Actualidade / EntrevistaVolver
Vigo, 1 de xuño de 2001

Entrevista con Rafael Iglesias, secretario comarcal de CIG-Pontevedra
Transportes La Unión, acadouse un acordo que pon fin a 120 días de paro
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Rafael Iglesias, secretario comarcal de CIG-Pontevedra.
 
O día 30 a primeiras horas da mañá chegábase a un acordo en Transportes La Unión entre a patronal e os traballadores, poñendo fin deste xeito a unha folga que durou 120 días, a máis longa do sector en Galiza. Sobre este acordo, as incidencias do paro e o marco no que se desenvolveu falamos con Rafael Iglesias, secretario comarcal de Pontevedra da CIG, que tivo a responsabilidade de guiar este conflicto. Un conflicto que, segundo os traballadores e o sindicato, tivo unha solución final que se debe considerar moi positiva.

Como valoras o acordo e en que consiste?

Despois de 120 días de folga é un acordo positivo, máxime se temos en conta que existiron intentos anteriores sen resultado, pola actitude prepotente da patronal. Ademáis este é un acordo que se da cando aumentaban as manobras para aillarnos, buscando un acordo co resto dos sindicatos e facéndonos ver nos meios de información como uns tolos que “meteran aos traballadores nun camiño sen saída”, e xa había algunha sentencia negativa.

Nesta xuntanza entramos ¡por fin! nos temas que levaron á convocatoria do paro, que son: traballar exclusivamente nas líneas que son concesión de transportes La Unión e non noutras empresas do grupo Monbus (Este é un nome comercial), asi como que non traballen operarios destas empresas en La Unión; vacacións; cadrante de servizos e descansos; conductor-preceptor e dietas, e problematica do persoal de taller.

En que se avanzou sobre estes temas?

Están recollidos no acordo que o seu centro de traballo é Transportes La Unión, vacacións, cadrante de servizos. Quedan por desenvolver o referente a conductor-preceptor e dietas, e problemática do persoal de taller.

Pensas que pode haber acordo sobre estes temas, tendo en conta os antecedentes e a actitude da direción durante o conflicto?

Penso que si, na medida que a empresa está convencida (anque costou) de que hai que resolver o problema de fondo e evitar que se reproduza o conflicto. Cando menos esto é o que manifesta verbalmente.

Falemos dos despidos?

Non hai despidos! Este foi sempre para nós un tema principal. Hai sete traballadores que se van voluntariamente con imdemnizacións de 55 días por ano traballado, condición que se respecta tamén para aqueles que teñen sentencias en Maxistratura con despido procedente. Hai outros dous casos nos que se chega a perto dos 90 días de imdemnización por ano traballado. O resto van ser readmitidos. Neste tema, clave para nos, podemos dicir cos resultados son moi postivos.

Pero, hai quen dí que estas baixas son un fracaso?

É pura demagoxia. A empresa forzou a rebaixa da plantilla no ano 2000 en 59 traballadores dende que a mercou Raúl López, e daquela nen CCOO, nen UGT (que tiñan toda a representación dos traballadores), nen a prensa dixo ren. Despois dunha folga tan longa é comprensibel que haxa empregados que busquen unha saída persoal e agora (naqueles casos nos que o traballo que atoparon é mellor) prefiren deixar Transportes La Unión. Outros sinxelamente non queren voltar a choiar cun patrón tan difícil (e son xeneroso nos calificativos neste caso). O certo, anque non lles goste aos que buscan quitar méritos á loita, é que non foi a patronal a que selecionou aos que ían seguir na empresa. Non saiu adiante a súa pretensión de descabezar ao colectivo, e tampouco quedaron ducias de despedidos sen imdemnización como decían algúns fai unhas semáns, e reproduciu xenerosamente a prensa.

Mira CCOO, que foi dos máis críticos e torpedeou a folga ate o último día, aceptou despidos pactados que nalgún caso estiveron por debaixo dos 45 días por ano traballado. Meteulles aos seus afiliados o medo no corpo. Hoxe terán que preguntarse sobre esta estratexia, tendo en conta os resultados finais do conflicto.

Entón este acordo deixa a CCOO en entredito?

Este sindicato comezou cun apoio crítico, e a partir da primeira mediación do conselleiro de Ordenación do Territorio da Xunta de Galiza, Cuíña, o 8 de febreiro, xa optou por dar todo por rematado. Quería unha saída mesmo aceptando os despidos esixidos por Raúl. Dixeron que levabamos aos traballadores a un calexón sen saída, que non tiñamos capacidade de negociación. A postura de CCOO foi de derrotismo, de traballar para a patronal dándolle leña aos folguistas nos meios de comunicación. A súa postura deulle pulos á patronal e á Xunta e alongou o conflicto. Anque non conseguiu rebaixar o apoio social ao paro, nen dividir ao colectivo, ¡nesto fracasou!

A última actuación noxenta deste sindicato, dende un ponto de vista de clase e sindical, foi querer montar unha mesa ao marxe dos folguistas e da CIG, coa UGT, patronal e máis a Xunta de Galiza. Esto foi despois da anteúltima negociación, na que a patronal e a Xunta querían que aceptásemos 17 despidos sinalados por Raúl. Ninguén se apuntou a esta manobra. Era moi arriscada, xa que deixaba fora aos folguistas e máis á CIG, a central con maior afiliación hoxe na empresa.

Deixando a un lado este tema, como recibiron os traballadores o acordo?

Na xuntanza do martes pola noite estiveron Cuíña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, pola empresa, Raúl López e Juan Gómez, tres membros do Comité de Folga, e pola CIG, Antolín Alcántara, Pastoriza e máis eu. Foi unha reunión tensa, difícil, e na que se tardou en acadar unha solución final. O alcalde de Pontevedra tivo unha actitude salientabel.

O tema dos despidos voltou a ser fundamental. Hai que ter en conta ca empresa despedira no seu día a 42 traballadores por non cumprir os servizos mínimos ou participar nos piquetes. Dos 42 despedidos, dos que algúns aceptaron imdemnización durante o xuízo (de CCOO), varios foron readmitidos, sobre outros xa existen sentencias de despido improcedente e dous resultaron despidos procedentes. Pero aínda quedan varias sentencias por dictar. Agora calquera sexa o resultado para todos hai unha boa saída que depende da sua decisión.

Os traballadores estaban esperando á porta do Hostal dos Reis Católicos en Compostela, que é onde se fixo a reunión, e nós saímos dúas veces a falar con eles para informarlles do que había. Por fin sobre as 11 da noite tiñamos unha proposta aceptabel e nos xuntamos con eles para que decidiran. Foi aceptada por unanimidade. En todo momento foron os operarios, os directamente afectados, os que tiveron a última palabra. Este é o xeito de actuar sindical da CIG.

Onte os traballadores decidiron realizar unha cea o sábado día 9 para celebrar o remate da folga, así como que se acadaran as demandas que levaron a este conflicto. Van asistir eles, as súas familias, os cadros sindicais que particiaron máis activamente, e tamén vai ser convidado pola súa mediación o alcalde de Pontevedra, etc.

Que dimensión acadou a folga de Transportes La Unión?

Os traballadores mobilizáronse todos os días. Pensa que a folga comezou no inverno, e que este ano choveu moito e había un frío húmido. Todos os días dende as 6 da mañá formábanse os piquetes, e non faltaba ninguén. Foi un exemplo de decisión, solidariedade e concencia, dá idea da importancia que ten o esforzo de cada un. Uns días estabamos máis ledos, outros máis pesimistas, pero as xuntas e os piquetes mantivéronse.

Ao principio fixemos piquetes nos catro lugares nos que tiña a empresa concentrados os autobuses, ou sexa: Vilalonga, Estación de Pontevedra, Cocheras (Mollabao) e Cangas. Despóis da carga da policía contra o piquete en Vilalonga no mes de marzo, a empresa concentra os autobuses en Arcade e máis en Cocheras, polo que decidimos facer as concentracións neste último lugar.

Houbo moita presión policial, mesmo provocación, pero a xente resistiu.

Cal foi a actitude das familias?

A partir de marzo sumáronse as mulleres ao piquete, en total unha veintena. Esto deulle máis ánimo e calor á loita. Foron decisivas para manter a folga dende aquel momento, e para que durara o que durou. Elas estiveron en todos os peches, mobilizacións e actos que se fixeron despóis.

E a resposta social?

Foi moi grande, penso que fai moitos anos que non acontece algo igual, máxime se temos en conta que esta é unha empresa dunha dimensión mediana, anque ten unha incidencia importante na comarca de Pontevedra, Salnés e Morrazo, no transporte de viaxeiros e escolar. Coido que na manifestación que se fixo en Pontevedra en febreiro así como na folga xeral galega do transporte resultou evidente este apoio.

As APAs tiveron así mesmo unha actitude solidaria cos folguistas. Hai que pensar cos estudantes quedaron sen transporte escolar ou tiveron moitos problemas con el durante meses. Era unha situación que permitía desenfocar o problema e que se buscara no paro e nos traballadores aos culpabeis dos problemas escolares que se orixinaron. As APAs en todo momento, para alén da anécdota, pediron solucións á Consellería de Educación, e mesmo presionaron para que se lle dera unha saída axeitada ao conflicto. Realizaron manifestacións, cortes de tráfico, concentracións tanto nas localidades afectadas, como en Pontevedra e Compostela. A súa presión favoreceu aos traballadores en folga. O mesmo podemos dicir dos usuarios, en moitos lugares os autobuses que conseguiron funcionar ían caseque valeiros. Sen dúbida nesto notouse tamén o peso social do nacionalismo.

A solidariedade do sector e da central tamén hai que comentala. A CIG puxo do Fondo de Solidariedade 3.500.000 pesetas e nas empresas, fábricas e oficinas recolléronse outros 10 millóns máis. Esto axudou a manter a folga.

Que postura mantivo a Xunta de Galiza no conflicto?

Obedeceu a criterios de tipo político. Parecía atada polo préstamo que lle dera o IGAPE para mercar La Unión. Raúl López pareceu sempre contar con valedores importantes no Governo galego (hai quen fala de Cacharro Pardo) ¿anque non sei se por motivos políticos ou económicos?... A Xunta quixo cos servizos mínimos abusivos e outras manobras dificultar a folga, así como a postura dos outros sindicatos, fora amolando o colectivo e para que voltaran coa cabeza baixa ao traballo. Por eso non impuxo unha arbitraxe, como fixo en troques na folga da pesca de arrastre do porto de Marín, aínda sendo o transporte un servizo esencial. Pero, por fin, tivo que intervir ante a dimensión que collía o paro e o arroupe social acadado. E cando o fixo axudou a atopar unha saída, mesmo desbaratando as dificultades que puña o empresario. Falo da postura do conselleiro de Ordenación do Territorio, Cuíña, e da última xuntanza no Hostal da que saíron os acordos.

Esto que dis, parece confirmado polos servizos mínimos abusivos?

Fixou uns servizos mínimos do 90% dos conductores. Na práctica, de cumplilos non habría folga! Esto provocou que non se cumpriran. Anque axudou nesta decisión que por parte da empresa non se comunicaran en tempo e forma. O propio fiscal nos xuízos polos despidos recoñecía que eran uns servizos mínimos abusivos que impedían o exercizo dun dereito básico como é o de folga.

Tamén se contrataron esquiroles?

A empresa contratou 42 esqriroles para sustituír aos traballadores en folga. A CIG presentou unha denuncia en Maxistatura, e gañamos. Pero non serviu de moito, xa que a empresa recurriu, e tanto a Inspeción, como o xulgado non actuaron cautelarmente contra a vulneración dun dereito fundamental. Non se actúa coa mesma pasividade cando se trata de procesar a un traballador. Mesmo resulta preocupante que, despóis de que non houbera acordo na anteúltima negociación, a primeira sentencia que saíra fora unha de despido procedente. Parecera que se quería desalentar aos folguistas, poñelos contra a parede. Poden ser casualidades, pero son moitas xuntas. Estas casualidades dan moito que pensar respeito da Xustiza, da Inspeción de Traballo.

Houbo máis manobras por parte da empresa, verdade?

No primeiro momento a patronal quixo sustituír aos conductores por outros das empresas do grupo Monbús (nome comercial ao que pertece a Unión). Despóis foi sustituída nas liñas por outras empresas galegas, mentres Monbús facía os recorridos que estas deixaban desatendidos. E por último contratou esquiroles, xa que as demáis empresas vendo a dimensión de enfrontamento que collía a folga preferiron retirase do conflicto (malia as presións que tiveron por parte da Xunta). En fin, houbo todo tipo de manobras para derrotar aos folguistas, pero non o conseguiron.

Cal foi a postura da prensa?

Temos dúas etapas distintas. Nun principio tiveron un papel non moi belixerante, pero unha vez que fracasou a primeira mediación da Xunta, buscaron por todos os meios demonizar aos traballadores e máis á CIG. Anque houbo escepcións honrosas, e non actuaron sempre do mesmo xeito, se cadra para evitar que se vira con toda claridade de que lado estaban. Cansáronse de falar de direción trabucada do conflicto, de violencia, de presentar á empresa como vítima. Mesmo torceron certas declaracións para enfrontar ás APAS cos traballadores e para apresentar aos dirixentes da CIG como irresponsabeis. Sobre o que pasou neste conflicto, sobre a solidariedade acadada tamén algúns meios deben recapacitar.

Houbo tamén feitos que non poideron retocar ou agochar, por exemplo a sentencia na que se condeaba á empresa pola contratación de esquiroles, ou a carga da garda civil contra os folguistas en Vilalonga, ou o éxito das manifestacións en Pontevedra no mes de febreiro e en marzo, ou a folga xeral do transporte de viaxeiros do 19 de marzo. Pero, abonda ver como se tratou o último acordo (e a central que o fixo posíbel), para comprobar a mala hostia que hai nalgún xornal e periodista.

Como ves aos traballadores unha vez que rematou a folga?

Moi ben, distintos. Serviulles de moito (coido) para coñecerse millor entre eles, xa que o tipo de traballo non lles permitía a convivencia. Pasaron moitas cousas xuntos, momentos moi intensos, que xeraron relacións persoais, humáns. Tamén avanzou moito o nivel de concencia de clase, e teñen unha confianza moi grande no sindicato. Nós non tiñamos máis que uns poucos afiliados nun principio, sobre 6 ou 7 (de 120 operarios), hoxe temos cinco ou seis veces máis. Cando encetou o conflicto o Comité de Empresa estaba formado por 5 delegados da UGT e 4 de CCOO. Hoxe a maior central da empresa é a CIG.

Tes algo que engadir?

Que esta folga seguramente vai marcar un ponto de inflexión, xa que desborda a propia empresa, porque agora a patronal sabe que en situacións de conflicto, falta de diálogo, pode estar ante un paro que dure 120 días. Este tamén é outro éxito desta folga, anque non fora o que se pretendera nen buscara.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/06/2001