolución dos sistemas de pensións.

En tal sentido, resulta conveniente modificar a regulación actual da pensión de xubilación, de maneira que esta non impida unha presenza social activa dos cidadáns, tendo en conta, á sua vez, que esta permanéncia repercute na própria autoestima do traballador, ten efeitos positivos sobre o sistema de pensións e, de modo máis xeral, apresenta indubitábeis vantaxes para o conxunto da sociedade que, desta forma, pode aproveitar as experiéncias e os coñecimentos dos traballadores de máis idade. Conscientes as partes asinantes da importáncia de tais feitos, e atendendo á Recomendación 10ª do Pacto de Toledo, sobre flexibilidade da idade de xubilación, dotando esta dos caracteres de gradualidade e progresividade, acordan:

1. Mantén-se en 65 anos, a idade mínima xeral de aceso á pensión de xubilación no sistema da Seguridade Social. O Governo compromete-se a apresentar un estudo sobre a idade de xubilación, que recolle as experiéncias do direito comparado nesta matéria.

2. No obxectivo de lograr unha maior permanéncia na actividade, o Governo compromete-se a introducir as modificacións legais necesárias que posibiliten a adopción das seguintes medidas:

a) A modificación da regulación da xubilación parcial, de maneira que se posibilite a compatibilidade entre a percepción dunha pensión de xubilación e o desenvolvimento de actividades laborais desde o momento no que comece a perceber unha pensión de xubilación a cargo do Sistema de Seguridade Social.

b) A exoneración do pagamento de cotizacións sociais, por continxéncias comuns dos traballadores de 65 ou máis anos nos termos previstos no apartado XII deste Acordo.

c) A aplicación da medida anterior obriga, á sua vez, a introducir na lexislación da Seguridade Social outras modificacións, como:

    • A posibilidade de aceder ás pensións de incapacidade permanente, ainda que o traballador teña 65 ou máis anos e reúna as condicións de aceso á pensión de xubilación, cando a causa orixinária da incapacidade deriva dun acidente de traballo ou dunha enfermidade profisional.

    • Modificará-se a regulación actual do subsídio por desemprego para maiores de 52 anos de forma que este xa non se extinguirá polo feito de que o beneficiário alcance a idade á que poda ter direito a unha xubilación na sua modalidade contributiva.

    • Para efeitos do cálculo da pensión de xubilación, que corresponde ao traballador, a base de cotización a partir dos 65 anos non poderá ver-se incrementada nunha porcentaxe superior ao índice de prezos ao consumo máis dous pontos porcentuais.

d) As medidas sinaladas nos parágrafos b) e c) anteriores aplicarán-se aos traballadores incluídos en calquera dos Réximes do sistema da Seguridade Social.

e) Estudará-se o desenvolvimento de medidas que posibiliten que a porcentaxe aplicábel á base reguladora da pensión de xubilación poda superar o 100%, respeito daqueles traballadores que permanezan en activo máis alá dos 65 anos de idade e 35 anos de cotización.

3. Modificarán-se as condicións de acceso á xubilación anticipada, do modo seguinte:

a) Manterán-se na sua regulación actual, o aceso, por aplicación do direito transitório, á xubilación a partir dos 60 anos.

b) Á sua vez, poderán aceder á xubilación antecipada, a partir dos 61 anos, os traballadores afiliados á Seguridade Social con posterioridade ao 1 de xaneiro de 1967, sempre que reúnan os seguintes requerimentos:

    • Estar incluídos no campo de aplicación do Réxime Xeral ou dalgun dos Réximes Especiais que contemplen o benefício da xubilación antecipada.

    • Acreditar un período mínimo de cotización efectivo de 30 anos, sen que, para tais efeitos, se teña en conta a parte proporcional de pagas extraordinárias.

    • Que o cesamento no traballo non se orixinase por causa imputábel ao traballador. No caso de despedimentos colectivos, requererá-se que se trata de traballadores pertencentes a empresas suxeitas a expedientes de regulación de emprego.

    • No suposto de extinción de contratos de traballo derivados dun expediente de regulación de emprego, promovidos por empresas que non estean incursas nun procedimento concursal, aquel deberá levar como anexo un acordo nas cláusulas do cal se obriguen a financiar un convénio especial coa Tesouraria Xeral e até a idade de 65 anos, e cun custo que deberá ser suportado, salvo pacto en contra, por empresário e traballadores na mesma proporción en que se cotiza por continxéncias comuns no Réxime Xeral da Seguridade Social.

    • Asi mesmo será necesário que o traballador estea inscrito nas oficinas do Instituto Nacional de Emprego como demandante de emprego durante un prazo de, cando menos, seis meses á data de solicitude da xubilación antecipada.

c) O coeficiente redutor aplicábel á pensión de xubilación cando se aceda a esta a unha idade inferior aos 65 anos, en calquera dos supostos sinalados nas letras a) e b) anteriores, será o seguinte: Anos de cotización efectiva acreditados % por cada ano que falte para os 65 anos 40 ou máis 38-39 35-37 31-34 30 ou menos 6 6,5 7 7,5 8 Por outro lado, estudará-se a actual situación daqueles pensionistas que xa acedesen a unha pensión de xubilación antecipada, co fin de posibilitar a mellora da pensión de xubilación que veñen percebendo, todo iso de acordo coas posibilidades financeiras do Sistema.


V. Contributividade e equidade do sistema.

No marco das orientacións da Recomendación 9ª do Pacto de Toledo, e tendo en conta, á sua vez, os princípios que inspiraron o apartado J) do Acordo Social de 1996, resulta necesário afondar nos critérios de contributividade, de maneira que se logre unha maior proporcionalidade entre o esforzo de cotización e o nível de prestación alcanzado, para lograr unha maior equidade nas pensións e dar unha maior estabilidade ao sistema, todo iso sen prexuízo do reforzamento da solidariedade.

Neste marco, e mantendo o actual método de actualización das bases de cotización, revisará-se o sistema de cálculo da base reguladora, de maneira que se teñan en conta, de forma progresiva, o esforzo realizado polo traballador no transcurso da sua vida laboral.

Neste sentido, deberá estudar-se en profundidade o efeito que nas prestacións produciron as medidas adoptadas en 1996, e iso co obxectivo de reforzar o carácter contributivo e a equidade do sistema no cálculo de aquéllas.Por iso as partes asinantes do presente Acordo se comprometen, no ano 2003, unha vez finalizado o período transitório de ampliación do cálculo da base reguladora até 15 anos, a tomar as medidas oportunas para que se adopte a forma mais idónea para o cálculo das prestacións.


VI. Mellora de prestacións do sistema.

A solidariedade é un princípio básico dun sistema público de Seguridade Social. Na pasada lexislatura, e como consecuéncia dos Acordos alcanzados entre ambas as partes, logrou-se un reforzamento do princípio indicado, o cal motivou a mellora de determinadas prestacións do sistema. Convencidas ambas as partes da necesidade de afondar na aplicación da solidariedade, con especial incidéncia naquelas situacións de maior necesidade ou de contia de pensión máis reducida, acordan as seguintes medidas:

1. Pensión de viuvez. Introducirán-se, respeito da pensión de viuvez, as seguintes modificacións:

a) Mellora, con carácter xeral e de forma progresiva, da porcentaxe aplicábel á correspondente base reguladora, para efeito do cálculo da pensión de viuvez. Esta porcentaxe pasará do 45 % ao 52 %.

b) No suposto de pensionistas de viuvez con cargas familiares, e que a pensión de viuvez constitua a principal fonte de rendas, a porcentaxe aplicábel á correspondente base reguladora quedará fixada no 70%. Para tais efeitos, o conceito de cargas familiares será o aplicábel nas pensións mínimas de viuvez para beneficiários con menos de 60 anos e cargas familiares.

c) Aprobará-se un novo marco de compatibilidades da pensión de viuvez, permitindo o mantimento na percepción desta pensión, ainda que o pensionista contraia novas núpcias, nos supostos que se indican:

    • Que se trate de persoas maiores ou incapacitadas.

    • Que a pensión de viuvez constitua a principal fonte de ingresos do pensionista.

    • Que se trate de persoas con menores níveis de renda.

2. Pensión de orfandade. Incrementará-se o límite de idade para a percepción da pensión de orfandade, nos supostos de que o orfo non traballe ou cando, facendo-o, os ingresos percebidos non superen o 75% do salário mínimo interprofisional, da forma seguinte:

  • Con carácter xeral: 22 anos.

  • Nos supostos de orfandade absoluta: 24 anos.

3. Pensións mínimas. Incrementará-se a contia das pensións mínimas seguintes:

  • Pensións mínimas de xubilación con beneficiários de menos de 65 anos.

  • Pensións mínimas de viuvez para beneficiários con menos de 65 anos.

  • Pensións non concorrentes do extinguído Seguro Obrigatório de Vellez e Invalidez (SOVI).


VII. Converxéncia de réximes especiais.

En aplicación dos princípios da Recomendación 4ª do Pacto de Toledo e do apartado I do Acordo Social de 1996, durante esta lexislatura foron-se producindo avanzos na converxéncia de determinados Réximes Especiais da Seguridade Social co Réxime Xeral, no ámbito da cotización.

Tendo en conta a favorábel evolución do Réxime de Autónomos, resulta conveniente introducir as medidas que melloren o seu marco de acción protectora, de forma que esta vaia achegando-se á dispensada no Réxime Xeral, ante supostos homoxéneos. En tal sentido, acorda-se incluir na acción protectora dispensada polo Réxime de Autónomos a prestación de incapacidade permanente total "cualificada", cando o traballador autónomo teña 55 anos ou máis anos e non exerza unha actividade, nen sexa titular dun estabelecimento mercantil ou industrial.

A medida anterior aplicará-se, de igual modo e cos requerimentos sinalados, aos traballadores por conta própria dos Réximes Especiais Agrário e de Traballadores do Mar, ainda que a referéncia ao estabelecimento mercantil ou industrial entenderá-se realizada á explotación agrária ou marítimo-pesqueira. De igual modo, incluirá-se na acción protectora dispensada no Réxime de Autónomos, asi como no suposto de traballadores por conta própria, incluídos no Réxime Especial de Traballadores do Mar, a cobertura dos riscos profisionais, estabelecendo-se, asi mesmo, as correspondentes cotizacións.

Á sua vez, á parte da estruturación do Sistema en dous níveis, o contributivo ou profisional, por un lado, e o nível non contributivo ou asistencial, por outro, para superar a deficiente estrutura formal actual, estimulará-se a simplificación e integración de Réximes, de maneira que se vaia facendo realidade a Recomendación número 6 do Pacto de Toledo para que, "a meio ou longo prazo, todos os traballadores ou asimilados queden encadrados ou ben no Réxime de Traballadores por Conta Allea ou ben no Réxime de Traballadores por Conta Própria", sen prexuízo de contemplar "as peculiaridades específicas e obxectivas dos colectivos encadrados nos sectores marítimo, pesqueiro e da minaria do carbón, asi como dos traballadores eventuais do agro".

A dita converxéncia e simplificación deberá iniciar-se pola inclusión dos traballadores por conta própria do Réxime Especial Agrário no Réxime Especial de Traballadores Autónomos e seguir-se sucesivamente respeito dos traballadores autónomos incluídos no Réxime Especial de Traballadores do Mar, sen prexuízo de manter as especialidades que procedan e, en definitiva, instituir o sistema ou os sistemas especiais que se consideren procedentes en matéria de afiliación, altas, baixas, cotización ou mesmo recadación.

Asi mesmo, adoptarán-se as medidas necesárias para evitar a discriminación da muller agrária verbo da sua inclusión no Réxime Especial Agrário, asi como se implementarán as medidas legais oportunas tendentes a asegurar o encadramento e afiliación correctos dos traballadores agrários. Finalmente, as partes asinantes acordan a constitución dunha Mesa que teña como misión a análise, de acordo coas recomendacións do Pacto de Toledo, da integración no Réxime Xeral dos traballadores por conta allea do Réxime Especial Agrário.


VIII. Dependéncia.

A Seguridade Social, en cumprimento dos mandatos constitucionais, implicou-se de maneira directa, através dunha série de políticas globais e coordenadas dirixidas ás persoas maiores ou minusválidas, que están a incidir nunha tripla dirección:

  • No estabelecimento dun marco de prestacións económicas substitutivas de salários ou compensadoras de necesidades que protexen as persoas maiores fronte a calquer continxéncia e propícian un entorno de cobertura que, tras as importantes reformas introducidas nos últimos anos como consecuéncia do desenvolvimento do Pacto de Toledo, conxuga de maneira equilibrada os princípios de contributividade, equidade e solidariedade.

  • No despregue dun modelo sanitário universalizado que ten en conta as concretas necesidades deste colectivo mediante o desenvolvimento de especialidades, ás que teñen aceso con toda a amplitude requerida e en condicións de igualdade.

  • No desenvolvimento dun conxunto de servizos que complementen ás pensións e á asisténcia sanitária através de múltiples programas que promocionan a convivéncia e a integración social e familiar das persoas maiores dentro dun entorno máis humano e participativo. En tal sentido, debe lembrar-se o permiso parental recollido na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promover a conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.

Agora ben, as partes asinantes son conscientes de que o fenómeno da dependéncia está a adquirir actualmente unha dimensión inédita, debido, basicamente , ao aumento da esperanza de vida, e de que a sua solución eficaz exixirá do esforzo de todas as Administracións e de respostas imaxinativas nas diversas ordes que comportan a atención adecuada das persoas que requeren especiais coidados e das persoas que asisten aos que necesitan destes.

Ao estaren transferidos os Servizos Sociais ás Comunidades Autónomas e nalgunhas matérias ás Corporacións Locais, e estando próxima a culminación das transferéncias sanitárias, a atención da dependéncia debe ser compartida polas tres Administracións Públicas, sen prexuízo de que a Administración Xeral do Estado deba xogar un papel de impulso na cobertura social da continxéncia indicada contribuindo, desta forma, a garantir a igualdade en todo o Estado de aceso a prestacións e programas por parte das persoas dependentes.

Considera-se, portanto, necesário abrir un período de análise e debate social sobre como debe garantir-se a atención á dependéncia no noso país e o papel que ten que xogar o Sistema de Protección Social, para que, antes de finalizar esta lexislatura, poda estar deseñada e aprobada unha política de atención á dependéncia, co rango normativo oportuno.

En consecuéncia no prazo de tres meses desde o asinamento do Acordo, constituirá-se unha Comisión de Traballo coa participación dos ámbitos competentes das tres Administracións Públicas, coa finalidade de levar a cabo unha análise e elaborar as propostas adecuadas sobre o marco xurídico no que se ten que incardinar a cobertura das situacións de dependéncia, asi como para a elaboración das liñas básicas de actuación nesta matéria; os seus traballos deberán estar finalizados antes do 30 de xuño do ano 2002.


IX. Axéncia da Seguridade Social.

A actual estrutura organizativa da Seguridade Social, que supuxo unha indubitábel mellora fronte aos esquemas de xestión anteriores, non responde axeitadamente ás novas formulacións que se derivan da realidade actual. Por iso, resulta conveniente levar á prática o contido da Recomendación 7ª do Pacto de Toledo, mediante a constitución dunha Axéencia da Seguridade Social, que logre unha integración orgánica e funcional das funcións de afiliación e recadación e de xestión de prestacións.

Para iso, o Governo compromete-se, prévia consulta coas Organizacións sociais, no prazo máximo dun ano a remeter ás Cortes Xerais o Proxecto de Lei de Criación da Axéncia da Seguridade Social, a fin de que a xestión e administración da Seguridade Social se leve a cabo con suxeición a princípios de simplificación, racionalización, economia de custos e eficácia social, ademais de descentralización funcional.


X. Loita contra a fraude.

1. Incapacidade temporal. No marco da Recomendación 13ª do Pacto de Toledo, resulta preciso continuar coas medidas de mellora de xestión da incapacidade temporal de modo que, dando cobertura ás situacións reais de imposibilidade de aceder ao traballo en caso de enfermidade ou acidente, se evite a utilización indebida desta prestación: Neste obxectivo:

  • Estabelecerán-se as medidas necesárias que impidan a concatenación abusiva da IT coa prestación de desemprego.

  • Articularán-se as medidas que eviten a prolongación indebida da prestación, nos casos en que o traballador que é chamado a recoñecimento médico polos servizos médicos da Entidade responsábel do pagamento da prestación, non acode a estes sen causa xustificada.

  • Incrementarán-se as medidas de coordenación necesárias entre as Entidades responsábeis do pagamento da prestación de IT e o INSALUD e os Servizos de Saúde, que permitan un mellor control das situacións de IT.

2. Outras medidas. Adoptarán-se as medidas normativas necesárias para incluir no Sistema de Seguridade Social e no Réxime que corresponda a colectivos hoxe excluídos legalmente do Sistema pero que de feito utilizan meios e procedimentos inadecuados para ser incluídos nalgun dos Réximes do Sistema, normalmente nos de menor cotización. Unha situación similar concorre no caso de traballadores agrários por conta allea, incluídos con frecuéncia no REU, mália non reuniren os requerimentos legais estabelecidos. Asi mesmo, están-se a integrar tamén no Sistema, como traballadores por conta allea ou asimilados, persoas dedicadas á realización de actividades carentes das debidas licenzas ou permisos administrativos para o exercício da correspondente actividade laboral por conta própria ou por conta allea, a inclusión das cais no Sistema hoxe está proibida e que para a sua inclusión legal requererá que a falta de licenzas ou permisos administrativos non invalide a causa do contrato.


XI. Responsabilidade no cumprimento das obrigas en matéria de Seguridade Social.

A regulación actual dada do ano 1966. A evolución experimentada polo sistema da Seguridade Social desde aquela orixinou un desfase entre a devandita regulación e as novas realidades sociais, de maneira que resulta notória a sua falta de adecuación ás circunstáncias presentes.

Diso deriva a necesidade de abordar unha reforma das liñas legais que teñen que configurar o instituto da responsabilidade no cumprimento das obrigas de empresários e traballadores en matéria de Seguridade Social, reforma que ten que ter como esteos fundamentais os seguintes princípios:

  • Mantimento das garantias do traballador para aceder á protección do sistema da Seguridade Social.

  • Unha adecuada combinación do alcance e das consecuéncias do incumprimento das obrigas de afiliación e/ou de cotización por parte das empresas, de maneira que a aplicación do princípio anterior non orixine, de forma total ou parcial, unha exoneración da responsabilidade.

  • A necesidade de preservar o equilíbrio financeiro do sistema da Seguridade Social.

De acordo con tais princípios, considera-se conveniente a adopción das seguintes medidas:

1. Adecuar a aplicación do princípio de automaticidade das prestacións, limitando o antecipo por parte da Entidade Xestora ou Colaboradora até a contia de duas veces e média o salário mínimo interprofisional. Verbo da aplicación da citada medida, a Tesouraria Xeral remeterá anualmente a cada traballador un documento-informe expresivo da contia e número das cotizacións que consten nos seus rexistros froito das declaracións e ingresos efectuados polos empresários.

2. Por razóns de economia e eficácia na exixéncia da responsabilidade nesta matéria, atribuirá-se competéncia ás Entidades Xestoras para declarar en via administrativa as responsabilidades que proceda, en relación con prestacións de incapacidade permanente, das de lesións permanentes non invalidantes, e outras prestacións a responsabilidade empresarial das cais actualmente está a declarar-se unicamente polos órgaos xurisdicionais da Orde Social.

3. Condicionar o reintegro, por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social, ás Mútuas de Acidentes de Traballo e Enfermidades Profisionais da Seguridade Social do importe das prestacións antecipadas polas ditas Entidades Colaboradoras a que, con carácter prévio á efectividade do dito reintegro, se proceda á declaración administrativa ou xudicial de insolvéncia do empresário declarado responsábel.


XII. Reducións e bonificacións na cotización.

Neste ámbito, considera-se procedente estabelecer as seguintes medidas:

1. coa finalidade de ampliar e mellorar a situación das mulleres traballadoras ampliarán-se as bonificacións que actualmente receben as mulleres en activo. Consecuentemente nos supostos de suspensión do contrato de traballo por maternidade, os empresários, cando se produza a reincorporación ao posto de traballo, terán direito a unha bonificación do 100% da achega empresarial da cotización á Seguridade Social por continxéncias comuns, durante o período máximo dun ano.

2. Os traballadores con mais de 50 anos teñen problemas para se manter ou reintegrar-se no mercado laboral. Medidas como revisar a oferta formativa, a implementación de políticas activas específicas ou o desenvolvimento de programas de asesoramento e orientación ás empresas, deben ser acompañadas de redución de cotizacións sociais coa finalidade de manter na vida laboral a este colectivo. Con iso estará-se a contribuir a lograr o obxectivo de que permanezan laboralmente activos máis alá da idade ordinária de xubilación segundo a Recomendación décima do Pacto de Toledo.

Os contratos de traballo subscritos con traballadores con 55 ou máis anos de idade e que teñan unha antigüidade na empresa de 5 ou máis anos desfrutarán dunha bonificación ou redución gradual do contributo empresarial na cotización á Seguridade Social por continxéncias comuns, salvo no que se refere á incapacidade temporal, até cumprir os 65 anos.no suposto de que non se acredite a antigüidade citada, a medida anterior será de aplicación a partir do momento en que o traballador cumpra o dito requerimento. Esta medida comezará a facer-se efectiva a partir do primeiro de xaneiro do ano 2002, de forma que as bonificacións ou reducións da cota patronal por continxéncias comuns, salvo no que se refere á incapacidade temporal, sexan do 50 por cento respeito aos traballadores de 60 anos de idade, aumentando gradualmente de modo que aos 65 anos de idade estas alcancen o 100 por 100. As bonificacións ou reducións deberán estender-se paulatinamente até que sexan de aplicación ás cotizacións do colectivo de traballadores con máis de 55 anos de idade.

3. Asi mesmo, e coa finalidade de incentivar a prolongación na actividade laboral dos traballadores que alcancen a idade legal de xubilación, exonerará-se do pagamento de cotizacións sociais, por continxéncias comuns, salvo no que se refere á incapacidade temporal, correspondentes aos traballadores que reúnan as seguintes circunstáncias persoais:

  • Ter unha idade igual ou superior a 65 anos.

  • Acreditar 35 anos efectivos de cotización á Seguridade Social, sen ter en conta, para estes efeitos, a parte proporcional das pagas extraordinárias.no suposto de que non se acredite, na data do cumprimento dos 65 anos, 35 anos efectivos de cotización, a exoneración das cotizacións sociais indicada iniciará-se a partir da data en que se acredite o número de anos de cotización sinalado.

  • A voluntariedade do traballador, no tocante a decidir libremente, a continuación ou a reiniciación da sua actividade laboral.


XII bis. Previsión social complementária.

O desenvolvimento da previsión social complementária prevista na Constitución como parte do sistema de protección social tivo un importante desenvolvimento nos últimos anos. Co fin de favorecer esta mesma evolución naqueles ámbitos onde actualmente é menor, considera-se necesário abordar o marco regulador actual, co obxecto de avaliar a conveniéncia de introducir modificacións a este.

Deberá estudar-se a actual situación dos planos de pensións de emprego, a fin de potenciá-los, facilitando o seu desenvolvimento e implantación. Fomentará-se a previsión social complementária através de planos de pensións da modalidade de emprego, o que suporá facilitar a incorporación das PeMES e dos empresários individuais, asi como dos seus traballadores, a planos de emprego de promoción conxunta ou, se é o caso, próprios.

A actuación dirixirá-se, preferentemente, a impulsar a utilización dos planos de pensións de promoción conxunta. Mellorará-se a interacción dos planos de emprego coa negociación colectiva, compatibilizando o ámbito supraempresarial cos acordos a nível de empresa para ter en conta circunstáncias específicas. Finalmente, concretará-se a definición das continxéncias previstas na normativa de planos de pensións. Asi mesmo, as partes comprometen-se a estudar a situación da previsión social complementária, co propósito de propoñer as melloras necesárias que permitan a sua adaptación permanente á realidade en que se desenvolve.

Entre outras cuestións, abordará-se a situación dos suxeitos constituientes das comisións de control dos fundos de pensións facilitando que en supostos determinados a negociación colectiva estabeleza critérios ao respeito. Non obstante, procurará-se manter unha regulación lexislativa estábel nesta matéria, como marco máis adecuado para o desenvolvimento destes sistemas de protección complementários. Deberán modernizar-se as posibilidades de xestión e investimento dos fundos de pensións no contexto da Unión Europea. O desenvolvimento dos traballos e conversas que se van desenvolver nesta matéria, con atención especial á mellora da interacción dos planos de pensións de emprego, coa negociación colectiva, deberá realizar-se no marco dunha mesa de diálogo social. Asi mesmo, as partes comprometen-se a estudar a situación da previsión social complementária co propósito de propoñer as melloras necesárias que permitan a sua adaptación permanente á realidade na que se desenvolve.


XIII. Comisión de Seguimento do acordo.

Para a análise e o seguimento do Acordo e, en xeral, da evolución do sistema da Seguridade Social, acorda-se a constitución dunha Comisión Permanente polas partes asinantes deste Acordo. A dita Comisión Permanente aprobará os seus próprios procedimentos e contará cos meios que resulten precisos para o cumprimento da misión e función que teñen encomendadas.

A Comisión Permanente constituirá-se no prazo máximo dun mes, desde o asinamento do Acordo, e realizará as suas funcións durante a vixéncia deste. A Administración facilitará a este respeito os meios técnicos e os recursos oportunos para o adecuado funcionamento desta Comisión.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2001