Actualidade / Artigo Folga xeral contra da Historia Rafa Villar (Mares de Sinbad)- Para o vindeiro día 15 de xuño está convocada unha folga xeral en Galiza, promovida polas centrais sindicais CIG e UGT. As CCOO fica fóra, no seu triste rol de garante e bufón dun goberno –o do PP– insultantemente neoliberal, autoritario e centralista. As razóns primordiais para esta convocatoria son de índole sindical e hainas que situar nunha (contra)reforma laboral case permanente, que zuga dos traballadores e traballadoras dereitos laborais adquiridos con anos e anos de organización, loitas e resistencia, facendo en moitas casos fronte a unha represión que non sempre foi sutil. A vaga neoliberal (o capitalismo sucedéndose a si propio) que asola boa parte do planeta –e que se incrementa logo da caída do Muro de Berlin e posterior esnaquizamento do proxecto soviético– pide privatizacións continuas, despedimentos e precarización da man de obra, pide maximización de beneficios a custo de reducción de dereitos, pide sindicatos marxinados ou desfeitos ou entregados. E precisa dun Norte (rico e poderoso) e dun Sul (pobre e débil) e dunha estratificación social de clase na que a riqueza se concentre no pequenísimo cume da pirámide, mentres a sua base, millóns e millóns de persoas, seguen ou se volven de súpeto misérrimas: obesidade obscena para uns poucos e terríbeis anemias para a grande maioría. Tristemente, as socialdemocracias europeas axudaron –e non pouco– nesta tarefa ben ruin, e ese labor estano agora a rematar na nosa área as dereitas, sen apenas escrúpulo ningún, cousa que por outra banda tampouco é de estrañar. (Esta mesma semana dous xornais ingleses da ortodoxia neoliberal, The Times e The Economist pedían sen rubor o voto para o candidato do Partido Laborista, o actual presidente Tony Blair, e non para o do Partido Conservador, seica porque o líder da Terceira Vía á inglesa é o mellor capacitado para seguir a se facer cargo do "legado" de Margaret Thatcher). Contra este mundo de globalización neoliberal e esta viraxe reaccionaria, estanse a erguer movimentos en todo o mundo, de formas e feituras moi diversas, mais que converxen na necesidade de lle poñer couto a un sistema, o capitalista, enfermo de éxito e asasino da biodiversidade: dos pobos, as linguas, as culturas, as nacións..., en definitiva, da humanidade. Tras dúas décadas de destrucción sistemática dos principais sectores productivos galegos (o agro-gandeiro e a pesca), cunha industria que sufrira un duro proceso de reconversión (en realidade, diminución da súa capacidade e despedimentos masivos) e cun número importante de desempregados e de empregos en precario, o noso país fica á beira do colapso. Ademais, nos últimos meses a situación agravouse por mor da chamada crise das vacas tolas, a non renovación do acordo pesqueiro da Unión Europea con Marrocos e a crueza dos temporais este inverno. E todo, cun goberno galego –do conservador Partido Popular– marcado pola inacción, a ineptitude e a total submisión aos dictados do goberno español e das directrices europeas. A folga xeral en Galiza do día 15 tenta ser unha resposta –todo o mínima que se queira, pero éo– a iso: un esforzo mobilizador que quere situar nun primeiro chanzo o combate en prol dos dereitos dos traballadores e traballadoras, tendo presente a perspectiva da defensa dos sectores productivos e un maior desenvolvemento do noso país. Unha folga xeral contra da Historia de hoxe e a favor da Historia do mañá.
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/06/2001 |