Actualidade / DiscursoVolver


Santiago, 15 de maio de 2001

Discurso de Clausura do III Congreso da CIG pronunciado por
Suso Seixo, novo secretário xeral

“Temos a necesidade e a obriga de combater a política anti-social e anti-obreira do PP”
 

CIG-

cig@galizacig.com

 Clic para aumentar
Suso Seixo, novo secretário xeral da CIG tras o III Congreso do Sindicato.
 
“Temos que fortalecer as orgaizacións de clase, temos que fortalecer as organizacións sociais, temos que fortalecer a Confederación Intersindical Galega facendo dela unha ferramenta ainda mais eficaz”.


Delegacións convidadas, amigos e amigas, compañeiras e compañeiros, estamos a clausurar este terceiro congreso da CIG, despois de vários meses de elaboración e debate dos relatórios nas diferentes comarcas, asi como nas sesións plenárias congresuais de onte e hoxe.

Nestes dous relatórios facemos unha análise da situación económica, social e laboral na que temos que desenvolver a nosa actividade sindical e fixamos as alternativas e liñas de traballo tanto no campo da acción sindical como no aspecto organizativo. Toda esta problemática que toma características específicas no noso País, está condicionada pola nosa caréncia de competéncias políticas para poder adoptar, de forma plenamente soberana, aquelas medidas necesárias para unha mellor defensa dos nosos intereses como nación no marco da Unión Europea, asi como por unha política xeral deseñada por institucións políticas e económicas de ámbito internacional.

Estamos asistindo nos últimos anos á mundialización dunha política económica caracterizada pola liberalización dos mercados e a globalización dunha política de axuste, impostas a nível mundial polo capital transnacional, as suas institucións políticas e financeiras (UE, BCE, BM, FMI, OMC) e os governos títeres da maioria dos Estados, baixo a hexemonia dos Estados Unidos, coa asociación da Unión Europea e Xapón. Esta política de axuste ten como finalidade a busca de novas fontes económicas que lle permitan incrementar os seus benefícios, e poder asi facer frente á crise estrutural que padece o sistema capitalista. Os seus eixos fundamentais serian os seguintes:

  • A privatización das empresas públicas, entregando a prezo de saldo ao capital privado, e aos amigos do partido no poder, miles de millóns de pesetas pertencentes ao património público.

  • A deterioración e abandono dos servizos públicos para poder xustificar asi socialmente o seu paso a mans privadas.

  • A redución do sistema público de protección social, xunto coa potenciación dos sistemas privados de previsión social.

  • O recorte do poder adquisitivo dos salários.

  • E a flexibilización, desregulación e precarización do mercado de traballo.

Esta política neoliberal de sacralización da economia de libre mercado, no que a economia e os avanzos tecnolóxicos se poñen ao servizo dunha minoria e en contra dos intereses da maioria social, está a ocasionar maiores desigualdades sociais e maiores diferenzas entre países ricos e pobres, criando un mundo carente de xustiza social, insolidário, intolerante, violento, destrutivo da biodiversidade cultural, idiomática, alimentária ou ecolóxica, impoñendo o império do único (moeda única, alimentación única, sistema único, cultura única, pensamento único).

Un mundo, no que os avanzos tecnolóxicos e a capacidade de producir bens materiais poderian facer posíbel a vida en condicións dignas de toda a humanidade, froito do intercámbio desigual, da actual división internacional do traballo e dunha orde económica internacional ao servizo das poténcias imperialistas, vemo-nos condenados a viver nunha sociedade, na que o carácter inxusto da mesma e o fracaso do sistema capitalista pode ver-se plasmado nas seguintes cifras: máis de 1.200 millóns de seres humanos no teñen cobertas as suas necesidades básicas de alimentación, saúde, ensino, vivenda, electricidade, ou auga potábel, máis de 800 millóns sofren desnutrición e fame, centos de millóns de nenos e nenas ven-se forzados a traballar, a exercer a prostitución ou a morrer vítimas das guerras ou da sida, millóns de mulleres son vítimas de maos tratos, discriminacións e da violéncia de xénero, perto dun 30% dos traballadores e traballadoras do mundo están en desemprego e outros moitos máis traballan en condicións de precariedade, e asi poderíamos seguir reflectindo en cifras as misérias do capitalismo. Mentres isto sucede, o capital financeiro internacional obtén miles de millóns de pesetas de benefícios através das suas empresas multinacionais, dos fundos de investimento e da especulación pura e dura nos mercados financeiros. Estamos, pois, ante problemas estruturais que non se solucionan nen pola via das subvencións, nen das axudas benéficas, nen das ONGs.

Esta política de axuste, impulsada polo capital transnacional a nível mundial, é a que está a seguir o PP no Estado español, coa moi estimábel colaboración de certo sindicalismo de ámbito estatal. Esta política regresiva no social, no laboral, no económico e no próprio sistema de liberdades democráticas, concrétase nunha política fiscal favorecedora das rendas máis altas, na privatización e desmantelamento das empresas e dos servizos públicos, na perda de peso das rendas do traballo frente ás rendas do capital, na precarización e desregulación do mercado do traballo através das contrarreformas laborias, na deterioración do sistema público de protección social e na utilización deste como fonte de recursos para engorde dos benefícios empresariais, na ocultación e persecución do discrepante e na imposición uniformizadora da língua, história e cultura española, nun imperial afán de negar a diversidade cultural e o carácter plurinacional do Estado español.

Este é o modelo de sociedade que nos oferece o capitalismo, e os seus estómagos agradecidos, como o mellor dos mundos posíbeis. Nós, ao igual que os miles de persoas e os centos de organizacións de diferentes países que participaron no Foro Social Mundial, celebrado no mes de xaneiro na cidade de Porto Alegre, sabemos que si é posíbel construir un mundo mellor, un mundo alternativo ao inframundo que representa o imperialismo. Coidamos que é posíbel unha sociedade nova e estamos dispostos a loitar por ela, conxuntamente co resto de traballadores e pobos explotados e oprimidos. Un mundo, no que o que estea globalizado sexa a igualdade, a solidariedade, a xustiza social, a non explotación do home polo home. Un mundo, no que as relacións entre os povos se de en pé de igualdade, sen oprimidos nen opresores. Un mundo, no que os conflitos entre nacións se solucionen por via pacífica e non recorrendo á agresión, ao bombardeo masivo e a destrución de povos e vidas humanas como adoita facer o imperialismo, comandado por EE.UU, contra aquelas nacións ou estados que non aceitan o su modelo económico e social. Un mundo, no que sexa compatíbel a industrialización, o desenvolvimento sustentábel, unha alimentación sá, o respeito polo meio ambiente e o equilíbrio ecolóxico, hoxe postos en perigo por unha explotación irracional dos recursos do planeta.

Ante este panorama nacional e internacional, desde o noso compromiso coa loita por unha orde económica nova, desde o noso firme compromiso coa defensa dos direitos e intereses do povo galego e das suas clases traballadoras, reafirmamo-nos no seguinte:

1°.- Na nosa disposición a seguir apoiando e participando en todos aqueles foros e mobilizacións de carácter internacional, de oposición ao actual modelo económico e social propiciado polo imperialismo a nível mundial.

2°.- Na nosa solidariedade coas orgaizacións que conformamos o movimento nacionalista galego, na sua loita por facer de Galiza unha nación plenamente soberana. Nese senso, manifestamos a nosa satisfacción e o noso apoio a que cada vez sexan máis as institucións políticas galegas governadas polo nacionalismo, convencidos de que isto ten que redundar na recuperación da nosa identidade e dignidade como povo, na mellora da nosa calidade de vida e do noso futuro como traballadores e traballadoras e como galegos e galegas. Levamos anos loitando para que sexa o nacionalismo o que hexemonice e dirixa os destinos do noso povo, non cometamos a torpeza, nen a irresponsabilidade, de desperdiciarmos esta oportunidade histórica.

3°.- No noso compromiso coa prática dun sindicalismo de clase, contrário a políticas de pacto social regresivas e claudicantes ante a ofensiva do capital contra os direitos e os intereses das clases traballadoras. Un sindicalismo participativo, solidário, defensor da negociación colectiva en Galiza, do pleno emprego, de contratos estabeis e de salários dignos, defensor da cultura, do idioma galego e dun Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competéncias en todas as matérias. Un sindicalismo ético e coerente na sua conduta e alternativas. Un sindicalismo de mesa de negociación pero tamén de mobilización. Loitas como as dos traballadores de Transportes La Unión, Arriva, Área Central, Banco Pastor, GEA, Sintel, mariñeiros do banco canário-sahariano, exemplos de loitas duras, de actualidade ainda algunhas delas, nas que a CIG tivo ou está a ter unha presenza importante, xunto coa nosa posición firme de rexeitamento das sucesivas reformas laborais..., mostran-nos o camiño a seguir na loita pola defensa do posto de traballo, contra a precarización e en defensa dunhas condicións de vida e de traballo dignas.

Compañeiras e compañeiros, as contrarreformas laborais ainda non remataron. O Partido Popular quer aproveitar a sua maioria absoluta para precarizar ainda máis o mercado de traballo e reducir á mínima expresión o sistema público de previsión social, situándonos en condicións laborais de primeiros de século. Temos a necesidade e a obriga de combater esta política anti-social e anti-obreira. Non podemos permitir que a direita española nos quite o que os traballadores e traballadoras conseguimos tras anos de organización e de loita. Este é o motivo que nos levou a convocar para o próximo dia 15 de xuño unha Folga Xeral en toda a nosa nación, xunto coa necesidade de denunciar unha vez máis a falta de apoio por parte da Xunta de Galiza aos nosos sectores produtivos, fundamentais para o desenvolvimento económico e social da nosa nación.

Os propagandistas do sistema e do neoliberalismo hai anos que decretaron a morte da loita de clases e, polo tanto, de todas aquelas organizacións sindicais que a seguimos a ter presente na nosa teorización e actuación. Pois ben, mália a influéncia e poder do neoliberalismo non conseguiu que a loita de clases lle fixese caso e mantense aí firme, presente e vixente, ao igual que as organizacións sindicais de clase que non queremos nen debemos renunciar a ela.

Compañeiros e compañeiras, para transformar a sociedade galega, algo ao que aspiramos desde a CIG, non é suficiente con coñecela, con ter un programa e uns obxectivos xustos; necesítase algo máis, necesítanse organizacións políticas e sociais que consciéncien, organicen e mobilicen o noso povo. Isto tamén o sabe o capital e o Partido Popular; por iso desde o poder se fomente entre os traballadores e traballadoras, o individualismo, a insolidariedade, a división e a desorganización. Por iso atacan, descualifican, reprimen, manipulan, criminalizan e ocultan informativamente as loitas obreiras, as loitas sociais, e a todas aquelas organizacións que non se venden ao poder e manteñen unha atitude coerente na defensa dos intereses dos traballadores ou do povo, léase, no noso caso, a Confederación Intersindical Galega e o nacionalismo galego no seu conxunto.

Non podemos deixar que saian coa sua. Non podemos permitir que o imperialismo, que os seus representantes políticos, que os seus representantes en institucións financeiras de dentro e de fóra do Estado, que os seus propagandistas na prensa diária, concienciudos e variopintos profisionais ben pagos polo poder para que, desde unha suposta neutralidade, nos adoutrinen con todo aquilo que ao poder lle interesa transmitir á sociedade, nos terminen impoñendo a sua conduta hipócrita e intolerante con todos aqueles que discrepamos do seu modelo de sociedade inxusta, anti-democrática e negadora, pola via dos feitos, dos direitos fundamentais.

Temos que fortalecer as orgaizacións de clase, temos que fortalecer as organizacións sociais, temos que fortalecer a Confederación Intersindical Galega facendo dela unha ferramenta ainda mais eficaz. A CIG, é e ten que seguir a ser, a central sindical de todo o nacionalismo, de todos aqueles que, partindo da pluridade e a diversidade de pensamento que hoxe existen na nosa central, están dispostos a defender e traballar por este proxecto sindical, asi como a aceitar as normas de funcionamento e convivéncia das que democrática e maioritariamente nos dotamos nos nosos congresos.

É difícil na situación actual manter o tipo. Manterse firmes na defensa dos princípios e obxectivos de clase, e no noso caso tamén nacionalistas. Temos desgrazadamente no noso entorno importantes organizacións sindicais que veñen nos últimos tempos mantendo unha prática sindical, como mínimo, de dubidosa coeréncia con respeito a estes princípios, causándolle un grave prexuízio a todo o movimento obreiro. Somos conscientes de que o capital ten moitas cousas ao seu favor, os meios de produción, os meios de comunicación de masas e o aparato do Estado. Nós temos a nosa unión, a nosa consciéncia, a nosa solidariedade e, sobretodo, a necesidade de defender a nosa dignidade e os nosos intereses como clase e como povo.

Compañeiras e compañeiros, non deixemos que nós quiten a esperanza. A esperanza dun mundo da maioria social, dunha sociedade máis xusta, máis igualitária e máis libre. Sigamos a defender a esperanza dunha Galiza ceibe e sen explotación.

¡ Viva a CIG ! ¡ Viva o MOG ! ¡ Viva o MNG !

Compostela, 13 de maio de 2001.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2001