Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 8 de xuño de 2001

A revolución venezolana na encrucillada
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



A operación de acoso e derruba contra Hugo Chávez, o presidente latinoamericano que ostenta o maior apoio popular xamais logrado en comícios democráticos, está en pleno desenvolvimento. A feroz oposición contra Chávez é executada por un puñado de famílias enriquecidas durante a IV República (o réxime anterior) en cuxas mans están os principais meios de comunicación: televisoras privadas, periódicos e emisoras de rádio. Desde os meios de comunicación privados difunden-se mentiras descaradas, meias verdades, esparexen-se rumores de golpe e dá-se-lle desproporcionado protagonismo a dirixentes políticos do antigo réxime que magoas teñen un respaldo electoral testemuñal. Chávez só pode responder con periódicas cadeas de rádio e televisión a través das cais envia a sua mensaxe á imensa maioria dunha povoazón empobrecida ao longo de décadas de saqueo e corrupción e que mantén a esperanza de que o herdeiro de Bolívar faga o milagre e quite ao país da crise.

O paralelismo entre Chávez e Allende é tema de conversación nos círculos políticos venezolanos. Pero as diferenzas saltan á vista. Allende chegou ao poder con magoas un tércio dos votos, era minoria no Congreso, a democrácia cristiá chilena blocaba a labor do goberno e nos cuarteis se fraguaba a conspiración golpista co apoio da CIA e o Departamento de Estado de Nixon. En troco, Chávez recolleu o 60% do apoio electoral, varreu aos partidos da oposición, ten unha clara maioria na Asamblea Nacional e goza de pleno apoio nos cuarteis e entre as masas.

Sen embargo, Chávez se enfrenta á oposición do goberno de Bush. En Venezuela, Bush utiliza aos sectores mais reaccionários da igrexa católica e o mundo empresarial para estimular a oposición militar contra Chávez. Un grupo de xerais e almirantes retirados, sen influéncia real nos cuarteis, e vinculados ao antigo réxime, receben amplio espazo nos meios de comunicación para difundir consignas desestabilizadoras e tentar confundir á povoazón. Para os sectores vinculados ao Polo Patriótico (fronte amplio que contribuiu á vitória de Chávez) non hai duvida de que na política de Bush está xa decidida unha guerra prolongada e oculta destinada a depor a Chávez. Segundo fontes venezolanas, alguns sectores do goberno norteamericano quererian desenvolver un enfrentamento precipitado e aberto contra Chávez, pero un antigo embaixador norteamericano en Venezuela (Otto Reich), vinculado á máfia cubana de Miami, e con grande influéncia no Departamento de Estado recomendou traballar de forma paulatina, a gañar posicións, a acumular forzas e estimulando disensions para o derrocar cando as condicións políticas sexan mais favorábeis, é dicer, cando se podan movilizar sectores sociais desencantados coa lentitud do réxime venezolano para realizar o seu programa social.

Chávez resulta odioso para o goberno de Bush en virtude da sua ousada e independente política internacional. EEUU mantén a sua política de isolar ás FARC e presiona a Chávez para que corte a sua relazón coa guerrilla colombiana e feche as raias. Pero tamén quere debilitar a política nacionalista de Chávez. Chávez decideu profundar as relazóns con China, con Rúsia, con Cuba, con Iraq e redimensionou a política petroleira de Venezuela na OPEP. Venezuela encabeza agora a OPEP, freou en seco a privatización da indústria petroleira e lideriza a política de defensa dos prezos do petróleo que se abandonara no antigo réxime. Chávez peta no corazón da política estratéxica de Estados Unidos e se alía cos tradicionais inimigos do goberno de Estados Unidos.

Como consecuéncia de iso, a ofensiva propagandística contra Chávez é groseira. Os meios de comunicación norteamericanos non falan do presidente eleito en Venezuela, se non do "réxime do ex golpista", tratan a pobreza do povo venezolano como se fose unha criación de Chávez e non a herdanza de corenta anos de antigo réxime ou a consecuéncia das políticas imperialistas de saqueo que sofreu Venezuela ao longo de décadas. EEUU decidiu contra Chávez unha política de debilitamento e desgaste primeiro, para provocar despois unha crise de goberno e forzar o troco, en vez da confrontación militar aberta.


A sabotaxe económica

O goberno norteamericano atopou na grande banca española un aliado de inestimábel poder para socavar a economia venezolana. Como produto do roubo dos fondos depositados nos bancos privados e públicos, Venezuela sofreu unha hecatombe financeira a meados da década dos noventa. Os principais bancos do país quebraron e pasaron a mans do Estado, o cal rematou-nos en poxas de risa. Os xigantes da banca española (BBVA e BSCH) fixeron-se entón co património e os depósitos de mais do 50% da banca venezolana. O negócio bancario en Venezuela converteu-se entón nunha perversión. A aberración consiste en que a banca privada se converteu no principal emprestamista do Estado, o cal financiaba un xigantesco e crecente déficit público mediante a emisón de títulos de déveda pública de curto prazo que pagaban suculentos intereses aos emprestamistas. O outro negócio da banca era a especulación coa moeda nacional (o bolívar), o xogo da devaluación e a fuga de divisas a través das suas oficinas no exterior, principalmente en Estados Unidos. O negócio era tan bon que mais dun tércio dos dividendos da grande banca española proveñen hoxe das suas operacións en Latinoamérica, particularmente en Venezuela. Mentres esto acontecia, a banca abandonou o seu papel de intermediación financeira, e deixar á exangüe pequena e mediana empresa sen capital de traballo e sen posibilidades de acudir ao mercado de capitais.

A situación chegou ao extremo de que nestes momentos, cunha inflación que ronda o 12%, a banca privada cobra taxas de interese do 40% e está paralizado na prática o crédito hipotecário. Sen embargo, as empresas transnacionais ou as grandes empresas locais obteñen créditos ao 12%, os que se lle negan á imensa maioria de empresas e particulares de Venezuela. Chávez ameazou recentemente con intervir no mercado de taxas de interese e fixá-las a través do Banco Central de Venezuela, o instituto público emisor de moeda. As reaccións da grande banca non se fixeron esperar e arreciaron as suas invectivas contra Chávez. O goberno estuda as modalidades de intervención no mercado de taxas e ao mesmo tempo criou o Banco do Povo e o Banco da Muller, co obxectivo de inxectar capital de traballo a baixo costo para o pequeno empresário. Sen embargo, os resultados de tal política son pouco significativos por agora.


Retorna a medra

Sen embargo, os últimos meses mostran sintomas de recuperación da economia venezolana. Durante o primeiro trimestre do 2001 o PIB medrou un 3,5%, o triple que no mesmo período do ano 2000. O cenário petroleiro, con prezos da cesta venezolana sobre os 22 dólares por barril, permite equilibrar as contas públicas e reducir o déficit a menos de tres pontos do PIB. A renda petroleira permite tamén marxe de manobra ao goberno de Chávez para comezar a executar macroproxectos nas áreas educativa, sanitária e na construcción de vivenda social, desmanteladas logo de décadas de abandono do investimento social. Sen embargo, os resultados de tais políticas non son imediatos, habida conta do estado de case destrucción no que se atopa a maioria das instalacións hospitalarias e educativas en Venezuela.

O xigantesco peso do servizo da débeda externa constitue tamén unha lousa que impede a expansión das forzas produtivas. O servizo da débeda consume mais dun tércio do presuposto do Estado.

Mentres se recupera a economia e logo de anos de destrucción sistemática de emprego na manufactura e na indústria meia, como consecuéncia das políticas de apertura comercial indiscriminada que acabaron coa incipiente e débil indústria nacional, un tércio da povoazón activa sobrevive nas grandes cidades a través da venda ambulante e o traballo eventual. Cálculos sindicais estabelecen un 20% de desemprego aberto e un 40% adicional ocupado na chamada "economia informal".

O 60% dos traballadores con emprego sobrevive con un salário mínimo equivalente a 39.000 pesetas mensuais, que magoas chega para cobrir unha cesta alimentária mínima calculada en 60.000 pesetas ao mes. O goberno decretou un aumento salarial do 10% para os empregados públicos, co que éstos pasarian a gañar 43.000 pesetas mensuais, cantidade a todas luces insuficiente ainda. Sen embargo, a resposta da patronal non se fixo esperar. Segundo eles, tal aumento é "un disparate populista" e un sintoma mais da "cubanización" de Venezuela perpetrada por Chávez. Cousas veredes...


No gume da navalla

Paradoxalmente "O Proceso" venezolano (asi o chaman) ten na omnipresencia de Hugo Chávez a sua maior vantaxe e ao mesmo tempo o seu ponto mais débil. Chávez é a figura carismática de maior arraigo en Latinoamérica desde os tempos de Perón. Foi endiosado polas masas, producen-se aglomeracións ante a sua presenza, a xente quere "tocá-lo " como se se tratase do Mesías.

A sua presenza suporta o réxime. Despois del, só José Vicente Rangel (ministro da Defensa) e Luis Miquilena (ministro do Interior) gozan do respeito dos cidadáns. Mais abaixo, o Movimento V República é un fenómeno de aluvión incipientemente organizado, sen magoas cuadros e con escasa experiéncia organizativa. Con moitas dificuldades o MVR tenta estructurar un partido de masas con presenza organizada nos bairros e parróquias de Venezuela. De momento, só hai moitas vontades de traballar e un grande esforzo colectivo para lle dar base social estructurada á "revolución" venezolana.

Só a presenza de Chávez infunde respeito e sustén O Proceso. Hei aí entón a debilidade. A desaparición física de Chávez pode interromper o desenvolvimento dos acontecimentos, desatar a ira da povoazón e colocar a situación no camiño da incertidume. Desde A Habana xa advertiron a Chávez de dous intentos de magnicidio.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2001