Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 21 de setembro de 2001

En pé de paz
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística



 Clic para aumentar
Cândido Portinari, “Mulher”. Estudo para o panel “Guerra” (ONU, Nova York).
 
A maquinária militar estadounidense está en marcha, máis unha vez. A opción da via da represión indiscriminada parece ser a única que manexa o Governo dos EEUU para "vingar" a afrenta dos ataques suicidas sobre Nova York do dia 11 de setembro (1). Non se trata de tomar medidas que castiguen os responsábeis dos ataques, senón de sementar a represión, absurda e incontrolada, sobre países e povoacións.

Encirrado por unha vaga de patrioteirismo barato –alimentado desde as opcións máis reaccionárias e amplificado sen desmaio desde a meirande parte dos meios de comunicación–, o Governo estadounidense conseguiu a aprobación case unánime da sociedade norteamericana (2) para unha estratéxia que só contempla a guerra como solución.

Quedan excluídas, xa que logo, caisquer outras medidas que non sexan o accionar militar e, sobretodo, en nengun momento se dá un cuestionamento das políticas desenvolvidas no plano internacional polos EEUU nas últimas décadas, como se non existisen responsabilidades directas en situacións como as que se dan en todo o Oriente Médio (Palestina...).

Para esta escalada militar o Governo norteamericano está-lles a pedir ao resto de governos do mundo a sua adesión máis absoluta; non hai lugar para a mínima discrepáncia e aquel que formule as suas dúbidas ao respeito é susceptíbel de ser tratado pouco menos que como "inimigo", tal é maniqueísmo con que se está a afrontar a situación: o "ben " (nós) contra o "mal" (eles).

Isto está-se a traducir nunha submisión e vasalaxe sen límites aos desígnios do Governo que encabeza Bush –un político tan mediocre como reaccionário–. De feito, a única discusión parece ser de tipo semántico, xa que se evita o termo 'guerra', sobretodo por parte dos governantes europeos, e pouco máis.

Tristemente, tampouco está a existir de maneira rotunda unha corrente de opinión na cidadania que avogue, fronte á saída militarista que se aviciña, por abordar en clave estritamente política o conflito. Esta responsabilidade deberia estar, inicialmente, nas organizacións políticas e sociais (3) e, de maneira fundamental, naquelas de raiz máis progresista e popular, quer dicer, as que asumen os postulados da esquerda.

De aí que sexa conveniente reclamar –desde xa e mentres se asiste a un desproporcionado despregue militar dos EEUU en todo o mundo– unha necesária mobilización social en contra da guerra, tan ampla como se poida, a escala planetária. Unha mobilización social que propugne a paz, ante o escenário bélico que se nos apresenta, pero que tamén vaia un pouco máis alá e cuestione a inxustiza dunha orde mundial –a do capital 'globalizado'– que se prace en condenar á miséria, á explotación e á fame a máis dun terzo da povoación do planeta.

Ver isto é tarefa urxente de todo aquel que pretenda liderar cámbios, en clave de transformación social, en calquer país do mundo. Nunha nación como a nosa, Galiza, sen estado próprio e tiranizada por un Governo como o do PP, a urxéncia volve-se maior. O nacionalismo –como forza de progreso e imprescindíbel para unha transformación real do país– ten, pois, que afrontar este momento desde unha posición de plena responsabilidade histórica e mobilizar-se en prol da paz.

A actual conxuntura que marca a axenda eleitoral de outubro non pode, de nengun xeito, minguar a capacidade do nacionalismo de se poñer á fronte desta mobilización social, porque o que está en xogo é demasiado importante como para o relegar a un segundo plano. Como di un recente comunicado do governo cubano respeito da crise aberta, "non todo está perdido". Nesa certeza, o que cumpre é sair á rua, manifestar-se, criar unha consciéncia crítica en contra da solución violenta –precisamente porque non é solución– e comezar a construir esoutro mundo posíbel que o futuro reclama.

 

 
Notas:

(
1) A História ten estas casualidades: un 11 de setembro, pero de 1973, o Governo do socialista Allende en Chile era derrubado por un golpe militar dirixido pola CIA. Sucesivos governos dos EEUU apoiaron e alimentaron o terror de Estado no país andino.

(
2) É evidente que, dentro dos próprios EEUU, existen sectores contrários ao militarismo norteamericano e ao seu papel imperial na escena internacional, mais as suas opinións son obviadas e mesmo silenciadas de xeito sistemático.

(
3) Moi dificilmente poderia recair hoxe esta responsabilidade nos meios de comunicación, a cada máis submetidos a outros intereses que non son nen moito menos a información, mália ser esa unha función social que lles teria que ser própria.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2001