Actualidade / Artigo No nome do eusquera Rafa Villar (Mares de Sinbad)-
Estes días escoitaba a Manuel Fraga Iribarne, o presidente da Xunta de Galicia, dicir e condenar ao museo o eusquera, ese idioma do seu apelido materno, que se remonta nos tempos, na memoria, aínda que evidentemente non ata a prehistoria en que Fraga Iribarne o situaba. O poema de Lois Diéguez alertaba, cunha implacábel certeza, contra todos aqueles que querían mandar o galego ao espacio simplemente contemplativo dun museo, conxelado na historia para sempre. Máis ou menos vai para un ano que na colección de poesía 'Letras de Cal' proxectamos a realización dun libro que recollese, en forma de antoloxía, a producción dos poetas vascos da última década do século XX, os poetas que polo tanto tamén están a iniciar o novo século. Finalmente esta escolma viu a luz, en edición bilingüe eusquera-galego, aí polo mes de decembro pasado. Dalgún xeito, véxome hoxe na necesidade de me desculpar diante deses vinte poetas vascos que aparecían na antoloxía, e de Jon Kortazar o coordinador desta (graciñas de veras, Jon), polas palabras do presidente do goberno autonómico do meu país en que negaba a vixencia actual e o porvir do esquera. O sociolingüista Sánchez Carrión 'Txepetx' escribía hai máis dunha década un libro titulado Un futuro para nuestro pasado, libro na que facía unha profunda reflexión acerca do estado do eusquera e das súas posibilidades de pervivencia, como lingua ameazada que era –e é–. A vitalidade certa do idioma dos vascos é hoxe real, alén de que un proceso tan complexo como o da normalización dunha lingua teña que ter en conta moitos e diversos elementos que van máis alá do seu uso social, que evidentemente é esencial para garantir a continuidade de calquera idioma. Un aspecto fundamental na recuperación dunha lingua reside na propia vontade dos falantes, é dicir, no grao de identificación que estes teñan co idioma, con independencia mesmo duns usos que non sempre forman parte das prácticas individuais das persoas. A perda da transmisión interxeracional dun idioma ten, ademais, razóns que sobardan as explicacións puramente lingüísticas para nos situar no terreo da política e incluso da historia, e sería demasiado extenso seguir por eses vieiros. Ao meu ver, e contrariamente ás teses fraguianas sobre o eusquera (por outra banda, non moi diferentes da opinión que ten da língua do país en que é o máximo gobernante), este idioma está lonxe de ficar reducido a unha lingua museística, e son varias as razóns que penso que avalan a dita tese: é unha lingua perfectamente viva en canto ao seu uso social (en boa lóxica, a porcentaxe de falantes varía segundo o territorio escollido, pero en xeral sitúase por volta do 25% dos actuais habitantes do país); ten un cultivo escrito e literario nada desbotábel (2.484 títulos no 2000, segundo os datos do INE); existe vontade institucional tanto gobernativa diferente no caso de Euscadi, Navarra ou de Iparralde como asociativa (AEK e outros) de pular por un maior espacio de coñecimento e emprego do eusquera; dáse unha recuperación de falantes na xente nova, nada desprezábel; estase a incorporar á nova sociedade da información a través de diversos instrumentos (tecnolóxicos e propiamente lingüísticos)... Máis tamén cómpre non esquecer que o eusquera segue a ser unha lingua minoritaria minorizada historicamente nun contexto como o do Estado español (ou o da Comunidade Europea) nada fomentador da diversidade lingüística, senón máis pechado no necio reduccionismo da primacía do castelán sobre o resto das linguas dos diferentes pobos peninsulares. Xa que logo, o idioma dos vascos, como os cataláns e o dos galegos, está nunha continua tensión entre dous polos, un dos que aposta pola súa normalización social e outro dos que o fan pola súa minimización. Fraga Iribarne sitúase entre estes últimos. O meu desexo, entre os primeiros. E como chanza final, para o actual presidente da Xunta si que sabería eu dun museo no que lle pór fin á súa carreira política (e non sería no de cera). [Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Sinbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 08/05/2001]
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2001 |