| Actualidade Vigo, 1 de maio de 2001 Transportes La Unión condeada por práctica antisindical
Unha sentencia do Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra condea á direción de Transportes La Unión por vulnerar o dereito de folga e fixa unha indemnización de 1 millón de pesetas a favor da central demandante, a CIG. A sentencia do Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra condeando á direción da empresa Transportes La Unión por vulneración do dereito de folga significa un recoñecemento definitivo ao respeito dos métodos autoritarios e a utilización torcida que a patronal fai da lexislación vixente. Anque non é a única actuación deste tipo. A Xunta de Galiza, por exemplo, fixou servizos mínimos dun 90% da plantilla, como recoñeceu o director xeral de transportes nun dos xuízos, como se esto fora normal, mentres o Fiscal (asombrado) lle preguntaba como se podía garantir así o dereito de folga –según comentan os asistentes-. O millón de pesetas cos que ten que indemnizar á CIG van a engrosar o Fondo de Solidaridade cos traballadores en folga en La Unión, segundo anunciou o secretario comarcal Rafael Iglesias. Entre os Fundamentos xurídicos da sentencia dise que "hai que salientar que caracteriza a folga a suspensión do contrato de traballo, e refórzase por unha prohibición legal ao empresario de contratar traballadores pra sustituir aos folguistas. Como quedou probado e así se recolle no hecho probado segundo a mencionada folga foi seguida pola cáseque totalidade dos traballadores da empresa demandada. É lóxico pensar que ante un seguimento de tal envergadura , e polo despido de máis de trinta traballadores durante a folga, a empresa non poida atender o servicio de transportes de viaxeiros, propósito dos folguistas como medio de presión). Sen embargo, anque cáseque todos os traballadores secundaron a folga, a empresa permaneceu realizando servicios como o transporte escolar e os mínimos. De feito os novos empregados que a empresa contratou para o reforzo polos despidos realizados, se convertiron en sustitutos dos traballadores folguistas. Non resulta plenamente comprensible o feito de que tendo coñecemento a empresa da convocatoria de folga decida contratar traballadores para reforzar a plantilla, xa que para que poida falarlles propriamente de reforzamento de plantilla, esa debe estar ao completo, atopándonos, en caso de que non sexa así, ante unha sustitución. Polo tanto, o motivo alegado pola empresa demandada de que se trata dun reforzamento para poder cumplir os servicios mínimos debe ser desestimado, constituíndo a conducta empresarial unha violación de dereito fundamental de folga recollido no art. 28 da Constitución. A folga de Transportes La Unión vai para os 90 dias sen que a patronal queira negociar. Mentres a Confederación de Empresarios de Pontevedra saca unha nota decindo “que o conflicto pode por en perigo o futuro da empresa”, sen que en coerencia coa súa preocupación se ofreza a mediar ou convenza a Raul López para que negocie, para que comprenda que dirixir unha empresa non pasa polo ordeno e mando, senón por xestionar eficazmente e manter unhas relacións normalizadas cos empregados e empregadas. Na política de vencedores e vencidos non confiamos nen os traballadores, nen a CIG, porque sabemos que a convivencia é moi importante. Pero, os empregados de La Unión saben, por experiencia, que entrar a traballar sen garantir antes unha parte dos obxectivos que levaron á folga (e sen ningún despido), sería adiar a perda do posto de traballo, tendo en conta o tipo de relacións laborais existentes até o paro na empresa. Este é un deses conflictos onde a folga gañouse a pulso pola patronal. Os empregados de La Unión lembran como se lles quitou entre 30-50 mil pesetas cada mes, reducíndoselles os salarios a 90 mil pesetas na maioría dos casos, se lles obrigou a descansos mínimos e a modificacións constantes dos recorridos. ¡non se podía seguir así!, afirman unha e outra vez, ¡temos dignidade! ¡somos persoas! A sentencia na que se condea á empresa por vulneración do dereito de folga condiciona, dalgún xeito, os xuízos por despido contra unha treintena de operarios xa que, en todos os casos, os motivos están relacionados co paro. Todo indicaría, como o Fiscal ten comentado nalgún dos xuízos e os avogados da CIG teñen defendido en todos, que deberan ser nulos radicais, e readmitidos na empresa en todos os casos. Aínda pensando así, os traballadores, os cadros da CIG non queren dar a última palabra... ¡quen confía totalmente na xustiza!... ¡poder político e patronal teñen moito poder!, afirman mentres lembran algunha sentencia laboral que coidaban gañada. En fin, son especulacións, pero sempre queda unha dúbida, unha incertidume até que saían as sentencias. En todo caso, o conflicto de Transportes de la Unión, como calquer outro deste tipo, non remata coas decisións xudiciais, anque podan incidir (e moito) no seu desenvolvemento. Neste caso a folga dos 120 operarios de La Unión vai continuar até acadar os obxectivos que se marcaron nun principio, e se cadra non se consigan todos pero sí os fundamentais. A folga mesmo pódese alongar algún mes máis, se a patronal segue erre que erre na súa teima de tratar á plantilla como cordeiros. O que non pode pensar Rau López, sería non ter en conta os antecedentes, é que vai abortar con esta actitude as reivindicacións futuras nas súas empresas. O conflicto nacerá cada vez que faga falla, e será máis duro canto máis tozuda a postura patronal... A negociación segue sendo a única solución, anque haxa máis saídas no inmediato. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2001 |