Actualidade / Artigo 17 de maio de 2001 Rafa Villar (Mares de Sinbad)- Pola contra, as medidas implementadas foron nulas por parte dunha Consellaria (a de Educación) e unha Dirección Xeral (a de Política Lingüística) que permanecen sumidas nunha parálise certamente preocupante no que respeita ao idioma. Parálise evidente xa que nen sequer son quen de facer cumprir a sua própria lexislación que ampara unha presenza –cativa, hai que o dicer– da língua galega no ensino non universitário, que se concreta no Decreto 247/95. Por parte do Governo galego, e o PP que o sustenta, está-se a amosar un completo cinismo na cuestión do idioma. Evidentemente, xa non son tempos de reprimir o seu uso nen de situar-se en fronte dos que reclaman a completa normalización do galego. A sua política resume-se en afirmar a existéncia –suposta e virtual– dun equilíbrio harmónico entre os dous idiomas, galego e español, ao tempo que se nega a situación marcada por un conflito lingüístico –este si real– que condena o noso idioma a ser periférico no próprio país, deixando a centralidade para o español. Como en anos anteriores, a nosa central sindical, xunto con outras organizacións políticas, sindicais e sociais, está a desenvolver unha campaña que incide na necesidade de reclamar unha política lingüística efectiva, en prol dun ensino en galego. A dita campaña nos centros vai ser levada a cabo fundamentalmente através da Plataforma polo Ensino en Galego, onde se agrupan sindicatos e asociacións de renovación pedagóxica co fin de impulsar a galeguización do ensino. Para o remate desta campaña vai-se realizar unha manifestación en Compostela, o próprio 17 de maio ás 12:30 h., que se espera masiva e á que cumpre que se sumen o maior número de organizacións de todo tipo con presenza social no noso país.
Cando comeza un novo século, a recuperación do idioma galego ten que pasar necesariamente por garantir que as novas xeracións o teñan como língua própria e habitual, sobre todo naqueles ámbitos de maior socialización. É certo que durante os últimos cen anos, e máis aceleradamente nas últimas décadas, a transmisión interxeracional do idioma sofreu unha creba importante, que deu nunha preocupante desgaleguización nos sectores máis novos da nosa sociedade. De aí que a recuperación de usos sociais do galego precise máis que nunca apoiar-se nun ensino e un sistema escolar que fomenten a presenza da língua própria e, xa que logo, consigan que a xente máis nova incorpore o galego aos seus hábitos linguísticos, tanto orais como escritos. Porén, a realidade que se vive hoxe no ensino no noso país non leva ese camiño, e en moi poucos centros o galego é algo máis que unha simples matéria de estudo, ben lonxe portanto de se converter na língua veicular do ensino. Por parte do profesorado, do alunado e mesmo das asociacións de nais e pais teñen-se desenvolvido nos últimos anos diversas iniciativas dirixidas a avanzar na galeguización do ensino e a reclamar diante da administración que esta asuma as suas obrigas como tal, e articule medidas sérias en prol da nosa língua. As respostas desde a Consellaria de Educación da Xunta de Galiza, cando se deron, foron case sempre a destempo, carentes de planificación e rexeitando abordar de maneira conxunta coa comunidade educativa a posta en marcha de solucións reais para avanzar na normalización do galego no ensino. A desídia da administración neste tema é tal que incluso non é quen de garantir o cumprimento da lexislación sobre a matéria, concretada no Decreto 247/1995 que desenvolve a Lei de Normalización Lingüística no ensino non universitário, un texto que aínda que tímido podia ser un ponto de partida interesante no actual momento, se se aplicase cunha vontade real e pondo os meios precisos para a dita aplicación. Un estudo feito no ano 1998 pola Consellaria de Educación revelaba, por exemplo, dados tan significativos como que só nun 30% das aulas de Educación Infantil e nun 17% nas de 1º ciclo de Primária se está a facer a lecto-escritura en galego ou que nun 46,3% das aulas de BUP e COU non se estaban a cumprir os mínimos de uso do galego que estabelece o Decreto 247/95. Ademais da preocupación que produce a falta de resposta da Xunta de Galiza ante esta situación, non menos preocupantes resultan os esforzos do Governo do Estado por unificar os contidos de diversas matérias en detrimento dunha maior atención á realidade máis próxima ao alunado. Sen necesidade de desatender contidos de carácter xeral, resulta fundamental para o proceso de recuperación do uso do idioma que o ensino reforce o coñecimento da nosa história e da nosa cultura para dar-lles aos nosos alunos e alunas unha formación que lles permita entender o mundo desde a sua condición de galegos e galegas, algo co que parece non coincidir, por exemplo, o espírito da reforma das humanidades. Diante desta situación, as iniciativas oficiais, lonxe de apostar por medidas de intervención directa, seguen a mover-se no plano da simple celebración arredor de efemérides simbólicas como o Dia das Letras Galegas ou o actual Ano Europeo das Línguas, que en nada contribuen a dinamizar o necesário -mais case inexistente- debate social sobre a recuperación da língua nos diferentes ámbitos da nosa sociedade. Por iso, máis que nunca, cumpre mobilizar as consciéncias do conxunto da sociedade galega en favor do obxectivo comun de avanzar na galeguización do ensino, unha tarefa urxente que non admite xa demoras se queremos que o noso idioma transite ao longo do novo século que acabamos de comezar.
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2001 |