Actualidade / EntrevistaVolver
Santiago, 1 de xuño de 2001

Entrevista a Xabier Torea, delegado de persoal de Ceepilsa
Área Central: un conflito con discriminación de fondo
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Xabier Torea, delegado de persoal de Ceepilsa.
 
Cais son as razóns polas que xorde o conflito de 'Área Central'?

Primeiramente, caberia explicar os antecedentes da situación. Trata-se dunha empresa radicada na cidade de Santiago de Compostela que está encargada do servizo de limpeza de 'Área Central' (centro comercial da cidade e un dos máis importantes do entorno). Na dita empresa estábamos a traballar un total de 15 persoas, das cais 8 eran discapacitadas, debido a que se trataba dun centro especial de emprego (CEE). E como tal, estaba subvencionada directamente polo Estado e máis pola ONCE. É importante salientar que esta diferenza era tan só nominal, xa que na prática as condicións e situación de traballo eran idénticas para todo o cadro de persoal.

Ao producir-se un cámbio na contrata –o dia 1 de xaneiro– da empresa Ceepilsa a Serlimat (grupo Clinor), a nova empresa que se fai cargo do servizo decide non asumir a contratación do persoal discapacitado, cousa que incumpre o convénio colectivo provincial da limpeza, convénio que si cumpre co resto dos traballadores.

Serlimat o que fai é aproveitar-se dun baleiro legal existente, aducindo que non pode reproducir unha suposta situación especial dun CEE, polo que a subrogación non é posíbel. Hai que subliñar que este "trato preferente" non existiu nunca con Ceepilsa.

En fin, isto é en eséncia o motivo principal que nos leva a enfrontar a situación e mobilizar-nos.

Por que a nova empresa que se fai cargo do servizo non vos contrata a todos?

As razóns que dá a nova empresa, Serlimat, son que ao se tratar dun centro especial de emprego se dan unhas condicións especiais que Serlimat non contempla para os seus traballadores. Na nosa opinión, compartida pola anterior empresa Ceepilsa, o que aduce Sermilat non é certo, e o noso centro de traballo é tan normal como calquera outro.

Nós entendemos que os motivos reais, non explicitados, veñen dados pola presión exercida pola xeréncia do centro comercial 'Área Central' para que non se dea esa contratación, por razóns "estéticas e de rendimento", tal e como recoñeceron os responsábeis de Ceepilsa no xuízo celebrado que lles dixeron desde a própria xeréncia.

Que valoración fas da opinión da xeréncia, respeito do pouco estético e o pouco rendimento no traballo que desempeñábades?

No que se refire a cuestións estéticas, o único que podemos dicer é que o usuário do centro, o consumidor ou consumidora, no que repara á hora de ir mercar a un centro como o de 'Área Central' é que este se encontre limpo e ben coidado, á parte doutras consideracións xa referidas aos produtos en si e xa non ao próprio edíficio ou local.

Polo que fai ao rendimento, só chega con ver o noso alto nível de cualificación dentro da empresa –estoume a referir ás categorias que tíñamos, e cumpre ter en conta que os traballadores máis especializados e cualificados éramos nós, as persoas discapacitadas– para decatar-se de que o noso rendimento e produtividade eran máis que óptimos.

Cal foi o desenvolvimento do conflito e con que apoios contastes os traballadores e traballadoras?

O primeiro que fixemos foi acudir ao local comarcal da CIG en Compostela, para explicar a nosa situación e ver, entre todos, como enfrontar estes despedimentos de oito persoas. A partir de aí, elaboramos unha estratéxia, conxuntamente co sindicato, para dar a mellor resposta posíbel ao conflito en cuestión. Fixemos unha rolda de prensa para denunciar a situación en que nos atopábamos e decidimos facer unha concentración diária no interior do centro comercial, xusto diante dos locais privados da dirección de 'Área Central' ("Esencias Mediterráneo", "Alcampo", "Ghastof", "Relojería Alfonso", "Zoo Área Central", "Centro Veterinário" e "Toxo"). Tamén convocamos unha manifestación, á que acudiron máis de trescentas persoas, dentro de 'Área Central'.

Así mesmo, ademais destas medidas mobilizadoras, mantivemos reunións con diferentes organismos e institucións: Conselleria de Família, Conselleria de Relacións Laborais, Inspección de Traballo, grupos municipais no Concello de Santiago e grupos parlamentares no Parlamento de Galiza, Valedor do Povo... Neste senso, temos que dicer que as nosas demandas contaron con moitos apoios como os de Cogami (Confederación Galega de Minusválidos) e Amico (Asociación de Minusválidos de Compostela), ademais das adesións do próprio Concello de Santiago, dos grupos parlamentares da oposición, etc.

Despois desta primeira fase, como se seguiu a desenvolver o conflito?

Ben, houbo un primeiro intento de conciliación no SMAC, no cal estivemos nós xunto coa CIG e mais Ceepilsa, mentres que Serlimat nen se apresentou. Entón, nós seguimos a manifestar-nos dia tras dia en espera de que chegase o momento do xuízo, que tivo lugar o 29 de abril.

Ali, no xuízo, os responsábeis de Ceepilsa ratificaron-se na sua versión de que houbo presións da xeréncia de 'Área Central', en mans de 'Larry Smith', e do mesmo xerente Enrique Romeu, para que nós non fósemos contratados polas razóns antes aducidas, é dicir, pola suposta falta de estética e de rendimento no noso traballo. De feito, ao non aceitar estas condicións a própria Ceepilsa, é cando se dá a nova contratación –a dedo, dito sexa de paso– da empresa Serlimat para se facer cargo do servizo, e por riba encarecendo o custo do dito servizo.

Xa para rematar, en que fase se encontra hoxe?

O certo é que nós levamos desde o dia 1 de xaneiro sen cobrar, xustamente cinco meses, e finalmente estamos á espera de que se produza a sentenza do xuízo, que agardamos favorábel ás nosas xustas demandas, e non só pola nosa situación particular, senón porque isto pode afectar á totalidade dos centros con estas características, é dicer, aos centros especiais de emprego, máis ou menos un dez centro no noso país.

Ao tempo, seguimos cunha certa presión mobilizadora, con concentracións en 'Área Central' dous ou tres dias á semana.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/06/2001