Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 28 de setembro de 2001

Algunhas reflexións sobre a IV Guerra Mundial
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Os habitantes da cidade desarmada e desprevenida apenas adverten o zumbido do avión. Entón senten a luz, o balbordo, o estoupido. Outro aeroplano xa enfila cara o segundo branco indefenso. Mis de vítimas morren sen comprender o que pasa. Non, non se trata dos ataques contra as torres xemelgas de Nova Iork... Asi foron incineradas Hiroshima e Nagasaki en agosto de 1945. Culminaba asi a estratéxia do comando de bombardeo aliado que reduciu a piras funerárias outras cidades igualmente desprovistas de obxectivos militares, como Bremen, Dresden, Hamburgo e Dortmund. Remataba a Segunda Guerra Mundial, conflito onde 9 de cada 15 baixas foron aportadas pola inerme povoazón civil.

Cada nova contienda redefine os conceitos de inimigo, campo de batalla, obxectivos, estratéxia e táctica. A bomba atómica, ao elevar ao seu cume absoluto a orxia de linchamento de civis indefensos da Segunda Guerra Mundial, senta as bases da Terceira. Aquela fora un xogo soma cero, no cal o que gañaba unha parte o perdia o adversário. Esta era un xogo de soma menos cero, no cal todos podian perdé-lo todo. A Guerra Fria, como se chamou á Terceira Guerra Mundial, desplazou a hecatombe de civis cara pequenas guerras "limitadas" e cara a aniquilación masiva de bens económicos.

Durante case meio século as duas poténcias mais poderosas da terra dilapidaron o seu Produto Interno Bruto nunha esgotadora carreira armamentista. A Unión Soviética a costeou con inxentes sacrifícios no investimento interno e no nível de vida. Estados Unidos financiou-na -ou logrou que os paises ocidentais lla financiasen- mediante a emisón de dólares inorgánicos e unha pesada déveda externa. Exhausta nesta inmolación planetária ao gasto armamentista, a Unión Soviética sofreu todas as humillazóns de poténcia derrotada: desmembramento territorial, desarme unilateral, devaluación, saqueo das suas riquezas entre máfias, perda para a sua povoazón de todas as conquistas sociais.

Estados Unidos, polo contrário, asume a postguerra con toda a prepoténcia de nazón vencedora. Como reitora da OTAN e dona da primeira indústria armamentista do globo, monopoliza o mercado da coacción masiva. Exerce-a a través dun goberno global, o da ONU. Impón a sua hexemonia financeira mediante o Banco Mundial e o Fondo Monetário Internacional (os Senados virtuais que gobernan o mundo, Noam Chomski,dixit). Baixo a ameaza desta "pax americana", case todos os paises de Ocidente descenden á condición de Estados postsoberanos.

Ao que exerza a mais mínima autonomia se lle trata como Estado díscolo: bloquean-o como a Cuba, se o desestabiliza como a Chile, se lle invade como a Panamá, se lle ocupa como a Haití, se o acosa como a Libia, se o calcina con bombas, como a Irak. Os Estados postsoberanos operan asi como xendarmes locais executores das políticas financeiras e estratéxicas do Polícia do Globo. Ao igual que os ratkamp, alcaldes dos campos de concentración nazis, os mandatários postsoberanos son escollidos polos reclusos. Á maneira daqueles, exercen o terrorismo económico contra os seus administrados. Actuan como sanguesugas que garanten a transferéncia de riqueza e traballo barato aos paises mais desenvolvidos mediante políticas de apertura económica unilateral ou de pago da déveda externa. O obxectivo da nova contienda é traspasar a totalidade da riqueza planetária á vintena de multinacionais que xa acaparan mais da metade das propriedades do globo.

Ao igual que a Segunda Guerra Mundial, a Cuarta se ceba na povoazón civil. Rexistra a Unicef que perto de meio millón de nenos perecen cada ano nos paises subdesenvolvidos como consecuéncia da crise da déveda. Como nos campos de traballo forzado nazi, os mandatários postsoberanos forzan aos seus gobernados a aceitar remuneracións inferiores ao nível de supervivéncia, e os despoxan dos seus direitos sociais á educación, á saúde, á seguranza, á estabilidade laboral. Abruptas devaluacións das moedas locais abaratan o traballo e a transferéncia de valores ao exterior.

Pero de repente a povoazón comprende que nen o goberno nen os partidos postsoberanos a representan, rebela-se contra a farsa, e é masacrada durante unha semana inteira. Asi estoupa a Cuarta Guerra Mundial en Caracas, o 27 de febreiro de 1989, como popularazo (do que foi testemuña presencial este cronista) que se estende a todo o país, e inícia o regueiro de sublevacións que se encende intermitentemente en Miami, en Chicago, en Quito, en Bos Aires, en Seattle, en Xénova.

Os Estados Maiores tentan librar toda nova guerra coas regras da anterior, e perden-a cando o adversário lles impón as suas novas leis. Na Cuarta Guerra Mundial hai ainda un bando organizado en estados hexemómicos, que defende obxectivos territoriais precisos mediante exércitos e armas convencionais. Pero os seus antagonistas xa non son os estados postsoberanos, se non clases, castas, etnias, marxinalidades, excluídos, devedores, credos, movimentos de liberación nacional, ecoloxistas: o que outros chamarian Organizacións non Gubernamentais, sociedade civil, ou simplesmente Humanidade.

O armamento tampouco non é convencional: as armas inventan-se, improvisan-se ou expropian-se ao inimigo. O campo de batalla non fica segregado en raias nen en áreas estratéxicas: ocupa toda a extensión do globo. Na mesma medida en que o poder financeiro se estende polo planeta, é penetrado polo adversário. En van postula escudos nucleares contra agresores extracontinentais ou extraterrestres. O inimigo está nas suas entranas: é as suas próprias entranas.

A Cuarta Guerra Mundial, como a Segunda, tamén se trai entre mans unha solución final: esta vez a do Problema da Humanidade. Cando a concentración de capitais e a automatización acumulen toda a propriedade do planeta en poucas dúcias de proprietários, todos os demáis seres humanos serán desbotábeis. Adivine vostede en cal grupo ficará comprendido, e saberá que bando lle corresponde na última Guerra Mundial.



A producción industrial
caiu en xullo un 1,4% na zona euro

O enfriamento da atividade económica na zona euro voltou a constatarse esta semana con cifras. A produción industrial nos paises que integran a moeda única caiu en xullo un 1,4%, segundo dados publicados o luns pola Secretaria de Estatística da UE (Eurostat). No conxunto das economias europeas o descenso foi do 1,3%. Un mes antes, sen embargo, rexistrara-se un incremento do 0,9% na zona euro e do 0,7% na UE. Se se compara con xullo de 2000, a baixada foi do 1,1% nos Doce e do 1,4% nos Quince. 'Isto confirma a ralentización observada desde decembro', segundo peritos de Eurostat.

A evolución á baixa na produción industrial rexistrou-se en todos os paises. As caídas mais fortes respecto ao mes de xuño foron as de Irlanda (14,6%), seguída de lonxe por Holanda (3,5%), Portugal (1,9%), España (1,7%) e Alemaña (1,6%). Italia (0,7%), Reino Unido (0,5%) e Bélxica (0,2%) rexistraron os valores menos negativos. Finlandia (1,4%) e Luxemburgo (1,5%) son os paises que se achegaron mais á meia da zona euro.


EEUU: se desploma a confianza do consumidor en setembro

A confianza do consumidor estadounidense se desplomou en setembro grandemente, ao sofrer a sua caída mais grande desde outubro de 1990, durante a crise do Golfo, segundo o primeiro estudo que mede este factor despois dos ataques ás cidades de Nova York e Washington o 11 de setembro.

A corrosión do mercado laboral e o debilitamento das condicións comerciais pesaron grandemente nos consumidores, segundo o informe difundido pola Axéncia Reuters, que implica unha redución severa das vendas ao detal, o que para moitos economistas indica xa sintomas de recesión económica.

"As ramificacións económicas do 11 de setembro continuarán as próximas semanas e meses, e o número de despidos continúa subindo, veñen tempos mais duros cara adiante," dixo Lynn Franco, director do Centro de Investigacións do Consumidor da Conference Board, nunha declaración. "Os consumidores evitaron que os Estados Unidos entrasen en recesión, pero este xa non será o caso nos próximos anos."

Este informe cadra coas expectativas da Reserva Federal, que xa cortou oito veces a sua taxa de interese de referéncia este ano, e se di que as voltará a baixar de novo en outubro, nun esforzo para evitar a recesión.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/09/2001