ActualidadeVolver


Santiago, 5 de xuño de 2001

Documento da convocatoria legal da Folga Xeral do 15 de xuño apresentado por CIG e UGT
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



Documento apresentado para a convocatória legal da Folga Xeral do 15 de xuño pola CIG e mais a UGT, onde se dá conta das razóns que levaron a estas duas centrais sindicais a esta convocatória de paro nacional de 24 horas.

Santiago de Compostela, 11/05/2001

Xesús Mosquera Sueiro e Fernando Roberto Acuña Rua, na condición de secretarios xerais da Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT) e da Confederación Intersindical Galega (CIG), respectivamente, diríxense a vostede co fin de comunicarlle que na reunión conxunta das centrais sindicais que representamos, Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) e Confederación Intersindical Galega (CIG), na súa condición de sindicatos máis representativos, celebrada en Santiago de Compostela o pasado día 7 de maio do 2001, de modo conxunto decidiron convocar FOLGA XERAL no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que terá de afectar a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos dentro do ámbito xeográfico e xurídico da Comunidade Autónoma de Galicia e que se vai desenvolver o próximo día 15 de Xuño do 2001, entre as 00:00 horas de tal día ata as 24:00 do mesmo día.

As causas que levaron a adopción de convocar a folga por parte de ámbalas dúas centrais sindicais máis representativas en Galicia vén motivada fundamentalmente polo que a continuación imos expoñer.

Nun contexto de crecemento e obtención de altos beneficios empresariais estamos asistindo a un proceso paralelo de deterioración do poder adquisitivo dos traballadores e das súas condicións de traballo que se reflicte non só na súa perda de rendas e na precariedade laboral, feitos estes que inflúen de xeito directo na estabilidade do emprego e son, dun xeito constatado, factor de especial influencia nas altas taxas de sinistralidade que se veñen rexistrando.

Así no ámbito de Galicia é indicativo o incremento da taxa de temporalidade producido nos últimos 13 anos, onde pasamos dunha taxa do 17,48% no ano 1988 a unha de temporalidade do 34,39% no ano 2000, temporalidade que se agrava aínda máis pola alta taxa de fraude nas contratacións temporais.

Ó anterior únese o alarmante incremento de incumprimentos da normativa de prevención de riscos laborais que leva aparellado, conxuntamente con isto, un extraordinario incremento da sinistralidade laboral que vén situar a nosa Comunidade tristemente á cabeza do ranking de traballadores mortos ou gravemente lesionados polo desenvolvemento da súa actividade, sendo moi significativo o dato de que nos últimos 5 anos os accidentes mortais na nosa Comunidade se incrementaron un 126,53 por 100 e os accidentes con baixa, a preocupante cifra dun 146,53 por 100.

Unido á situación precedente hai que resaltar o actual proceso de desmantalamento de sectores productivos de suma importancia en Galicia como son a pesca e a gandería; no sector da PESCA é especialmente significativo que no ano 1988 figurasen de alta no Instituto Social da Mariña un censo superior a 80.000 traballadores da pesca cando no ano 2.000 ese censo se reduce a uns 36.000 pescadores, cifra que se ve este ano extraordinariamente reducida pola incapacidade das autoridades públicas de acadar acordos de pesca con Marrocos ou no seu caso establecer políticas activas de conquerir caladoiros alternativos ou de establecer unha política de diversificación industrial que evite a profunda crise que están a sufrir importantes zonas de Galicia que exclusivamente dependen da eficacia dos acordos antes indicados (Barbanza, O Morrazo, A Guarda…).

A carón da profunda crise que está a sufrir o mar sitúase a tamén endémica situación do sector AGROGANDEIRO GALEGO onde a perda de activos nos últimos anos supuxo unha redución dun tercio; igual diminución do 66 por 100 se produce paralelamente na renda familiar, o que leva consigo paralelamente a un progresivo depoboamento rural, feitos ante os cales a administración non procurou a través de políticas de fomento axeitadas a creación dun tecido industrial que garanta o crecemento e desenvolvemento económico do agro.

A todo o anterior hai que sumar a progresiva deterioración económica e social dos traballadores da función pública, que levan arrastrando unha crecente perda do seu poder adquisitivo coas anuais conxelacións salariais que se ven amplamente superadas pola inflación real e pola cada vez máis coartada capacidade de negociación que vén sendo reiteradamente saltada polas sucesivas normas orzamentarias, servindo sempre as súas retribucións de chave para acadar obxectivos da política económica do goberno que non é capaz de conseguir a través de sistemas mais equitativos e redistributivos.

Na nosa firme vontade de atallar tal situación por parte das organizacións sindicais sempre se mostrou unha clara vontade de contribuír a cambiar as cousas achegando as nosas experiencias e propoñendo solucións; achegando distintas alternativas en todos os foros e mesas nas que temos participado.

A través deste Decreto-lei onde, ademais de facer caso omiso ás alternativas das centrais sindicais, se establece unha regulación legal inútil na loita contra a precariedade, regresiva para os dereitos dos traballadores a tempo parcial, lesiva para os grupos ós que se pretende aplicar o contrato de formación, e en definitiva supón unha solución nefasta ós actuais problemas da normativa laboral e o recoñecemento dos dereitos dos traballadores.

Este Real decreto asume as posturas máis agresivas contra os dereitos dos traballadores, instaura unha serie de modificacións legais que lonxe de servir para a creación de emprego estable o que fai é desestabilizar o emprego que se poida crear con tales medidas.

Así debemos indicar que respecto do contrato a tempo parcial é denunciable a eliminación da separación legal entre esta modalidade contractual e o contrato a tempo completo co que se consigue impor ós traballadores afectados unhas obrigas de traballar en xornada anual practicamente igual que a completa, pero cunha merma clara dos dereitos respecto dos contratados a tempo completo.

Enormemente grave é tamén a eliminación do requisito de que no contrato figure a configuración horaria da xornada pactada. A desaparición do horario diario, semanal ou mensual ten como consecuencia o sometemento do traballador a unha total incerteza en canto á maneira na que vai desenvolver a súa xornada quedando a libre disposición do empresario, o que implica un enorme retroceso dunha constante e firme aspiración sindical de erradicar das nosas relacións laborais os “traballadores á carta”.

É inadmisible neste tipo de contratos o réxime de horas complementarias que pasa a converterse nunha enorme bolsa de ata o 60% da xornada anual contratada, a utilizar en calquer momento polo empresario e sen que o traballador teña dereito a consolidar a dita xornada, aínda que se demostre habitual, e o que nos parece unha práctica case escravista é a imposibilidade que este ten, unha vez asinado o pacto de horas complementarias, de denuncialo ou renunciar a el: o traballador poderá ter pactado en moitos casos mesmo unha xornada superior á do sector, pero no mellor dos casos só cotizará polas horas pactadas coa merma de protección social que esa cotización a tempo parcial ten, a pesar de traballar efectivamente cando menos tanto coma calquer traballador da mesma empresa a tempo completo.

En resumo, o contrato a tempo parcial, coa nova regulación, é un contrato á carta coa intención de poñer traballadores que deben ter absoluta dispoñibilidade a disposición da empresa, que procederá ao seu chamamento cando o estime oportuno, e á vez este desgraciado contrato vai imposibilitar dun xeito abusivo conciliar a vida laboral dos traballadores afectados coa vida familiar.

Particularmente lesiva e regresiva é a nova regulación que se nos impón respecto do Contrato de Formación. O Real Decreto lei supón unha profunda desvirtualización desta modalidade incorporando, sen xustificación ningunha, a extensos colectivos dentro dos cales, inmigrantes, desempregados que leven máis de tres anos sen actividade, desempregados en situación de exclusión social (concepto que non se aclara), e desempregados que se incorporen a programas de escolas obradoiro, son agora os destinatarios deste tipo de contrato; isto supón a práctica universalización deste contrato barato e temporal.

Ademais do anterior debe de terse en conta que os traballadores contratados a través desta modalidade, na maioría dos casos verán seriamente mermadas as súas retribucións, incluso no caso en que non se lles proporcione formación teórica e serán retribuídos a razón de Salario Mínimo interprofesional e co atractivo engadido para os empresarios da práctica gratuidade dos custos sociais.

Coa actual regulación desaparece por completo a finalidade de formar traballadores cualificados para converterse nunha forma de acopio de man de obra barata cunha retribución de S.M.I. e baixas cotizacións para os empresarios e sen dereito a cobrar o desemprego para os traballadores afectados.

É tamén a través do Decreto-lei imposto, onde se crea un contrato temporal para as Administracións Públicas, denominado CONTRATO DE INSERCIÓN, que, ademais de carecer de regulamentación nas súas liñas máis básicas, en ningún caso tende a reducir a temporalidade das Administración Públicas senón máis ben todo o contrario, o que ademais de ser sindicalmente inaceptable é legalmente contrario ós principios que deben rexer na contratación na administración pública segundo as normas da propia función pública.

A propia creación deste tipo contractual novo, temporal, atenta mesmo contra a exposición de motivos que o Decreto sinala, xa que introduce un contrato temporal máis, pero é que, ademais, en liña con outras partes da reforma que se indica, parece consagrar unha diferenciación de trato dos traballadores cando o seu empresario é unha Adminitración ou é unha empresa privada, agravando a xa precaria situación dos empregados das administracións públicas que veñen soportando.

Nefasta é para os dereitos dos traballadores a reforma imposta respecto dos TRABALLADORES FIXOS-DISCONTINUOS, onde dun xeito artificioso se fai unha diferenciación en función de que os traballos fixos discontinuos se repitan en datas certas ou traballos fixos discontinuos que non se repitan en datas certas; respecto dos primeiros traballadores que asumen tódolos males dos traballadores a tempo parcial, incluídos os males engadidos do pacto vitalicio de hora complementarios, e respecto dos segundos ningunha norma se establece, nin sequera a duración do seu contrato bastando con que figure no seu contrato a duración ESTIMADA.

O Goberno, impón unha NOVA CAUSA DE DESPEDIMENTO que se asocia á rescisión dos contratos indefinidos concertados para a execución de plans e programas públicos financiados con consignación orzamentarias anuais, autorizando a súa automática rescisión ante situacións de insuficiencia das consignacións orzamentarias asignadas, causa de despedimento que pode ser aplicable tanto a traballadores das Administracións Públicas como a traballadores de empresas privadas que contraten coas primeiras, o que ademais de ser unha nova fórmula de extinción unilateral de contratos deixa en mans do empregador libremente a aparición da causa.

A modalidade de CONTRATO DE FOMENTO DA CONTRATACIÓN INDEFINIDA, establecida no ano 97, vese ampliada a outros colectivos de traballadores cos que se pode concertar este tipo de contratos que veñen a ser practicamente todos os traballadores en idade laboral, xa que ademais van poder concertarse con traballadores que teñan un contrato temporal, incluídos os formativos que se celebren ata o 31/12/2003, sinal que poderá concertarse con traballadores desmpregados que teñan entre 16 e 30 anos ou máis de 45, parados (sen límite de idade) que leven 6 meses no paro, minusválidos ou mulleres paradas en profesión con menor índice de ocupación.

O colectivo indicado supón a universalización deste tipo de contrato que será a modalidade de indefinido futuro que ten unha indemnización por despedimento reducida de 33 días por ano cun máximo de 24 mensualidades; fórmula, por tanto encuberta, de abaratamento do despido.

Elimínasenos tamén no Real Decreto Lei a posibilidade de establecer na negociación colectiva un límite máximo de idade para traballar, que viña sendo un instrumento básico e que máis e mellor xogo deu ás políticas de fomento de emprego e servía á vez para a renovación dos cadros de persoal, o que supón supresión vía decreto dun verdadeiro dereito histórico dos traballadores.

En definitiva, as medidas impostas supoñen un claro retroceso nos dereitos máis básicos dos traballadores e un claro ataque ás políticas en contra da temporalidade e precariedade no emprego e contra o encadeamento fraudulento de contratos, que en modo algún se ven satisfeitas por simples intencións nin pola simbólica indemnización que se fixa á finalización dos contratos temporais, de oito días de salario por ano traballado.

Por outra banda, ademais do sinalado que se concretou na citada norma imposta, no recente ACORDO SOBRE AS PENSIÓNS asinado entre o goberno, as patronais e un dos sindicatos, considerámolo totalmente insuficiente chegando incluso a desviarse das pretensións que noutros momentos aceptaron os mesmos interlocutores no marco do Pacto de Toledo.

En primeiro lugar, é grave e ademais perxudicial para a futura estabilidade do sistema público de pensións o establecemento dun período de 12 anos para a separación das fontes de financiamento da Seguridade Social: No devandito Acordo establécese ese longo período para financiar con cargo ós orzamentos do Estado os complementos a mínimos de xeito que durante ese longuísimo período será a Seguridade Social a que siga a financiar o Estado cun montante que pode superar os 3,5 billóns de pesetas, limitando paralelamente as aportacións que deberían facerse ó Fondo de Reserva, perdéndose ademais a oportunidade de acumular un remanente durante unha etapa que, ademais, coincide coa conxuntura demográfica favorable motivada pola menor entrada de pensionistas no sistema.

O anterior non é nin moito menos un problema menor. O longuísimo período que se estabelece para a separación das fontes de financiamento da Seguridade Social prexudica a futura estabilidade financeira do sistema público de pensións e facilita impropiamente recursos públicos ó Estado que están a servir, incluso, para financiar reformar fiscais regresivas, contra as cales as nosas organizacións sindicais non poden permanecer impasibles.

Sirva de exemplo que no ano 1995 a porcentaxe de financiamento dos complementos a mínimos das pensións con aportación do Estado era do 40,79%, mentres tal porcetanxe se reduce ó 2,44% no ano 2000.

Pero é que ademais o Acordo segue trasladando custos indebidos á Seguridade Social, como a reducción das cotas ós traballadores de 55 ou máis anos, o que significa entrar de cheo na reivindicación empresarial de rebaixar os custos sociais.

En definitiva o acordo retrasa dun xeito inxustificado a separación de fontes do sistema de seguridade social, o que incluso significa, como diciamos anteriormente, un paso atrás no que os mesmos interlocutores tiñan establecido como compromisos no Pacto de Toledo, o que pon en perigo a estabilidade e viabilidade mesmo do sistema público de pensións.

No recoñecemento da XUBILACIÓN ANTICIPADA ós que non tendo cotizacións antes de 1-1-67 teñan cumpridos 61 anos, establece desigualdades importantes a aqueles outros que si teñen acreditadas as referidas cotizacións e ademais supedita o recoñecemento de tal pensión a unha serie de requisitos que restrinxen gravemente tal dereito:

  • Non se recoñece como dereito voluntario e personal do traballador, pois no acordo límitase tal dereito para cando o traballador, ademais de reunir os restantes requisitos, perda o seu traballo por causas que non lle sexan imputables e se encontre desempregado durante seis meses.

  • É preciso ademais acreditar 30 ou máis anos cotizados cando a proposta sindical sempre foron 25.

  • Os coeficientes reductores que penalizarán a futura pensión do traballador que, reunindo todos e cada un dos requisitos poida acollerse a esta pensión, son excesivamente altos.

  • Tampouco se xeneraliza tal dereito e así non se lle recoñece a xubilación anticipada a partir dos 61 anos a sectores tan importantes como os traballadores do Réxime Especial Agrario.

En definitiva a reforma da Xubilación anticipada, tal e como se configura no acordo, é unha posibilidade exercible só en taxados e determinados casos que fai insuficiente e inoperativa a medida mesma e en modo ningún cobre as nosas demandas ó respecto.

A reforma que se propón da Xubilación non remata nesta exigua medida senón que tamén hai que poñela en relación coa derrogación que nos impuxo o Real Decreto Lei 5/2001 onde o Goberno elimina de xeito unilateral a posibilidade de que os Convenios Colectivos establecesen límites á idade de Xubilación e que afecta, como se dixo, non só a unha histórica demanda do sindicalismo senón que elimina unha extraordinaria ferramenta de reparto do traballo.

Tan grave decisión acompáñase agora con outras medidas que se inclúen no acordo co mesmo obxectivo que non é outro que o retrasar a idade de xubliación, e así:

  • A modificación da xubilación parcial realízase co único fin de compatibilizar a pensión de xubilación co traballo, o que supón seguir un camiño completamente contrario ó ata o de agora andado. Se a prioridade sindical sempre se situou en favorecer a xubilación parcial a través do contrato de relevo ata a idade de xubilación, pero non a partir desta, xustamente como paliativo o grave problema do reparto do emprego, con esta nova medida elimínase tal instrumento incentivador.

  • A exoneración do pagamento de cotizacións sociais por continxencias comúns para os traballadores de 65 ou máis anos que decidan compatibilizar a pensión co traballo plantexa un tratamento gravemente discriminatorio con respecto doutros colectivos con especiais dificultades de encontrar emprego (mozos demandantes de primeiro emprego, minusválidos, ...) que cuns maiores custos entrarán en competencia francamente desigual cos maiores de 65 anos, o que nos leva a conclusión de que a devandita medida tan só beneficiará as empresas que non pagarán cotizacións, e a propia Seguridade Social que aboará as pensións máis tarde; pola contra tan só beneficia a traballadores con altos ingresos, moi superiores as pensións que lles corresponderían.

  • A modificación que se anuncia do subsidio por desemprego para os maiores de 52 anos de xeito que este non se extinga cando o traballador acade a idade en que poida ter dereito á xubilación non ten en absoluto transcendencia en canto ó gasto xa que o único que se consigue é trasladar o custo ó INEM e o beneficio que pode reportar na futura pensión do traballador é mínima por canto a cotización que realizará durante eses 5 anos de máis será por bases mínimas.

  • Respecto dos topes ós incrementos das bases a partir dos 65 anos coa intención de evitar a artifical suba das bases de cotización a efectos da pensión futura, tamén é contraria ó principio de contributividade ós topes de bases que vimos demandando.

En definitiva, en canto ás reformas que se introducen no que atinxe á xubilación ademais de ser unha reforma regresiva en canto a creación de emprego, en modo ningún beneficia ós traballadores senón tan só ós empresarios, que van ver como se produce unha forte redución das cotización sociais ós maiores de 60 anos e co compromiso de seguir reducindo tales cotizacións ós maiores de 55. Así mesmo, coa garantía de que os excedentes da seguridade social se destinarán a reducir, con carácter xeral, as cotizacións sociais co que se se hipotecará a financiamento futuro da seguridade social.

Respecto das presuntas melloras que se din inclúe o citado acordo, hai que dicir que nada máis lonxe da realidade e que polo tanto seguen a incumprirse as demandas sindicais en tal terreo e os preacordos que arrancan dos asinados en 1.997; vexamos:

  • Na pretendida mellora da porcentaxe da Pensión de Viuvez ó pasar do 45% ó 52 % ten moi baixa ou case nula incidencia, pois esa mellora nas pensión na maioría dos casos é absorbida polo complemento a mínimos.

  • Aínda que se compatibiliza a pensión de viuvez cun novo matrimonio é total e absolutamente incoherente cando non se recoñece tal dereito ós supostos de convivencia mediante unión estable.

Respecto da pensión de orfandade o aumento de 1 ano na súa percepción non supón mellora ningunha se temos en conta que a súa contía segue a ser ínfima, como ínfima é a contía das prestacións por fillo a cargo compatibles con esta pensión ou a absoluta desprotección da orfandade absoluta cando os pais do orfo convivían sen vínculo matrimonial.

Tampouco se aborda no acordo a reiterada demanda sindical de incremento das pensións mínimas, co que se deixa sen solución a grave situación que na actualidade están a vivir a maioría dos pensionistas deste país.

Enormemente grave nos parece o recorte de dereitos dos traballadores e o franco retroceso que supón o limitar o anticipo da prestación (que as Mutuas ou entidades xestoras) deben anticipar ó traballador accidentado a 2,5 veces o importe do salario mínimo interprofesional, cando ata o de agora a obriga de anticipo era total.

Tendo en conta que eses casos de anticipo de prestacións supoñen que a Mutua o Entidade Xestora das continxencias profesionais tiña ata o de agora a obriga de pagar as prestación de seguridade social íntegras, aínda no caso de que o empresario non procedese a alta do traballador ou non cotizase por el, esta limitación que se establece sanciona sobre o traballador un incumprimento do empresario que ata agora non tiña porque soportar nin ten razón de soportalo en adiante.

Ademais do franco retroceso que supuxo o citado Real Decreto Lei impoñendo unha normativa que merma gravemente os dereitos dos traballadores, historicamente conseguidos, o pacto ou acordo de Pensións que ademais de ser incompleto e gravemente danoso tamén para os dereitos dos traballadores como se dixo, atopámonos nun contexto onde a seguinte pretensión é minar e demoler por completo o sistema de negociación colectiva deseñando na norma marco laboral e na propia Contitución e substituílo por un modelo netamente mercantil.

Dende as Organizacións Sindicais convocantes NON PODEMOS PERMITIR a supresión da ultraactividade dos convenios colectivos e a prórroga das cláusulas normativas dos mesmos; aceptar impoñer, como é o costume último, tal solución non é senón demoler a esencia mesma que está no nacemento das organizacións sindicais onde se asume a realidade da desigualdade das partes do contrato de traballo. Pretender que á finalización de cada convenio o mesmo desapareza da realidade da súa propia existencia deixando sen a máis mínima regulación legal as relación laborais dos afectados, ademais de supor unha expoliación ilexítima dos dereitos dos traballadores, non levará máis que a situación de conflictos permanentes nos sectores afectados e que, de ningún xeito, se vai permitir.

En definitiva, a actual situación de ruptura buscada, calculada e realizada por parte do Goberno do denominado “diálogo social”, erradicando a normativa pactada e impoñendo, desde unha visión que atenta gravemente ós dereitos dos traballadores, as normas máis regresivas, a actual situación de absoluto desprezo e total falla de atendemento ás reiteradas demandas de diálogo, o progresivo desmantelamento dos dereitos dos traballados que culmina coa anunciada intención de dinamitar o actual sistema de negociación colectiva é o que, en definitiva, leva ós sindicatos convocantes á convocatoria da citada Folga Xeral.

En evitación da mesma por parte das centrais convocantes directamente ou a través das respectivas organizacións non só se solicitaron ou demandaron das Administracións competentes a adopción, ou non adopción, de medidas axeitadas para corrixir semellantes abusos que se veñen de describir, sinteticamente, sen que por parte de ningunha das administracións nin das patronais compententes se mostrase a máis mínima intención, sequera, de dar solución a todas ou alguha das demandas que se acaban de sinalar, especialmente a retirada do citado Real Decreto Lei, a renegociación dos acordos de Pensións, a concreción de acordos de pesca con Marrocos, o establecemento de estructuras productivas en Galicia ou que se cumpran as promesas de compensacións ós gandeiros afectados pola EEB.

A situación con ser grave a nivel de todo o Estado é grave especialmente na nosa Comunidade Autónoma, onde a Xunta de Galicia fai oídos xordos e a vista gorda ós intensos e graves problemas que vive Galicia, de xeito especial e así ademais do anterior, a destrucción do tecido productivo galego é máis intensa, se cabe, que no resto do marco da Unión Europea.

Por todo o exposto e, en cumprimento do que para o efecto dispoñen os artigos 3 e 4 do Real Decreto 17/1997 de 4 de Agosto de Relacións Laborais vimos a comunicar a través do presente escrito a decisión adoptada de convocar FOLGA XERAL que terá que afectar a todas as empresas radicadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e tamén a empresas e organismos públicos da citada comunidade, así como ás administracións central, autonómica e local, e isto dentro do prazo legalmente establecido.

O Comité de Folga estará formado polos seguintes traballadores, 10 membros en total:

(Por UGT-Galicia):
José Benito Núñez López,
Xavier Carro Garrote,
Manuel Golpe Gómez,
José Antonio Gómez Gómez,
Luís Sánchez Gala.

(Pola CIG):
Ramiro Oubiña Parracho,
Manuel Currás Meira,
Xesús Eladio Seixo Fernández,
Manuel Mera Sánchez,
Fernando Roberto Acuña Rúa,

Como domicilio do Comité de Folga fíxase o de UGT-Galicia sito en Rúa do Xeral Pardiñas, 26-1º de Santiago de Compostela, e o da CIG, Rúa Gregório Espino, 47-entrechán, Vigo.

Para que sirva para efectos de constancia e comunicación preceptiva, asinan en representación das organizacións asinantes, no sitio e data ut supra.

Jesús Mosquera Sueiro (secretario xeral UGT-Galicia),
Fernando R. Acuña Rúa (secretario xeral CIG).

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/06/2001