Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 14 de setembro de 2001

O estoupido da recesión será a consencuéncia directa dos atentados terroristas contra EEUU
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



O ataque contra o poder político, económico, financeiro e militar de Estados Unidos provocou que o diñeiro saíra en estampida das bolsas e buscara refúxio nos bonos, o ouro, ou en moedas como o euro e o franco suízo. O prezo do petróleo se disparou e case todos os analistas económicos das mais importantes publicazóns do mundo coinciden en sinalar que este inédito ataque terrorista será o desencadenante que faltaba para que se concrete o cenário da recesión mundial.

O medo e a confusión desatados tras a oleada de atentados terroristas en Estados Unidos derrubou os mercados bursátis de todo o mundo. Foi unha reacción en cadea que comezou nas accións e acabou na onza de ouro. Fortes vendas, vendas de pánico que afundiron a grandes e pequenos valores, a tecnoloxia, a eléctricas, a bancos ... e sobre todo ao sector asegurador. A situación é especialmente grave para as grandes compañías aseguradoras que asumen a maior parte dos riscos cos seguros contra desastres naturais e atentados: entre elas están Generali, Allianz, AGF, AXA e Zurich Financial.

As aseguradoras se desplomaron en bolsa ao anticipar os inversores que os ataques provocarán perdas billonarias ás principais firmas do sector. Fontes do mercado explicaban que o dano para as compañías será semellante ao que sofreron tras o furacán Andrews, ao ter-se producido no corazón financeiro de Nova York, onde todo está asegurado: os catro avións teñen seguros de danos e de responsabilidade civil, asi como as torres do World Trade Center. E moi probabelmente a maioria das vítimas, empregados de grandes compañías que tiñan a sede neses edifícios, terán á sua vez seguros de vida. O sector asegurador sofre ainda as consecuéncias económicas do Andrews, que situou ás compañías e ás suas reaseguradores en perdas e lles obrigou a aplicar subidas de primas nos seguros de danos (tanto os industriais como os seguros de automóvis e de fogares).

O índice sectorial no Eurostoxx, no que cotizan as principais compañías europeas, caiu un 11%. Swiss Re caiu un 15,7%, Royal & Sun Alliance un 14,4%, Allianz un 12,2%, Aegon un 10% e Axa un 11% mentres que en España Mapfre se deixou un 10,26%. Esta compañía declarou que espera ver-se pouco afectada polo sinistro. Só o seu filial Mapfre Re opera en Estados Unidos a través da participada Chatam, unha reaseguradora de New Jersey, e estuda ainda como lle afectará o sinistro.

Houbo un forte desplome tamén para aqueles títulos ligados a empresas norteamericanas como é o caso de British Airways, sócio de American Airlines, que chegou a cair mais dun 20%. Desplome tamén para grandes valores españois como Terra, NH Hoteis, ou Amadeus que pechan con descensos superiores ao 15%.


Estampida global

O diñeiro sai en estampida das bolsas e busca refúxio naqueles activos que oferecen unha maior seguranza, nos bonos. Os grandes inversores desfan as suas posicións en bolsa e mercan bonos a curto prazo, aquiles garanten liquidez imediata en caso necesário. Baixa tamén o dólar. A maior parte das veces, cando falamos dunha situación de pánico e de incertidume extrema, o diñeiro se refúxia na moeda mais forte, no dólar. Esta vez estamos a falar de conmoción, caos e desastre no país e na economia mais importante do mundo. Consecuéncia: o dólar baixa, sobe o euro e aprecia-se tamén o franco suízo.

O ataque contra o poder político, económico e financeiro de Estados Unidos provocou ademais unha suba no prezo do petróleo. Ante o temor a unha menor oferta de cru o seu prezo disparouse até os 31 dolares, níveis non vistos desde decembro do ano pasado. Se dispara tamén o prezo da onza de ouro, un 6% e o prezo da prata nun 2,63%.

Hai que subliñar que o ataque se produce nun momento en que Oriente Próximo vive o maior grau de tensión dos últimos anos. E, tamén, cando os mercados mundiais, á vez afectados pola instabilidade política, sofren unha gravísima crise financeira que dura xa 18 meses. O que aconteceu en New York e Washington é, desde este ponto de vista, un duplo crash que acrescenta o cenário dunha recesión mundial. As catástrofes naturais, pese ás numerosas vítimas que se cobran, soen xerar unha corrente positiva de reconstrución. O maior problema do terrorismo é que, ademais das vítimas, provoca un clima negativo de temor que afecta á vez á política, a sociedade e a economia. E os poderes mundiais ainda non lograron pór-se de acordo en como loitar contra unha ameaza para a que non se coñecen medidas prevenitivas eficaces, por moito que os defensores do escudo antimisis aseguren que ese pode ser un antídoto definitivo.


Xuntanzas do BCE e a FED

O Banco Central Europeo, que ten o seu tipo de interese principal no 4,25% tras duas rebaixas dun cuarto de ponto, se reunia este xoves. A próxima xuntanza da Reserva Federal estaba prevista para o 2 de outubro, e descoñece-se se será adiantada. O presidente da Reserva Federal, Alan Greenspan, atopaba-se en Basilea (Suíza) asistindo a unha xuntanza do Banco de Pagos Internacionais, segundo sinalou o portavoz da instituizón.

Os peritos creen que a economia estadounidense se encamiña abertamente a unha recesión tras o atentado do martes. Por iso apontan que unha acción rápida por parte do banco central estadounidense será imprescindíbel para aminorar os efeitos da recesión.

A contracción do producto interior bruto como consecuéncia do quebranto orixinado en Manhattan, centro financeiro do país, é óbvia, e os analistas comezaron a preocupar-se do impacto que poda ter sobre a economia do país a desconfianza xerada.

Existe unha grande incertidume ante as consecuéncias económicas deste atentado, xa que non existe un precedinte, ainda que semella claro que será o "empurrón definitivo" da economia estadounidense cara a recesión.

Politicamente é difícil valorar cara onde pode conducir unha situación como a do martes, xa que se descoñece cal será a reacción, mesmo bélica, por parte dos Estados Unidos.

É normal que os fluxos monetários se trasladasen do dólar cara "valores refúxio" como o petróleo, o ouro ou os bonos, xa que a confianza dos inversores e os consumidores de EEUU cairá nos próximos dias. Isto é o único que lle faltaba á economia mundial e ás bolsas, que xa estaban a sofrer un severo castigo.


Alemaña en crise

O ministro alemán de Finanzas, Hans Eichel, defendia casualmente o martes o seu proxecto presupuestário para o ano 2002, se ben antes de que se coñecese o atentado xa recoñeceu que as previsións económicas sobre as que está elaborado probabelmente non poderán cumplirse, ao deixar entrever que non se atinxirá a medra económica do 2,25%. "Moitos indicadores apontan nestes momentos a que os dados serán inferiores ao prognosticado", dixo o ministro durante a primeira leitura parlamentária do proxecto, na que a oposición lle acusou de apresentar un borrador obsoleto.

Recoñeceu que con toda probabilidade non poderán cumprirse os prognósticos sobre o desemprego, superior aos 3,47 millóns previstos. O ministro rexeitou as reclamacións da oposición de adiantar a próxima etapa da reforma fiscal do 2003 ao 2002 para impulsar a débil economia co argumento de que non habia fondos para iso e que todo programa que non estexa abocado á consolidación presupuestária hipoteca o futuro.


Franza medra só o 0,3%

O Producto Interior Bruto (PIB) de Franza medrou o 0,3% no segundo trimestre, tras un aumento do 0,4% revisado no primeiro, segundo dados oficiais feitos públicos o martes que confirman a ralentización da economia francesa. A medra no primeiro trimestre foi revisada á baixa polo Instituto Nacional de Estadística (INSEE), que o calculara anteriormente no 0,5%.

A medra do segundo trimestre é inferior nunha décima ao que prognosticara o INSEE no seu informe de conxuntura en xuño pasado. Segundo o Instituto, no período abril-xuño os gastos de consumo e os investimentos dos particulares se ralentizaron, ao igual que os trocos comerciais de Franza, mentres que se aceleraron os investimentos das empresas.

En concreto, o consumo dos fogares no segundo trimestre do 2001 progresou o 0,3%, fronte ao 1,2% no primeiro, e contribuiron en 0,2 pontos á evolución do PIB, mentres a formación bruta de capitais fixos das empresas (non financeiras) medrou o 0,4% entre abril e xuño, tras un 0,3% no período xaneiro-marzo.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/09/2001