Actualidade / Artigo Globalización e movimentos sociais en Europa Lars Stubbe-
Mália que estas políticas lograron en parte os seus obxectivos, é importante resaltar que, a un nível máis profundo, erraron en gañar o poder absoluto sobre a contínua remodelación das forzas sociais en oposición. Por un lado, un corte no endebedamento externo, para asi mellorar o balanzo do comércio externo, non se logrou nos estados europeos, que na sua maioria se endebedaron máis e máis nesta época. Por outro lado, nunca se pudo romper o nexo que existe entre traballos de alta cualificación e unha remuneración que sexa xusta, polo menos no que concerne a unha certa economia moral.
Para moitos, e non só en Europa, a caída do muro en Berlin é vista como debilitación xeral da esquerda europea, pero hai que insistir en que estes, por primeira vez, en máis de 70 anos, liberaron o campo de acción dos movimentos sociais que antes fora limitado por modelos sociais que funcionaban, a nível ideolóxico, como alternativa social ao modelo hexemónico na Europa Ocidental, realidade que despois duns poucos anos se ia mostrar en Franza no inverno de 1995. Pero é seguro que a partir dos anos 90, as elites estatais europeas tomaron unha atitude máis agresiva cara á política de privatizacións, un dos pontos chave do programa neoliberal. Asi é que nas áreas de telecomunicacións, correo, provisión de enerxia (sexa esta de gas, carbón ou electricidade) e servizos comunais, entre outros, comeza un forte proceso de privatización; sexa este completo ou medido através de organizacións médio estatais. Este proceso de desestatización fai-se posíbel através dunha conxuntura ideolóxica que ve somente atraso, falta de servizo aos usuários, burocrácia, clientelismo e incompeténcia, nos servizos proporcionados; faltas todas, que supostamente se ian mellorar baixo o mando privado deles. Pero en realidade son dous os fins principais polos cais se leva a cabo este proceso: por un lado, trata-se de romper coa forza dos sindicatos nas ditas áreas e, por outro, trata-se de aumentar os ingresos financeiros directos das entidades estatais, sexan estas federais, comunais ou locais, para asi repagar as débedas estatais que se acumularan, fomentando o círculo das prestacións financeiras a nível mundial.
Ao mesmo tempo, cumpre destacar que o mundo laboral, tanto en sectores privados como en estatais, sofreu cámbios moi profundos que van máis alá de simples desafios aos sindicatos. Os produtores europeos, como Volkswagen, GM (OPEL), Ford ou outros, comezaron desde meados dos 80 e, con maior énfase, desde fins dos 80, a empregar unha série de cámbios de estratéxias empresariais, como a 'just-in-time-production' (produción xusto a tempo), 'lean production' (produción esvelta) e 'traballo de grupo' que se unen baixo o lema do Toyotismo. Baixo estas estratéxias de remodelación produtiva reduce-se o armacenamento de partes para a produción, exixindo dos fornecedores, que xa non pertencen á fábrica nai, a entrega dos materiais e produtos a un tempo determinado para a fábrica automobilística. Pode-se dicer, sen exaxeración, que hoxe en dia as estradas europeas forman os armacéns dunha grande parte das entidades produtivas privadas. Ao carón destes conceitos de 'lean production' e 'just-in-time-production' figuran conceitos de reorganización do traballo. En primeiro lugar, trata-se dos chamados conceitos de traballo de grupo, que perpetuan a idea que no proceso produtivo capitalista sexa posíbel a eliminación da cadea de montaxe, estabelecida na produción de tantas mercadorias desde os anos 20 do século pasado. Na primeira metade dos anos 90, estes conceitos foron discutidos, polo menos dentro dos sindicatos maioritários alemáns, de maneira favorábel. Esta apreciación por parte de sectores sindicais arraigaba nos ensaios sindicais dos anos 80 para humanizar o mundo laboral, conceito que implicaba tanto o melloramento da saúde laboral como o traballar en grupos autoxestionados, que teñen como obxectivo principal exercer un certo control sobre a velocidade e intensidade da produción. Pero o fin real non era a abolición da cadea de montaxe, senán máis ben o aceder aos recursos intelectuais, a sabedoria obreira sobre os procesos de produción, que fora ocultada por eles mesmos, para non ter que intensificar o seu próprio traballo. Nestes grupos de traballo non somente se debe discutir como se poden cumprir as metas ordenadas pola administración da empresa de maneira máis rápida, senón tamén é unha exixéncia sinalar onde hai fallas organizativas na fábrica para que podan ser eliminadas. Isto implica claramente que o enfrentamento laboral, que antes se daba entre todos os obreiros da fábrica contra a administración empresarial, agora se dá entre os obreiros mesmos. Eles teñen que cumprir coas metas dadas de arriba, o que cria tensión e estrés entre os mesmos traballadores. A competéncia no proletariado, entre obreiros vellos e mozos, entre máis e menos aptos, fai-se sentir cunha nova ferocidade aqui.
Diante deste trasfondo estalou a primeira revolta europea en contra da reestruturación neoliberal en Franza no inverno de 1995. Aqui converxeron dous movimentos independentes, quen xa tiñan unha longa traxectória de loitas sociais nos anos 80. Trata-se da loita dos estudiantes ou mozos en formación e dos empregados estatais dos camiños de ferro. A importáncia da revolta francesa, que logrou paralisar o país, e a mediación que se exerceu através dos sindicatos tradicionais por unhas semanas, residiu no feito de que non somente se rebelaba en contra da política nacional, senón que xa incluía o rexeitamento das novas condicións que ian ser estabelecidas a partir dos tratados de Maastricht en 1992, asi, cuestionando activamente a integración europea. Deste xeito, a socialdemocrácia gaña novamente as eleicións nos países principais de Europa a partir de meados dos 90. Pero é esta unha socialdemocrácia que posue princípios que xa non poden ser denominados socialistas, porque efectuou un axuste ideolóxico de novas dimensións. Agora os partidos socialdemócratas aceitaron o marco económico do neoliberalismo, pero desenvolveron unha certa fraseoloxia para demostrar que a mellora dos grupos sociais marxinados era unha das suas preocupacións importantes. É a chamada 'Terceira Via' de políticos como Gerhard Schröder, en Alemaña, ou Tony Blair, en Inglaterra. En Inglaterra Tony Blair gañou as eleicións, despois de case 20 anos de domínio conservador, con frases como 'Forte en contra dos crimes, forte en contra das raíces dos crimes', tratando asi de agrupar os estratos médios ingleses arredor do partido. O programa 'Welfare to Work' (Benestar para o traballo) é un os esteos ideolóxicos do programa eleitoral laborista. Trata-se dun programa de incentivación dos desempregados que supostamente prové traballo e formación para todos aqueles que están parados. Blair e a socialdemocrácia europea da chamada 'Terceira Via' no seu conxunto, acreditan que o atitude dos parados debe cambiar para que sexan máis aptos para atopar traballo. Se non aceitan as ofertas feitas por estes programas, nega-se-lles o subsídio estatal. Por iso, o pagamento de soldos de subsisténcia converteu-se dun direito nun recurso que somente se obtén se un obedece ao deber que hai que lle brindar ao Estado en forma de traballo. É esta a reimposición da ética capitalista do traballo con métodos de forza económica. Son estos os piares do neoliberalismo socialdemócrata, trazos dun capitalismo que se puxo unha caparuza de ordenador benevolente para conter a insubmisión social criada por unha orde social en contradición contínua. Ainda que o governo de esquerda francés chegou ao poder baseando-se nunha vaga de loitas sociais de 1995, e o dos laboristas ingleses en 1997, baseando-se nunha mestura de 'azucre e bategada' é o chamado 'Modelo Alemaña', cun trazos de integración social teñen importáncia máis alá do ámbito nacional.
Mentres que os governos conservadores xeralmente tomaban unha atitude abertamente hostil cara aos sindicatos, tratando de limitar os direitos de actuación destes, este modelo entra en quebra a meados dos 90. De aí en adiante desenvolven-se dous discursos que converxen nun determinado ponto histórico. Por un lado, temos o discurso neoliberal, xerado polas elites económica-financeiras que, a partir da crecente competéncia económica a nível mundial, desenvolven a visión ideolóxica da necesidade de competéncia, tanto entre as nacións como entre as diferentes compañias, incluso entre a forza laboral mesma; trata-se do chamado 'debate do lugar de produción'. Polo outro lado temos o discurso dos sindicatos oficiais, que case non se destaca do nacionalismo empresarial en chamar para criar unha 'Alianza para o traballo'; entendendo-se baixo isto, unha comisión tripartita composta por representantes do Estado, dos grupos empresariais e da federación sindical alemá. Esta comisión ten como meta a elaboración de estratéxias corporativas para conter a insatisfacción obreira e sindical, através do desenvolvimento de subas salariais concertadas e programas de criación de emprego para combater o desemprego baixo o auspício do Estado. A todo isto ten que engadir-se o cadro da imigración de man de obra a Europa, desenvolvimento que ten as suas raíces na pobreza crecente a nível mundial, por unha banda, e, pola outra, na necesidade capitalista de recompor regularmente a clase obreira pola insaciábel necesidade de extrair ganáncias continuamente. Os fluxos migratórios son unha constante e unha necesidade para que a velocidade maniática do desenvolvimento capitalista dos estados europeos non diminua. A situación dos migrantes é crucial por duas razóns. Por un lado, moitos deles teñen traballos mal pagos e viven en condicións de miséria, formando asi un estrato social nunha situación do moito desprezo. Por outro, a ultradireita, que a partir dos 90 tivo unha medra forte en todos os países, usa os migrantes para os seus discursos abertamente racistas. Pero especialmente os grupos fascistas alemáns non se limitan á chantaxe ideolóxica, senón que atacan , cunha regularidade temíbel, os estranxeiros. Nos últimos anos deron-se centenares de ataques físicos con dúcias de persoas mortas. Asi mesmo, hai un crecente número de ataques dirixidos en contra de xudeus e as suas institucións sociais e relixiosas, e, ainda que con menor intensidade, contra representantes da esquerda e dos sindicatos.
Ainda que poda parecer un cadro bastante negro este pintado aqui, quero mencionar alguns dos reptos que os movimentos sociais europeos están enfrentando e delinear certos dos eixos centrais que os movimentos poderian cambiar, sen que estes acabasen no baleiro.
[Artigo tirado da revista 'Trabajadores' da Universidade Obreira de México,
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/06/2001 |