Actualidade / Artigo 2001-2011: Que dez anos non é nada... Rafa Villar (Mares de Sinbad)- Pero pasaron dez anos, longos -segundo se mire- e distintos... pero non tanto. É agora cando me decido a responder o envite, xogando coa vantaxe de que o que pasou xa pasou, polo tanto o papel profético tocoulles a outros. Se me retrotraio ao ano 2001 aínda me entra certa vertixe: un país que entraba no século XXI (case nada) tocado por todas as partes, e quen sabe se certamente afundido. Despois das numerosas crises que afectaran aos principais sectores productivos nos últimos anos (reconversión naval, cotas do leite, expulsión de caladoiros...), no 2001 unha nova crise sacudiu o epicentro do pouco que tíñamos: a que se chamou a epidemia das 'vacas tolas' e a falta de saídas para os mariñeiros dos caladoiros do banco canario-sahariano. E no fondo, o desexo de miles de galegos, fillos ou netos da diáspora, devecendo por recuperar as orixes e máis que nada por fuxir do afundimento económico da Arxentina e países lindeiros. Moi mal comezo para o novo século (e milenio, seica). Galiza 2001: Unha língua machucada, unha cultura baixo mínimos, unha poboación avellentada, unha economía en fuga e unha autonomía anémica. En fin, zozobra. Unha auténtica odisea... especial. Especial porque aparentemente todo ía ben. Un prendía a tele ou escoitaba a radio (as do réxime, que era o que había) e nada levaba a que se puidese pensar que non vivía no mellor dos mundos posíbeis. Todo tiña, ademais, unha perfecta cobertura ideolóxica, que os propios medios de comunicación se encargaban de repetir, non fora a ser que alguén se despistase. Pensamento único (húnico), abofé. E en dez anos, ¿que? Se escribise hai dez anos, diría que polo menos se estaba a xestar unha mudanza, un cambio que faría posíbel novas estructuras para un país que precisaba, urxentemente, respiración asistida. Eu acreditei niso con todas as miñas forzas, ou polo menos cos folgos de quen tiña claro que máis do mesmo era só o suicido colectivo, e sen a heroicidade que lles supoñemos aos nosos antergos do monte Medulio. A realidade é sempre teimuda de máis. O suposto cambio apenas durou dous ou tres anos e a frustración foi patente en todos nós, menos naqueles que conseguiron arrincar algo para o seu beneficio persoal -que algún houbo-. A superación de certos hábitos que parecían estar na cerna da sociedade galega (clientelismo, por exemplo) non conseguiu que se percibise unha transformación real, e por tanto cualitativa, das estructuras administrativas, sociais ou económicas do país. Porén, o erro foi de todos. Unha responsabilidade colectiva que aínda ben debemos asumir, e xa non só por nós, senón tamén polos que veñan. A miña opinión é que seguimos co maleficio de Penélope, como no poema de Díaz Castro, tecendo e destecendo: "Un paso adiante e outro atrás, Galicia,/ e a tea dos sonos non se move...". Galiza 2011: seguimos en stand by, nación sen estado en preocupante ídem. De todas as formas, non me fagades demasiado caso. Ou iso din os doutores deste moderno hospital para enfermos de doenzas mentais en que me encontro, ás veces demasiado a gusto diría eu. Admítense visitas.
[Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Sinbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 05/06/2001]
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2001 |