Actualidade / Documento Volver


Santiago, 7 de setembro de 2001

A reforma da Negociación Colectiva
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



Neste mes de setembro voltará a reunirse a “Mesa de negociación colectiva”, na que se sentan Governo, CEOE-CEPYME e CCOO-UGT, coa intención de pechar un acordo antes de que remate o mes. Na última reunión da Mesa, celebrada o día 26 de xullo, o Governo presentou un documento onde non expoñía a súa posición, senón que se limitaba a “recoller o contido fundamental das materias tratadas ata ese intre e as orientación que ao longo das reunións poideron percibirse nas manifestacións das diferentes intervención na Mesa...”.


A posición das centrais sindicais

CCOO viña reclamando que o Ministerio de Traballo presentara un documento propio “que debería servir para inciar xa un verdadeiro proceso de negociación feito sobre propostas concretas e precisas de todas as partes” (nota de prensa de CCOO para o 26.07.01). Sen embargo, o día 27 de xullo, en declaracións aos meios de comunicación, Fernando Puig-Samper considera que o documento que presenta o governo é un bo documento para a negociación e dí que hai moitas posibilidades de acordo.

Toni Ferrer, por parte da UGT, opinaba que o Governo está a secundar as posturas patronais, anque segue sen fixar con claridade a súa posición por escrito, e abogaba por un acordo de totalidade, non por un acordo parcial como parece que pretende a patronal.

O 13 de xuño, no xornal “Cincodías” publíca-se unha información titulada “CC OO quere unha nova estructura dos convenios que reforce os estatais”, e dí-se que a principal consecuencia sería o debilitamento dos convenios intermedios, principalmente os de ámbito provincial, que agora serven de referencia para o 54% dos traballadores. Este colectivo, segundo esta información, pasaría a estar protexido por convenios estatais máis fortes. O sindicato é consciente do delicado desta situación, pola desaparición de unidades de negociación que esto conleva e por iso, segundo a periodista, o documento aprobado pola Executiva Confederal de CC OO especifica que os cambios deben graduarse para que o axuste nos distintos sectores produzca-se de maneira pacífica.

O Secretario Xeral de CCOO, José María Fidalgo, presenta no Consello Confederal do día 12 de xullo, as propostas de CCOO para a reforma da negociación colectiva contidas no documento “Reforzar a negociación colectiva e a capacidade de intervención sindical”. Este documento non se fixo público, polo que hai que pensar que é un documento tan so do Consello Confederal. Solicitouse o tal documento por varías vías e non foi posible conseguilo, xa que argumentan que é un documento de estricta discusión interna que ainda non se quere dar a coñecer.

Das propias notas de prensa de CCOO dedúce-se que para este sindicato o esencial da reforma é a potenciación do convenio sectorial estatal con carácter plenamente normativo. Nunha destas notas de prensa ponse en boca de Fidalgo o seguinte: “Nos temos-lles dito dúas cousas: que o convenio sectorial é o pivote das relacións laborais e que debe ser normativo. Pero o convenio sectorial ten e pode ter fórmulas de adaptabilidade reguladas e governadas en todos os ámbitos polos negociadores sectoriais”. “Ata agora, -precisa Fidalgo- parece que a peza cardinal é a relación do convenio sectorial coa empresa, polo tanto o carácter do convenio sectorial, a súa eficacia. Desa discusión parece arrincar todo o demáis. E do consenso nese obxectivo pode derivarse ou non o acordo”. Noutra nota de prensa de CCOO infórma-se que o día 23 de xullo esta organización presentou na Mesa as súas propostas “referidas ao recoñecimento das novas unidades de negociación, como os Gruposde Empresa, ao papel das Comisións Paritarias na administración e desenvolvemento do convenio, ao fortalecemento do deber de negociar, e á necesidade de cambiar algunhas reglas de lexitimación para regular a participación dos sindicatos máis representativos en todos os ámbitos de negociación.

Pola súa parte, a UGT define a súa postura o día 6 de xuño, nunhas xornadas sobre negociación colectiva celebradas na Escola Julián Besteiro, onde Cándido Méndez aboga por manterse firme na postura unitaria de UGT e CCOO presentada o 11 de ocubro do 2000 á CEOEE CEPYME. Nesta proposta unitaria defénde-se:

1º. Que o acordado en 1997, no AINC, sobre a centralización e vertebración da negociación colectiva non se quede en meros compromisos ou orientacións senón que obriguen a ambas partes e teñan ademáis a súa posterior traducción nas correspondentes modificacións lexislativas. Esto supoñería, inda que non se especifica na proposta, a modificación dos artigos 83, 84 e 85 do Estatuto dos Traballadores, para asegurar a prevalencia do pactado nos convenios estatais e para establecer xurídicamente as materias reservadas ao convenio sectorial estatal, de xeito que non se poidan dar sentencias como no caso do convenio da madeira, que considera nulos os preceptos sobre a distribución de materias por consideralos contra legem.

2º. Unha redefinición dos sectores, que contemple os grupos de empresas e as empresas relacionadas en rede, a aparición de novas actividades en sectores onde antes existía monopolio estatal e a negociación era de ámbito empresarial, as necesidades de fragmentación de convenios sectoriais tradicionais, tamén a agrupación de sectores afíns ou o establecemento de ámbitos específicos de negociación adaptados ó desenvolvemento de novas actividades económicas. Esta redifinición dos ámbitos funcionais requeriría compromisos concretos por parte das Confederacións de CCOO –UGT e de CEOE-CEPYME que faciliten e promovan a tarefa que lles corresponde ás respectivas federacións sindicais e asociacións empresariais. Esto suporía un maior compromiso e celeridade, en base a un impulso desde a cúpula dirixente, para aplicar o que xa se preveía no AINC, establecendo un mapa de negociación colectiva sectorial estatal que non deixara fora de regulación xeral nengunha rama de actividade. Esta redifinición sectorial pode significar en moitos casos unha maior fragmentación da negociación colectiva (como xa ocurríu, por exemplo, no sector de transporte, onde a substitución negociada da ordenanza laboral deu lugar a convenios estatais de mercadurías, taxis, ambulancias, axencias de viaxe, garaxes, e a un laudo de transporte de viaxeiros) e noutros podería dar lugar a unha agrupación da negociación colectiva (como se pretende sindicalmente coa negociación dun convenio xeral para o comercio). En calquera caso, o obxectivo non é outro que conseguir que todas as actividades estean reguladas por convenios estatais.

3º. A potenciación dos contidos de carácter xeral para unha rama de actividade, en especial polo que respecta aos dereitos sindicais e réxime de información e consulta, aos criterios xerais do procedemento negociador, a articulación e concurrencia de convenios e á administración do convenio. Para esto necesíta-se de modificacións legais que impoñan non so a negociación destas materias no ámbito estatal, senón o establecemento de criterios (por exemplo, onde se negocia e en qué intre) e garantías de negociación en ámbitos inferiores dos contidos disponibles nos convenios estatais, asegurando o seu coñecemento ben a través das organizacións sindicais ou ben das Comisións Paritarias dos correspondentes convenios xerais (estatais) de sector. Esto suporía introducir cláusulas nos artigos 83 e, posiblemente no artigo 85 do Estatuto dos Traballadores, para asegurar non so a reserva negocial de determinadas materias ao ámbito estatal, senón o control desde ese ámbito, da negociación sectorial de ámbito inferior e tamén da negociación no ámbito empresarial.

4º. A criación dun Observatorio da negociación colectiva que permita realizar análises sobre a estructura, articulación e contidos da negociación colectiva. Modificar o papel da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, dotándoa de maiores competencias e meios para elo. Explotar a base de datos que se xenerou coa inclusión dos códigos de convenio nos TC2 das empresas, fonte inestimable que podería modificar e poñer ao día moitos dos datos dados por bons ata agora. Esto suporía contar cun apoio institucional ao servizo do control e implementación do proceso de centralización da negociación colectiva.

5º. Unha renegociación do Acuerdo de Cobertura de Valeiros (AICV) e a posta en marcha da nova regulación sobre o sistema de extensión de convenios para asegurar que non existan valeiros de regulación en nengunha actividade. O AICV está claro que non serveu para nada máis que para frear o procedemento de extensión de convenios colectivos e parece difícil saber que é o que se quere renegociar. Respecto da extensión dos convenios, debería-se potenciar este mecanismo cando existan obstáculos insalvables para a negociación dun convenio e a súa autorización administrativa debería radicar na autoridade laboral autonómica correspondente, con competencias en materia de execución da lexislación laboral.

Toni Ferrer, no marco do Encontro anual organizado polo CES en Santander, a mediados de xullo, expuxo a posición da UGT para a renovación do Acordo Interconfederal sobre Negociación Colectiva (AINC), manifestando unha posición contraria a aqueles que pretenden debilitar “o sistema de negociación colectiva xurdido do máis antigo consenso social vixente no noso país”. Dixo estar en contra dos que pretenden endurecer as reglas de lexitimación dificultando ou suprimindo a regla da irradiciación da lexitimidade sindical para negociar; en contra da ampliación da concurrencia conflicitiva dos convenios para que os acordos de empresa non se sometan ao disposto nos convenios sectoriais; en contra de suprimir a eficacia xeral dos convenios de ámbito superior aos de empresa; en contra do establecemento dun límite temporal á ultraactividade; en contra de dotar de maior capacidade ao contrato individual fronte ao convenio colectivo. Defendeu a posición do acordado entre CCOO e UGT sobre a reforma da negociación colectiva o pasado mes de octubro do ano 2000 e dixo tamén que “debe preservarse o papel e a función dos convenios sectoriais de ámbito inferior ao estatal (provinciais, autonómicos, etc) porque supoñen un indubidable achegamento e adaptación ás realidades empresariais, tendo en conta sobre todo a atomización e o reducidísimo tamaño da maioría do tecido empresarial español, así como o amplio marxe que o sistema legal, e o propio contido do pactado nos convenios sectoriais, outorga actualmente á capacidade de actuación nas empresas”. “Pero unha adaptación con garantías esixe –segundo a UGT- dotar de contido e cobertura mínima aos convenios sectoriais e preveer unha fórmula de adapación diferenciada, a través da negociación colectiva en empresas que teñan representación sindical, e a través de acordos coñecidos e controlados polas Comisións Paritarias cando non se desenvolva unha negociación colectiva regular a nivel de empresa.”


A posición da CEOE

Da CEOE tampouco coñecemos ata agora unha posición escrita. Fabián Márquez, nos Encontros de Santander, limitaba-se a expoñer que existían posibilidades de acordo en algunhas cuestións, que se derivarían do AINC, pero que entendía que noutros temas o acordo sería imposible ou moi difícil. Por iso abogaba por subscribir acordos en aquelo que era de interés para todas as partes, inda que aclaraba que esa era a súa opinión personal e que seguramente non era compartida por toda a dirección da CEOE. Explicaba que a reforma debe centrarse no contido e na ampliación da negociación colectiva, pero iso está moi vencellado á súa estructura e vertebración.

Se a experiencia do AINC non foi moi satisfactoria –decía- e mesmo se negociaron máis convenios autonómicos que antes, os asinantes deben visualizar a posibilidade de que legalmente se establezca unha xerarquía na negociación, de xeito que se determine legalmente o que pode negociarse en cada nivel, primando a negociación a nivel estatal e prohibindo que o negociado nese ámbito poida ser alterado noutros ámbitos inferiores. Defendeu tamén a negociación e autonomía das partes a nivel de empresa e negou que a patronal estivera propoñendo que cada convenio parta de cero. Propoñer que os convenios deban establecer un límite temporal para chegar a un novo acordo- dixo- non ten nada que ver con defender que o os efectos do convenio desaparezcan coa súa vixencia, o que sería absurdo e daría lugar a unha conflictividade indeseada que a CEOE obviamente non busca.


O documento do Governo

Como decíamos ao inicio, o documento do Ministerio de Traballo non presenta unha posición propia, senón que pretende sintetizar e sistematizar as posturas expostas nas últimas catro reunións (días 2,9, 16 e 23 de xullo) para facilitar a continuación da Mesa no mes de setembro.

A súa lectura permite-nos aproximarnos ao estado de situación do debate, onde substancialmente se presentan as seguintes cuestións: Respecto da estructura, articulación e concurrencia de convenios, a Mesa podería chegar á conclusión de que xunto ao mantemento das facultades que actualmente poseen os suxetos da negociación colectiva para ordenar a estructura de esta, serían necesarias determinadas reformas legais orientadas a asegurar unha mellor distribución de materias entre os niveis de negociación e tratamento no nivel da empresa das materias necesitadas dunha regulación conforme á situación económica e organizativa da mesma, en concordancia cos criterios xerais do AINC. Esto conlevaría abordar normativamente cuestións como o fortalecemento das facultades de ordenación da estructura da negociación colectiva dos negociadores do nivel estatal, a necesidade de fixar a distribución de materias entre os diferentes niveis, a eliminación de obstáculos para a efectividade das actuais facultades (artigo 84) ou a clarificación da ordenación das materias propias de cada ámbito (fórmulas de articulación) particularmente na relación entre negociación sectorial e de empresa.

Tamén habería que considerar os criterios para determinar a norma aplicable nos casos nos que a concurrencia produzca-se legalmente. Habería que considerar igualmente a procedencia dunha regulación xeral das materias propias da negociación colectiva no nivel empresarial, a súa natureza xurídica e as posibles competencias que deban ter as Comisións Paritarias do convenio sectorial en relación cos acordos de empresa.

Con carácter xeral, estas cuestións deben dar lugar a unha avaliación xeral das distintas posibilidades de relación entre a negociación colectiva no nivel sectorial e no de empresa, de xeito que unhas materias serían de directa aplicación, reservadas ao ámbito estatal, outras requerirían un desenvolvemento posterior en ámbitos inferiores, e outras poderían ser remitidas ao ámbito empresarial.

Neste senso, as posibilidades de relación entre o ámbito sectorial e o de empresa poderían ser varias:

-Unha primeira posibilidade de amplia autonomía do nivel empresarial de negociación de cara á mellora cuantitativa do sectorial, ao desenvolvemento do pactado e mesmo ao establecemento dunha regulación alternativa.

-Unha segunda posibilidade partiría de considerar o ámbito da empresa como un ámbito articulado co sectorial a partir do reparto xeral das materias, o que suporía que o pactado a nivel sectorial aplicaría-se na empresa, agás que neste ámbito negociaranse as materias que se establecerían como propias do nivel empresarial.

-Unha terceira posibilidade, en correlación co anterior, sería a regulación da disponibilidade, en todo ou en parte, de materias determinadas, ben sexa a través da articulación entre niveis de negociación ou ben sexa en función da natureza normativa ou non normativa que se lle atribúan ás diferentes materias.

En canto ás unidades de negociación e lexitimación para negociar, trataria-se de modificar o Estatuto dos Traballadores de cara a reforzar o dereito á negociación colectiva e a favorecer o seu desenvolvemento en ámbitos con problemas específicos de lexitimación. Debería especificarse de forma máis precisa o “ambito sectorial de negociación· (artigo 87), diferenciándoo doutros ámbitos posibles que non se corresponden, sen embargo, cunha realidade sectorial (grupos de empresa e empresas en rede). Nese senso sería necesario determinar a lexitimación negocial no ámbito dos grupos de empresa e tamén se trataría de considerar a situación de eventuais unidades de negociación formadas por empresas que teñen características común, en canto a súa ubicación física, a súa participación conxunta nun mesmo proceso productivo, ou o desenvolvmeento de procesos comúns de xestión, ainda sen pertenecer a un mesmo sector económico.

Tamén habería que considerar a existencia de posibles “novas” unidades de negociación que non responden estrictamente aos perfiles da clasificación legal. Pero hai que ter en conta que, xunto a comenencia de ofrecer aos interlocutores sociais instrumentos legais máis flexibles e adpatables para configurar novas unidades de negociación, debe analizarse tamén con que instrumentos e elementos de xuicio se conta para definir eses novos ámbitos e cómo se configura entón o “deber de negociación”. Estos instrumentos poderían ser mecanismos de resolución de conflictos e actuacións públicas de apoio orientadas a proporcionar unha información obxectiva (económica, estadística, etc) que facilite a solución de cuestións nesta materia. En relación con este último aspecto, podería revisarse o papel da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos no novo marco legal, como instrumento de observación e análise do desenvolvemento da negociación colectiva.

Unha cuestión específica de importancia é considerar os valeiros de regulación existentes. O Acordo sobre Cobertura de Valeiros finaliza o 31.12.02. Por outra parte, ao marxe das posibilidades do mecanismo de extensión, hai que considerar en qué medida resultaría posible favorecer o desenvolvemento da negociación colectiva en todos os ámbitos a través dunha mellor definición das reglas de lexitimación negocial e un desenvolvemento máis preciso do deber de negociación. No que se refire á administración e vixencia dos convenios, o primeiro que debería propoñerse é a necesidade de dotar dun soporte xurídico adecuado ao poder de auto-regulación. Neste senso podería trasladarse á norma legal os criterios e principios que nesta materia foron recollidos no AINC.

Cabe reflexionar sobre si resultaría ou non convinte lograr unha mellor definicion do réxime xurídico das Comisións Paritarias, tanto na súa propia configuración e composición, como en relación coas súas competencias. Outro nivel de actuación das Comisións Paritarias que podería necesitar de regulación específica sería o correspondente ás situacións de articulación de varios niveis de negociación nun mesmo sector. Co establecemento dunha xerarquía de materias de negociación diferenciadas por ámbitos, podería darse o feito de que nunha empresa o réxime xurídico aplicable sería a combinación de dous ou máis convenios, cada un coa súa correspondente Comisión Paritaria, o que esixiría unha clarificación sobre as funcións de cada unha delas, de xeito que a Comisión Paritaria do nivel superior (o estatal) non so tería as función de interpretación e desenvolvemento do convenio dese nivel, senón tamén as que serviran ao obxectivo de integración da súa regulación coa dos niveis inferiores, así como competencias de resolución de controversias centradas precismente no reparto de materias entre os distintos niveis negociadores.

En canto ás situación de remate do periodo de vixencia pactada dos convenios, parece clave lograr un equilibrio entre a prórroga das cláusulas normativas do convenio (nos termos nos que a Lei configure a definición deste tipo de cláusulas) durante a negociación do convenio que lle sucede, e o desenvolvemento fluido da negociación, contando con aqueles procedementos que permitan superar os abstáculos que poidan dificultar a adecuada continuidade e terminación da mesma. Para esto podería utilizarse, nun marco xurídico que lles dote de eficacia práctica e solidez xurídica, tanto o ASEC como os Acordos Autonómicos de resolución de conflictos. Ou tamén podería pensarse en que sexan as Comisións Paritaria do nivel sectorial superior as que desempeñen un papel favorecedor do desbloqueo das negociación nos niveis inferiores. Tamén habería que considerar nesta linea as posibilidades de aplicación supletoria dos convenios de ámbito superior nos periodos de negociación unha vez rematase a vixencia pactada dos convenios de ámbito inferior.


A xeito de conclusión

Como pode verse a finalidade esencial da Mesa radica en pactar modificacións legais que favorezan a centralización da negociación colectiva e impoñan un escenario de negociación totalmente dirixido e controlado desde as cúpulas das organizacións sindicais e empresariais españolas.

Esta reforma, en canto ao seu alcance e consecuencias, non vai so contra o sindicalismo nacionalista, e particularmente contra ELA e CIG, senón tamén contra as organizacións territoriais das Confederacións sindicais e empresariais españolas.

Á cúpula patronal interesa-lle un panorama negocial onde perda peso e tenda a desaparecer a negociación tradicionalmente máis sindicalizada, a negociación sectorial de carácter provincial, apostando por marcos reguladores de ámbito estatal e de contidos moi xerais, mentras potencian os convenios de empresa. Saben que teñen que apoiarse no governo da maioría absoluta e tentarán de presionar para que nestes intres se dean as reformas legais necesarias a prol dos seus obxectivos estratéxicos contra as organizacións de clase.

As cúpulas dos sindicatos participantes na Mesa tamén teñen interés en asegurar o seu control a través dos convenios estatais, pero albiscan que o principal problema radica na negociación a nivel de empresa, porque cunha regulación estatal feble, centrada na contención dos custes salariais e incapaz de concretar regulacións que poñan freo a unha situación laboral cada vez máis fragmentada e precaria, o fomento patronal da negociación a nivel de empresa non é máis que unha opción ideolóxica antisindical, que pode alterar en poucos anos a correlación de forzas actual mediante a aparición de multitude de opcións a nivel de empresa, e mesmo a nivel de sectores e subsectores, alternativas ao sindicalismo confederal, ao sindicalismo de clase.

Velaí as súas preocupacións pola articulación da negociación ata o nivel de empresa e pola extensión da irradiación sindical. Esta é unha contradicción importante que tamén se debe considerar desde o sindicalismo nacionalista para incidir sobre ela. A reforma, en canto centralización da negociación colectiva, non so vai contra nos, senón que esclerotiza e quita poder real ás organizacións territoriais das confederacións sindicais (e empresariais) españolas, obriga aos traballadores e traballadoras a xogar no campo máis favorable para a patronal e vai a perxudicar os seus intereses en breve prazo. Por iso, o sindicalismo galego non pode permanecer á expectativa do que ocurra.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/09/2001