Actualidade / Artigo Santiago, 11 de setembro de 2001 Revisión da normativa lingüística do galego na procura dun maior consenso
O proceso de lle dar ao idioma galego unha norma escrita leva anos xerando unha tan extensa como estéril polémica, que moitas veces mesmo chegou a ocultar o debate sobre as estratéxias que se deben desenvolver en prol da extensión do uso do galego e a sua completa normalización no seo da sociedade galega. A aprobación en abril de 1983 do Decreto de Normativización da língua galega –o chamado "Decreto Filgueira"– veu a oficializar as "Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galega", elaboradas polo Instituto da Língua Galega (ILG) e pola Real Académia Galega (RAG), como as válidas a partir daquel momento, deixando de lado outras propostas que se facian desde entidades como a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ou a Associaçom Galega da Língua (AGAL) e que estaban a ser seguidas e apoiadas por un importante espectro de organizacións e persoas comprometidas na normalización do galego. As diferenzas entre os partidários dunha e outra(s) norma(s) teñen que ver coa identificación maior ou menor da língua galega co portugués actual, xa que mentres uns entenden que a norma do galego ten que ser autóctona (os defensores da alcumada "normativa oficial"), e portanto diferente do actual norma portuguesa, os outros apostan por un grao de identificación maior entre galego e portugués, que se deberia reflectir na escrita do galego (os chamados defensores da normativas ou normativas "reintegracionistas" ou "lusistas"). Durante estes case vinte anos de oficialización das normas do ILG-RAG e consecuente discriminación dos partidários doutra norma diferente, os desencontros e mesmo enfrontamentos entre uns e outros foron frecuentes. A isto hai que engadir que moitas das persoas, entidades e institucións que viñan apoiando a "normativa oficial" carecian de compromiso nengun coa língua nacional de Galiza e, portanto, a sua defensa de determinada norma escrita para o galego –a "oficial", neste caso– parecia agachar escuros intereses en contra do noso idioma (españolización progresiva e consecuente perda de contidos como língua própria e diferenciada). Pola contra, moitos dos que viñan defendendo outra norma diferente da "normativa oficial" tiñan máis que demostrado o seu compromiso co galego e coa sua normalización. Nos últimos tempos –e segundo novas moi recentes– a cordura comezou a imperar e persoas moi significativas que viñan representando estas duas tendéncias chegaron a un consenso en canto a unha 'nova' norma escrita, que non é senón unha revisión das normas ILG-RAG (a "normativa oficial") en dirección a unha maior, ainda que mínima, aproximación ao portugués. Polo que transcendeu, a revisión da normativa do galego estivo consensuada polos departamentos de Língua das tres universidades galegas e mais polo Instituto da Língua Galega e contou co auspício da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. Agora só falta que a Real Académia Galega sancione este novo texto, tal e como se dispón na disposición adicional da Lei de Normalización Lingüística, a cal recolle que o critério de autoridade no relativo á norma do galego recae na devandita entidade. Xa que logo, o novo texto que se aprobe como norma oficial para a escrita do galego parece que vai contar cun consenso bastante maior que o anterior texto, algo que se estimaba fundamental para avanzar de vez no proceso de normalización do noso idioma. As recentes declaracións do alcalde da Coruña, de corte fundamentalista, nas que caracterizaba a revisión da normativa como unha 'nazificación do galego' son unha mostra máis que evidente das posibilidades que veu a abrir o novo consenso normativo. Este consenso ha posibilitar, a ben seguro, un avanzo no proceso de extensión do uso social do noso idioma, de aí que haxa que saudá-lo con ilusión e esperanza. Certo é que haberá quen ainda –desde posicións nidiamente galeguistas e leais ao proxecto de emancipación nacional– non estea conforme co novo texto proposto como norma para o galego escrito, mais se cadra máis que nunca este é o momento de axuntar esforzos en favor dun consenso o máis amplo posíbel, que axude a deseñar un novo escenário para o idioma galego. Un escenário en que o galego teña todo o protagonismo que lle corresponde como língua histórica e nacional de Galiza. 

 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2001 |