Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 11 de setembro de 2001

Xapón: un exemplo da agresividade do capitalismo contra os sistemas públicos de benestar
 

José Iglesias Fernández-

Renta básica


0. Introdución

En Xapon, o paternalismo é unha atitude que está reflectida no comportamento da maioria das persoas e, portanto, en todas aquelas institucións que se foron constituindo para dar coesión económica, social e política á sociedade xaponesa. Calquer organización, institución ou sistema que naza virá permeada pola presenza dos valores e a orde paternal. A implantación do sistema capitalista nesta cultura tamén se desenvolve baixo a influéncia do paternalismo, só que integrando habilmente o tradicional (familiar e cultural); dando prioridade ao patronal, como principal axente do novo sistema; e conformando o estatal, na senso de o facer protector da nova orde capitalista.

Desde o final da II Guerra Mundial, a sociedade xaponesa pasou da total ruína material e humana que deixa un conflito desta envergadura, a ser un dos tres países máis ricos do planeta. Esta fabulosa criación de riqueza por parte do capitalismo xaponés acumulou-se tendo como referente esencial a combinación dos tres tipos de paternalismo:

  • Patronal. A forte necesidade de capital que necesitaban as empresas para aumentar e acelerar o investimento foi posíbel grazas á total submision e sacrifício dos traballadores ás exixéncias de acumulación destas.

  • Estatal. Até 1973, o sistema público de benestar social operaba baixo mínimos e en forma totalmente asistencial ou caritativa. Ás axudas publicas unicamente podian acoller-se aquelas persoas que se encontrasen en casos de situación extrema; paro prolongado, longa enfermidade, invalidez grave, avanzada vellez, etc.

  • Familiar. Esta institución encaixaba perfeitamente nas fortes exixéncias de acumulación do sistema capitalista, xa que actuaba perfeitamente de colchón para aliviar a pobreza, e ocultar as deficiéncias caritativo-asistenciais do paternalismo estatal e patronal.

Dado o rápido e prolongado crecimento económico, os movimentos sociais comezaron a exixir a implantación dun estado do benestar que se caracterizara máis por unha combinación mixta de direitos universais e fundamentos contributivos, que por expresións caritativas ou critérios asistenciais. Portanto, o que se pode considerar como un modelo de protección social pública universal non se comeza a configurar até a chegada da decada dos 70.

Pero este modelo de crecimento económico á xaponesa, baseado na combinación:

  • duns sectores modernos (informática, semicondutores, electrónica, robótica, biotecnoloxia, automóbel, audiovisual) con tecnoloxias ponta, alta produtividade, e produción orientada cara á exportación;

  • con outros sectores tradicionais, con baixa produtividade, e produción orientada cara á demanda interna;

  • e aplicando unha férrea política proteccionista que protexa ao sector tradicional (comércio interior e emprego) da forte competéncia dos outros países desenvolvidos; este modelo semella que anúncia o seu pronto esgotamento. É dicer, parece que reclama unha re-regulación, pero á xaponesa.

A crise dos 80, o forte superávit da balanza comercial do Xapón en relación á dos Estados Unidos neste período, e a forte presion da Administración norteamericana obrigou ao Governo xaponés a suavizar un pouco as medidas proteccionistas. Tamén institucións como a Organización do Comércio Mundial (OCM), o Banco Mundial (BM) e o Fundo Monetário Internacional (FMI) non desaproveitan calquer ocasión para recomendar ás autoridades xaponesas (económicas e políticas) a necesidade de reaxustar o modelo de crecimento de acordo coas exixéncias do capitalismo globalizado e a filosofia imperante/dominante do neoliberalismo norteamericano: abrir a economia ao comércio exterior, desregular o mercado de traballo, diminuir o gasto social en pensións, asisténcia social e subsídio de desemprego, liberar as empresas da obriga de contribuir aos sistemas públicos de pensións, reformar o sistema publico de saúde, privatizar as empresas estratéxgicas do Estado, etc.

Un bo exemplo destas recomendacións achamo-lo nos Economic Surveys que periodicamente realiza a Organización para o Desenvolvimento Económico e a Cooperación. É curioso comprobar como os "problemas" que detectan e as medidas que suxeren seguen o mesmo patrón, digamos que recomendan e aplican a mesmo guia a un país tan rico como o Xapón, como a un intermédio como España. Dous exemplos:

  • Un é o avellentamento da povoación. Segundo eles, a povoación avellentada para o mercado está a causar sérios problemas para o gasto publico e para o próprio sistema de protección social: pensións, saúde, asisténcia social. Xa que logo, só cumpre moderar as subas de pensións e diminuir a porcentaxe de cobertura, reducir os contributos empresariais á Seguridade social, estimular os traballadores a continuar traballando, e introducir fórmulas de co-pagamento destes servizos para asegurar o seu futuro e liberar as empresas e o erário publico de tais contribucións.

  • Duas son as rixideces do mercado de traballo. Estas, opinan, impeden abaratar o custo laboral, o que dificulta a competitividade. Portanto, só cumpre continuar flexibilizando en termos de moderación salarial, abaratamento do despedimento, maior facilidade para continuar estendendo a implantación dos contratos temporais, redución do subsídio de paro, etc.

A globalización capitalista, da que Xapón forma parte e contribuíu a conformá-la, está aí. Á sua vez, o aviso de esgotamento por parte do próprio modelo e a presión que exercen os países que compoñen o Grupo dos 7, convenceu ás autoridades politicas, económicas e financeiras xaponesas da necesidade de cambiar o modelo. O consenso existe, pero por onde comezar? Saben que, abrir a economia como exixe o G-7 supón a penetración da competéncia externa, especialmente no sector tradicional da economia, onde o emprego e o autoemprego se mantén relativamente elevado, onde a empresa familiar e a agricultura se susteñen grazas ao proteccionismo actual. A "modernización" pode que leve á economia xaponesa a experimentar maiores taxas de crecimento, pero tamén a sofrer unha elevación máis forte das taxas de paro e á destrución dunha boa parte da riqueza produtiva. Esta é un dos dilemas para o cal os poderes deste país están buscando-lle unha solución. Neste aspecto, a nós só nos queda o recurso de seguir os acontecimentos que se aviciñan e ver que medidas aplican.


1. O benestar social

De sempre, a humanidade tivo que buscar como resolver duas primeiras continxéncias: a enfermidade e a vellez. A cobertura destas continxéncias baseaba-se fortemente no apoio familiar e, parcialmente, na axuda viciñal; o seu trazo máis destacado era o seu carácter asistencial ou relacións de compaixón caritativa.

Coa chegada do capitalismo, as povoacións viron-se obrigadas a enfrentar-se a unha nova continxéncia que este sistema traía incorporada como castigo: o paro. O feito de que os capitalistas se fosen apropriando a título privado dos recursos, as mercadorias e os servizos que as povoacións necesitaban para sobreviver deixaba as persoas en situación de total desamparo e obrigadas a depender deles, cando menos como clase social (Marx).

No capitalismo, o subsídio de paro, os seguros médicos e as pensións converteron-se en coberturas ás que unicamente se pode aceder mediante o prévio paso polo mercado de traballo. Dado que o empresário é quen decide quen vai traballar ou estar no paro, as persoas que non consigan un emprego asalariado durante o tempo que se requer para contribuir ao direito a estas prestacións, non poderán percebé-las cando estean coa continxéncia do desemprego, a enfermidade e a vellez; é dicer, aquela parte da povoación que non consiga pasar polo mercado de traballo e alcanzar estas coberturas está condenado a padecer as consecuéncias que traen consigo estas tres continxéncias.

Portanto, "as nosas nosas vidas [non] son os rios que van dar ao mar, que é o morrer" (Manrique). Mádia leva! As nosas vidas están secuestradas, a mercé do sistema empresarial que decide realmente os que imos ou non ter benestar.

Para enfrentar-se a esta estrutura de poder, as povoacións tiveron que desenvolver organizacións con carácter de clase, co obxecto de:

  • Loitar contra o desemparo e o empobrecimento que traía consigo o paro, a enfermidade e a vellez.

  • Enfrentar-se aos capitalistas na loita de clases que se desencadeaba coa expropriación dos recursos e a consecuéncia do submetimento do benestar social ao feito da dependéncia do emprego asalariado.

  • E, para ambas as frontes, criar organizacións apropriadas a estes fins: cooperativas de consumo e aforro, mútuas de axuda de todo tipo, sindicatos para a reclamación e defensa de direitos sociais, caixas de resisténcia para os momentos de folga, etc. É dicer, mecanismos de reivindicación e defensa para a mobilización social fronte ao sistema. Mobilizacións que irian obrigando aos Estados a lexislar medidas de protección social e ir conformando paulatinamente un estado do benestar. Co paso do tempo, e de acordo cos factores sócio-culturais de cada país, os sistemas de benestar social se irian consolidando sobre unha combinación destes tres elementos: família, empresa e estado.

Na actualidade, e mediante a utilización do Estado, unha das ofensivas da globalización capitalista é traspasar das empresas ás famílias todo o custo e a responsabilidade de coidar do benestar dos cidadáns. Xapón é un bo exemplo para explicar esta nova filosofia do capitalismo globalizador.


2. O sistema de benestar xaponés

En Xapón, o modelo de protección social é moi recente; non se comeza a configurar até o ano 1970. Isto explica-se polo papel destacado que xoga neste país o paternalismo familiar, o paternalismo empresarial e o posterior desenvolvimento do paternalismo de estado.

Anteriormente á chegada do sistema capitalista, a protección social apenas existia. A família era o piar que se encargaba básica e tradicionalmente de asegurar o benestar dos seus membros en caso de enfermidade e vellez. As persoas sen família, ou as famílias moi necesitadas, dependian esencialmente da esmola pública.

A aparición da empresa introduce outro piar esencial para a cobertura social. Até hai moi pouco, o problema maior que tiñan as empresas xaponesas era a de manter fiel o persoal cualificado. Unha das medidas para reter a estes traballadores consiste na introdución dun sistema privado de incentivos e prémios en forma de flocos, subsiíios e pensións que son complementários ao sistema legal. O desenvolvimento desta política deu lugar, non somente a unha forte presenza dun sistema privado de pensións, senón tamén a que os traballadores xaponeses e a cidadania en xeral non miren tanto ao Estado como o axente que ten que prover de forma universal estas prestacións, e menos a pensar que o sistema publico de benestar social se ten que reivindicar como direito cidadán.

O Estado do benestar comeza a desenvolver-se durante o período entre as duas Guerras Mundiais. Coa restauración Meiji (1868), o Estado comezaria a facer presenza dunha forma asistencial, pero limitaria-se a introducir a Regulación para Protexer aos Indixentes (1874), seguida posteriorente pola Lei de Fábricas (1911) e a Lei do Seguro de Vida (1916). Terian que ocorrer as manifestacións do arroz (1918) para que o Governo imperial introducise como resposta a primeira medida xenuinamente de protección social: a Lei do Seguro Sanitário (1922). Pero, á sua vez, tamén aproveitaria para controlar os "movimentos extremistas", aprobando a Lei de Preservación da Paz (1926) que viña a proibir praticamente a existéncia das organizacións de esquerda.

Despois da II Guerra Mundial, as reformas impostas pola ocupación norteamericana democratizarán 'ao ianqui' a sociedade xaponesa e organizarán unha variedade de axudas sociais de índole caritativa, permitindo unha máis ampla legalización dos sindicatos, e unhas melloras sociais debido ás reivindicacións destas organizacións obreiras; a lei que recoñece o direito á indemnización por acidentes laborais é desta época (1947).

Por outra banda, iria-se lexislando un paquete de medidas nas que o Estado comeza a responsabilizar-se do benestar social: seguro de acidentes de traballo, subsídio de desemprego, asisténcia social, servizos sanitários, pensións e atención a viúvas, menores e minusválidos. O artigo 25 da nova Constitución virá a referendar este papel do Estado, ao recoñecer que "(1) todos os cidadáns teñen o direito a un benestar material e cultural", e que "(2) o Estado ten que facer todo o posíbel para promover o benestar social, a seguridade social, os servizos públicos de saúde, asi como asegurar calquer aspecto da vida dos cidadáns". (NIPSSR, 2000, 2)


3. O sistema contributivo de pensións xaponés

Como todos os sistemas de protección social, o actual modelo de pensións xaponés ten atrás unha longa história. Coa industrialización (1868), comeza neste país unha época na que se implanta un primeiro sistema de pensións non contributivo para funcionários, persoal retirado do exército e a armada, mestres de escola, e policias (1890); un segundo sistema, de carácter contributivo, estabelece-se para dar cobertura a aqueles traballadores de Administración ('blue collar') que quedaban fóra da protección do sistema non contributivo (1920). Pero o que serian as primeiras bases dun sistema de cobertura universal non se poñerian até 1961 (Kokumin nenkin), e cunhas prestacións moi modestas. Agora ben, cando realmente comeza o sistema de pensións publico moderno é no ano 1973, baptizado e coñecido neste país como o primeiro da Era do Benestar, non só polas melloras introducidas nas diversas pensións, senón tamén no sistema de saúde e o dos servizos sociais.

Características xerais

Unha primeira característica do sistema de pensións xaponés é a división do sistema entre público e privado, ainda que este último recebe unha série de axudas fiscais importantes das diferentes Administracións (nacional, prefeitural e local) que contribuen ao seu mantimento; a distinción entre público e privado depende de se o xestor das pensións é o Governo ou as empresas ou outras entidades privadas. O piar fundamental do sistema publico de pensións está representado esencialmente pola Pensión Basica e o Seguro de Pensións de Empregados, os cais veñen a dar cobertura social a un 99% e 47% respectivamente das povoacións acollidas a estes esquemas.

Unha segunda característica é a división das pensións en tres níveis, distinción que responde a se a cota a pagar está relacionada ou non co nível de ingresos; no primeiro nível todo beneficiário paga unha cota plana, polo que ten un carácter redistributivo; no segundo e terceiro a cota é proporcional ao que se gaña mensualmente, excepto no caso do Fundo de Pensións Nacional, para o cal se fornece unha cantidade plana mensual. Calcula-se que o Estado, através do Orzamento Xeral, achega un terzo ao volume total das contribucións en pensións.

Unha terceira característica é que todas a pensións son contributivas, as públicas con carácter obrigatório, mentres que as privadas, por esta natureza, son de tipo opcional; a finalidade destas últimas é que actuen de complemento coas estatais. De feito, o ingreso total por xubilación da maioria dos pensionistas está composto pola pensiónspública, a privada e o que pudo conseguir no "paquete de xubilación".

Finalmente, para cobrar a pensión de xubilación requeren-se tres critérios: 1) ten-se que contribuir ao sistema durante un mínimo de 240 meses; 2) ter, polo menos, 60 anos de idade; e 3) o salário mensual ten que estar por baixo do tope fixado polo Governo.

Tipos de pensións

Pensión Básica (Kokunin nenkin)

Todos os cidadáns residentes en Xapón, entre os 20 e os 59 anos, están obrigados a participar neste esquema. Non somente as persoas que teñen emprego asalariado, senón tamén as que non traballan, os autonómos, todo o persoal que participa no sector agrícola, forestal e pesqueiro, asi como os estudantes.

A cota plana era de 13.300 \ ao mes en 1999, e a cargo de cada afiliado. Estaban isentas de contribuir as persoas que tivesen uns ingresos moi baixos, e as esposas con home que estivese empregado, xa que, na cota que paga o home ao segundo esquema, está incluída a cota da sua muller.

A condición para cobrar esta pensión é ter 65 anos de idade e ter contribuído un mínimo de 25 anos. Nesta data, a pensión que cobraba cada xubilado estaba fixada en 47.000 \ ao mes.

Este é o máis popular dos esquemas sociais públicos, xa que dá cobertura ao 99% da povoación total do país; á sua vez, un 96% dos persoas por riba dos 60 anos está cobrando esta pensión básica.

Seguro de Pensións para Empregados (Kosei nenkin)

Este seguro é a base do sistema público de pensións. Todas as empresas con máis de 5 traballadores están obrigadas a participar neste esquema.

As cotizacións corren a cargo das empresas e os traballadores a partes iguais; as mulleres contribuen menos que os homes. A cantidade a contribuir vén determinada pola porcentaxe fixada para cada parte, o 8,68%, e polo salário mensual que cobra cada afiliado, por iso se di que está relacionado co nível de ingresos. Unicamente as mulleres con emprego están isentas durante a maternidade de realizar o pagamento das cotas durante un ano.

A pension média mensual en 1997 era de 154,000 \, un 48% do salário médio mensual do pensionista.

Fundo de Pensións Nacional (Kokumin nenkin kikin)

Este fundo está pensado para que, de forma opcional, as persoas que pertencen á Categoria 1 teñan a posibilidade de complementar a pensión básica. O contributo corre a cargo do afiliado, uns 30.000 \ de contribución ao mes, desfrutan dunha isención fiscal, e a pensión a cobrar dependerá dos anos cotizados, etc. A idade para cobrá-la está fixada nos 65 anos.

Fundo de Pensións para Empregados

Este é o esquema máis importante do sector privado. Todas as empresas con máis de 500 traballadores teñen a opción de organizar o seu próprio fundo de pensións. Calcula-se que un 36% de todos os traballadores participan desta modalidade. A sua finalidade é complementar os ingresos das pensións públicas.

Relacionada cos ingresos, a empresa e os empregados contribuen ao Fundo a partes iguais, neste caso entre o 1,6 ao 1,9% do salário mensual. Este Fundo está deseñado de forma similar ao Seguro de Pensións público, para que unha parte del poda ser xestionado polo próprio Fundo. Portanto, ainda que o Fundo é unha pensión privada, ten unha relación organizativa co público e desfruta de certo tratamento fiscal, pero ao mesmo tempo é regulado polo Estado.

A pensión média deste Fundo era duns 56.000 \ en 1998. A idade para comezar a percebé-la é aos 60 anos.

Pensión Isenta de Impostos

Baixo esta modalidade de pensión privada, as empresas están autorizadas a deducir do imposto de sociedades as contribucións que acheguen a este esquema. Este tratamento fiscal tan favorábel fai que un 31% dos empregados estean acollidos a el. Ademais, comparado co Fundo, este esquema está bastante libre das regulacións oficiais, polo que se converteu no segundo esquema máis importante do sistema privado. A maioria das pensións desta modalidade son a prazo fixo (uns 10 anos), diferente dos anteriores que están pensados para prazos máis longos. A pension média mensual estaba en 1998 en 92.830 \, e a idade de xubilación para a perceber aos 60 anos.

"Paquete" de Xubilación

Un 90% de todas as empresas xaponesas oferecen-lles ao seus empregados paquetes de xubilación. O "paquete" consiste habitualmente nunha cantidade total a pagar nunha soa vez, ou nunha pensión mensual durante o resto da vida do traballador, ou nunha combinación de ambas as modalidades. En 1997, un 52,5% das empresas oferecian pensións, ainda que comeza a incrementar-se o número de traballadores que prefiren a paga dunha soa vez.

A cantidade da "remuneración nunha só paga" depende de cada empresa, pero a prática habitual basea-se nos seguintes critérios:

  • Traballadores con graduación escolar. Teñen que acumular 38 anos de antigüidade para cobraren unha paga de 40 meses de salário mensual.

  • Empregados con maior nível escolar. Teñen que conseguir 42 anos de antigüidade para cobraren unha paga de 46 meses de salário mensual.

Estas remuneracións por "finalización de contrato" tamén adoitan pagar-se en casos de incapacidade ou despedimento voluntário; este último é bastante frecuente, especialmente cando as mulleres casan, xa que adoitan presioná-la para que abandonen voluntariamente o emprego.

Pensión de Axuda Mútua

Están obrigatoriamente afiliados todos os funcionários das diferentes administracións e empresas publicas, asi como todo o persoal que traballa en cooperativas agrícolas e pesqueiras (privado). Este esquema integra os tres níveis do sistema publico: Pensión, Seguro e Fundo. Todos eles son contributivos, pero están xestionados de forma mixta; polas próprias mútuas (privadas) e as administracións e corporacións locais. O governo central está presente mediante o financiamento de todos os custos administrativos deste plano.

Outras pensións do sistema público

Á parte da xubilación, os planos públicos cobren outras posíbeis continxéncias, como son as de incapacidade, viuvez e orfandade. Dentro da Pensión Básica, os beneficiários perceben unha cantidade plana máis un plus que dependerá da gravidade da incapacidade ou o número de fillos menores a cargo do viúvo/a; dentro do Seguro de Pensións, a cantidade a perceber está relacionada co nível de salários mensual da persoa afiliada.


4. O sistema non contributivo xaponés

Paralelo ao sistema contributivo, o Estado mantén duas areas de axuda asistencial:

  • unha, consistente nunha série de programas para mellorar os ingresos das famílias pobres,

  • e outra, baseada nunha rede de servizos sociais para grupos con problemas de idade ou diminución: vellos, nenos, nais solteiras, etc.

Cando a axuda a conceder é de natureza monetária, a cantidade que percibirá calquer família solicitante virá determinada pola diferenza entre os ingresos totais da família (ITF) menos o que o Governo considere que compoñen o custo mínimo da vida (CMV). No caso de que o CMV sexa maior que os ITF, a diferenza será o que se lle conceda á família necesitada.

Para conseguir estas axudas, os solicitantes teñen que cumprir certos requerimentos. Teñen que demostrar que non contan con aqueles familiares aos cais a lei lles obriga a prestar axuda por razóns de parentesco; teñen que vender previamente todos aqueles bens que podan dar ingresos, tais como terras, casas, granxas, recursos produtivos, bens duradoiros, etc; pero, sobretodo e especialmente, teñen de demostrar que non están capacitados para traballar nen física nen psiquicamente; é dicer, mesmo na situación de que o/a solicitante demostre que quer e pode traballar pero non atopa emprego, mesmo nesta situación allea á sua vontade, é case seguro que non poda acoller-se a esta clase de axudas asistenciais.

Non fai falta engadir nengun comentário sobre a rixidez e dureza destes critérios estabelecidos polas entidades administrativas para poder obter as axudas asistenciais; hai que demostrar ser pobre de solenidade para poder acoller-se a elas. As próprias autoridades oficiais recoñece-no cando constatan e comentan sobre a porcentaxe tan baixa de famílias que conseguen acoller-se a estes programas; calculan que só uns 900 mil persoas puderon superar estas exixéncias; ou sexa, que menos dun 0,72% da povoación recebe este tipo de asisténcia pública. Aqui a esmola oficial é case imposíbel consegui-la.


5. Algunhas características do mercado de traballo xaponés

Dada a relación que existe entre emprego e benestar social, cumpre explicar algunhas características do mercado de traballo xaponés, sobretodo aquelas que están máis relacionadas coa duración do contrato de emprego, as relacións obreiro-patrono, o sindicalismo, etc.

O sistema de emprego xaponés, con promesa de emprego de por vida, o aumento salarial relacionado coa antigüidade, e un sindicalismo de empresa, contribuíu substancialmente ao forte crecimento do país e a estabilidade das empresas: estimulou a inovación e o control de calidade dando paso ás suxestións do cadro de persoal, conseguiu que calquer mellora estea relacionado cos aumentos na produtividade, e, fundamentalmente, eliminou a perda de horas de traballo por conflitos. Pero, asi mesmo, integrou aos traballadores dentro do elemento ideolóxico e paternalista do sistema empresarial; atitude que consiste en esperá-lo case todo da empresa até os 55 anos e, posteriormente, na "liberdade" de desenvolver-se en por si.

Un dos obxectivos deste política paternalista das empresas é a de manter os traballadores dóceis e contentes. Mentres o modelo de acumulación actual non deu mostras de esgotamento, a política de emprego consistia en "recrutar o persoal cando é moi novo, aprender-lle o ofício en escolas profisionais da empresa, relacionar os aumentos salariais e os flocos coa antigüidade, comisións de taller para resolver os conflitos, promesa de emprego para toda a vida laboral, esquemas de subsídios e pensións para os casos de enfermidade e xubilación. Todas estas medidas non só ataban os traballadores á empresa senón que tamén actuaban contra a entrada e influéncia do movimento obreiro no ámbito destas. "No noso país", publicaba a Cámara de Comércio de Tóquio, "as relacións entre empresários e traballadores son as mesmas que as dunha família. Os mozos e os vellos axudan-se entre eles, consultan-se nos bos e os maos tempos, e todos viven nun ambiente de mútuo cariño" (Duus, 66, 1988).

Para efeitos de relación entre cidadán e Estado, a vida laboral dos xaponeses comeza oficialmente a partir dos 20 e dura até os 59 anos. Para poder xubilar-se e cobrar as xubilacións do sistema publico de pensións explicado anteriormente hai que cumprir, polo menos 60 anos. Porén, a duración do emprego de por vida depende das relacións entre a empresa e traballador, ainda que o costume empresarial é xubilar os traballadores cando cumpren os 55 anos, de acordo coa normativa pactada previamente co sindicato da empresa. O traballador xubilado de empresa normalmente decide continuar traballando, ben coa própria empresa en postos de pior cualificación profisional e con salários bastante máis inferiores, ben con outras empresas en condicións sempre máis precárias de emprego e soldo, ou ben estabelecendo-se como autónomo en calquera daquelas actividades que teña condicións persoais para desenvolver. Non é frecuente que a dita retirar-se definitivamente, entre outras razóns, pola falta de recursos económicos para afrontar o custo tan alto que supón viver neste país durante os 30 ou 40 anos que lle quedan por diante.

Estas tres modalidades de emprego ex-post para continuar mantendo o mesmo nível de benestar non proíben, nen desautorizan o traballador xubilado de empresa cobrar as pensións segundo as normas das diversas modalidades privadas (FPE, PEI, etc) que a empresa tivese organizadas para os seus empregados. Precisamente, esta é unha das vantaxes desenvolvidas polo capitalismo xaponés: implantar a ruptura da vida laboral do traballador en dous períodos; período contractual, no cal o empresario ten que pagar salários máis altos, contribuir para as pensións, formación profisional ao seu cargo, etc.; e o período voluntário, no cal o empresário topa con que o custo laboral desta mesma man de obra é ben máis barato; no caso do emprego feminino, daquela sae por case a metade do custo da man de obra masculina.

Portanto, a idade límite para se retirar non está na idade que se fixa para a xubilación oficial (60 anos), nen tampouco no remate do contrato de emprego cando é empresarial (55); neste momento, o traballador percibirá normalmente unha paga por finalización de contrato e a sua correspondente pensión empresarial. A continuación, terá que procurar outros empregos, a maioria das veces en traballos menos cualificados e de moi baixa remuneración; moitos outros acabarán poñendo unha tenda na parte dianteira da sua casa para continuar aumentando o aforro necesário para os anos da vellez.


6. Algunhas conclusións que nos poden servir de leición

Xapon é un dos países máis ricos e produtivos do mundo. A sua renda per capita é a segunda de todos os países desenvolvidos e case dobra a de España. A priori, isto teria que levar-nos a pensar que redundaria en prol dun maior benestar para a sua povoación. Porén, non parece ser asi, xa que a acumulación tan espectacular desta riqueza experimentada por este país demostra que ten un alto prezo para a povoación xaponesa, tanto en termos de benestar social como de condicións ambientais.

Vimos como a cobertura contra o paro, a enfermidade e a vellez pasa necesariamente polo emprego asalariado. Xa que logo, en Xapón como nos demais países, existe unha estreita relación entre mercado de traballo e benestar social. Á sua vez, grazas á permanéncia de Governos conservadores e á debilidade do movimentos de esquerda, o capitalismo xaponés apropriou-se e beneficiou-se dun sistema publico e privado de benestar social baseado na ocupación profisional.

Non obstante, dado que "a economia xaponesa está pasando por un dos seus piores momentos desde a crise do petróleo, o mercado de traballo está experimentando fortes cámbios que poden afectar profundamente a estabilidade no emprego, poñendo en risco o benestar da povoación" (White Paper, 1999.).

Alguns destes temores do Ministério de Traballo están-se xa manifestando no mercado de traballo: o índice de emprego marca unha tendéncia paulatina cara á baixa; o índice axustado temporalmente de horas traballadas tamén; e un descenso do índice dos salários reais (Final Report, 2000). Isto leva a unha redución dos ingresos familiares e a tomar medidas co consumo, de forma que o aforro que se necesita alcanzar para cobrir o gasto durante o longo período de xubilación non se resinta tanto como para poñer en perigo o benestar durante esa época. Á sua vez, "as empresas comezaron a reducir drasticamente os seus custos laborais apelando á redución de horas extras, conxelación salarial, primas e outros flocos, antes de comezar con expedientes de emprego e política de xubilacións. Outras tendéncias negativas que aparecen para a povoación traballadora é a da substitución de emprego fixo por temporal, o desemprego voluntário vai en aumento porque, ao non atopar emprego coa facilidade anterior, se converte nun aumento do desemprego estrutural (EPA, 1999). O traballador que se retira voluntarimente coa esperanza de atopar outro emprego similar, acaba frecuentemente realizando traballos sen cualificación e gañando un salário que necesitará de asisténcia social para evitar o empobrecimento da família.

Aproveitando esta conxuntura, Governo, institucións, empresários, académicos, todos están insistindo e apresentando o avellentamento da povoación como unha das causas que perturba e pon en risco o desenvolvimento económico e social no proximo milénio. Non somente hai que liberalizar o mercado de traballo, senón que ademas hai que aproveitar a conxuntura para reformar drasticamente o sistema público de pensións. Para enfrentar-se ao problema xereantológico, adiantan-se unha série de medidas reformistas que poderíamos denominar como hixienicamente preventivas, e que consisten xeralmente no seguinte:

  • Aumentar a idade de xubilación dos 60 aos 65 anos; recortar a porcentaxe das prestacións; evitar a redistribución de recursos da povoación activa para manter as pensións dos vellos; recortar a xenerosidade das pensións e evitar revaluá-las tan frecuentemente; aumentar as cotizacións dos traballadores e dimuir ou eliminar as da empresa; facer-lles pagar ás esposas que non traballan unha cotización polas suas pensións, medida que evita, á sua vez, que os solteiros finéncien os casados; aplicar algunhas outras medidas restritivas de cara ao sistema privado de pensións.

En resumo, o que a patronal, os académicos oficiais, as institucións internacionais mencionadas e o Governo están buscando con estes argumentos e propostas é xustificar o abandono definitivo do sistema actual de reparto e substituí-lo polo de capitalización; pero, previamente, convén deixar feito o traballo suxo, como é elevar as contribucións, reducir as prestacións, alongar a idade de xubilación, e gravar con impostos todo tipo de pensións; desta maneira, o "novo" sistema atopará-se sen "atrancos" e listo para o seu despegue.

Pola sua parte, o Governo está-lles recomendando ás empresas que deixen de xubilar aos 55 anos e comecen a partir dos 60 ou 65, de forma que o emprego deste colectivo se manteña e non pase a cobrar pensións. Os empresários non ven con bos ollos este tipo de suxestión, en parte, din, porque a médio e longo prazo xa van ter que empregar a obreiros destas idades debido á baixa natalidade que está experimentando este país. Unha escusa, pois os demais países cos que teñen que competir teñen as mesmas taxas de natalidade e os mesmos índices de avellentamento da povoación.

Desde o ponto de vista da contestación social contra estas medidas desreguladoras, Xapón tivo sempre un movimento obreiro politicamente débil e bastante dividido. Esta debilidade da clase obreira e da esquerda explica, en parte, o baixo gasto social do Governo xaponés dedicado a programas de benestar. Segundo algunhas hipóteses, é a partir de 1970 cando o gasto público en benestar aumento considerabelmente, debido ás iniciativas dos burócratas do Estado que comezaron a preocupar-se por resolver os problemas sociais (Shinkawa, 284). A extensa segmentación da oferta laboral, recebendo un máis amplo e diferenciado sistema de pensións e flocos salariais, claramente serve aos intereses do empresariado e dos Governos conservadores xaponeses.

A estrutura paternal familiar, o até de agora contrato de emprego de por vida, e a combinación do sistema publico e privado de pensións, todo iso fai que a cidadania xaponesa, en xeral, nen a clase obreira, en particular, vexan a dureza das medidas que se aviciñan, cando as autoridades políticas e económicas teñan que enfrentar-se máis drasticamentea coas exixéncias que impón a globalización capitalista sobre o estado do benestar.


Nagoya (Xapón), xullo-agosto do 2000.

[Artigo tirado do web de autor 'RB renta básica' (www.rentabasica.net)']

 
 

BIBLIOGRAFIA

- Autores:

Clark, Robert Louis. 'Retirement Systems in Japan. Pension Research Council', University of Pennsylvania 1991.

Doyle, Kevin. 'Pensions Around the World'. Witherby & Co. Ltd. London 1983.

Duus, Peter. 'The Twentieth Century'. En 'The Cambridge History of Japan', Volume 6. Cambridge University Press 1988.

Gould, Arthur. 'Capitalist Welfare Systems'. Longman. London 1993.

Hurd, Michael D. & Yashiro, Naohiro. 'The economic effects of aging in the United States and Japan'. University of Chicago Press 1997.

Ichien, Mitsuya. 'Japanese Social Security: Its past, present and future'. En 'Social Security Programs' Ed. Jonh Dixon & Robert P. Scheurell. Greenwood Press. London 1995.

Naohiro, Yashiro. 'Changing Japanese Employment Practices And Their Implications for the Labour Market'. Journal of Japanese Trade & Industry, July-August 2000.

Ogura, Seiritsu. 'The Cost of Aging: Public Finance Perspectives for Japan'. En Yukio Noguchi & David A. Wise, 'Aging in the United States and Japan: economic trends'. The University of Chicago Press 1994.

Sabouret, Jean-Francois. 'L'Etat du Xapon et de ses habitants'. Editions A Decouverte. Paris 1988.

Seike, Atsushi & Shimada. 'Social Security Benefits and the Labour Supply of the Elderly in Japan'. En Yukio Noguchi & David A. Wise, 'Aging in the United States and Japan: economic trends'. The University of Chicago Press 1994.

Shalev, Michael. 'The privatization of social policy?: occupational welfare and the welfare state in America, Scandinavia and Japan'. Macmillan. Great Britain 1996.

Tajika, Eiji et all. 'Japan's Public Pension Policy: how have benefits increased?'. The Japanese Economy, Vol. 25, Non.6, November-December 1997.

Tajika, Eiji et all. 'Japan's Pension Reform. The Japanese Economy', Vol. 25, Non.6, November-December 1997.

Yuji Horioka, Paroles. 'Japan's public pension system: What's wrong with it and how to fix it?' In 'Japan and the World Economic'. Institute of Social & Economic Reseach. Osaka 1999.

- Fontes oficiais:

Economic Planning Agency. Government of Japan. Economic Survey of Japan 1988-1989: Challenges for economic revival. July 1999.

General Headquaters of the Supreme Commander for the Allied Forces. History of the nonmilitary activities of the occupation of Japan 1945-1951: Vol. 22, Public Health; Vol. 23, Public Welfare; Vol. 24 Social Security.

Ministry of Labour. White Paper on Labour 1999: The rapidly changing labour market and new job creation.

Ministry of Labour. Final Report of Maonthly Labour Survey; june 2000.

National Institue of Population and Social Security Research. The Cost of Social Security in Japan. Tokyo 2000.

National Institue of Population and Social Security Research. Social Security in Japan. Tokyo 2000.

Nagahisa, Hiraishi. Japanese Industrial Relations Series: Social Security. The Japan Institute of Labour. Tokyo1980.

Oficina Internacional do Traballo (OIT). Boletin de Estatísticas do Traballo.

Organization for Cooperation and Economic Development (OCDE). Economic Surveys: Report on Japan 1999; Report on Spain 2000.

Statistics Bureau. Management & Coordination Agency. Government of Japan. Monthly Statistics of Japan. Nº. 468, June 2000.

The Japan Times. Japan in the year 2000: preparing Japan for an age on internationalization, the aging society and maturity. Tokyo 1985.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2001