Actualidade / Artigo Imigración, precariedade amarga Manuel Mera- Mais, por riba do aproveitamento perverso dalgúns empresarios do excedente de man de obra pra impor condicións laborais noxentas, o certo é que esto se repite cada vez con máis frecuencia porque o marco laboral legal o permite. As sucesivas reformas laborais introduciron tipos de contratación eventual ou en “formación” que aumentaron a precariedade, ademais a Inspeción de Traballo non actúa pra alén de casos de defraudación á seguridade social, e mesmo así non sempre. Por se fora pouco houbo, por que negalo, sindicatos que favoreceron coa súa pasividade este deterioro nas relacións laborais. Consecuencias en Galiza: un 35% de contratos eventuais; miles de persoas traballando en negro ou facendo máis horas das que se cotizan e polas que se lle pagan; e ducias de miles de desempregados. Neste contexto, onde se precarizaron tanto as condicións laborais ¡cómo non se van a explotar aos imigrantes! cando se fai o propio con aqueles nados no país. O certo é que esta situación social e laboral está tocando fondo. Máxime cando, por unha banda, os grandes bancos e transnacionais aumentan gañancias e reciben miles de millóns de transferencias dos fondos públicos, e pola outra, a crise económica en perspectiva e a perda de poder adquisitivo dunha parte importante da sociedade (un 60% das familias vive ao día) están xerando un descontente crecente e un aumento da mobilización social. Polo cal, protestas como as de Sintel ou Transportes La Unión, ou a que realizan dende hai varios meses o persoal laboral da Xunta, os operarios de Alvarez e de Santa Bárbara, non son unha casualidade, senón parte da xeración dunha nova concencia social que xa non se fía da globalización, a liberdade de mercados e a xestión privada de todo. Compre rematar dunha vez con estes niveis de precariedade noxentos, insolidarios e crueis, que castran o futuro de Galiza (e de calquer nación cos aplique) e que desfán a nosa sociedade. Hai que regular a imigración ¡vale! pero ao mesmo tempo tratalos con humanidade, axudar á súa integración, darlles os mesmos dereitos, deberes e trato que aqueles que viven hai décadas ou naceron no país. Sobre todo esto temos moito que dicir e facer as organizacións sindicais e os partidos políticos, pero sobre todo a Xunta de Galiza, os concellos, as institucións todas.
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/08/2001 |