Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 17 de agosto de 2001

Veiga de Valcarce: vender o galego por un prato de lentellas
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística



Para a Junta de Castela e León e para o concello berciano de Veiga de Valcarce o galego parece ter un prezo: 27 míseros millóns de pesetas. A cámbio de 27 millóns, destinados a infraestruturas (seica), a alcaldesa do PSOE de Veiga de Valcarce decidiu retirar e anular un acordo plenário –tomado no mes de febreiro– polo que se recoñecia a cooficialidade do galego no dito concello.

É ben sabido que o galego tal e como hoxe o coñecemos estende-se dos actuais límites político-administrativos marcados polo Estatuto de Autonomia e ninguén dubida de que variantes do noso idioma se falan en zonas de Astúrias, León e Zamora. Un deses concellos –sito no Bierzo– é o de Veiga de Valcarce, no que o galego, ademais de ser a fala histórica é tamén a língua habitual dos seus cidadáns e cidadás na actualidade.

O pasado mes de febreiro, os dous concelleiros do Grupo Municipal Renovador de Veiga de Valcarce, apresentaron unha série de mocións en pleno, co fin de recoñecer a cooficilidade do galego neste concello berciano.

Na primeira das mocións pedia-se o recoñecimento do galego como língua própria e oficial, ao tempo que se pedia que se comunicase este feito á Junta de Castela e León, para que iniciase o desenvolvimento lexislativo pertinente para dar cobertura legal a este feito. A segunda referia-se ao recoñecimento do galego como património cultural do concello de Veiga de Valcarce. Na terceira instaba-se a solicitar-lle ao Instituto de Estudos Bercianos a elaboración dun nomenclátor, co fin de restaurar por via oficial os nomes en galego dos lugares. A cuarta moción facia referéncia á promoción de xeito progresivo da rotulación bilingüe no concello. E a quinta recollia a necesidade de promover a utilización de documentación bilingüe galego-castelán na administración do concello.

Esta bateria de cinco mocións ia, ademais, acompañada de dous informes, un lingüístico e outro xurídico, que avalaban a xusteza de tal reivindicación, ainda que tamén existia un outro informe xurídico –do secretário do concello–, contrário á oficialización do galego no concello. Finalmente, o pleno, formado por sete concelleiros, aprobou –con data do 24 de febreiro– o contido das cinco mocións. Esta aprobación non sentou nada ben na Junta de Castela e León, en mans do Partido Popular. E isto, mália que no ano 1988 na reforma do Estatuto de Autonomia de Castela e León, se incorporara un artigo no que se estabelecia que "Gozarán de respeito e protección a língua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen".

Porén, a Junta de Castela e León –presidida por J. Vicente Herrera Campo, en substitución do agora ministro Lucas Laborda– comezou a manobrar para botar por terra o acordo plenário de Veiga de Valcarce, estratéxia que cumpre emarcar na paranoia neo-españolista do PP, disposto mesmo ao xenocídio cultural con tal de reafirmar a sua visión centralista do Estado español e, xa que logo, negadora da realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural existente.

Seis meses despois da aprobación do recoñecimento da cooficilidade do galego en Veiga de Valcarce, parece que sua anulación vai camiño de se converter en realidade. A Junta de Castela e León e a alcaldesa do concello pactaron que esta retirase e anulase o acordo plenário da cooficialidade do galego. En pagamento a iso, a Junta compromete-se a facer un gasto en infraestruturas por valor de 27 millóns de pesetas, 21 para o acondicionamento da residéncia de anciáns (que, paradoxalmente, é de supoñer que a maioria teñan como língua habitual o galego) e 6 para a renovación da iluminación pública nun tramo do lugar (que coincide, tamén paradoxalmente, co Camiño de Santiago).

Un desatino, un auténtico desatino máis próprio dunha república bananeira que outra cousa. En calquer caso, os Governos 'amigos' de Castelán e León e mais Galiza, ambos do PP, poderian poñer-se de acordo para veren como fan efectivo o cumprimento do artigo 21.2 da Lei de Normalización Lingüística de Galiza, que textualmente di: "Así mesmo, fará uso do previsto no artigo 35 do Estatuto de Autonomía a fin de protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma".


Rafa Villar.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/08/2001