Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 18 de maio de 2001

Sopa de letras... galegas
 

Rafa Villar (Mares de Sinbad)-

CIG-Normalización Lingüística



Confusión ou balbordo, non deixan de preocupar certas opinións vertidas desde o resentimento ou a ignorancia por alguns escritores e escritoras de orixe galega mais de expresión española, e que día si día tamén atopan o eco dos medios de comunicación do país. Opinións nas que cuestionan, cando menos de facto, a existencia dun sistema literario galego autónomo e, en última instancia, da literatura galega.

Fano subrepticiamente, ou non tanto, coa inocente declaración de adscríberense eles e elas á nosa literatura. Así, sen rubor, e mesmo tratando de culpabilizar a todos os que conformamos o noso sistema literario (escritores, lectores, crítica...) da súa situación periférica respecto da literatura galega, isto é, situados na literatura española, tomando unha opción perfectamente libre e, xa que logo, en coherencia coa súa maneira de pensar.

Particularmente, non entendo o seu afán -o duns e doutras- por reclamárense da literatura galega, cando foi súa a decisión de escribiren en español, integrándose nun sistema literario que eu saiba de prestixio, mesmo recoñecido internacionalmente e que conforma un mercado bastante extenso e é de supoñer que saboroso.

De aí que por máis voltas que lle dá un non atopa as razóns, confesábeis ou non, para que estes escritores e escritoras teimen niso, aproveitando o espacio dos medios de comunicación, espacio que por certo dá en facer invisíbeis (agás contadas excepcións) os escritores e escritoras galegos. A súa teima lémbrame, dalgún xeito, o último filme de Spike Lee, titulado 'Bamboozled', cando un dos personaxes di algo así como que agora todo o mundo quería ser negro. E aquí exactamente igual: "yo también te soy escritor gallego". Confunden a súa cidadanía, xa que algúns evidentemente o son (e que case nunca depende dun factor de elección), coa súa adscrición (voluntaria, voluntaria) a unha literatura, a través da migración e adhesión ao idioma castelán.

Non estaría mal que esta semana, en que se celebra o Día das Letras Galegas, alguén reflexionase acerca de tanto desatino. Aínda que sei que se será difícil.

[Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Sinbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 15/05/2001]

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/05/2001