Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 7 de setembro de 2001

Represión ao povo mapuche en Temuko
 

Mauricio Buendía-

Punto Final


Nen o frio nen as ameazas nen a violéncia policial puderon amedoñar ao povo mapuche que nunha combativa manifestación en Temuko dixo abonda de represión, de discriminación e de fachenda das institucións do Estado. Prepoténcia que se manifestou de diversas maneiras através da história, pero que adquiriu cotas máis preocupantes nos últimos tempos. A xornada de protesta convocada por nove organizacións mapuche tiña como obxectivo repudiar a violéncia policial en Tirúa, cando vários comuneiros foron tiroteados por efectivos de Investigacións; na comunidade de Chequenco en Ercilla onde outros comuneiros foron acusados de roubo de madeira por empresas forestais e detidos con inusitada violéncia. E, finalmente, denunciar e repudiar a violenta irrupción na sede do Consello de Todas as Terras en Temuko. Nesa ocasión, a policia cumpría ordes do Ministério Público, de recente criación na Lei de Procesamento Penal que se implementa na IX Rexión. A nova institucionalidade xudicial foi criticada por organizacións mapuche, pois está a ser usada contra eles. É máis, os funcionários do Ministério Público, Francisco Rojas e Alberto Chifelle, acompañaron todo o procedimento policial e, de acordo ao avogado Rodrigo Lillo, "os fiscais máis ben semellaban policias dun réxime autoritário". Outro avogado, Roberto Celedón, considera que esta "irrupción na sede e incautación foi un operativo próprio de aparatos de seguridade en réximes autoritários, era de por si dunha desproporción e violéncia que deixa ao descoberto unha subxectividade discriminatória e odiosa, que desprestíxia ao Ministério Público". É máis, "nen sequer exibiron orde de entrada", asegura Manuel Santander, 'werkén' do Consello de Todas as Terras. Pero, máis alá de formalidades, o certo é que a acción policial se inscrebe nun espiral de violéncia policial que é xustificada tanto polo governo como polo poder xudicial. Como foi avalada a provocación e represión dos Carabineiros ante a marcha pacífica convocada polas organizacións mapuche. É claro, sinala Luis Tranamil, dirixente das comunidades Cantera, Metrenko e Makewe, que se non existise a "violéncia desmedida dos Carabineiros, a marcha seria pacífica. A resposta nosa foi produto da provocación, foi autodefensa porque batian en todos, nenos e mulleres tamén". Por certo que tanto o governo como os meios de comunicación terxiversan os feitos. Non existe sensibilidade nen menos interese, das autoridades locais por entender a eséncia do conflito mapuche. Tal grao de insensibilidade é compartido polos principais meios de comunicación que destacaron o carácter "violento" da manifestación e que unha dúcia de funcionários policiais resultaron mancados. É escusado dicer que nada se di dos centos de feridos entre os mapuche. Eles non parecen importar. Tampouco non se menciona que a sede do Consello de Todas as Terras foi asaltada polos Carabineiros con gases lacrimóxenos, estragando os seus bens. Nada se di porque é necesário ocultar o ódio cara a un povo que só quer viver e que, por esta razón, se mobiliza para defender os seus direitos.

Os mapuche mobilizaron-se con organización e dignidade, chegando a diversos pontos de Temuko, esparexendo as suas forzas, o cal obrigou á sua vez á dispersión da policia. A incapacidade desta de enfrentar as tácticas mapuche seguramente contribuiu a nutrir o seu ódio, polo tanto pouco ou nada pode surprender a violenta represión desencadeada contra os manifestantes. Apesar do que mantén o governo, "non hai un novo trato para os povos indíxenas, nen novo trato nen democrácia nos Carabineiros, só prepoténcia", afirma Domingo Rain, da comunidade Malalhue, comuna de Teodoro Schmidt. "Aqui houbo trato vexatório con todos, irmáns e irmás. Bateron en nós como cans. A min deron-me entre tres, paraban sobre min, insultaban-me e batian-me. Hai un tremendo racismo e os Carabineiros libran a sua própria guerra contra os mapuche". Porén, o coronel Luis Torres, prefeito de Cautín, sinalou que os seus homes "actuaron con moita profisionalidade". "Golpeaban a mulleres, pateaban nelas, pasaban-lles por riba, como nos tempos de Pinochet", di Alfonso Reiman, presidente da Asociación Nankucheu de Lumako. Mesmo se bateu brutalmente en mulleres preñadas, non se respeitou a ninguén, como testemuña Francisco Quemel, concelleiro da comunidade de Metrenquén, comuna de Teodoro Schmidt. "Ainda que é certo que eu non quero priviléxios, debo dicer que non existiu nengunha consideración por ser concelleiro, fun detido ás duas da tarde, fun o derradeiro en sair ás duas da mañá. Só os manifestábamos polas condicións de vida do povo mapuche e recebin golpes. Dentro seguiron a bater en nós. Trataron-nos como animais, a couces e insultos, cunha atitude racista e un trato despectivo. As mulleres foron tratadas da mesma maneira".

Foron 126 os detidos, seis deles pasaron aos tribunais coa habitual acusación de "dano á propriedade". "Mais aqui o único dano é o que se fixo ao povo mapuche –manifesta Domingo Rain–. A intendenta trata-nos de delincuentes e nunca tivo a valentia de recoñecer o dano que se nos causou desde hai moito tempo. Non obstante, ao governo rexional non lle interesa dialogar. Mantén unha atitude de patrón de fundo en relación aos mapuche e as suas demandas. Ante a posibilidade de novas manifestacións a intendenta Berta Belmar afirma que "nós como autoridade non o imos permitir" . Pero ela non é dona das comunidades nen do povo mapuche e –continua Tranamil– xa lle riscamos a 'cancha' ao governo, porque non imos seguir aturando que os fiscais podan facer e desfacer co povo mapuche. Os fiscais están coludidos con empresas transnacionais en proxectos no interior de território mapuche e temos claro que o que fixeron co Consello o poden facer en calquer comunidade, con calquera organización". "Só queremos viver como povo, expresa Javier Quidel, do Ayllarehue de Truf-Truf, e por iso non imos aceitar que o governo siga respondendo cunha estratéxia de represión. A xente de Truf-Truf foi golpeada, houbo menores de idade golpeados. A violéncia foi dos Carabineiros, os moitos feridos mapuche demostran isto". Pablo Mariman, docente do Instituto de Estudos Indíxenas da Universidade de La Frontera, foi detido no centro de Temuko e confirma os testemuños que se referen á violéncia policial. "Subiron-nos ao carro dos Carabineiros e insultaban-nos berrando 'indios culeaos, indios de mierda', mentres nos daban paus nas costelas, no lombo. Ao chegar á 2ª Comisaria xa habia como cen mozos coas mans na caluga contra a parede, como na ditadura. Habia moreas de xente e ninguén nos deu nengun tipo de explicación nen comida. Non se achegou nengunha autoridade política, da igrexa ou o alcalde. Estábamos marxinados, excepto pola xente nosa que fóra nos acompañaba e nos mandaba algo de comer. Nalgun momento entrou xente de civil, presumibelmente fiscais, que se meteron a identificar xente que seguramente tiñan gravada en vídeo".


A importáncia da unidade

Os mapuche protestaron porque a represión contra ese povo, como sinala a convocatória de xornada de protesta, "obedece a unha política reiterada de represión en que se coludiron as empresas nacionais, transnacionais e o governo chileno, que ao abeiro dos tribunais e a policia, protexen os seus intereses".

É lexítimo que o povo mapuche defenda os seus intereses, a sua dignidade e loite pola sua supervivéncia. Neste senso é crucial a superación de diferenzas entre as distintas organizacións, que se configure a unidade real no interior do movimento mapuche. Dentro deste contexto, existe unanimidade entre dirixentes para afirmar que a mobilización en Temuko constitue o início dun proceso de achegamento, "un primeiro paso cara a un proceso de unidade, que dá en comezar", afirma Domingo Rain e que comparte o dirixente de Lumako Alfonso Reiman, consciente de que "temos diferenzas, pero situacións como estas debemos enfrentá-las en conxunto. Os mapuche temos claro que a unidade se vai dar ao fragor da loita. Non haberá unidade en xuntanzas ou seminários". E, por suposto, foi na rua onde se deu a unidade e é que –de acordo con Pablo Mariman– esta mobilización significou o início dun proceso no cal somos todos iguais, todos irmáns, sofrendo a mesma discriminación". A acción en si foi moi ben planificada e executada e realizou-se unha avaliación positiva. Pero ten-se nas organizacións convocantes que non se está a loitar só por cuestións conxunturais. A loita é por direitos políticos, direitos territoriais, por autonomia, porque ao povo mapuche o deixen viver en paz e teña posibilidade de forxar o seu futuro. É por istopolo que Aukan Huilcaman, dirixente do Consello de Todas as Terras, avaliou a mobilización como unha nova etapa na loita polos direitos territoriais e políticos. É dicer, trata-se de lle dar proxección ao movimento, deixar estabelecido que, a diferenza do que afirman os tribunais e o governo, este non é un problema policial ou delictual, senón político. O governo ten que entender, manifesta Francisco Quemel, que "o problema non é dunha ou outra comunidade, senón de todo o povo mapuche". Asi debe asumi-lo o Estado e mentres iso non ocorra os mapuche non aceitarán que se negócie ás suas costas e que se crien mesas de diálogo que na prática son simples monólogos con mapuches que carecen de toda representatividade. A posición das organizacións mapuche é categórica: se o governo quer dialogar debe ser en termos de igualdade e, sobretodo, debe existir vontade política para definir solucións concretas en conxunto co movimento mapuche. Debe haber participación real en todos os ámbitos; liberdade dos presos políticos mapuche, nulidade dos procesos a mozos acusados de participar en recuperacións de terras, cesamento imediato dos megaproxectos en território mapuche e, por certo, aceitar que os direitos políticos do povo mapuche son unha realidade imposíbel de esquivar. Se o Estado se nega a aceitar que a extrema pobreza do povo mapuche se debe á extrema riqueza dunha minoria, deberá enfrentar-se á rebeldia dun povo que xamais foi dobregado e que, como o demostra a recente mobilización en Temuko, non lle teme á represión.

[Artigo tirado da publicación chilena 'Punto Final', 30 de xullo de 2001]

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/09/2001