Actualidade / Artigo Cando as vacas e a literatura viran tolas Rafa Villar (Mares de Sinbad)- A incorporación do mercado á literatura ou, se se quere, da literatura a este está a provocar tamén estrañas doenzas, que nos últimos días están a aparecer con certa proliferación nos medios de comunicación. A nosa literatura -aínda cun desenvolvemento cativo e a penas dependente do que sería propiamente un mercado normalizado- polo momento non parece que se vexa aqueixada de ningún destes males. Vantaxes de sermos pouca cousa. Nunha das literaturas máis potentes (tamén no factor mercado) do noso entorno, a española, asistimos á revelación pública de varios destes males: a visión televisiva do Premio Nobel Camilo José Cela entrando a declarar nun xuízo por suposto plaxio é se cadra a imaxe máis clarificadora disto. Mais este non parece ser o único caso de plaxio, ou copia descarada, dun texto por un escritor que goza de certo estatus. Corren ríos de tinta acerca de posíbeis plaxios, con cargos políticos (eles sempre dirán que son técnicos) na escena cultural española tamén implicados no asunto. Hai uns meses tamén saía a luz outro caso bastante escandaloso: o descubrimento de que a novela publicada por unha presentadora de televisión (e pola que cobrara varios millóns, e bastantes máis pola inxente cantidade de libros vendidos) en realidade fora escrita por un novelista, moito menos coñecido que a presentadora, e que facía o papel de negro literario. O diñeiro, a súa acumulación desmesurada nas mans duns poucos, son o alicerce deste monte de cousas que pouco ou nada teñen que ver coa literatura, mais que si son inherentes a esoutra cousa máis poderosa, que é o mercado, e ao que algúns parecen querer fiar o resto da existencia, a súa e a do resto. Sen maiores prevencións, eu recomendaría unha aposta pola literatura (polas literaturas), aínda que non sexa fácil que o mercado nos deixe vela, enxergala ben, entre a tolemia dos que a converteron nun producto máis do mercado, co único fin de lle ver e tirar beneficios económicos, por parte desa minoría, minoría que nos dicta as súas leis. [Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Sinbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 22/05/2001]
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001 |