Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 30 de outubro de 2001

EEUU declara-se oficialmente en recesión
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Estados Unidos confesa que o PIB será negativo no segundo semestre e declarou ofícialmente a recesión o pasado mércores en Washington. O conselleiro económico de Bush, Lawrence Lindsey, declarou inaugurada a recesión tras aventurar que a economia norteamericana se contrairá durante os dous últimos trimestres do ano.

Pola sua parte, o informe mensual de Indicadores Principais do organismo independente Conference Board reflectia o luns 22 de outubro unha chamativa caída da constantes da economia nos dias prévios á traxédia, que fai augurar un estancamento mais longo. O índice rexistrou o pasado mes unha caída de 0,5 pontos, o maior descenso mensual desde 1996. Esta baixada soma-se ao 0,1 de agosto e deixa o índice magoas nove pontos por encima da sua base de 100, que rexistraba no 96.

«O declive de dous meses consecutivos no indicador suxere que a debilidade económica actual se vai manter durante o próximo ano», manifestou Ken Goldstein, economista chefe do Conference. Dos indicadores que ten en conta o Conference, o que mais pesou foi o bursátil, xa que en setembro o Dow Jones perdeu un 11% e o índice SP 500, un 8,2%. Lle segue o incremento dos subsídios de desemprego, que se dispararon nas duas semanas posteriores aos ataques terroristas.

Como era previsíbel, o mal norteamericano se estendeu con mais rapidez que a gripe. A recesión técnica (dous trimestres seguídos de medra negativa) xa chegou. E pode que tarde en desaparecer.

O primeiro en notar os efeitos foi Alemaña, cuxo ministro de Economia, Hans Eichel, xa certificou que o PIB recuará no terceiro trimestre e, probabelmente, tamén o faga no cuarto. A previsión de medra en 2001 rebaixou-se até o 0,75%.

O aumento do PIB magoas subpón a metade do previsto hai meio ano, ainda que o ministro de Finanzas e Facenda, Hans Eichel, pensa, apesar da que está a cair, que non haberá que mudar as previsions de atinxir un equilibrio do orzamento para o ano 2006.

Entretanto, na zona euro a conxuntura pinta negra. O presidente da Comisión Europea, Romano Prodi, exixe ao Banco Central Europeo que rebaixe os tipos de interese para que non se merme a atividade económica do continente. Segundo Prodi, ainda a Comisión conta con suficiente marxe para rebaixar os tipos, que actualmente se atopan nun 3,75%, a diferenza do prezo do diñeiro en Estados Unidos, que está nun 2%, a mesma porcentaxe que a princípios da década dos sesenta, cando gobernaba Kennedy...

Pero agora quen manda non é outro que o presidente da Reserva Federal, Alan Greenspan, quen expresa a sua confianza en que "a longo prazo" mellore o panorama económico de Estados Unidos, cuxa producción industrial caiu en picado, no maior descenso desde a II Guerra Mundial.

Greenspan non quer amosar as suas cartas, pero alguns economistas privados prevén que mesmo na próxima xuntanza da Fed se rebaixen de novo os tipos.

Sen embargo, os dados non poden ser mais negativos: a inflación en EEUU medrou un 0,4% en setembro, segundo o informe do Departamento de Traballo estadounidense, que tamén certifica o aumento do prezo da gasolina nun 8,6% no mesmo mes, a maior alza en mais dun ano, desde a medra do 9,6% en xuño do ano 2000.

Tamén a OCDE rebaixou a menos da metade a medra mundial para 2002. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvimento Económico calcula que a economia dos 30 paises que forman parte da organización medrará no seu conxunto magoas un 1,2% en 2002 fronte ao 2,8% estimado a meados do pasado mes de xuño.

Xapón, pola sua parte, viu agravados os seus mais, imerso como está na sua cuarta recesión nunha década.

A segunda poténcia económica do mundo vive en deflación e negou-se en rotundo a fixar un obxectivo de inflación, como recoñeceu o gobernador do Banco de Xapón, Masaru Hayami: "Non é o noso cometido. Nós debemos conseguir unha medra sustida con estabilidade de prezos", aclara Hayami.

No Estado español, a recesión pode que non tarde en aparecer. Pero o Goberno é reacio a incrementar o gasto público e segue coa sua perorata do déficit cero e unha presunta medra do 3% na que xa ninguén crie.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2001