Actualidade / Artigo Santiago, 13 de abril de 2001 Escritores galegos en español = literatura española
De cando en vez reábrese o debate, e eses escritores e escritoras que voluntariamente (suponse) renunciaron a escribir no idioma do país, para o facer na lingua 'unha, grande e libre' do Estado, chian e chian por ocupar un espazo que coidan que lles pertence na literatura galega. Cando non o fan eles, faino ese coro de aduladores e gregarios que tanto abunda, composto por xornalistas, políticos, intelectuais (?) afectos ao poder, etc. A discusión desta volta deuse no Parlamento, entre a deputada do BNG Pilar Garcia Negro e o director xeral de Cultura (seica) Homero Pérez Quintana. De entrada, a deputada nacionalista estaba a cuestionar a inxente cantidade de cartos que Cultura destina á Fundación Camilo José Cela (35 millóns máis para este ano, mentres as asociacións de base –e mesmo outras institucións ou fundacións– esmorecen por falta de apoio económico). De saída, acabou aclarándolle ao director xeral de Cultura (seica) algo que calquera rapaz ou rapaza escolarizado hoxe en Galiza sabe desde os primeiros cursos: a literatura galega é aquela escrita en galego. Por se alguén tiña dúbidas, na monumental Historia da literatura galega de D. Ricardo Carvalho Calero, este deixou dito o que era fundacional e constituía a literatura deste recanto do occidente de Europa: o galego, idioma que desde hai máis de mil anos se veu forxando aquí, xeración tras xeración, a pesar dos pesares, de cainitas e de cipaios... Hai escritores e escritoras nados no noso país (galegos de nación, se se quer) que optaron por abandonar o galego ou simplemente non o escribiron nunca, e obviamente forman parte –esa foi a súa elección– doutra literatura, neste caso a literatura española. O que non se entende é que despois lles entre "esa morriña del terruño" e reclamen para si unha galeguidade que nunca sentiron e mesmo desprezaron, a non ser para a nosa Televisión de Galicia, "tan nuestra". Por riba, no caso de Camilo José Cela –que non é o Nobel da literatura galega, e non, e se tal xa teremos algún día a Méndez Ferrín, se o temos– o sangrante resulta da súa coñecida animadversión a todo o que lle cheire a galego (agás o marisco, supoño), alén de que é deses tipo Paco Vázquez, ou sexa, "España en el horizonte", e que por moito que pisen terra galega non a ven. Total que con Homero Pérez Quintana, director xeral de Cultura (seica), seguimos a ter o raposo coidando das ovellas. Coidémonos da febre aftosa.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2001 |