Actualidade / Artigo Santiago, 7 de setembro de 2001 O Goberno Aznar ve a cara da recesión
O goberno Azna recoñeceu esta semana que a suba do paro rexistrado en 7.538 persoas durante o pasado agosto é un dado preocupante. De feito, é o pior resultado dos últimos 10 anos nese mes, tradicionalmente bon polo tirón turístico. No Inem hai inscritos 1,459 millóns de parados, o 8,63% dos activos. A tradicional escalada do desemprego que se produce no último cuatrimestre do ano se adiantou esta vez a agosto. Durante o mesmo mes do ano pasado, o paro baixou en 1.179 persoas e nos últimos 15 anos o descenso meio foi de 12.602 persoas. O goberno atribui os maus resultados de agosto á desaceleración económica e á prática de algunhas empresas que despeden aos traballadores temporais en agosto para os voltar a contratar en setembro, co fin de se aforrar esas nóminas. Este costume é habitual na construcción e na indústria, precisamente os dous sectores onde medrou o paro en agosto. A bolsa en mínimos
A volta das vacacións foi nefasta tamén para a bolsa, que perdeu ao princípio de semana mais dun 2% e rexistrou un novo mínimo anual. A crise das empresas de telecomunicacións segue facendo mella nos mercados bursátis europeus, especialmente no selectivo Ibex 35. Nun luns atípico --con Wall Street pechado pola celebración do dia do traballo en EEUU--, o batacazo da bolsa española foi ainda maior que o do resto das europeas. París pechou con unha caída do 1,3%, Fráncfort perdeu o 1,7%, Milán deixou-se o 1,1% e só Londres contivo as perdas, con unha baixada do 0,6%. As telefónicas europeas viveron un luns negro que agudiza ainda mais a crise do sector. De nada serviu aos oito millóns de accionistas de Telefónica a apresentación duns resultados mellores do esperado. A operadora española anotou-se unha caída do 4,14% e marcou un novo mínimo anual. As maiores empresas de telefonia europeas rexistraron descensos semellantes: Deutsche Telekom perdeu o 3,54%, France Télécom, o 4,50% e a holandesa KPN pechou nun novo mínimo histórico --ao igual que a filial de móbeis de Telefónica--, con un descenso superior ao 5%. A caída das bolsas nos primeiros compases de setembro continua a tendéncia á baixa das últimas semanas de agosto. O retroceso das cotizacións provocou o mes pasado un descenso de 260.000 millóns de pesetas no patrimonio depositado en fundos de investimento, que se situa en 29 billóns de pesetas, segundo un informe de Aforro Corporación. Reaparece a morosidade
E para mais inri, por primeira vez en moito tempo, os directores de oficinas bancárias están a ver como alguns clientes contraveñen co pago das suas cuotas. Non é un proceso alarmante, pero si que activou os mecanismos de vixiláncia. O aumento de casos de morosidade en BBVA e BSCH que xuntos soman o 40% do mercado, non é un feito isolado. En maior ou menor medida, os primeiros síntomas de impago de créditos están a aparecer en multitude de entidades. Os impagados non están a chegar de empresas, se non de particulares e pequenos negócios. Os primeiros estiraron enormemente o seu nível de endeudamento no pasado -primeira e segunda vivenda, automóvil, informática, etc- e agora, ao menor problema, non teñen marxe de manobra. Os pequenos negócios sofrerán a caída das vendas. Dos grandes, só Banco Popular, A Caixa, Bankinter e Sabadell rexistraron un aumento do volume de créditos duvidosos no primeiro ou segundo trimestre deste ano. E todos eles medran con forza en créditos ao sector privado en mora: 22% a Caixa; 23,4% Popular; 35% Bankinter e 41% Sabadell. Tarde mais ou menos en chegar, o camiño está trazado. Aí están os 7.000 empregos menos que deixou agosto e a revisión á baixa do PIB. E non hai que dar-lle moitas voltas: un deixa de pagar un crédito porque perde o seu emprego ou porque o seu negócio vende menos do esperado Os peritos esperan un reponte da morosidade con mais claridade en 2002.
A famosa Taxa Tobin
A taxa Tobin está en plena actualidade. Converteu-se nunha das principais reivindicacións dos movimentos antiglobalización mais moderados, até o extremo de que en moitos paises se constituiu unha asociación específica para a sua defensa (ATTAC). Jospin, coa finalidade de se atrair a tales colectivos na carreira electoral pola presidéncia da República francesa, se declarou partidário da sua implantación; iso si, cuidando-se de afirmar que teria que ser universal, co que converte a proposta nun brindis ao sol. Algo semellante fixo o PSOE ao apresentar, nos primeiros meses deste ano, no Parlamento, unha proposizón non de lei que insta ao Goberno a somar-se ao esforzo de outros paises e grupos sociais a favor dunha taxa Tobin armonizada e a escala mundial. Nestas condicións, a proposta sai-lle grátis. Haberia que ver cal sería a sua postura de estar no poder. Desde entón, non plantearon nada semellante durante os seus trece anos de goberno. O paradóxico, pero ao mesmo tempo patético e expresivo do mundo económico construído nos últimos tempos, é que a que aparecia hai trinta anos como unha medida moderada e de corte keynesiano, proposta por un prémio Nobel, convertese-se agora no buque insígnia dunha série de movimentos que se consideran antisistema. Paradóxico porque conduce a que o pai da medida, e que dá nome á taxa, renegue dos que din seguir-lle, ao tempo que lles censura o abuso que fan do seu nome. De nengunha maneira desexa que se lle confunda cos que chama "revoltosos antiglobalización". E é que nestes tempos de seca de propostas progresistas se atribuiu a este imposto un poder excesivo, ao ver en él a panacea, a solución a todos os problemas. Uns o contemplan como a fonte de recursos que remedie a pobreza do Terceiro Mundo; outros, mais nacionalistas e partidários da renda mínima garantida, imputan-lle a faculdade de a financiar. Pero semella que todos esquecen a sua finalidade principal: o servir como controlo de trocos, ou alomenos esquecen que esta finalidade en certa forma é incompatíbel coas anteriores. A taxa Tobin non é nen mais nen menos que un meio, entre os moitos que existen, para instrumentar o controlo de trocos, mecanismos que hai 25 ou 30 anos era aceitado por todos os gobernos, fose cal fose a sua ideoloxia. Pero o que entón era normal hoxe considera-se unha herexia contra ese sacrosanto dogma da libre circulación de capitais. O certo é que a aceitación da movilidade total do capital, coa conseguinte renúncia dos gobernos a calquera medida de controlo de trocos -por suave que sexa e ainda que afecte aos movimentos de capital a curto prazo-, conduciu a transformar os mercados financeiros en casinos nos que a maioria das operacións non obedecen a nengunha transacción real de mercancias, se non a meras apostas especulativas realizadas case na sua totalidade a prazos inferiores a unha semana. O diñeiro vai e ven, sen mercar nen vender nada, pero nese movimento contínuo pon contra as cordas a gobernos e arrasa paises. As últimas crise financeiras abriron os ollos a moitos mandatarios internacionais, e alguén tan pouco suspeitoso como George Soros proclamou unha e outra vez a necesidade de pór couto a esa anarquia. Só a irracionalidade dogmática duns e os pingües benefícios de outros poden explicar que non se tomen medidas. A taxa Tobin poderia ser unha delas, desde logo non a única, nen siquera a mais efectiva; pero, en calquera caso, benvida sexa a sua reivindicación, sempre que sexamos conscientes das suas limitacións. Como afirma o mesmo Tobin na entrevista que publicaba hai dias o diário El País, a recaudación ocupa un posto secundário. É mais, canto mellor funcione a medida, menor será a recaudación e viceversa, xa que que se trata principalmente de que a taxa evite as operacións especulativas. De aqui o espellismo en que alguns caen ao calcular os ingresos que se obterian considerando todas as operacións actuais, sen cair na conta de que a maioria delas non se producirian se fose eficaz a medida. A aplicación da taxa Tobin terá sen dúvida un efeito beneficioso sobre o Terceiro Mundo. Pero non tanto polos recursos que se podan obter mediante a sua utilizazón como porque os paises pobres serán os mais favorecidos se se corrixe o desorden e a anarquia dos mercados financeiros; porque tamén son os mais prexudicados na situación actual, ao estar totalmente indefensos ante os ataques especulativos contra a sua moeda.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/09/2001 |