Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 7 de agosto de 2001

Sintel-La Unión: Leicións para a História
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística



 Clic para aumentar
A asemblea de traballadores e traballadoras de Sintel decidiu poñer fin e desmontar –tras máis de sete meses– o campamento que levantaran no Paseo da Castellana, en Madrid.
 
Esta primeira fin de semana de agosto a asemblea de traballadores e traballadoras de Sintel (empresa filial de Telefónica antes da sua privatización) decidiu poñer fin e desmontar –tras máis de sete meses– o campamento que levantaran no Paseo da Castellana, da capital do Estado.

Semanas antes, os traballadores da pontevedresa Transportes 'La Unión' acordaran interromper a folga que habia meses iniciaran e que se convertera nunha das folgas máis longas dos últimos anos no noso país.

En ambos os casos, a suspensión destas medidas de forza foi debida á consecución de acordos máis que favorábeis ás demandas dos traballadores e traballadoras. Trata-se, pois, de duas importantes vitórias que o conxunto da clase traballadora –dentro e fóra do noso país– deberá ter moi presente de aqui en diante, enriquecendo-se de tais experiéncias e tirando as conclusións que parezan mellores.

Tres son os factores fundamentais que se cadra resumen os logros acadados tras a loita emprendida tanto en Sintel como en Transportes 'La Unión', loitas na que non convén esquecer a nosa central sindical xogou un papel importante en prol da defensa destes traballadores e traballadoras (no caso de 'La Unión', case de xeito exclusivo):

1. A unión dos traballadores.- A coesión dos traballadores en canto ás propostas e reivindicacións a defender, asi como o xeito de afrontar ambos os conflitos –en mobilización permanente– desembocaron no estabelecimento dun alto grao de unidade entre eles, o que axudou enormemente a manter a tensión e capacidade de loita necesárias para abordar de xeito tan satisfactório conflitos que, de entrada, non eran doados de resolver en favor dos intereses dos traballadores. Foron escasas as mostras de "esquirolismo", ainda que cando se deron non deixaron de ser preocupantes, sobretodo no caso de Transportes 'La Unión', onde incomprensibelmente houbo momentos en que non se sabia o papel que estaban a xogar determinados sindicatos, que semellaban estar máis cómodos da banda da patronal que da banda dos traballadores.

2. A sua capacidade de loita.- Ambos os conflitos estiveron marcados por se desenvolveren en espazos de tempo longo, o que incrementou unha dureza que é xa, de seu, inerente a calquer conflito no que están en xogo intereses e direitos básicos dos traballadores e traballadoras. Dalgun xeito, a sua capacidade de loita e de resisténcia ante a adversidade pode dicer-se que son exemplares, xa que nalgun momento a escaseza de forzas e o desánimo que se dá ante a falta de perspectivas reais de solución son inimigos que cumpre vencer. É ben non esquecer a este respeito que, no caso de Sintel, se produciron catorce mortes entre os traballadores acampados, sete por infarto e outros sete por suicídio, alén das dúcias de traballadores que precisaron e están a precisar tratamento psicolóxico tras pasar esta durísima experiéncia. De aí que sexa necesário subliñar, máis unha vez, que a capacidade de loita dos traballadores foi crucial no desenvolvimento dos dous conflitos de maneira beneficiosa para os seus intereses.

3. A solidariedade que foron quen de criar.- A solidariedade que se deu entre os traballadores e traballadoras e as suas familías e a que foron capaces de xerar en boa parte da sociedade, fundamentalmente nos sectores máis próximos a eles, constituíu-se noutros dos elementos cruciais para unha resolución de ambos os conflitos. Por exemplo, as achegas económicas con que contaron os traballadores de 'La Unión' para a sua caixa de resisténcia –cartos que daban solidariamente outros traballadores da comarca pontevedra e de toda a nación galega– constituíron un grande alívio para as penúrias económicas que tiveron que suportar durante as longuísimas semanas que durou o conflito. Tamén funcionou a solidariedade de clase nas múltiplas manifestacións que se convocaron ou no dia a dia de cada un dos conflitos, como nos centos e centos de visitas que se produciron no campamento dos traballadores de Sintel para lle dar azos e forzas para seguir na loita.

Loitas como estas duas veñen a poñer de manifesto que, fronte ao decaimento que parecia ter-se instalado no movimento obreiro –imaxe alimentada por unha certa esquerda 'deprimida'–, existe un espazo aberto ao cámbio, á transformación social e á superación dunha fase histórica marcada pola hexemonia dun capitalismo cada dia máis voraz.

A mensaxe na botella está botada para quen a queira entender, asimilar e reproducir. Exemplos como os de Sintel e Transportes 'La Unión', ainda obedecendo a situacións moi particulares, son mostras de que nada está perdido, de que o enfrontamento das situacións desde a firmeza e a intelixéncia acaban por producir vitórias, e ese parece ser o camiño para, dunha banda, manter conquistas sociais xa adquiridas e, doutra, pular por outras novas para o conxunto da clase traballadora.


Rafa Villar.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/08/2001