Actualidade / Artigo Santiago, 17 de abril de 2001 Turquia: segue o extermínio dos presos políticos
Desde o pasado mes de novembro máis de 800 presos políticos turcos comezaron unha folga de fame, para reclamaren unha série de direitos dentro das próprias cadeas (más condicións nos novos cárceres, celas moi pequenas, etc.). A resposta do governo turco foi a máis dura represión: en decembro o exército turco asaltou as prisións de todo o país, para supostamente dar por remata a folga, e matou impunemente a 32 presos políticos. Mais a folga continuou e neste último mes comezaron a morrer nos hospitais turcos –sen tentativa nengunha do Governo por pór remate á situación– vários destes presos políticos. Con tres novas mortes esta fin de semana da páscua, o número de presos mortos desde decembro é xa de 45. Na folga están a participar militantes da Frente Revolucionária de Liberación do Povo (DHKP-C), do PC-ML (TKP-ML), do PCO (TKYP) e doutras organizacións da esquerda revolucionária turca, asi como do curdistani PKK. Cumpre lembrar, asi mesmo, que o número de presos políticos en Turquia anda polos 12.000, dos cais uns 8.000 son militantes curdos, en loita polo direito ao seu recoñecimento nacional. Mentres isto acontece, un insultante siléncio parece estar instalado tanto nos governos europeos como nos meios de prensa ocidentais, e é que Turquia representa o paradigma da ocidentalización fóra do Ocidente, transformado nun país laico con grafia ocidental e cos valores de calquer democrácia formal europea. Porén, a realidade só nos di que, apesar de ser un firme candidato para entrar na Unión Europea, as violacións dos direitos humanos no interior das suas fronteiras son sistemáticas e responden á necesidade de acabar con toda resisténcia (tanto da curda como da esquerda revolucionária do país). Alén da situación nas cadeas, Turquia tamén está a viver unhas semanas de fortes mobilizacións contra as medidas económicas neoliberais que o Governo está a adoptar, que igualmente están a ser reprimidas con violéncia.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/04/2001 |