Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 19 de xuño de 2001

O mundo do revés:
despois da Folga Xeral do 15 de xuño
 

Rafa Villar (Mares de Sinbad)-

CIG-Normalización Lingüística



Serían moitos, moitísimos os comentarios que facer o "día despois", o seguinte ao da Folga Xeral que se realizou, cun amplo seguimento –a pesar do que di a propaganda oficial do réxime– o pasado venres día 15 e que respondía á convocatoria fetia polas centrais sindicais CIG e UGT, e apoiada por outras de menor implantación social, e por organizacións labregas, estudiantís e sociais de todo tipo.

Mais eu penso que, de quedar con algo, quedo coas declaracións do Goberno galego do dereitista PP nas que vén a pedir a demisión das direccións dos sindicatos convocantes (sic). Que os organizadores dunha folga pidan a demisión do goberno é algo normal, perfectamente esperábel e en moitos casos obvio. Que isto suceda ao revés só pode pasar nunha "república bananeira" (aquí, que nin temos república e os plátanos veñen de Canarias –si, si para onde está indo nos últimos tempos boa parte da xente nova a procurar traballo, aínda que iso non se pode chamar, seica, "emigración").

Xa postos, o actual e aciago Goberno galego, con Fraga Iribarne á cabeza (feito un auténtico Cid Campeador) pode pedirnos aos seus cidadáns –que non súbditos– que tamén demitamos, ao consideraren que eles son un Goberno que non merece un pobo tan ruín, tan cativo e sobre todo tan ingrato.

Non sei aínda calibrar moi ben o significato oculto, que de seguro que o ten, de que un Goberno pida a demisión dunha parte importante da oposición e contestación social á súa política, pero sen dúbida daría para que politólogos de todo o mundo organizasen un congreso para analizaren o tal feito.

Trátase dun mundo volto do revés que só cabe nesta "Galicia@punto", virtualmente soñada no proxecto oco e baldeiro que representa o PP, cabezallo do pensamento único e o capital transnacional neste país que a poeta Lupe Gómez definiu como "restos".

Entre a néboa do sono e do cansazo despois desta xornada de loita que conseguiu un paro das tres cuartas partes da actividade normal do país, eu tamén tiven un soño: o Goberno galego proclamaba a súa demisión e Fraga Iribarne atopábase só, diante da súa memoria, sen poderse ollar máis nun espello que a penas lle devolvía a imaxe dun espectro como aqueles que nos legou Otero Pedrayo.


Rafa Villar.


[Este artigo é parte do sitio web 'Mares de Sinbad', páxina persoal de Rafa Villar, e publicouse na sección 'Desde o ventre da balea' o 19/06/2001]

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2001