ActualidadeVolver / Entrevista
Vigo, 8 de xuño de 2001

Entrevista con Xerardo Abraldes, secretario comarcal de CIG-Vigo
Álvarez, “a SAL non é unha solución, a CIG vai continuar coas mobilizacións”
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Xerardo Abraldes, secretario comarcal de CIG-Vigo.
 
Hai varios anos que a situación de GEA é difícil, a CIG culpou desto tanto ao empresario como á Administración. A responsabilidade desta última é evidente, xa que primeiro vendeu a empresa dun xeito pouco claro, e despois non fixo un seguimento controlado dos distintos planos de saneamento que se acordaron. Agora ofrécese a SAL, dende a maioría do Comité de Empresa (CCOO, UGT e USO), como unha alternativa (co apoio verbal da Xunta de Galiza) pra refloctar a empresa, que ten débedas que superan os vinte mil millóns de pesetas.

O Grupo de Empresas Alvarez ten catro factorías ou divisións en Vigo (Mohasa, Santa Clara, Vanosa e Povisa) e outra en Arcade (Pontesa). O cadro de persoal é de 750 traballadores e traballadoras, e produce louza e envases de vidro. Os comités das distintas empresas dan a seguinte representación sindical, 11 da CIG, 11 de CCOO, 7 de UGT e 4 de USO.

Sobre a postura da CIG e a situación do grupo falamos con Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo.



Cal é a postura da CIG ao respeito da SAL en GEA?

Mantemos unha oposición activa, xa que entendemos que non é viabel. Non é unha arroutada, senón porducto de debatir o tema e consultar a varios técnicos. Esta empresa, tanto pola situación actual, como polo número de empregados, gastos fixos, polos problemas derivados de voltar a montar a rede comercial e de exportación, e mesmo polo tempo morto que hai até constituir a nova empresa, a SAL é unha saída complicada ¡difícil! ¡estaríamos xogando á ruleta rusa e con moitas balas no cargador!

A CIG non está coa SAL, esa é a nosa postura como sindicato fora e dentro da empresa!, anque non vamos a impedir (non podemos facelo) que algún afiliado opte pola SAL por razóns persoais (por considerar que no seu caso é o mal menor).

A SAL conta con algún respaldo da Xunta ou empresarial?

Que nos saibamos non. A Xunta só se compromete a realizar un estudo xurídico e ren máis. Están tamén as achegas previstas por Lei por cada traballador, pero esto é algo ao marxe da vontade da Xunta ao respeito de GEA. Fala, pero nunca o concretou, de dar un creto ponte para o período entre a quebra e a entrega das indemnizacións que debera pagar o FOGASA por cada empregado. Anque nunca concretou esta posibilidade é moito menos calquer tipo de achega á SAL.

Na práctica a Xunta aposta pola SAL porque así se quita o problema de enriba, sen ningún custe económico e político. A súa é unha actitude pouco receptiva ás necesidades do colectivo e da importancia da empresa no tecido productivo galego. Se non fora así, xa tería posto diñeiro nun novo proxecto (xa que como ela recoñece, daquela non tería as limitacións da Unión Europea) ou cofinanciaria a nova empresa. Neste caso ten unha postura moi distinta á que mantén en Monbús (dona de transportes La Unión) ¿casualidade?...

Ainda é posibel unha saída distinta á SAL ou ao peche?

Nós pensamos que si. Por eso a CIG vai seguir esixindo á Xunta para que interveña e que, despois da quebra controlada, faga as achegas necesarias e busque un grupo empresarial que se faga cargo do grupo ou se asocie ao mesmo.

Como ves a postura da maioria do Comité?

A nós danos a impresión que están derrotados, por eso manteñen unha actitude pasiva, sen ningún tipo de esixencias á Xunta de Galiza. Por eso optaron pola SAL, máis como mal menor, que como unha saída seria e con posibilidades de futuro. Non tiveron en conta o sentir dos traballadores e traballadoras, por eso agora hai tantos rebotes e non saben como convencer ao cadro de persoal. Pensa que os que entren na SAL van a investir a súa indemnización no novo proxecto, e se fracasa quedan sen ren. Ademais, unha parte do desemprego vanno consumir en todo o proceso de constitución da SAL, ou sexa até que non funcione a pleno pulmón.

Estes sindicatos fanlle un gran favor á Xunta, que queda á marxe de calquer responsabilidade ¡fanlle un servizo político tremendo á Xunta! a costa de meter aos traballadores nunha aventura da que non se sabe cal vai ser ao final, e da cal tampouco está claro o principio.

Seguiredes mobilizándovos como até hoxe?

Mentres quede a máis mínima posibilidade seguiremos coas mobilizacións e actos de protesta e sensibilización da povoación. Hoxe mesmo imos realizar unha concentración diante da Subdelegación do Governo en Pontevedra. Facémola alí porque chegaron comunicacións de apertura de expedente polos cortes de tráfico que se fixeron na estrada fronte á factoría de Pontesa en Arcade, así como unha marcha dende Vilaboa até Arcade. Xa comeza a política represiva.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2001