Actualidade / Artigo Cando a lingua é compañeira do Imperio Rafa Villar (Mares de Simbad)- Soster, a comezos do século XXI, afirmacións como as mantidas por Xoán Carlos I de Borbón (reproducidas arriba) poderían provocar cando menos certa hilaridade e situar o discurso deste no que se coñece como a "gracia real", pero o certo é que se dan nun contexto político no Estado español que é ben non ignorar: un perigoso rearmamento ideolóxico do chovinismo españolista, que non dubida en utilizar todos os medios ao seu alcance –mesmo os discursos do máximo representante do Estado– para se reafirmar. A negación da evidencia histórica da imposición do español tanto en América como no contexto peninsular ibérico non responde a un descoñecemento da dita realidade, senón a un intento deliberado por falseala, en prol duns obxectivos políticos non confesos, cando menos en toda a súa extensión. Hai quen intenta resolver a complexa realidade do Estado español –multinacional, multilingüístico, multicultural– a golpes de uniformidade, a golpes de berrar '¡España, España!', a golpes de biblia constitucional... Cinxídose á cuestión da lingua, e a xeito de exemplificación do que foi a agresión imperialista cometida no nome do idioma español (ou sexa, no nome dun estado uniformemente centralista, uniformemente único), é recomendábel a lectura de dous libros, que exemplifican para o ámbito do actual Estado español isto: La persecució política de la llengua catalana (História de les mesures preses contra el seu ús des de la Nova Planta fins avui), de Francesc Ferrer i Gironés, e mais El libro negro del euskera, de Joan Mari Torrealdai. Un e outro recollen en diferentes momentos históricos as actuacións encamiñadas á suplantación das linguas propias dos territorios vasco e catalán pola lingua española. Obviamente, a maioría destas actuacións (civis, eclesiásticas, militares...) tamén atinxen á lingua galega, e ao ánimo de a substituír polo español. idioma que exemplifica ese xeito de entender o estado. Para o caso galego, os primeiros intentos de expropiación lingüística que tivo que sufrir o noso país arrincan xa de fins da Idade Media, cando a instalación en Galiza dunhas novas elites nobiliarias, eclesiásticas, etc., foráneas –vindas de Castela– forza un estado de perda de espazos de poder para a nosa lingua, que se prolonga por varios séculos e ata hoxe. Quéirase ou non iso significou o exercicio da violencia sobre o desenvolvemento normal do galego, unha violencia que perdurou cunha intensidade certamente variábel (pénsese, por exemplo, nos corenta anos de dictadura franquista) pero que nunca cesou. No caso de América esta mesma violencia (imperialista, colonial) amosou a sua face máis sanguinaria: a expansión imperalista da coroa española –coa lingua, compañeiro do imperio (Nebrija dixit)– produciu o exterminio de pobos e culturas enteiras (xa que logo, un auténtico xenocidio). E nin así se deixaron de dictar normas para asegurar a prevalencia absoluta do castelán sobre esas linguas que morrían ao tempo que morrían os seus falantes. Por exemplo, nos tempos do monarca Carlos III unha Real Cédula (do 10 de maio de 1770) ordenaba expresamente: "(...) para que de una vez se llegue a conseguir el que se extingan los diferentes idiomas de que se usa en los mismos Dominios, y sólo se hable el Castellano, como está mandado por repetidas Leyes, Reales Cédulas y Ordenes expedidas en el asunto (...)" (recollido no libro de Klaus Zimmermann titulado Política del lenguaje y planificación para los pueblos amerindios). O rei borbón non debería obviar todo isto tan alegremente. Os redactores do discurso rei borbón en Alcalá de Henares, menos. Ninguén é hoxe responsábel do feito polos seus antepasados, mais si que se é dun presente que se sustente en idénticos valores. O actual marco constitucional, o da Constitución española de 1978, tampouco resolve certeiramente o ordenamento lingüístico (nin a articulación política) dos diferentes pobos que compoñen o actual Estado español. Quen pode negar a prevalencia constitucional do idioma castelán sobre eusquera, catalán, galego? A Constitución de 1978 instaura o español como suposta lingua común e reduce enormemente os espacios das outras linguas. O único idioma que é susceptíbel de funcionar como lingua estatal é o castelán, auténtica lingua franca para os seus falantes en todos e cada un dos territorios do Estado. Lémbrese a estes efectos as impugnacións por inconstitucionalidade das leis de normalización lingüística vasca, catalana ou galega por parte do Governo español, no caso galego por incluír, además do dereito de todos os galegos e galegas de coñecer a súa lingua galega, o deber de o facer, en paralelo ao que establece a constitución española respecto do español. (Máis información, por exemplo, en O galego e as leis (Aproximación sociolingüística), de Mª. Pilar Garcia Negro). De aí que galegos, vascos e cataláns veñamos obrigados (constitucionalmente, e non só) a ser bilingües, mentres o resto dos habitantes do territorio ibérico poden permanecer perfectamente no unilingüismo do castelán. E para máis paradoxo, os que isto impuxeron e defenden non deixan de cantar as excelencias do bilingüismo... Se aínda imos ter que dar beizóns polo seu sacrificio en favor de nós. Ironías á parte, vai sendo tempo de superar anacronismos na historia (a monarquía española éo, abofé) e de establecer unha nova base de relación entre os pobos, linguas e culturas que conformamos o actual Estado español, que debe pasar necesaria e inequivocamente polo recoñecemento mutuo das diferentes nacións e mesmo pola posibilidade de iniciar procesos políticos propios e diferenciados. Todo o que vaia en contra disto será só aprazar a Historia e tristemente xerar máis violencia –aínda que sexa de baixa intensidade– contra os pobos, linguas e culturas, en definitiva contra os cidadáns e cidadás. [Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Simbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 01/05/2001]
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2001 |