Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 15 de xuño de 2001

Cuba no final do Período Especial
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Moitos pensaron que Cuba non poderia sobreviver á hecatombe do mundo soviético de princípios da década dos 90. Da noite á mañá, Cuba perdeu o 85% dos mercados do seu comércio exterior e o 35% do seu PIB. Pero un povo identificado coa sua revolución surprendeu ao mundo pola sua capacidade de resisténcia, forxada en décadas de bloqueo. A surpresa actual radica en que Cuba sai da crise con unha economia que se revitaliza a pasos axigantados e cos indicadores sociais intactos e mesmo mellorados.

Os cubanos presumen de que durante a última década, coñecida co nome de Período Especial, non se pechou nengunha escola, nengunha universidade, nengun hospital e que ninguén se deita sen cear. A comparación dos indicadores sociais entre os anos 1989 e 2000 mostra mesmo mellorias. A esperanza de vida ao nacer (74,8 anos) é a mais alta de América Latina e comparábel á dos paises do primeiro mundo. A taxa de mortalidade infantil sobre cada mil nenos nacidos vivos é de 7 por mil, a mais baixa de América Latina e unha das mais baixas do mundo, ao igual que a taxa de mortalidade en menores de 5 anos por cada mil. A escolarización no ensino primário é do 98% e a taxa de alfabetización de adultos do 96,2%. A povoazón con acceso a auga potábel é do 93%. Son todos estes indicadores sociais semellantes aos do mundo mais desenvolvido.

Mentres isto acontecia en Cuba, os indicadores sociais do otrora mundo socialista derrubaban-se ante o acoso da globalización neoliberal e o abandono do investimento social, ao igual que en América Latina onde eternos planos de axuste sometían aos povos latinoamericanos á pauperización das condicións de vida e de traballo.

O mais surprendente é que en meio de severas restrizóns presupuestarias hai agora mais escolas, mais hospitais e mais vivendas que hai dez anos, mais universidades, mais nenos escolarizados e mais médicos. Incrementou-se o número de teatros e salas de teatro, bibliotecas, museus e casas da cultura. A asisténcia do povo a estas instalacións incrementou-se durante o Período Especial. Durante a emerxéncia as prioridades do goberno cubano non mudaron: primeiro o home. Iso ve-se reflectido na execución presupuestária: dos gastos totais do Estado cubano no ano 2000, case o 50% se dedicaron a educación, saúde e seguranza social.


Recuperación económica

E non cesan as surpresas ao achegar-se ao fenómeno cubano con ollos desprexuiciados. O PIB do ano 2000 está case nos níveis de 1989, medido en prezos de 1981. Os anos mais duros foron o 93 e o 94, con caídas de case o 35% do PIB en relazón a 1989. Desde o ano 95 a medra non foi espectacular, pero si crecente e sustida. A diferenza coa maioria de paises de América Latina é aqui tamén radical.

Moi poucos paises puderian suportar unha caída do 85% das suas exportacións praticamente dun dia para outro. En 1990, as exportacións cubanas, principalmente de azúcar, se colocaban nun 85% nos mercados dos países do leste europeu e a Unión Soviética. Dez anos mais tarde, diversificaron os seus mercados. Os mercados latinoamericanos receben o 40% das exportacións cubanas, outro 40% vende-se a Europa e o restante 20% reparte-se entre Asia e Africa.

Encanto a producción agrícola e pecuaria a recuperación é espectacular. A produción de viandas, hortalizas, arroz, millo, frijois, cítricos, frutas, o sacrifício de vacúns, aves e ovino-caprinos incrementou-se a ritmo sustido nos últimos seis anos. No caso das hortalizas triplicou-se nese período, no caso dos ovos e as viandas, a medra foi de 25%. Encanto ao azúcar, a zafra sofreu caídas como consecuencia dos dous últimos anos de seca.

Toda esta actividade é xerada a través de 3.500 unidades de producción cooperativa que xeraron mais de 200 mil novos empregos no campo nos últimos catro anos. Tamén neste campo os cubanos son pioneiros en canto á repovoación de zonas rurais.


O turismo

O turismo foi para Cuba a principal actividade para a captación de divisas frescas e a reanimación de sector de servizos da economia. Nesa matéria o salto en dez anos foi xigantesco. A participación do turismo dentro do total de ingresos da balanza de pagos de bens e servizos en 1990 foi dun 4,1%, mentres a exportación de bens representaba o 91,2%. En 1999 a participación do turismo elevou-se ao 43%.

En dez anos triplica-se o número de habitacións, se quintuplican os arribos de visitantes e multiplican-se por oito os ingresos, somente duplicando a forza de traballo e simultaneamente se quintuplica a participación da indústria nacional nos insumos do turismo. Se polo turismo ingresaron 243 millóns de dólares USA en 1990, a cifra saltou a 1.952 millóns de dólares no ano 2000. O número de turistas chegou a 1 millón 774 mil no 2000. Os seis mercados principais son Canadá, Alemania, Italia, España, Franza e o Reino Unido. As proxeccións do goberno cubano estiman un arribo de 3 millóns de visitantes para o 2005 e esperan unha taxa de medra promedio do sector de 11% até ese ano.

A participación de capitais foráneos no desenvolvimento habitacional foi minoritaria até a data. Só o 10% dos cuartos en esplotación para o turismo internacional son resuldado de empresas mistas.

O turismo foi o principal receitor de investimento estranxeiro en Cuba. Para o ano 2000 existian 29 empresas mistas con un capital de 1.089 millóns de dólares, que incluen 26 empresas hoteleras con 15 mil habitacións. Habia tamén para o 2000 17 xeréncias estranxeiras, de 8 paises, administrando 52 hoteis con 16 mil habitacións, o que representa o 46% das habitacións para o turismo internacional.

Pero a actividade de turismo nacional non cesou. Un total de 2,6 millóns de cubanos fixeron turismo nacional no ano 2000 a través dos dispositivos de Campismo Popular e Islazul. Nesta matéria os esforzos concentraron-se no melloramento paulatino das instalacións, a elevación da calidade do servizo. Este servizo empresta-se fundamentalmente aos traballadores e aos xóvenes destacados.

A actividade turística dá emprego en Cuba a 100 mil traballadores, dos cais o 80% desfruta de contratos a tempo completo e se desenvolve unha intensa labor de capacitación no sector.




Galicia, das primeiras en inflación

Galicia ten a duvidosa honra de ser unha das sete comunidades autónomas con maior inflación en maio, ao superar a meia do Estado de 0,4%. As comunidades autónomas mais inflacionistas en maio, con un 0,5% --unha décima por encima da meia estatal-- foron Andalucía, Baleares, Canarias, Castela-A Mancha, Extremadura, Galicia e A Rioja.

O Indice de Prezos de Consumo (IPC) subiu catro décimas en maio, co que a inflación acumulada nos cinco primeiros meses do ano se situa no 1,7%, e o interanual (últimos doce meses) sobe duas décimas respecto ao mes anterior, até o 4,2%, segundo os dados públicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Como era de se esperar, a explicación oficial deste reponte inflacionario está nos prezos do petróleo. Pero xa sabemos que case o 70% do prezo final dos carburantes está nos impostos que cobra Facenda.

A inflación é unha das poucas áreas nas que o Estado español converxe con Europa, xa que o incremento dos prezos en maio segue a tendéncia do resto de estados membros da UE, e coloca a taxa interanual 2,2 pontos por encima do obxectivo oficial do BCE (2%). Alemania, Franza e Holanda tiveron tamén incrementos inflacionários en maio do 0,5%.

A inflación subxacente do Estado español (que non inclue os prezos dos productos enerxéticos nen dos alimentos non elaborados) medrou en maio un 0,2%, situando-se no 3,5% en taxa interanual. Igualmente, o IPC armonizado español (IPCA) rexistou o mes pasado un aumento do 0,4%, e coloca a taxa interanual no 4,2%.

Transporte e bebidas alcohólicas e tabaco foron os grupos que mais aumentaron os prezos en maio, un 1,2 e 0,8%, respectivamente, mentres que os alimentos e bebidas non alcohólicas o fixeron nun 0,5%. Os prezos de Hoteis, cafés e restaurantes medraron un 0,4%,; vivenda e menaje, un 0,3; vestido e calzado, e medicina, un 0,2; e outros, un 0,1. A inflación se mantivo invariábel en ensino, e baixou en lecer e cultura (-1,3%) e comunicacións (-0,6%). Entre o índice nacional de rubricas, se disparou especialmente o prezo da pataca e os seus preparados (11,1%). Asimismo, destacan os incrementos en frutas e hortalizas frescas (2,7 e 2,6% respectivamente).

A crise das vacas tolas, segue afectando, ainda que en menor medida que meses anteriores, ao prezo da carne, con medras de prezos do 1,6% na de cocho; do 1,5% na de ovino; e do 1,4% na de vacún. A de ave, en troco, baixa un 5,9%, e o pescado fresco e xelado, un 2,3.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2001