Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 29 de maio de 2001

Migracións
 

Rafa Villar (Mares de Sinbad)-

CIG-Normalización Lingüística



Esta fin de semana máis de medio cento de inmigrantes permaneceron pechados durante corenta e oito horas nos locais que o departamento de migración que o sindicato nacionalista CIG –organizador da protesta– ten na sua sede central en Vigo. O motivo era reclamar a regularización das perto de 5.000 persoas inmigrantes que están a residir no noso país, moitas delas descendentes de galegos, nunha desas voltas tan desconcertantes que ten a historia.

Galiza sofreu como ninguén a sangría da emigración e son moi poucas as xeracións de galegos e galegas que descoñezan persoal ou familiarmente este fenómeno, tan desestruturador tanto de familias como de sociedades enteiras, e iso apesar dos impulsos económicos que certamente o traballo dos emigrantes logrou xerar. A mordedela que deixou en nós o fenómeno migratorio é tamén doadamente apreciábel na nosa literatura, ao devir tamén un dos temas centrais que veu expresando a literatura galega, en calquera dos xéneros cultivados, desde o seu desenvolvimento na época máis contemporánea, é dicir, desde os tempos do rexurdimento das nosas letras a partir do século XIX.

Agora a cousa parece que se inverte e nos últimos tempos estamos a ser receptores de inmigrantes; dunha banda, de emigrantes retornados (de segunda ou terceira xeración, fundamentalmente) e doutra de inmigrantes propiamente ditos (latinoamericanos e magrebís, en maior número). Aínda que tampouco se hai que enganar: unha parte importante da mocidade galega está a emigrar, malia non aparecen estes datos nas estatísticas oficiais, ao se tratar de migracións "internas", isto é, dentro de territorio do Estado español. Os destinos preferentes están a ser as Illas Canarias, as Baleares, Barcelona... Na Costa da Morte, por exemplo, nos últimos dez anos esta nova emigración –na procura xa non de saír da miseria, senón de buscar traballos menos precarios e soldos máis decentes– está a atinxir a moitísimas ducias de mozos e mozas.

Nunha reviravolta semántica, aos inmigrantes –botados ao mundo por mor das desfeitas imperialistas e colonizadoras, de gobernos espantallos ao servicio do seu lucro persoal e dunha pésima distribución da riqueza no mundo– que non conseguen regularizar a súa situación nos países de acollida deron en chamarlles "sen papeis", un xeito de marcalos e situalos na marxe da sociedade. Como os "sen traballo", os "sen teito", os "sen comida", os "sen diñeiro"... O conto é excluír: mentres unha minoría selecta, selectísima colle a torta, a reparte e leva a mellor parte (de certo, case toda), o resto recolle as farangullas, e algúns para as recoller aínda por riba teñen que deixar as súas casas, as súas familias e os seus países.

E a solución non está nin vai estar na caridade, senón máis ben na mobilización de xentes e consciencias en prol dun mundo máis xusto, non sometido á dictadura dos mercados e ao capital, e onde estea superada a explotación do ser humano. Pero como isto sería un programa maximalista, para hoxe habería que comezar por denunciar e combater a política migratoria do goberno da dereita española, política concretada nunha Lei de Estranxería, perversa e facinorosa, e nós de mans dadas con estes homes e mulleres que viñeron buscar ao noso país só un pedazo da esperanza que lles era negada. De mans dadas como no poema de Celso Emilio Ferreiro: "Anque as nosas palabras sexan distintas,/ e ti negro e eu branco,/si temos semellantes as feridas,/coma un irmáu che falo (...)".

[Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Sinbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 29/05/2001]

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/05/2001