Actualidade / Artigo Arxentina: mon amour Rafa Villar (Mares de Sinbad)-
Unha inadecuada contextualización da foto e, xa que logo, do que viña a significar ese 'fóra galegos!' levaría a pensar nun triste episodio dunha auténtica guerra suxa contra a inmigración en Arxentina, un país historicamente nada sospeitoso de xenófobo. Pero nada máis lonxe da realidade. A protesta dáse no marco dunha serie de mobilizacións que se están a producir no país andino contra a situación creada na empresa 'Aerolíneas Argentinas', empresa pública e posteriormente privatizada e que hoxe atravesa unha grave crise por mor da nefasta xestión do capital español que investiu nela co único fin de tirar uns réditos e non de contribuir á mellora dun servizo. De aí que eses "gallegos" sexan outros, é dicir, non os galegos (e xentes de todo o Estado) que tiveron que emigrar na procura dun futuro para eles e para o país que deixaban, senón esoutros "gallegos" que –por seren nin sequera son galegos– non teñen mellor patria que a dos seus propios intereses económicos. En suma, eses "gallegos" aos que se alude non son outra cousa que as empresas españolas que se beneficiaron das privatizacións que se deron en Arxentina ao se iniciar a década dos 90: BSCH e BBVA (servizos financeiros); Repsol, Endesa e Iberdrola (xeración e distribución de enerxia); Iberia; Telefónica... De feito, desde a Arxentina xa se alzan voces que denuncian unha segunda conquista de América, no que sería un proceso de "recolonización" baseado xa non na ocupación de terras senón no investimento e merca de empresas en sectores estratéxicos. Os beneficiarios, ao cabo, serían os mesmos: as elites económicas españolas, agora na súa angueira en favor do máximo beneficio, no lucro custe o que custe, sen reparar na cuestión social asociada a cada negocio mercantil. ¡Que importan o paro, a precariedade laboral e a marxinación ante o centileo do ouro! O xermolo desta situación hai que o buscar no proceso privatizador arxentino, que acataba cunha docilidade e rapidez esmagadores os dictados que o capital (a través, fundamentalmente, do FMI e do Banco Mundial) impuña de maneira transnacional e globalizadora. A resistencia a este proceso recaía nas costas dunha sociedade débil e desestructurada, que acababa de saír dese pozo sen fondo que foi a Arxentina da dictadura militar, e que supuxo unha asfixia sen límites ás capacidades de transformación social en clave progresista que se xeraban no pobo arxentino. Esa historia, tan recente e atroz, está aí, na consciencia das voces que claman polos 30.000 arxentinos desaparecidos. E os miles que se exiliaron, e os que foron torturados ou reprimidos, os que só tiveron a opción de calar... Despois, xa se sabe, as complicidades de políticos como Ménem –e non só el–, que gardaron unha vergoñante 'obediencia debida' tamén aos intereses do capital, foron complementos perfectos para sumir na bancarrota a un país que moito significou para os galegos que tiveron que fuxir de aquí, desta "nada espida" de primeiros de século pasado: meu bisavó, meu avó, e tantos bisavós e avós que emprenderon unha incerta viaxe transoceánica á Arxentina, lugar en que o horizonte tiña cor de esperanza. Hoxe, que esa esperanza se disfrazou de frustración, só vale confiar na capacidade de rexeneración dun pobo –dunha sociedade que se ten que reinventar a si mesma– que non admite xa ser espectador da súa propia historia: de soster aínda unha "certa mirada", como dixo ese home irrepetíbel chamado Juan Gervasio Paz, que era arxentino e galego.
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/06/2001 |